A coprofaxia é un comportamento consistente na inxestión das feces. A palabra deriva do grego κόπρος, copros, 'feces' e φαγεῖν, fagein, 'comer'. A coprofaxia comprende moitos tipos de alimentación de feces, incluíndo comer feces doutras especies (heteroespecífica), doutros individuos (alocoprofaxia) da mesma especie, ou as feces propias (autocoprofaxia). Poden comerse unha vez depositadas ou no momento de saíren polo ano.[1]

Femia da mosca Chrysomya megacephala alimentándose de feces.

Algunhas especies comen as feces propias como un comportamento normal, especialmente os lagomorfos, os cales fano para que os materiais vexetais duros que comeron sexan dixeridos por segunda vez de forma máis completa ao tragalos e pasaren por segunda vez polo tracto dixestivo. Outras especies poden comer feces propias ou alleas só en certas condicións, mentres que para outras é a súa forma de alimentación normal, como ocorre, por exemplo, cos escaravellos peloteiros, que se alimentan das feces dos vertebrados.

Nos humanos tamén se describiu a coprofaxia desde finais do século XIX en individuos con enfermidades ou retardos mentais e en certo tipo de actos sexuais.[2][3]

Coprofaxia en animais non humanos

editar

En invertebrados

editar
 
Dúas bolboretas Lysandra bellargus alimentándose dunha masa de feces.

Os insectos coprófagos comen e dixiren as feces dos grandes animais. As feces conteñen substanciais cantidades de materiais semidixeridos, especialmente no caso dos herbívoros, debido á ineficiencia do sistema dixestivo dos grandes animais. Coñécense miles de especies de insectos coprófagos, especialmente entre as ordes dos Diptera e Coleoptera. Exemplos son as moscas Scathophaga stercoraria e Sepsis cynipsea, que son moscas dos excrementos comúns en Europa arredor da bosta das vacas. Entre os escaravellos, os escaravellos peloteiros son unha liñaxe diversa, moitos dos cales se alimentan dos compoñentes líquidos ricos en microorganismos dos excrementos de mamíferos, e poñen os seus ovos en bólas compostas principalmente dos restos fibrosos que quedaron.[4]

As térmites comen as feces dos seus conxéneres como un medio de conseguir os protistas que teñen no seu intestino posterior. As térmites e os protistas teñen unha relación simbiótica na que os protozoos fan psoible que as térmites dixiran a celulosa da dieta que comen. Por exemplo, nun grupo de térmites existe unha relación simbiótica tripla entre as térmites da familia Rhinotermitidae, os protistas celulolíticos do xénero Pseudotrichonympha que viven no intestino destas térmites, e os simbiontes bacterianos intracelulares dos protistas.[5]

En vertebrados

editar

Os animais salvaxes e os domesticados son ás veces coprófagos, e nalgunhas especies isto forma parte esencial do seu método de dixerir os alimentos vexetais duros.

Algúns cans poden perder encimas dixestivos importantes cando só comen comidas procesadas secas, así que, segundo unha hipótese, poden obtelos comendo materia fecal. Só consomen materia fecal que teña menos de dous días, o cal apoia esta hipótese.[6]

As especies de Lagomorpha (coellos, lebres e picas) producen dous tipos de pellets fecais: os duros e os brandos chamados cecótropos. Os animais destas especies volven a comer os seus cecótropos, para extraer deles máis nutrientes. Os cecótropos derivan do material vexetal mastigado que se recolle no cego, unha cámara entre o intestino delgado e o groso, que contén grandes cantidades de bacterias simbióticas que axudan a dixerir a celulosa e producen certas vitaminas do grupo B. Despois da excreción dos cecótropos brandos, son tragados outra vez polo animal e redixíreos nunha parte especial do estómago. Os pellets permanecen intactos durante unhas seis horas no estómago; as bacterias que hai alí continúan a dixestión dos carbohidratos vexetais. Este proceso de dobre dixestión permite que estes animais extraian nutrientes que non se aproveitaron durante o primeiro paso polo intestino, así como os nutrientes fomados pola actividade microbiana.[7] Este proceso ten o mesmo propósito nestes animais que o que ten a ruminación nos animais ruminantes como vacas ou ovellas.[8]

O gando vacún é ás veces alimentado nalgúns países, como nos Estados Unidos, con esterco de polo. Expresouse a preocupación de que isto podería orixinar encefalopatía esponxiforme bovina (enfermidade das vacas tolas) debido ao penso que contén compoñentes cárnicos e de óso que se lles dá ás veces de comer aos polos. A. FDA dos Estados Unidos regulou esta práctica intentando previr a introdución de calquera parte de cerebro ou medula espiñal de vaca no alimento do gando.[9] Outros países, como Canadá prohibiron o uso de esterco de polo como alimento para o gando[10] e na Unión Europea está prohibido desde 2001.[11]

Os elefantes novos, os pandas xigantes, coalas e hipopótamos comen as feces das súas nais ou outros animais do rabaño, para obter as bacterias necesarias para dixerir debidamente a vexetación da que se alimentan nos seus ecosistemas.[12] Cando estes animais nacen os seus intestinos son estériles e non conteñen estas bacterias. Se non fixesen isto, serían incapaces de obter ningún valor nutricional das plantas. Os bácoros con acceso a feces maternas en momentos temperáns da súa vida mostran unha maior vigor.[13]

Os hámsteres, coellos de Indias, chinchillas, ourizos cachos e ratas-toupeira peladas comen as súas propias deposicións, que se pensa que son unha fonte de vitaminas do grupo B e K, producidas polas bacterias intestinais.[14] Ás veces existe tamén o comportamento de autounción (enzoufarse con substancias olorosas) mentres que estas criaturas comen os seus excrementos.[15] En raras ocasións os gorilas foron observados inxerindo as súas propias feces, posiblemente por aburrimento, por un desexo de comida quente ou para reinxerir as sementes contidas nas feces.[16]

Coprofaxia en humanos

editar

Con frecuencia a coprofaxia ou escatofaxia pode observarse en nenos retardados ou psicóticos, ou ben nalgúns pacientes esquizofrénicos como manifestación dunha grave regresión. Pode estar asociada tamén a prácticas sexuais e comportamentos coprófilos de tipo fetichista.[17] Tamén pode estar relacionada coa gastronomía e a medicina tradicional.

Moitas veces a coprofaxia non precisa dunha atención médica psicolóxica, xa que pode manifestarse de forma temporal, sistemática ou permanente, sen que iso supoña un problema mental, senón unha práctica extrema.

Como trastorno e parafilia

editar

A coprofaxia foi tamén observada nalgunhas persoas que padecen esquizofrenia[18] e pica,[19] así como nalgúns nenos retardados ou psicóticos.[17]

A coprofilia é unha parafilia na que o obxecto de interese sexual son as feces e ás veces pode estar asociada coa coprofaxia. A coprofaxia é ás veces representada na pornografía fílmica, xeralmente baixo o termo "scat" (de escatoloxía).[20][21] A novela de 1785 Les 120 Journées de Sodome ou l'école du libertinage (Os 120 días de Sodoma ou a escola de libertinaxe), escrita polo Marqués de Sade está chea de detalladas descricións de coprofaxia erótica sadomasoquista.[22] No anilingus e outras variantes sexuais pode tragarse certa cantidade de material fecal, o cal supón un risco de transmisión de enfermidades infecciosas.[23][24]

En cociña

editar

As feces da ave fasiánida lagópodo cinsento son utilizadas na gastronomía inuit; chámanas urumiit e son consideradas un manxar.[25] Fanse varias bebidas usando as feces de animais ou compoñentes presentes nelas, incluíndo entre outros o café de civeta, o té de panda, o té de insectos e o café Black Ivory (de elefantes). O casu martzu é un queixo sardo que utiliza os procesos dixestivos de larvas de insectos vivas para axudar a fermentar e degradar as graxas do queixo.

