Célula T virxe
Unha célula T virxe (ou naïf)[1][2][3] é uha célula T que se diferenciou na medula ósea, e pasou con éxito polos procesos de selección central positiva e negativa no timo. Entre elas están as formas virxes das células T colaboradoras (CD4+), chamadas células Th0 (célula T colaboradora cero), e das células T citotóxicas (CD8+). Unha célula T virxe considérase madura pero non se atopou aínda co seu antíxeno correspondente na periferia, a diferenza das células T activadas ou as células T de memoria, que si se atoparon con el.
Fenotipo
editarAs células T virxes caracterízanse comunmente pola expresión na superficie de L-selectina (CD62L), a ausencia dos marcadores de activación CD25, CD44 ou CD69, e a ausencia de isoformas CD45RO de memoria.[4] Tamén expresan receptores IL-7 funcionais, consistentes en subunidades do receptor-α de IL-7, CD127, e a cadea común γ, CD132. No estado virxe, crese que as células T están quiescentes e non se dividen.
Función
editarAs células T virxes poden responder a novos patóxenos cos que o sistema inmunitario aínda non se atopou. O recoñecemento por un clon de células T virxes do seu antíxeno correspondente dá lugar á iniciación dunha resposta inmunitaria. Á súa vez, isto dá lugar a que a célula T adquira un fenotipo activado que se detecta pola regulación á alza dos marcadores de superficie CD25+, CD44+, CD62Lbaixo, CD69+ e pode despois diferenciarse en célula T de memoria.
Mecanismo de activación
editarCando un antíxeno recoñecido se une ao receptor de antíxenos da célula T (TCR) localizado na membrana plasmática das células Th0, estas células actívanse pola fervenza de transdución de sinais "clásica" seguinte:[5]
- Actívase a tirosina quinase Lck, a cal realiza a fosforilación do complexo correceptor CD3 e da cadea ζ do TCR e a activación da proteína Zap70 asociada á cadea ζ.
- A Zap70 activada á súa vez fosforila o adaptador de membrana Lat, que despois recruta varias proteínas que conteñen dominios SH2, como a fosfolipase C-γ1 (PLC-γ1).
- A activación da PLC-γ1 dá lugar á hidrólise do fosfatidilinositol 4,5-bisfosfato a inositol 3,4,5-trifosfato e diacilglicerol.
- O inositol 3,4,5-trifosfato causa a liberación de Ca2+ dos depósitos intracelulares e o diacilglicerol activa a proteína qiinase C e a RasGRP.
- A RasGRP á súa vez activa a fervenza da proteína quinase activada por mitóxeno, a cal finalmente regula á alza a expresión xénica e causa a entrada no ciclo celular de mitoses.
Unha vía alternativa "non clásica" de activación implica que a Zap70 activada fosforila directamente a MAPK p38, que á súa vez induce a expresión do receptor de vitamina D (VDR). Ademais, a expresión de PLC-γ1 é dependente do VDR activado por calcitriol.[5] As células T virxes teñen unha expresión moi baixa de VDR e PLC-γ1. Porén, a sinalización do TCR activada por medio de p38 regula á alza a expresión de VDR, e o VDR activado por calcitriol á súa vez regula á alza a expresión de PLC-γ1. Por tanto, a activación de células T virxes depende de forma esencial duns niveis axeitados de calcitriol.[5]
En resumo, para a activación de células T cómpre primeiro a activación por medio da vía non clásica para incrementar a expresión de VDR e PLC-γ1 antes de que a activación por medio da vía clásica poida realizarse. Isto proporciona un mecanismo de resposta que ten un certo retardo no que se lle dá tempo (unhas 48 horas) ao sistema inmunitario innato para eliminar a infección antes de que actúe o a resposta inmunitaria adaptativa mediada por células T inflamatorias.[5]
Notas
editar- ↑ Leitenberg D, Bottomly K (August 1999). "Regulation of naive T cell differentiation by varying the potency of TCR signal transduction". Semin. Immunol. 11 (4): 283–92. PMID 10441214. doi:10.1006/smim.1999.0184.
- ↑ Weninger W, von Andrian UH (October 2003). "Chemokine regulation of naïve T cell traffic in health and disease". Semin. Immunol. 15 (5): 257–70. PMID 15001175. doi:10.1016/j.smim.2003.08.007.
- ↑ Takada K, Jameson SC (December 2009). "Naive T cell homeostasis: from awareness of space to a sense of place". Nat. Rev. Immunol. 9 (12): 823–32. PMID 19935802. doi:10.1038/nri2657.
- ↑ De Rosa SC, Herzenberg LA, Herzenberg LA, Roederer M (February 2001). "11-color, 13-parameter flow cytometry: identification of human naive T cells by phenotype, function, and T-cell receptor diversity". Nat. Med. 7 (2): 245–8. PMID 11175858. doi:10.1038/84701.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 von Essen MR, Kongsbak M, Schjerling P, Olgaard K, Odum N, Geisler C (April 2010). "Vitamin D controls T cell antigen receptor signaling and activation of human T cells" (PDF). Nat. Immunol. 11 (4): 344–9. PMID 20208539. doi:10.1038/ni.1851. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de setembro de 2014. Consultado o 04 de maio de 2014.