Ciencia política
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A ciencia política (menos frecuentemente chamada tamén politicoloxía) é a ciencia social que estuda empiricamente a política nas súas diversas dimensións. Polo tanto, o estudo da política é o observable, non está referido ó que debería ser a política como tipo ideal ou conduta desexada: ese papel cúmpreo a filosofía política. Tampouco é o estudo dos elementos formais da política como o son as leis, a súa formación e as súas intencións, tarefa da xurisprudencia. A ciencia política ten en conta o comportamento político efectivo e observable das persoas e as sociedades.
O termo "ciencia política" foi alcuñado en 1880 por Herbert Baxter Adams, profesor de historia da Universidade Johns Hopkins, aínda que o seu desenvolvemento como disciplina científica é posterior á segunda guerra mundial, antes de dito período asociábase ó estudo da xurisprudencia e a filosofía política.
As principais áreas de análise da ciencia política son:
- as relacións de poder e as características do seu exercicio
- a autoridade e a súa lexitimidade
- as políticas públicas
- os estudos de xénero
- a xestión pública
- as institucións do Estado
- os sistemas políticos
- os partidos políticos e sistemas electorais
- o ordenamento da acción colectiva
Os máis importantes temas ou tópicos da ciencia política son o poder, as institucións do Estado e tamén as institucións Económicas non estatais, principalmente nun Estado de Benestar ou Neoliberal. De feito un tratado de política é pura socioloxía política.
As principais autoras e autores no desenvolvemento científico da ciencia política son:
- Gabriel Almond,
- Hannah Arendt,
- Norberto Bobbio,
- Robert A. Dahl,
- Maurice Duverger,
- David Easton,
- Harold D. Lasswell,
- Susan M. Okin,
- Anne Phillips,
- Giovanni Sartori,
- John Rawls,
- Max Weber e
- Iris M. Young.
A punta de lanza da politicoloxía galega está representada por Ramón Máiz Suárez, en menor medida por Xosé Luís Barreiro Rivas, ou a revista Tempo Exterior[1] editada polo IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).
En Galiza existe unicamente a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais na Universidade de Santiago de Compostela, onde se estuda o Grao en Ciencias Políticas e da Administración.
Concepto de política
editarO termo política non deixa de ser un termo controvertido e contraditorio, caracterizado por múltiples significados, positivos e negativos.
Existen dous tipos de definición de política, Maquiavélicas, que salientan o poder e se relacionan cos aspectos negativos da política, e as Aristotélicas que se centran na lexitimidade, sendo estas as acepcións que se relacionan cos aspectos positivos da política. Todas as definicións de política parten dunha destas dúas vertentes:
Acepcións Maquiavelicas: asócianse con termos como poder e conflito. A política como unha actividade conflitiva ou incluso inmoral. O conflito predomina sobre a cooperación. Nestas acepcións vinculase política, conflito e poder. Sendo entón a ciencia política a ciencia que estuda as relación de poder.
As acepcións Aristotelicas: estas están asociadas ao ben común, “a arte de facer felices os pobos” a cooperación. A política é unha actividade que nos converte en seres humanos” porque nos leva a empregar a palabra para tratar aquilo que nos afecta.
Vallés mestura as dúas vertentes dándolle tanto o valor de poder como o da lexitimidade. Lexitimidade e forza son as dúas caras do poder, a máis lexitimidade, menos forza; a menos lexitimidade máis forza para exercer o poder.
Vallés define a política como unha actividade, unha práctica colectiva, que realizan os membros dunha comunidade para regular os conflitos entre grupos cuxo resultado é a adopción de decisións entre grupos e a adopción de decisións que obriguen (pola forza se fose necesario) aos membros.
Polo tanto falaremos de política sempre e cando haxa unha organización e un conflito ao que se lle busca unha solución gobernamental que atinxa a unha comunidade humana.
As académicas falan de tres dimensións da política, a saber, a política como estrutura, política como proceso e política como resultado.
Notas
editar- ↑ "Tempo Exterior". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2006. Consultado o 28 de xullo de 2006.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ciencia política |
Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |