Célula NKT

grupo heteroxéneo de células T

As células NKT (Natural killer T cell) ou células T asasinas naturais son un grupo heteroxéneo de células T que comparten propiedades das células T e das células NK (células Natural Killer ou asasinas naturais). Moitas destas células recoñecen a molécula non polimórfica CD1d, que é unha molécula presentadora do antíxeno, que se une a lípidos propios e estraños e a glicolípidos. Constitúen só o 0,2% de todas as células T do sangue periférico.[1]

Nomenclatura

editar

O termo "célula NKT" foi utilizado primeiro en ratos para definir un subconxunto de células T que expresaban o marcador NK.1 (CD161) asociado ás células NK. Hoxe acéptase xeralmente que o termo "célula NKT" se restrinxe ás células T co receptor CD1d, presentes tanto en ratos coma en humanos, que coexpresan o receptor de células T (TCR) e marcadores de célula NK.[2] As células NKT non deben confundirse coas células NK.

Caracterización molecular

editar

As células NKT son un subconxuto de células T que se caracterizan por expresar á vez un receptor de células T (TCR) αβ, e tamén diversos marcadores tipicamente asociados ás células NK como o NK1.1. Difiren das células T αβ convencionais en que os seus TCR están moito máis limitados en diversidade e en que están especializados en recoñecer lípidos e glicolípidos presentados polo receptor CD1d, que é membro da familia CD1 de moléculas presentadoras do antíxeno, en lugar de recoñecer complexos péptido-complexo maior de histocompatibilidade (CMH ou, en inglés e máis usado MHC). As células NKT son importantes no recoñecemento de glicolípidos de microorganismos patóxenos como as micobacterias que causan a tuberculose. As células NKT comprenden as células NK1.1+ e NK1.1-, e as células CD4+, CD4-, CD8+ e CD8-. As células NKT comparten outras características coas células NK, como a expresión dos marcadores CD16 e CD56 e a produción de grancima.[3][4] As células asasinas naturais invariantes ou células iNKT son dependentes do regulador da transcrición dedo de cinc da leucemia promielocítica (PLZF) para o seu desenvolvemento.[5][6]

Clasificación

editar

Propúxose unha clasificación das células NKT en tres grupos:[2]

Tipo 1 NKT Tipo 2 NKT Similares ás NKT
Outros nomes NKT clásica
NKT invariante (iNKT)
Vα14i NKT (rato)
Vα24i NKT (humano)
NKT non clásicas
NKT diversa
Células T NK1.1+
células T CD3+ CD56+
Restrición CD1d CD1d MHC, outros?
Reactividade
α-GalCer
+ - -
Repertorio TCR Vα14-Jα18:
Vβ8.2, 7, 2 (rato)
Vα24-Jα18:
Vβ11 (humano)
diverso diverso

Células iNKT

editar

O subconxunto mellor coñecido de células NKT dependentes de CD1d expresan unha cadea α do receptor de células T (TCR-α) invariable. Denomínanse como tipo I ou células NKT invariantes (iNKT). Estas células están conservadas evolutivamente en ratos e humanos e están implicadas en moitos procesos inmunolóxicos.

Función

editar

Unha vez activadas, as células NKT poden producir grandes cantidades de interferón-gamma, Interleucina-4, e factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos (GM-CSF), xunto con outras múltiples citocinas e quimiocinas (como a Interleucina-2, interleucina-13, Interleucina-17, Interleucina-21 e TNF-alfa).

Significado

editar

As células NKT parecen ser esenciais en varios aspectos da inmunidade porque a súa disfunción ou deficiencia leva ao desenvolvemento de enfermidades autoinmunes (como a diabetes ou a aterosclerose) e cánceres. As células NKT foron implicadas recentemente na progresión de doenzas como a asma humana.[7]

O potencial clínico das células NKT débese á súa rápida liberación de citocinas (como IL-2, IFN-gamma, TNF-alfa, e IL-4), que promoven ou suprimen diversas respostas inmunitarias.

  1. Jerud, ES; Bricard G, Porcelli SA (2006). "Natural Killer T cells: Roles in Tumor Immunosurveillance and Tolerance". Transfus. Med. Hemother. 33 (1): 18–36. doi:10.1159/000090193. 
  2. 2,0 2,1 Godfrey, DI; MacDonald HR, Kronenberg M, Smyth MJ, Van Kaer L (2004). "NKT cells: what’s in a name?". Nat. Rev. Immunol. 4 (3): 231. PMID 15039760. doi:10.1038/nri1309. 
  3. Van der Vliet, HJ; Nishi N, Koezuka Y, Peyrat MA, Von Blomberg BM, Van den Eertwegh AJ, Pinedo HM, Giaccone G, Scheper RJ (1999). "Effects of alphagalactosylceramide (KRN7000), interleukin-12 and interleukin-7 on phenotype and cytokine profile of human Va24+ Vb11+ T cells". Immunology 98 (4): 557–563. PMC 2326955. PMID 10594688. doi:10.1046/j.1365-2567.1999.00920.x. 
  4. Vivier, E; Anfossi N (2004). "Inhibitory NK-cell receptors on T cells. Witness of the past, actors of the future.". Nat Rev Immunol 4 (3): 190–198. PMID 15039756. doi:10.1038/nri1306. 
  5. Kovalovsky D, Uche OU; et al. (2008). "The BTB-zinc finger transcriptional regulator PLZF controls the development of invariant natural killer T cell effector functions.". Nature Immunology 9 (9): 1055–64. PMC 2662733. PMID 18660811. doi:10.1038/ni.1641. 
  6. Savage AK, Constantinides MG; et al. (2008). "The transcription factor PLZF directs the effector program of the NKT cell lineage.". Immunity 29 (3): 391–403. PMC 2613001. PMID 18703361. doi:10.1016/j.immuni.2008.07.011. 
  7. Cromie, William J. Researchers uncover cause of asthma Arquivado 05 de abril de 2006 en Wayback Machine. Harvard University Gazette, March 16, 2006.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar