Xaime Quessada
Xaime Quesada Porto, coñecido artisticamente como Xaime Quessada, nado en Ourense o 14 de xullo de 1937 e falecido en Vilar de Astrés o 30 de decembro de 2007[1], foi un pintor, escultor e escritor galego.
Traxectoria artística
Formouse na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. Nos anos cincuenta frecuenta o grupo de artistas ourensáns nucleados ao redor do Café Volter, denominado Os Artistiñas por Vicente Risco (a canda Virxilio, Xosé Luís de Dios, Acisclo Manzano ou Buciños). Obtén a medalla de ouro na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1959. Trasládase a vivir a París en 1962, e posterioremente móvese a Estados Unidos, onde traballa na década dos oitenta para a Unesco como artista nun proxecto sobre o Quixote.
Nas súas obras destacan as referencias mitolóxicas, as figuras naturalistas moi coridas, e os corpos esvaídos. Son constantes os motivos e cadros inspirados en Goya (como a súa serie negra) e mais en Picasso, con numerosas versións do Guernica e do minotauro.
Exposicións e obras
Os seus murais e lenzos de grande tamaño están presentes en moitas pinacotecas europeas, como o Museo Nacional de Arte Moderno de México, o Museo do Pobo Galego, ou o Museo da Habana. Tamén ten obras como os teitos do Teatro Principal de Ourense, no Parlamento de Galicia e diversas esculturas públicas na cidade de Ourense.
Tamén realizou escenografías e vestiarios para montaxes teatrais, así como diversas ilustracións para libros.
Obra literaria
- Cuentos crueles, Ronsel, 2005
- Lucenza, Sotelo Blanco, 1989 (prólogo de Manuel Vázquez Montalbán)
- El recristo del Baraña: trágica y singular historia, La galería Novecento, 1981
Datos persoais
O seu fillo, Xaime Quesada Blanco, tamén foi pintor. Xaime Quessada foi soterrado no camposanto de Señorín.
Foi un coñecido militante da UPG e posteriormente do Partido Comunista de Galicia en Ourense.
Premios
- Medalla Castelao en 2004.
- Premio da Crítica Galicia 2008 na categoría de "Ciencias e Artes da Representación".
- Fillo predilecto da provincia de Ourense a título póstumo (2009).
Referencias
Véxase tamén
Bibliografía
- Conversas con Xaime Quesada, Olegario Sotelo Blanco, 1991