Axuda:Rexistro
Non é obrigatorio nin necesario o rexistro dunha conta de usuario na Wikipedia para ler ou editar páxinas. Tan só é unha opción que proporciona funcións adicionais, ademais dun recoñecemento por parte da comunidade, polo que é bastante recomendado. Se non queres que ninguén saiba o teu enderezo IP, entón deberías crear unha conta para evitar que se mostre nos historiais.
Que supón?
editarA creación dunha conta de usuario implica ter un nome de usuario (que pode ser o teu nome real ou un alcume ou pseudónimo) e un contrasinal. Os nomes de usuario non poden estar repetidos e a creación dunha conta realízase só unha vez. É entón cando accederás ao sistema. As vindeiras veces que pases por aquí, só terás que dar o teu nome de usuario de novo e demostrar co contrasinal que es a mesma persoa.
As edicións que leves a cabo rexistraranse baixo o teu nome de usuario. Se, pola conta, non accediches ao sistema, estas ficarán nos historiais como realizadas polo teu enderezo IP.
Ademais, e grazas ao rexistro unificado de contas, é posible ter acceso a todos os proxectos da Fundación Wikimedia baixo o mesmo nome de usuario e contrasinal. Isto permite posuír unha conta global e navegar a través de diferentes wikis sen a necesidade de acceder ao sistema en cada un deles, aforrando tempo que podes empregar en facer edicións.
Por que crear unha conta?
editarNon é necesaria a creación dunha conta para ler ou editar os wikis de MediaWiki; calquera pode facelo. No entanto, é unha boa práctica facelo, por estes motivos:
- Unha conta de usuario dáche unha identidade, coa que os demais usuarios te recoñecerán. Se non te rexistras, as túas contribucións quedarán identificadas mediante o teu enderezo IP, e os enderezos IP non permiten unha identificación correcta. Se adoitas conectarte dende ordenadores en diferentes localizacións, terás diferentes enderezos IP en cada caso; mesmo desde un mesmo lugar poderías ter diferentes IP dependendo da conexión á internet. Tamén pode ser que o teu provedor de internet cambie o teu enderezo IP ao cabo dun tempo. Debido a isto, un nome de usuario é moito mellor para manter unha identidade na Wikipedia.
- Dado que un mesmo enderezo IP pode ser usado por varios computadores, pode confundirse o teu enderezo IP co dun vándalo, de xeito que poderían reverterse as túas edicións lexítimas. No peor dos casos, poderías compartir o enderezo IP co dun usuario bloqueado, o que faría que non puideses editar na Wikipedia durante un tempo.
- Os enderezos IP non teñen por que ser estáticos, e podería ser que ao cabo dun tempo o teu enderezo IP cambie.
- Poderás vixiar páxinas e facer un seguimento delas grazas á lista de vixilancia.
- Se escolles dar un enderezo de correo electrónico, os outros usuarios poderán pórse en contacto contigo por esta vía. Esta funcionalidade é anónima (os usuarios que che envíen correos non saberán o teu enderezo) e opcional.
- Poderás mover páxinas.
- Poderás participar nas votacións en canto acades os requirimentos mínimos.
- Marcar unha edición como pequena.
- Poderás establecer as túas preferencias e facer cousas como:
- Usar os trebellos dispoñibles. Por exemplo, o revisor ortográfico e detector de homónimos.
- Cambiar o número de páxinas mostradas nos cambios recentes.
- Cambiar as fontes, as cores e o deseño do sitio usando diferentes aparencias.
- Establecer o teu sexo (home ou muller) para que as mensaxes da interface da Wikipedia se amosen de acordo co teu sexo.
- Tamén terás a túa páxina de usuario e a túa conversa de usuario.
Páxinas de usuario e de conversa
editarUnha vez que esteas rexistrado poderás crear as túas propias páxinas de usuario e de conversa. Cando estás dentro do sistema, verás o teu nome de usuario na franxa superior das páxinas, con diversas ligazóns útiles. Preme sobre el para ir á túa páxina, que se pode editar da mesma forma que o resto das páxinas do wiki. A meirande parte dos usuarios emprégana para darse a coñecer, escribindo sobre eles e mais os seus intereses, por exemplo.
Da mesma forma tamén podes ter unha páxina de conversa propia. Podes chegar a ela premendo na ligazón "Conversa" ao carón do teu nome de usuario. Nesta páxina é onde os demais usuarios che deixarán mensaxes cando queiran pórse en contacto contigo, e así poidas responder ti na súa conversa. Cada vez que alguén che escriba un comentario nela, o sistema avisarate automaticamente mediante un cartel laranxa dicíndoche que tes mensaxes novas.
Preferencias de usuario
editarAs preferencias de usuario son opcións que dan a posibilidade de cambiar ou engadir cousas en diferentes aspectos da edición e navegación a través do wiki. Podes definir a lingua da interface, modificar a túa sinatura, fixar unha aparencia, o número de páxinas mostradas nos rexistros... e unha manchea doutras opcións.
Como crear unha conta
editarPara rexistráreste na Galipedia, cómpre a creación dunha conta de usuario. O primeiro que debes facer é premer sobre a ligazón "Crear unha conta" que aparece no canto superior dereito de cada páxina. Unha vez que esteas neste formulario, terás que fornecer un nome de usuario[1] e un contrasinal. Por suposto, o nome escollido non ten por que ser o teu nome real, podes empregar un alcume e así agochar a túa identidade. Á parte deses datos, tamén podes incluír opcionalmente o teu enderezo de correo electrónico, como xeito de contacto privado con outros usuarios (mediante un formulario de envío de mensaxes) e permite a recuperación do contrasinal por se te esqueces del.
Unha vez feito isto, preme en "Crea a conta" e xa serás un usuario máis da Galipedia!
Como acceder ao sistema
editarO primeiro é asegurarse de que o teu navegador acepta cookies. Algúns navegadores poden aceptar ou rexeitar cookies dalgúns sitios en concreto; estes usuarios deben configurar o navegador para aceptar as cookies de cada wiki onde teñan pensado editar, como wikipedia.org.
Para acceder ao sistema como usuario preme sobre a ligazón "Acceder ao sistema" que hai no recuncho superior dereito da páxina. Chegarás ata un formulario onde só terás que escribir o teu nome de usuario e o teu contrasinal, ambos elixidos durante o proceso de creación da túa conta, e rematar dándolle ao botón "Acceder ao sistema".
A caixa "Manterme conectado/a" é útil para non ter que dar o contrasinal cada vez que accedas a un wiki MediaWiki desde o mesmo ordenador. Non obstante, esta característica só funciona se o teu contrasinal non foi xerado polo software de MediaWiki. Ten en conta tamén que as cookies co teu nome de usuario e contrasinal caducan aos 30 días do acceso, a menos que saias do sistema manualmente.
Problemas de acceso ao sistema
editarSe non es capaz de acceder ao sistema, é probable que sexa por mor dalgún dos seguintes problemas. Se non estivese aquí respondido, solicita axuda na na Taberna.
- A ligazón do rexistro está agochada
- Se non podes premer sobre a ligazón de acceso ao formulario de rexistro, sexa porque está agochada por outro texto, usa esta ligazón directa. Este problema pódese deber ao uso dun tamaño de fonte mínimo.
- Rexéitanme o nome de usuario e contrasinal
- Os nomes de usuario e contrasinais distinguen entre maiúsculas e minúsculas na Wikipedia. Escribíchelos ben? Non é o mesmo "NomeDeUsuario" ca "Nomedeusuario". E o mesmo acontece cos contrasinais. A única excepción é o primeiro carácter, que sempre vai en maiúscula por defecto.
- Saín ao anonimato xusto despois de acceder ao sistema
Hai varias posibles razóns para que se dea este problema:
- Pode suceder por causa das cookies. Bótalle unha ollada a esta pequena guía para descubrir como se activan as cookies no teu navegador.
- Asegúrate de que a data e hora do teu ordenador son correctas; se non é así, as cookies puideron caducar antes de tempo. Ten en conta tamén que algúns software firewall e de loita contra a publicidade poden interferir a cookie que a Wikipedia usa para manter o acceso dunha persoa.
- Algúns ISPs empregan proxies transparentes que dan problemas. Intenta utilizar o servidor seguro para esquivar o proxy.
- Nalgunhas ocasións, un usuario pode atoparse fóra do sistema automaticamente entre o comezo dunha edición e o gardado da mesma. As máis das veces ocorre debido a unha sobrecarga do servidor, provocando que o sistema estrague e perda a información do teu rexistro, botándote ata o anonimato.
Que fago se esquezo o contrasinal?
editarSe proporcionaches de antemán un enderezo de correo electrónico ao rexistrar a conta, ou logo nas preferencias de usuario, podes ir á pantalla de acceso e usar a opción "Esqueciches o contrasinal?". Isto enviará un contrasinal temporal ao teu correo electrónico de maneira que te deixe recuperar o acceso á túa conta. Despois diso, poderás volver trocar o contrasinal nas preferencias.
Se, pola contra, non deches un enderezo correo ou non podes acceder a el, terás que crear unha nova conta. Unha vez feito isto, cómpre facer unha solicitude no Taboleiro dos administradores, achegando datos suficientes para deixares claro que ti es ambas as dúas persoas, para así mover as túas antigas páxinas de usuario e conversa ao teu novo nome. Entón, crearase oficialmente unha ligazón entre a túa nova identidade e conseguirase que ninguén poida dubidar de que a túa nova conta sexa un monicreque.
Saír ao anonimato
editarPodes saír do sistema cando queiras premendo na ligazón "Saír ao anonimato" na esquina superior á dereita. Despois de facelo, empregarás un enderezo IP para navegar pola Wikipedia. Co obxectivo de evitar que o navegador recorde o teu nome de usuario para suxerirllo ao seguinte usuario do ordenador, lembra borrar as cookies da Wikipedia que este almacenou nas configuracións privadas. Por outra banda, especialmente se estás a usar un ordenador público, quizais queiras borrar todo o historial recente do navegador.
Edicións fóra do sistema
editarOcasionalmente, e por despiste, un usuario pode editar sen ter accedido ao sistema previamente. Aínda que non se trata dun gran problema, pode haber algún tipo de preocupación polo recoñecemento, autoría ou privacidade.
- Por desgraza, se fixeches unha edición sen antes acceder ao sistema, non podes volver e relacionar directamente a edición coa túa conta. Se queres que a túa conta vexa recoñecida a autoría da edición e non che importa o anonimato, realiza unha edición baleira[2] e engade unha nota sobre a edición anterior no resumo de edición.
- Se deixaches un comentario nunha páxina de conversa sen dar o paso da autenticación, a túa sinatura incluirá o teu enderezo IP. Podes acceder ao sistema e editar o comentario substituíndo a sinatura.
- Se pensas que a conexión entre o teu enderezo IP e o teu nome de usuario é un problema, podes solicitarlle a eliminación da edición a un supervisor.
Notas
editar- ↑ Tan só existen algunhas restricións técnicas na creación de certas contas con algúns símbolos ou caracteres non latinos, ou se o nome elixido é moi similar a outro xa existente.
- ↑ Unha edición baleira é aquela que non achega nada á páxina, como engadir ou retirar un espazo entre os signos de igual e os títulos das cabeceiras nas seccións ou facer un pequeno troco de puntuación ou redacción.
Volver á páxina de axuda. |