A ametista é unha variedade macrocristalina violeta do cuarzo. A cor pode ser máis ou menos intensa, segundo a cantidade de ferro (Fe+3) que conteña. Pode presentarse corada por zonas con cuarzo transparente ou amarelo. As puntas adoitan ser máis escuras ou degradarse até o cuarzo incoloro.

Ametista
Fórmula químicaSiO2
ClaseSilicatos
Sistema cristalinoTrigonal
CorVioleta en diversas tonalidades
BrilloEntre céreo e vítreo
Dureza7
FracturaConcoidea
RaiaBranca
Densidade2,65 g/cm3
Principais países produtores de ametista.

Características

editar

A pesar de que é moi resistente aos ácidos, a ametista é moi susceptible á calor. De feito, ao quentala a máis de 300 °C cambia a súa cor a castaño escuro, amarelo, alaranxado ou verde, segundo a súa calidade e lugar de orixe:

  • 450 °C: vólvese amarela
  • 500 °C: toma unha cor alaranxada forte (ametista queimada)
  • 600 °C: vólvese moi leitosa

Estes cambios na coloración débense aos cambios na valencia do ferro que contén, entre outras cousas. Pódese recuperar a cor orixinal da ametista someténdoa a irradiacións. Diferénciase doutras pedras tratadas á calor en que presenta un dicroísmo púrpura azulado e púrpura arroibado.

Non ten unha absorción do espectro lumínico característica. Adoita presentar inclusións en forma de marcas paralelas, coñecidas como raias de cebra e rabuñaduras de tigre, causadas por maclas romboédricas.

Formación

editar
 
Ametista no interior dunha xeoda.

A ametista é un mineral de orixe magmática. Fórmase en filóns con solucións ricas en óxidos de ferro, que lle dan a súa cor morada característica a temperaturas inferiores aos 300 °C. O máis habitual é atopar a ametista tapizando o interior de ágatas en forma de xeodas, ás veces xigantescas. Tamén se poden atopar en forma de drusas (cristais que recobren a superficie de pedra) ou en filóns, acompañada doutros minerais.

Os principais xacementos atópanse nos Urais, Alemaña, oeste de Australia, Zambia, Brasil, departamento de Artigas en Uruguai, Estados Unidos, Canadá, India, Sri Lanka, Bolivia, España, Arxentina e en Tunisia.

Xoiaría

editar
 
Ametista tallada.

Cando é de cor viva e intensa, a ametista é a variedade do cuarzo máis apreciada. As ametistas máis perfectas tállanse para xoiaría, e o resto utilízase para facer obxectos de arte ou directamente, como exemplares minerais, para decoración ou coleccionismo.

Debido á súa difusión como xema, existen varios termos utilizados en xoiaría para describir as distintas tonalidades da ametista. “Rosa de Francia” refírese á ametista de cor lila clara, mentres que “siberiana” é a ametista de cor violeta intensa con escintileos vermellos, a variedade máis apreciada. Tamén existen xemas que son unha mestura natural con zonas entre ametista e citrino, ás que se lles deu o nome de bolivianita. Por último, a ametista quentada, que adquire unha tonalidade amarelada, adóitase comercializar como citrino (unha variedade de cuarzo de cor ámbar escasa en forma natural).

Etimoloxía e historia

editar

O nome ‘ametista’ provén do grego amethystos (non bébedo), xa que esta xema era considerada un potente antídoto contra a embriaguez.

A ametista coñécese desde hai miles de anos, pois xa no antigo Exipto utilizábase para crear xoias, selos persoais e tallas. Na Idade Media, o cristianismo adoptou a ametista como símbolo de renuncia aos bens terreais e castidade, e aínda hoxe lévana en forma de aneis moitos cardeais e bispos.

 
Peza puída de xeoda de ametista, extraída do Distrito Mineiro "Los Catalanes" Artigas-Uruguai.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar