Conidio

espora asexual e non móbil dun fungo

Na micoloxía, un conidio é cada unha das esporas que, na reprodución asexual dos fungos, nacen nun aparello esporífero, do cal se desprenden cando chegan á madureza[1], aparello deonominado conidióforo.

Conidios no extremo dun conidióforo de Hyaloperonospora parasitica.

É unha espora asexual inmóbil formada directamente a partir dunha hifa ou célula conidióxena ou esporóxena. Aparecen en fungos: Zygomycetes, Ascomycetes e algúns Basidiomycetes. O termo Deuteromycetes está en desuso pois a tendencia actual é se referir a estes fungos mediante os grupos principais mencionados aos que pertencen. Aínda que moitas especies de fungos perderon a capacidade de producir estruturas sexuais e reprodúcense só asexualmente, é posíbel situalos nalgún dos grandes grupos de fungos mencionados anteriormente, mediante análise morfolóxica ou molecular. O termo conidio utilízase tamén como sinónimo de exospora, esporas das bacterias fungoides do grupo dos Actinomycetes, como as do xénero Streptomyces.

Os conidios son esporas asexuais que a miúdo están pigmentadas e son resistentes ao desecamento. Os conidios serven para espallar o fungo cara a novos hábitats. Cando estes fórmanse, a cor branca do micelio muda e toma a cor dos conidios que pode ser negra, verde azulada, vermella, amarela ou marrón.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para conidio.