As rulas de Bakunin
As rulas de Bakunin é unha novela de Antón Riveiro Coello galardoada co Premio García Barros e publicada en 2000 pola Editorial Galaxia.
As rulas de Bakunin | |
---|---|
Manuel Janeiro empregou un cartel do Comité de propaganda e Prensa das Milicias da Cultura, CNT-UGT, para ilustrar a capa. | |
Autor/a | Antón Riveiro Coello |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galego |
Colección | Literaria |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 2000 |
Páxinas | 260 páxinas |
ISBN | ISBN 978-84-8288-754-8 |
Premios |
|
[ editar datos en Wikidata ] |
Está traducida ao portugués[1], ao castelán[2] e ao italiano[3].
Trama
editarA novela comeza cunha carta que lle escribe o vello octoxenario Camilo en 1992 á súa muller Rosalía (á que lle chama rula), morta hai cinco anos na aldea de Celas, concello de Culleredo, preto da Coruña. Estas cartas iranse repetindo ao longo da obra.
A partir de aí irá lembrando a súa vida e a do seu avó Estevo, nacido nun barco camiño da Arxentina en 1851, quen -anarquista e moi admirado por todos- sempre foi o exemplo a seguir para Camilo.
Durante os seus estudos en Vilaboa, na casa da tía Lola, Camilo conecta coas revoltas anteriores á Segunda República e participa en loitas armadas anarquistas. Casa con Rosalía e no 36 ten que fuxir ao monte e vivir unha tempada agochado na propia casa. Canso desta situación entrégase e é condenado a morte. O director da cadea promete perdoarlle a vida se en 15 días aprende de memoria o libro que sempre trae canda el. Todos os presos o axudan e Camilo consegue a fazaña.
Na actualidade, 1992, Camilo topa no Ateneo a ficha do libro, que foi vendido a alguén de Santiago e vai na súa busca mentres a filla, o xenro e o neto van a Barcelona operar este último, cego. Asemade, segue lembrando o seu pasado e a través do posuidor do libro coñece feitos sucedidos logo de saír el da cadea e emigrar.
Xa na última páxina o narrador conta que os parágrafos da novela citados son de La muerte de Álvaro Vargas que Estevo Doldán Patiño publicou por entregas en 1898-99 na revista anarquista arxentina La antorcha gaucha, co seu pseudónimo de Anselmo Sendón.
Narración
editarA estrutura externa consta de 41 capítulos de moi desigual extensión nos que se van alternando diferentes voces narrativas e planos temporais que non seguen a linearidade.
A voz narrativa predominante é a dun narrador heterodiexético en 3ª persoa, mais en varios capítulos é o propio Camilo, narrador homodiexético en 1ª persoa, quen nos conta algúns episodios do seu pasado e outros chegaranos a través das cartas que lle escribe a Rosalía morta, así como tamén algunhas outras cartas de Santi Noreste e unha de Augusto Cordero.
O tempo máis recente é 1992, cando Camilo vive na Coruña coa súa filla, escríbelle cartas a Rosalía morta e vai a Santiago en busca do libro.
Os tempos anteriores máis importantes son a súa infancia, ligada ao avó anarquista; os seus estudos, ligados á súa propia descuberta anarquista e ao amor; o cárcere e a represión posterior ao 36 e a emigración ao Uruguai.
Personaxes
editar- Camilo Sabio Doldán, personaxe principal, anarquista, neto de anarquistas, condenado a morte no 36 e que emigrará ao Uruguai. Namora de Rosalía, costureira, na adolescencia e con ela pasará toda a súa vida ata que ela morre en 1987.
- Estevo Doldán Patiño é o seu admirado avó, que publicou na Arxentina, con pseudónimo, a novela curta que lle salvará a vida a Camilo no cárcere. Del herdou as súas ideas revolucionarias, que non deixaron en troques pegada no pai.
- Andrés Díaz, barbeiro anarquista, compañeiro de cárcere, que tamén salvou a vida grazas ao libro do avó de Camilo.
- Dalmiro Ferreiro, o peor dos carcereiros, falanxista convencido, especializado en tormentos e leis de fugas.
- A tía Lola, personaxe moi folletinesco, que non casou nin tivo outro mozo desde que Ricardo marchou para América. Ricardo volve enfermo e pobre. Cando el morre ela perde a cabeza e desaparece. Ao final da novela cóntase o que lle aconteceu.
Notas
editar- ↑ Ficha Arquivado 12 de outubro de 2017 en Wayback Machine. en BiTraGa.
- ↑ Ficha Arquivado 12 de outubro de 2017 en Wayback Machine. en BiTraGa.
- ↑ Ficha Arquivado 12 de outubro de 2017 en Wayback Machine. en BiTraGa.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Recensión da obra no semanario A Nosa Terra, 15/02/2001, de Xosé Manuel Eiré.
- Recensión da obra en O Correo Galego, 26/04/2001, de Dolores Vilavedra.
- Recensión da obra en Faro de Vigo, 03/02/2001, de M. Blanco Rivas.
- Recensión da obra en El Correo Gallego, 25/11/2001, de Francisco Martínez Bouzas.