Patinaxe sobre xeo

A patinaxe sobre xeo é unha disciplina e un deporte que se leva a cabo en superficies de xeo liso. O patinador debe empregar un calzado especial, denominado "patíns de xeo", que consisten nunhas botas de coiro xa sexa natural ou sintético, que deben de ter un taco de madeira ou plástico relativamente lixeiro á vez que resistente. As coitelas forman parte dos patíns de xeo cumprindo un rol fundamental na técnica. Grazas ás coitelas, que son relativamente delgadas, é posíbel o deslizamiento fluído. As coitelas teñen dous fíos, interno e externo, estes situados a cada lado da coitela. Aínda que a patinaxe sobre xeo pode ser vista como un pasatempo, tamén é unha disciplina, na cal se require tanto fortaleza física como mental á hora de practicala. Esta tamén require que o practicante sexa alguén artístico e capaz de moverse axilmente para chamar a atención do espectador.

Patinador no lago Neusiedl

Historia

editar

Historia temperá

editar

Un estudo realizado por Federico Formenti da Universidade de Oxford suxire que a patinaxe sobre xeo máis antiga tivo lugar no sur de Finlandia hai máis de 3000 anos.[1] Orixinariamente, os patíns eran simplemente afiados, cun óso esmagado atado á parte inferior do pé. Os patinadores non patinaban no xeo, senón que se deslizaban sobre el. A patinaxe verdadeira xurdiu cando se empregou unha folla de aceiro con bordos afiados. Os patíns entón cortan o xeo en lugar de deslizarse sobre el. A adición de bordos aos patíns de xeo realizárona os neerlandeses nos séculos XIII ou XIV. Estes patíns de xeo eran de aceiro, con bordos afiados na parte inferior para facilitar o movemento. A construción dos patíns de xeo modernos mantívose practicamente igual dende entón. Nos Países Baixos, a patinaxe sobre xeo considerábase apropiada para todas as clases de persoas, como se mostra en moitas imaxes dos mestres pintores.

A patinaxe sobre xeo tamén se practicou na China durante a dinastía Song, e fíxose popular entre a familia gobernante da dinastía Qing.[2]

Aumento da popularidade e primeiros clubs

editar
 
The Skating Minister de Henry Raeburn, representa un membro do Edinburgh Skating Club na década de 1790

A patinaxe sobre xeo foi levada a Gran Bretaña dende os Países Baixos, onde Xacobe II se exiliara brevemente no século XVII. Cando regresou a Inglaterra, este «novo» deporte foi introducido á aristocracia británica, e axiña foi gozado por xente de todas as condicións sociais.

O primeiro club de patinaxe organizado foi o Edinburgh Skating Club, formado na década de 1740, aínda que hai que afirma que o club se estableceu en 1642.[3][4][5]

Na segunda edición da Enciclopedia Británica (1783) apareceu unha referencia contemporánea ao club:

A metrópole de Escocia produciu máis casos de patinadores elegantes que quizais calquera outro país: e a institución dun club de patinaxe hai uns 40 anos non contribuíu pouco á mellora desta elegante diversión.[3]

Desta descrición e doutras, é evidente que a forma de patinar practicada polos membros do club era unha forma temperá de patinaxe artística en lugar de patinaxe de velocidade. Para seren admitidos no club, os candidatos tiñan que pasar unha proba de patinaxe onde realizaban un círculo completo en cada pé (por exemplo, unha figura de oito), e despois saltaban primeiro sobre un chapeu, logo dous e tres, colocados un enriba do outro no xeo.[3]

Na Europa continental, a participación na patinaxe sobre xeo limitábase aos membros das clases altas. O emperador Rodolfo II do Sacro Imperio Romano gozou tanto patinando sobre xeo, que fixo construír un gran parque de xeo na súa corte para popularizar o deporte. O rei Lois XVI de Francia introduciu a patinaxe sobre xeo en París durante o seu reinado. Madame de Pompadour, Napoleón I, Napoleón III e a Casa de Estuardo eran, entre outros, afeccionados reais e de clase alta á patinaxe sobre xeo.

 
Interior do Glaciarium en 1876

O seguinte club de patinaxe que se estableceu foi en Londres e non se fundou ata 1830.[3] A mediados do século XIX, a patinaxe sobre xeo era un pasatempo popular entre a clase alta e media británica (a raíña Vitoria coñeceu o seu futuro marido, o príncipe Albert, a través dunha serie de viaxes de patinaxe sobre xeo) e os primeiros intentos de construción de pistas de patinaxe artificial fixéronse durante a «teima das pistas» de 1841-1844.[6] Como a tecnoloxía para o mantemento do xeo natural non existía, estas pistas de patinaxe temperás emprgaron un substituto consistente nunha mestura de manteiga de porco e varios sales. Un artigo da edición do 8 de maio de 1844 da revista Living Age de Littell, que se titulaba Glaciarium, dicía: «Este establecemento, que foi trasladado ao Tottenham Court Road do Grafton Street East, inaugurouse o luns pola tarde. A área de xeo artificial é extremadamente conveniente para aqueles que desexan participar no grácil e varonil pasatempo da patinaxe».

Xurdimento como deporte

editar
 
James Smart dá a volta ao barril

A patinaxe converteuse nun deporte popular como recreación, medio de transporte e como espectáculo nos Fens, Inglaterra, para persoas de todas as profesións e condicións sociais. As carreiras estaban reservadas aos traballadores, a maioría deles traballadores agrícolas. Non se sabe cando se celebraron os primeiros campionatos de patinaxe, pero a principios do século XIX as carreiras estaban ben establecidas e os resultados das competicións publicábanse na prensa.[7] A patinaxe como deporte desenvolveuse nos lagos de Escocia e nas canles dos Países Baixos. Nos séculos XIII e XIV substituíuse a madeira polo óso nas follas dos patíns, e en 1572 fabricáronse os primeiros patíns de metal.[8] Cando as augas se conxelaban, celebrábanse torneos de patinaxe en vilas e aldeas de todo Fens. Nestes torneos locais os homes (e ás veces as mulleres ou os nenos) competían por premios de cartos, roupa ou comida.[9]

Os gañadores dos torneos locais eran convidados a participar nos grandes campionatos nos que patinadores de todo o Fens competían por premios en efectivo ante miles de espectadores. Os encontros do campionato adoptaron a forma dunha competencia principal galesa ou «último home de pé». Os competidores, 16 ou ás veces 32, eran emparellados en series e o gañador de cada serie pasaba á seguinte rolda. Medíase un percorrido de 660 iardas sobre o xeo, e colocábase un barril cunha bandeira en cada extremo. Durante unha carreira dunha milla e media, os patinadores completaban dúas roldas do percorrido, con tres voltas ao redor do barril.[9]

 
Fen runners

Nos Fens, os patíns chamábanse pattens, fen runners ou corredores de Whittlesey. O estribo estaba feito de madeira de faia. Colocábase un parafuso no talón da bota e aparafusábanse tres púas pequenas na parte dianteira para manter estable o patín. Había buracos no estribo para que as correas de coiro se suxeitasen ao pé. As follas de metal eran lixeiramente máis altas na parte traseira que na dianteira. Na década de 1890 os patinadores comezaron a competir con patíns ao estilo noruegués.

O sábado 1 de febreiro de 1879, varios patinadores profesionais de Cambridgeshire e Huntingdonshire reuníronse no Guildhall de Cambridge para fundar a National Ice Skating Association, o primeiro organismo nacional de patinaxe sobre xeo do mundo.[10]

Patinaxe artística sobre xeo

editar

O primeiro libro instructivo sobre patinaxe sobre xeo foi publicado en Londres en 1772. O libro, escrito polo tenente de artillaría británico Robert Jones, describe formas básicas de patinaxe artística como círculos e figuras de oito. O libro foi escrito exclusivamente para os varóns, xa que as mulleres non adoitaban patinar sobre xeo a finais do século XVIII. Soa publicación deste manual a patinaxe sobre xeo dividiuse nas súas dúas disciplinas principais, a patinaxe de velocidade e a patinaxe artística.

O fundador da patinaxe artística moderna foi o estadounidense Jackson Haines, primeiro patinador que incorporou os movementos do ballet e da danza á súa patinaxe, en lugar de centrarse nos padróns de trazado no xeo. Haines tamén inventou o xiro sentado e desenvolveu unha coitela máis curta e curvada para a patinaxe artística que permitía xiros máis doados. Tamén foi o primeiro que empregou coitelas que estaban permanentemente adheridas á bota.

 
Central Park, da cidade de Nova York, Inverno: A lagoa de patinaxe, 1862 por Currier & Ives

Durante un tempo, as duras e ríxidas figuras británicas da patinaxe artística dominaron en América, superando sobre a forma máis artística de Haines. Haines, en cambio, tentou difundir as súas innovacións na patinaxe sobre xeo en Europa, gañando éxito en países como Suecia e Austria. O seu estilo era rexeitado polos seus colegas norteamericanos e polos patinadores da Inglaterra vitoriana, que continuaron a defender un estilo de patinaxe máis ríxida e sobria. Haines continuou a engadir novos elementos de danza ás súas rutinas, e asombrou unha multitude en Viena no inverno de 1868. Moitos na audiencia preguntáronse como un home normal podía moverse sobre o xeo de tal xeito. A actuación de Haines conduciu ao establecemento da Escola de Viena, que seguiu a desenvolveu o estilo artístico de Haines.

A Unión Internacional de Patinaxe foi fundada en 1892 como a primeira organización internacional de patinaxe sobre xeo en Scheveningen, Países Baixos. A Unión creou o primeiro conxunto codificado de normas sobre patinaxe artística e regulou a competición internacional en materia de velocidade e patinaxe artística. O primeiro campionato, coñecido como Championship of the Internationale Eislauf-Vereingung, celebrouse en San Petersburgo en 1896. O evento tivo catro competidores e foi gañado por Gilbert Fuchs.[11]

Mecánica física da patinaxe

editar

Un patín pode deslizarse sobre o xeo porque hai unha capa de moléculas de xeo na superficie que non están tan fortemente unidas como as moléculas da masa de xeo que hai debaixo. Estas moléculas están en estado semilíquido, proporcionando lubricación. As moléculas desta capa «cuasifluída» ou «parecida á auga» son menos móbiles que a auga líquida, pero son moito máis móbiles que as moléculas máis fondas no xeo. Aproximadamente a -157 °C a capa esvaradía ten un espesor molecular; a medida que a temperatura aumenta, a capa esvaradía vólvese máis grosa.[12][13][14][15][16]

Durante moito tempo creuse que o xeo era esvaradío porque a presión dun obxecto en contacto con el facía que unha capa delgada se derretise. A hipótese era que a folla dun patín de xeo, exercendo presión sobre o xeo, derretía unha fina capa, proporcionando lubricación entre o xeo e a folla. Esta explicación, chamada «fusión a presión», orixinouse no século XIX. Con todo, isto non tiña en conta a patinaxe sobre xeo a temperaturas inferiores a -3,5  °C, mentres que os patinadores adoitan patinar sobre xeo a temperaturas máis baixas. No século XX, propúxose unha explicación alternativa, chamada "quecemento por fricción", segundo a cal a fricción do material estaba a causar o derretemento da capa de xeo. Con todo, esta teoría tampouco explica a patinaxe a baixa temperatura. De feito, ningunha das dúas explicacións explicaba por que o xeo é esvaradío cando está quieto mesmo a temperaturas baixo cero.[17]

Seguridade

editar

A patinaxe depende da rugosidade do xeo, o deseño do patín e a habilidade e experiencia do patinador. Aínda que as lesións graves son raras, varios patinadores de pista curta quedaron paralizados despois dunha caída. A caída pode ser fatal se non se usa un casco para protexerse dun traumatismo cranial grave. Os accidentes son raros pero máis comúns con colisións, xogos de hóckey ou patinaxe en parella. O segundo perigo, e máis grave, é o de caer a través do xeo á auga xeada cando se patina ao aire libre sobre un corpo de auga xeada. A morte pode ocorrer debido a hidrocución, hipotermia ou afogamento. A miúdo é difícil ou imposible para os patinadores saír da auga de volta ao xeo debido a que o xeo rompe repetidamente, o patinador angústiase polos patíns e a roupa grosa de inverno, ou desoriéntase baixo a auga. O patinador pode mesmo non ser capaz de atopar o buraco a través do cal caeu. Isto pode resultar en afogamento ou hipotermia, mais o arrefriado rápido tamén pode crear un estado no cal alguén pode ser revivido ata horas despois de caer na auga. Por razóns de seguridade, recoméndase que os patinadores nunca patinen sós ou na escuridade.

Xogos de equipo sobre xeo

editar

Varios xogos recreativos de patinaxe xóganse no xeo:

  1. Formenti, Federico; Minetti, Alberto E. (2008). "The first humans travelling on ice: an energy-saving strategy?" 93 (1). Blackwell Publishing: 1–7. ISSN 1095-8312. doi:10.1111/j.1095-8312.2007.00991.x. 
  2. "'Imperial' ice skating (5)" (en inglés). 20 de febreiro de 2013. Consultado o 28 de decembro de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "In The Beginning...". Skating magazine. xuño de 1970. 
  4. "NISA History" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2017. Consultado o 28 de decembro de 2017. 
  5. "Figure Skating" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2017. Consultado o 28 de decembro de 2017. 
  6. "Ice Skating" (en inglés). Consultado o 28 de decembro de 2017. 
  7. Goodman, Neville; Goodman, Albert (1882). Handbook of Fen Skating (en inglés). Longmans, Green and Co. Consultado o 28 de decembro de 2017. 
  8. Greiff, James. "Ice Skating" (en inglés). Consultado o 28 de decembro de 2017. 
  9. 9,0 9,1 Cycling, 19 de xaneiro de 1895, páx. 19.
  10. "The History of Long Track Speed Skating" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2017. Consultado o 28 de decembro de 2017. 
  11. Hines, James Robert (2006). Figure Skating: A History (en inglés). University of Illinois Press. p. 75. ISBN 9780252072864. 
  12. Chang, Kenneth (21 de febreiro de 2006). "Explaining Ice: The Answers Are Slippery" (en inglés). Consultado o 29 de decembro de 2017. 
  13. Materer, N.; Starke, U.; Barbieri, A.; Van Hove, M.A.; Somorjai, G.A.; Kroes, G.J.; Minot, C. (10 de xuño de 1997). "Molecular surface structure of ice(0001): dynamical low-energy electron diffraction, total-energy calculations and molecular dynamics simulations" 381 (2-3): 190–210. doi:10.1016/S0039-6028(97)00090-3. Most studies so far were performed at temperatures well above 240 K (-33 °C) and report the presence of a liquid or quasiliquid layer on ice. Those studies that went below this temperature do not suggest a liquid-like layer. 
  14. "Pitt physics professor explains the science of skating across the ice" (en inglés). 23 de decembro de 2012. Consultado o 29 de decembro de 2017. It used to be thought ... that the reason skaters can glide gracefully across the ice is because the pressure they exert on the sharp blades creates a thin layer of liquid on top of the ice... More recent research has shown, though, that this property isn't why skaters can slide on the ice... It turns out that at the very surface of the ice, water molecules exist in a state somewhere between a pure liquid and a pure solid. It's not exactly water -- but it's like water. The atoms in this layer are 100,000 times more mobile than the atoms [deeper] in the ice, but they're still 25 times less mobile than atoms in water. So it's like proto-water, and that's what we're really skimming on. 
  15. "Slippery All the Time". Arquivado dende o orixinal o 19 de xullo de 2012. Consultado o 29 de decembro de 2017. Professor Somorjai's findings indicate that ice itself is slippery. You don't need to melt the ice to skate on it, or need a layer of water as a lubricant to help slide along the ice... the "quasi-fluid" or "water-like" layer exists on the surface of the ice and may be thicker or thinner depending on temperature. At about 250 degrees below zero Fahrenheit (-157 °C), the ice has a slippery layer one molecule thick. As the ice is warmed, the number of these slippery layers increases. 
  16. "Getting a Grip on Ice". 9 de decembro de 1996. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2013. Consultado o 29 de decembro de 2017. 
  17. Rosenberg, Robert. "Why Is Ice Slippery?" (PDF) (en inglés): 50–54. doi:10.1063/1.2169444. Consultado o 29 de decembro de 2019. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar