Florete
O florete é un tipo particular de arma, semellante á espada, que se utiliza na esgrima. É unha das tres armas que se empregan neste deporte e polo tanto, unha das súas especialidades.
Características
editarO florete é unha espada longa, flexíbel de aceiro inoxidábel, de 500 gramos de peso e 90 centímetros de lonxitude. A súa principal característica é que ten unha sección rectangular.
A garda ten que ter unha circunferencia de entre 9,5 e 12 cm, e a folla ten que ir ao xusto medio da garda. Existen diversos tipos de empuñaduras e asas: fundamentalmente a de mango dereito e a chamada ortopédica. A de mango dereito, sitúa todos os dedos xuntos ao redor da asa, e é a máis común de usar na aprendizaxe. A ortopédica, que permite un maior desenvolvemento de forza, posto que o polgar se separa do resto do puño, é a máis usada en competición.
A folla do florete eléctrico ten un fío que a percorre enteira e que transmite os impulsos eléctricos dende a punta ata un enganche situado no interior da asa. A sensibilidade de toque nesta disciplina é de 500 gramos de forza, menor cá da espada.
A folla do florete, como a do resto das armas da esgrima, ten distintos nomes conforme as partes: a espiga é a parte da folla que se inserta na asa; o forte é a base da folla, máis resistente có resto, e que se usa para as paradas, pero tamén a que ten un movemento máis lento; o centro, ou parte media, onde se desenvolven a maior parte dos contactos entre floretes; e a punta, que é a parte máis frouxa pero máis rápida.
Uso
editarAo ser a arma máis lixeira das tres e a máis cómoda de manexar, é a máis indicada para os adestramentos. Habitualmente é a primeira arma coa que toman contacto co deporte os seus practicantes, e é especialmente indicada para os rapaces e as rapazas. Durante longos anos, esta foi a única arma da esgrima feminina.
Regras
editarA variedade de florete difire das outras dúas (o sabre e a espada) nalgunhas regras e particularidades derivadas da forma e dos usos da arma.
A zona de tocado en florete limítase ao tronco, é dicir, que non se pode puntuar contra a cabeza, as pernas ou os brazos. Os tocados nestas zonas provocan a detención do combate, pero sen que suba ningún punto ao marcador. Porén, si que se pode tocar nas costas, aproveitando un movemento lateral do contrario, e provocando unha flexión na folla do florete. A ese movemento chámaselle flick.
Tanto en florete como en sabre está prohibido agochar un albo válido cun que non o é, é dicir, non se pode meter o brazo ou a man desarmada diante do corpo, para evitar a puntuación do contrario.
En florete non existe o tocado dobre, é dicir, que obtén o punto quen leva a prioridade, e non os dous (de ser o caso que os dous impacten no contrario). A prioridade lévaa quen está atacando, non sendo que sexa neutralizado por unha parada regulamentaria.