Augusto González Besada
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Augusto González Besada y Mein, nado en Tui o 24 de xuño de 1865 e finado en Madrid o 4 de xuño de 1919, foi un avogado e político galego. Foi ministro de Facenda, ministro de Gobernación e ministro de Fomento durante o reinado de Afonso XIII.
Traxectoria
editarAugusto González Besada era membro dunha das familias máis poderosas de Pontevedra na que tanto o seu pai Basilio González Besada como os seus tíos Rafael e Sabino foron deputados provinciais e ademais este último foi gobernador civil en dúas ocasións e presidente da Deputación (1896-1898). Tras estudar o bacharelato en Pontevedra, continuou a súa formación na Universidade de Santiago onde estudou Dereito licenciándose en 1885 tras o cal afiliouse ao Colexio de Avogados de Pontevedra exercendo a avogacía tamén, con gran prestixio, en Madrid.
Membro do Partido Conservador comezou a súa carreira política como Gobernador civil de Pontevedra en 1895, despois obtivo acta de deputado no Congreso, polo distrito de Cambados, nas eleccións de 1899; escano que volveu obter nas eleccións de 1901, 1903 e 1905. Tras obter nos seguintes procesos electorais escanos polas circunscricións de Cádiz (1907), Almería (1910) e Alacant (1914), finalizou a súa carreira como deputado representando a Lugo ao obter a acta correspondente nas eleccións celebradas entre 1916 e 1919.
Tras ser, en 1902, subsecretario de Facenda foi nomeado, entre o 20 de xullo e o 5 de decembro de 1903, ministro de Facenda por Raimundo Fernández Villaverde converténdose no Ministro de Facenda máis novo da Restauración borbónica en España. Esta mesma carteira ministerial desempeñouna noutras dúas ocasións: entre o 14 de setembro de 1908 e o 21 de outubro de 1909 en senllos gabinetes Maura. Tamén foi ministro de Gobernación entre o 27 de xaneiro e o 23 de xuño de 1905 con Fernández Villaverde, e ministro de Fomento entre o 25 de xaneiro de 1907 e o 14 de setembro de 1908 con Maura.
Ademais, actuou como un dos portavoces da oposición conservadora que rexeitou a lei de Substitución dos Consumos urdida por José Canalejas e Amós Salvador Rodrigáñez, e anunciou o bloqueo unha vez os conservadores volvesen ao goberno, como así ocorreu. Foi presidente do Congreso (1914), dos Consellos de Estado, Instrución Pública e Fomento e a Xunta Central de Colonización. En 1915, Maura propúxoo como membro da Real Academia Española. Tamén foi membro da Academia de Ciencias Morais e Políticas, e da de Xurisprudencia chegou a ser presidente.
Entre os seus discursos político-literarios merece recordarse o que en 1905, sendo ministro da Gobernación, pronunciou en sesión solemne, con motivo do terceiro centenario do Quixote, baixo o título Apuntes de Sancho para gobernar la ínsula Barataria.
Asturias, que o nomeou fillo adoptivo, houbo de agradecerlle importantes consignacións que destinou para melloras en portos como os de Ribadesella, Villaviciosa e Xixón, así como para a repoboación dos ríos; pero, sobre todo, expresoulle o máximo recoñecemento polo decidido apoio que prestou á favorable resolución do proxecto dos chamados ferrocarrís estratéxicos. Do 2 ao 11 de agosto de 1911, en ocasión de desempeñar novamente a carteira de Fomento, realizou un longo percorrido por Asturias, onde visitou Sama de Langreo, Lena, Llanes, Ribeseya, Luarca e Vegadeo.
Foi presidente honorario da Exposición Rexional de 1909 xunto ao Marqués de Figueroa (Juan Armada). Como tal, o 28 de novembro de 1909 recibiu o título de fillo adoptivo de Santiago de Compostela de mans do alcalde accidental, Salvador Cabeza de León.
O 4 de xuño de 1919, tres días despois das eleccións xerais, González Besada faleceu. Substituíuno como deputado por Lugo o seu fillo Carlos González Besada. Ao ano seguinte, para honrar a súa memoria, Afonso XIII creou o condado de González-Besada, en favor da súa viúva.
Obras e colaboración en xornais
editarPor favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
- Cuadros de la literatura gallega en los siglos XIII y XIV (premio nos xogos florais de Santiago de 1885).
- Historia crítica de la literatura gallega. Edad antigua (1887).
- Deberes de ciudadanía olvidados o mal cumplidos por generaciones.
- González Besada, Augusto (7/5/1916). La mujer gallega y Rosalía de Castro (discurso de ingreso na Real Academia Española) (en castelán). Traducido ao galego por Pilar García Negro, A Nosa Terra, 2004.
Como xornalista colaborou con xornais e revistas da nosa terra como El País Gallego, El Libredón, Extracto de Literatura, Galicia, La Cruz de Santiago, La Revista ou no pontevedrés La Correspondencia Gallega.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Augusto González Besada |
Bibliografía
editar- "González-Besada Mein, Augusto". Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- "González-Besada Mein, Augusto". Diciopedia do século 21 2. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 997. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "González-Besada Mein, Augusto". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Aparisi, Luis M. (2016). Gallegos en la Real Academia Española (PDF) (en castelán). Asociación Cultural da Vieira.
- Comín, F.; et al. (2000). La Hacienda desde sus ministros. Del 98 a la guerra civil. Zaragoza: Prensas Universitarias. ISBN 84-7733-540-0.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 184.
- Vallejo Pousada, Rafael (2005). "González-Besada Mein, Augusto". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Vallejo Pousada, Rafael; Pro Ruiz, Juan e Pan-Montojo, Juan (2005). Cobián, González Besada e Bugallal: Tres ministros galegos na crise da Restauración. Pontevedra: Deputación Provincial. ISBN 84-8457-255-2.