Suposto medicamento tradicional

editar

As medicinas Ayurveda e Siddha usan varias excretas de animais de diversas formas para os tratamentos. Os excrementos e a urina do cebú son especialmente importantes na lista. Isto necesita probarse seguindo os métodos científicos estándar.[26]

R.A. Lewin informou que "... a inxestión de feces de camelo quentes e frescas foi recomendado polos beduínos como un remedio para a disentería bacteriana; a súa eficiacia (probablemente atribuíble ao antibiótico subtilisina de Bacillus subtilis) foi anecdoticamente confirmada polos soldados alemáns no norte de África durante a segunda guerra mundial".[27] Porén, esta historia é probablemente un mito, e ningunha investigación independente verificou estas afirmacións.[28]

Na metade do século XVI os médicos probaban as excretas dos seus pacientes para xulgar mellor o seu estado e condición, segundo François Rabelais, que estudou medicina pero era tamén escritor de ficción satírica grotesca.[29]

Práctica de culto

editar

Os membros dun culto relixioso en Tailandia comían rutineiramente as feces e pel morta do seu líder, a quen consideraban un home sagrado con poderes curativos.[30]

Coprofaxia en plantas

editar

Algunhas plantas carnívoras, como as do xénero Nepenthes obteñen nutrientes das feces de animais comensais. Notables exemplos son Nepenthes jamban, cuxo nome en lingua indonesia é a palabra que significa váter.[31][32]

  1. Hirakawa H (2001). "Coprophagy in leporids and other mammalian herbivores". Mammal Review 31 (1): 61–80. doi:10.1046/j.1365-2907.2001.00079.x. 
  2. Moore AM (2018). "Coprophagy in nineteenth-century psychiatry". Microbial Ecology in Health and Disease 29 (1): 1535737. PMC 6225515. PMID 30425610. doi:10.1080/16512235.2018.1535737. 
  3. Malbon A (2021-02-12). "What is rimming? How to give a rim job safely". Netdoctor. Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2022. Consultado o 2022-06-21. 
  4. Nichols E, Spector S, Louzada J, Larsen T, Amezquita S, Favila ME (2008). "Ecological functions and ecosystem services provided by Scarabaeine dung beetles". Biological Conservation 141 (6): 1461–1474. doi:10.1016/j.biocon.2008.04.011. 
  5. Noda S, Kitade O, Inoue T, Kawai M, Kanuka M, Hiroshima K, et al. (marzo de 2007). "Cospeciation in the triplex symbiosis of termite gut protists (Pseudotrichonympha spp.), their hosts, and their bacterial endosymbionts". Molecular Ecology 16 (6): 1257–1266. PMID 17391411. doi:10.1111/j.1365-294X.2006.03219.x. 
  6. Brogan J (4 de novembro de 2016). "Everyone Poops. Some Animals Eat It. Why?". Smithsonian. Consultado o 10 de novembro de 2016. 
  7. "Rabbit". Encyclopædia Britannica (Standard ed.). Chicago: Encyclopædia Britannica, Inc. 2007. 
  8. Lockley RM (1964). "Chapter 10: Reingestion". The Private Life of the Rabbit. Macmillan. p. 101–. ISBN 978-0-02-573900-0. 
  9. Hirsch J (31 de outubro de 2009). "Ban on feces in cattle feed urged". L.A. Times. 
  10. "Feeding of Poultry Manure to Cattle Prohibited". Canadian Food Inspection Agency. 2012-02-10. 
  11. Poultry world [1]
  12. "BBC Nature — Dung eater videos, news and facts". bbc.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 25 de marzo de 2012. Consultado o 2011-11-27. 
  13. Aviles-Rosa EO, Rakhshandeh A, McGlone JJ (maio de 2019). "Preliminary Study: Depriving Piglets of Maternal Feces for the First Seven Days Post-Partum Changes Piglet Physiology and Performance before and after Weaning". Animals 9 (5): 268. PMC 6562806. PMID 31126021. doi:10.3390/ani9050268. 
  14. Soave O, Brand CD (outubro de 1991). "Coprophagy in animals: a review". The Cornell Veterinarian 81 (4): 357–64. PMID 1954740. 
  15. Pareek RC (10 de xullo de 2020). "Why do HedgeHogs Eat Poop? We Explain!". Small Pet Site (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2020. Consultado o 2020-08-14. 
  16. Rothman JM, Pell AN, Nkurunungi JB, Dierenfeld ES (2006). "Nutritional aspects of the diet of wild gorillas." (PDF). En Newton-Fisher NE, Notman H, Paterson JD, Reynolds V. Primates of Western Uganda. New York, NY: Springer Science & Business Media. pp. 153–169. ISBN 978-0-387-33505-6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de outubro de 2012. 
  17. 17,0 17,1 GALLIMBERTI, U. Diccionario de psicología. Siglo XXI. ISBN 968-23-2618-4. (en castelán)
  18. Harada KI, Yamamoto K, Saito T (maio de 2006). "Effective treatment of coprophagia in a patient with schizophrenia with the novel atypical antipsychotic drug perospirone". Pharmacopsychiatry 39 (3): 113. PMID 16721701. doi:10.1055/s-2006-941487. 
  19. Rose EA, Porcerelli JH, Neale AV (2000). "Pica: common but commonly missed". The Journal of the American Board of Family Practice 13 (5): 353–358. PMID 11001006. 
  20. Holmes RM (2001-11-05). Sex Crimes: Patterns and Behavior. Thousand Oaks: Sage Publications. p. 244. ISBN 0-7619-2417-5. OCLC 47893709. 
  21. "2 Girls, 1 Cup: The Real Poop". The Smoking Gun. 30 de novembro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 2 de xaneiro de 2010. Consultado o 7 de decembro de 2007. 
  22. Marquis de Sade DF (1785). Les 120 journées de Sodome, ou L'École du Libertinage [The 120 Days of Sodom, or The School of Libertinage] (PDF) (en French). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de agosto de 2022. Consultado o 14 de febreiro de 2023. 
  23. LGBT Foundation. "Lymphogranuloma Venereum - LGBT Foundation". lgbt.foundation. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015. 
  24. "Is Oral Sex Safe?". University Health Center at the University of Georgia. Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2007. Consultado o 2007-10-12. 
  25. Millman, Lawrence (2 de febreiro de 2017). "This Shit Is a Delicacy". 
  26. Mahajan SP, Chavan SA, Shinde SA, Narkhede MB. Miraculous Benefits of Cow Urine: A Review. JDDT [Internet]. 15 de agosto de 2020 [citado 14 de febreiro de 2023];10(4-s):275-81. Available from: https://jddtonline.info/index.php/jddt/article/view/4267 [https://jddtonline.info/index.php/jddt/article/view/4267
  27. Lewin RA (2001). "More on Merde". Perspectives in Biology and Medicine 44 (4): 594–607. PMID 11600805. doi:10.1353/pbm.2001.0067. 
  28. Koopman N, van Leeuwen P, Brul S, Seppen J (2022-08-10). "History of fecal transplantation; camel feces contains limited amounts of Bacillus subtilis spores and likely has no traditional role in the treatment of dysentery". PLOS ONE 17 (8): e0272607. Bibcode:2022PLoSO..1772607K. PMC 9365175. PMID 35947590. doi:10.1371/journal.pone.0272607. 
  29. Rabelais F (2009). The Works of Francis Rabelais 2. BiblioBazaar. p. 56. ISBN 978-1-103-35398-9. 
  30. Ewe K (26 de maio de 2022). "Disturbing Details Keep Emerging About This Bizarre Poop-Eating Cult". Vice. 
  31. Walker M (10 de marzo de 2010). "Giant meat-eating plants prefer to eat tree shrew poo". BBC - Earth News. 
  32. Pappas S (9 de xullo de 2015). "How Hungry Pitcher Plants Get the Poop They Need". Live Science. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar