O Edicto de Milán (coñecido tamén como A tolerancia do cristianismo) foi promulgado en Milán no ano 313. Estableceu a liberdade de relixión no Imperio Romano, dando fin ás persecucións dirixidas polas autoridades contra certos grupos relixiosos, particularmente os cristiáns. O edicto foi asinado por Constantino I e Licinio, dirixentes respectivamente dos imperios romanos de Occidente e Oriente.

Busto de Constantino I, un dos impulsores do edicto polo que se declara a liberdade de culto.

No momento da promulgación do edicto existían no Imperio cerca de 1.500 sés episcopais, e entre 5 e 7 millóns de habitantes dos 50 que compuñan o imperio profesaban o cristianismo[1]. Logo da aprobación iniciouse a Paz da Igrexa, como é coñecida polos historiadores cristiáns.

Historia

editar

Antecedentes

editar

Anteriormente, no ano 311, o emperador Galerio emitira na cidade un edicto coñecido como o Edicto de Tolerancia de Nicomedia. Nel concedíase indulxencia ós cristiáns, recoñecéndose a súa existencia legal e a liberdade para celebrar reunións e construír templos para o seu Deus, polo que a persecución dos mesmos finalizaría.

"Recibindo esta indulxencia, eles orarán ó seu Deus pola nosa seguridade, pola da República, e pola propia, que a república continúe intacta, e para que eles poidan vivir tranquilamente nos seus fogares."(Emperador Galerio)

Desenvolvemento

editar

Nun intento por reintegrar o imperio romano baixo unha soa autoridade, Licinio armouse contra Constantino. Como parte do seu esforzo para gañarse a lealdade do exército, Licinio eximiu ó exército e ós funcionarios públicos da práctica da política de tolerancia que impuña o edicto, permitíndolles continuar a persecución de cristiáns. Como consecuencia desta orde, algúns cristiáns perderon as súas propiedades e mesmo a vida. Desde entón sobrevive a lenda que conta que 40 cristiáns en Sevaste, ó negarse a ofrendar viño ós deuses pagáns, foron torturados e encarcerados. Ó rexeitar aínda participar no rito, foron obrigados a manterse de pé nús sobre o xeo do inverno ata a conxelación. Uns cantos cederon e aceptaron renunciar ó cristianismo con tal de acompañar ós soldados nos lumes, á vez que un número semellante de soldados decidiron confesar a súa ata entón secreta devoción ó cristianismo, uníndose a aqueles no xeo. Conta a tradición que descenderon do ceo anxos que colocaron coroas nas cabezas dos mártires.

No ano 324 volve a guerra entre ambos imperios. Constantino logra vencer o 3 de xullo dese ano ó exército de Licinio na batalla de Adrianópole cercándoo dentro das murallas de Bizancio. Por outro lado, mercede á vitoria que consegue o primoxénito de Constantino, Flavio Xulio Crispo, sobre a frota de Licinio, obriga a este a retirarse a Bitinia, onde perde o seu último posto o 18 de setembro durante a batalla de Crisópole. Constantino entón logra o poder absoluto sobre o imperio, e ordena que Licinio sexa internado en Tesalónica, onde intenta alzarse en armas e é executado por traizón.

Características

editar

O edicto ou constitución imperial foi aprobado entre outra serie de medidas tomadas en conxunto polos emperadores romanos de oriente e occidente en xuño de 313. No mesmo establecíase o seguinte:

"Advertindo hai xa moito tempo que non debe ser cohibida a liberdade de relixión, senón que ha de permitirse ó arbitrio e liberdade de cada cal se exercite nas cousas divinas conforme ó parecer da súa alma, sancionamos que, tanto tódolos demais, canto os cristiáns, conserven a fe e observancia da súa seita e relixión... "...que ós cristiáns e a tódolos demais se conceda libre facultade de seguir a relixión que a ben teñan; a fin de que quenquera que fose o nume divino e celestial poida ser propicio a nós e a tódolos que viven baixo o noso imperio. Así, pois, promulgamos con saudable e rectísimo criterio esta nosa vontade, para que a ningún se negue en absoluto a licenza de seguir ou elixir a observancia e relixión cristiá. Antes ben sexa lícito a cada un dedicar a súa alma a aquela relixión que estimar convirlle".
Copias das constitucións imperiais de Constantino e Licinio, traducidas do latín ó grego

Consecuencias

editar

O edicto de Milán non só significou o recoñecemento oficial dos cristiáns, senón que trouxo como consecuencia profundos cambios dentro do Imperio Romano, así como o comezo da expansión da Igrexa Católica. O exercicio do edicto devolveu ós cristiáns ós seus antigos lugares de reunión e culto, así como outras propiedades que foran confiscadas polas autoridades romanas e vendidas a particulares: as propiedades haberán de ser devoltas ós cristiáns sen esixir pago ou recompensa de ningún tipo, e sen admitir ningún tipo de fraude ou engano. Isto brindoulle ó cristianismo (e a calquera outra relixión) un status de lexitimidade xunto co paganismo, e en efecto, depuxo ó paganismo como a relixión oficial do imperio romano e dos seus exércitos.

Aínda non se recuperaron rexistros en pedra do edicto. As citas que se coñecen proveñen dos capítulos 35 e 48 do documento histórico De mortibus persecutorum (latín: Sobre a morte dos perseguidores), escrito polo sacerdote católico Lactancio.

  1. Juan de Isasa, Historia de la Iglesia 1. Colección Flash, Editorial Acento. Madrid, 1998. (citado en Historia Antigua.doc Arquivado 23 de xaneiro de 2005 en Wayback Machine.)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar