Educación sexual
A educación sexual é o proceso de ensino e aprendizaxe das persoas respecto á sexualidade (sexo, aparello reprodutor, orientación sexual, relacións sexuais, planificación familiar, uso de anticonceptivos, reprodución, dereitos sexuais...) co obxecto de acadar unha satisfactoria saúde sexual[1].
Definición e contidos
editarFrederic Boix define a educación sexual do seguinte modo:
o conxunto de aprendizaxes que permiten o bo desenvolvemento das capacidades sexuais, a súa coordinación coas demais facultades e a consecución dunha boa interrelación coas outras persoas que resulten estimulantes pola súa condición sexuada e sexual, conseguindo altos niveis de espontaneidade e comunicación, e tamén de respecto e estima[2]
A pedagoxía en sexualidade lévase a cabo, consciente e inconscientemente, en moi diversos campos: a contorna familiar, a social, cultural e antropolóxica; no grupo de amigos; a través dos medios de comunicación, nas institucións escolares e a través das políticas de saúde pública.
A educación sexual sobre a reprodución describe o proceso no que un novo ser humano nace, incluíndo a fecundación, o desenvolvemento do embrión e o feto, e o nacemento. Usualmente tamén inclúe temas como as condutas sexuais, as ETS e a súa prevención (sexo seguro), e o uso e funcionamento dos diferentes métodos anticonceptivos.
Definir a sexualidade humana desde unha perspectiva científica, e describila desde un punto de vista xenético, hormonal, fisiolóxico, anatómico ou legal é cientificamente interesante, pero se considera insuficiente para entendela na súa totalidade se non se atende a factores psicolóxicos, sociais, antropolóxico, culturais (entre os que están os morais e relixiosos) e emocionais.
A sexualidade humana é heteroxénea e complexa, indo moito máis alá da mera reprodución e o coito. O comportamento sexual humano diríxese á satisfacción de pulsións sexuais (libido), á obtención de pracer e a unha necesidade de relación íntima. Atópase na infancia e permanece até durante o resto da vida, constituíndo un ámbito fundamental de realización e satisfacción para as persoas no encontro con outras persoas e consigo mesmo.
Contexto xeográfico
editarA existencia de embarazos non desexados, sobre todo embarazos en adolescentes, abortos inducidos en situación de clandestinidade e sen garantías sanitarias, de enfermidades de transmisión sexual como o VIH-SIDA, provocaron un sentido de urxencia á educación sexual en practicamente todo o mundo. Países moi poboados como China, India ou Corea do Norte promoven políticas de educación sexual sobre planificación familiar e control da natalidade; moitos estados africanos, onde a sida se considera unha epidemia, intentan promover unha educación sexual que permita a súa prevención mediante a utilización de métodos anticonceptivos como o preservativo.
Algúns organismos internacionais como a Federación Internacional de Planificación Familiar ven un beneficio global nos programas de educación sexual, tanto no control da natalidade, a igualdade sexual como na redución das ETS.
En moitos países de Latinoamérica aínda se lle dá moita importancia á virxindade feminina, e a educación sexual impartida nas escolas promove a abstinencia como o único método para evitar o embarazo e as ETS. Estas prácticas educativas chocan con cifras que amosan unha alta incidencia de embarazos non desexados en adolescentes neses países[3].
Nos EUA, con cifras extraordinariamente altas nas taxas de embarazos en adolescentes (levemente por baixo das de Haití), debátese se a liberdade sexual na adolescencia é algo positivo ou negativo, e se a información sobre o uso de métodos anticonceptivos (como o condón, a pílula anticonceptiva, o anel vaxinal ou os anticonceptivos de emerxencia) reducen ou incrementan as posibilidades de embarazos ou ETS na mocidade.
Etapas no desenvolvemento social e sexual
editar- De 0 a 1 anos
A sexualidade está vinculada á relación coa nai e o pai, e vívese a través dos coidados e as caricias. A través deles créanse lazos afectivos que serán necesarios para o desenvolvemento social e sexual.
- De 1 a 3 anos e medio
Na segunda etapa, hai un estreito vínculo coa familia, o que vai enriquecendo o pensamento. Experiméntanse máis sensacións de pracer ao controlar os esfínteres e a evacuar, comezando a coñecer o propio corpo, as súas necesidades e o que lle produce pracer.
- De 3 anos e medio a 6 anos
Este período caracterízase pola exploración do mundo, tanto a nivel físico, como social, co que reforzan os vínculos coa familia e as amizades. Comenzan a descubrir a súa sexualidade. É común o proceso de namoramento do proxenitor do sexo oposto (complexo de Edipo e complexo de Electra). Amais, aprenden a relacionarse con outras persoas e a ensaiar os seus roles sociais así como a identificar o propio sexo. Nesta etapa é importante evitar a coacción ante as condutas que poidan ser clasificadas como do sexo oposto.
- De 6 a 9 anos
Na cuarta etapa o crecemento físico vai equilibrándose co desenvolvemento afectivo, permitindo que xurda o interese de coñecer e saber sobre o mundo e os seus fenómenos. Da mesma maneira, é fundamental o recoñecemento das persoas do seu contorno cara a eles, e como afecta isto á concepción da súa propia imaxe.
O interese sexual céntrase no coñecemento do corpo e dos órganos sexuais. Os xogos sexuais forman parte desta etapa e son un elemento clave para a formación da identidade sexual. Os valores da sociedade e da familia sobre a sexualidade inflúen moito nesta etapa.
- Mocidade - de 10 a 24 anos
- Artigo principal: Mocidade.
A mocidade, segundo a OMS, esténdese dos 10 aos 24 anos, e inclúe a puberdade, adolescencia inicial ou preadolescencia (dos 10 aos 14 anos), a adolescencia media ou tardía (dos 15 aos 19) e a mocidade plenta (dos 20 aos 24 anos).[4]
- Puberdade, adolescencia inicial o preadolescencia
- Artigo principal: Puberdade.
Nesta etapa actívanse as hormonas sexuais, que determinarán os cambios físicos e psicolóxicos. Ao principio o corpo sofre un crecemento acelerado. Despois aparecen unha serie de cambios de forma: ás rapazas crécenlles as cadeiras e os peitos e sáelles pelo na pube; aos rapáces múdalles a voz, crécenlles os xenitais e aparécelles pelo na pube.
Hai cambios na aparencia física, pero psicoloxicamente aínda non se produce a maduración. As nenas desenvólvense antes que os nenos -aproximadamente un ano-. É a etapa da rebeldía cos proxenitores.
Nesta etapa acádase a madurez biolóxica, pero aínda non está completada xeralmente a madurez psicolóxica e social. Neste período experiméntanse emocións contraditorias. Por unha parte aínda non se abandonaron certos caracteres da infancia e ao tempo empézanse a experimentar sensacións propias de adulto.
- Adolescencia
- Artigo principal: Adolescencia.
Na adolescencia a procura dunha identidade propia é a tarefa central. Créanse conflitos e inseguridades. Os conflitos cos proxenitores son numerosos, xa que adoitan apertar e orientar na toma de decisións segundo as súas definicións. A mocidade adoita facer duras críticas á sociedade, e créanse amizades sólidas.
Neste momento as persoas comezan a establecer relacións de parella. Os proxenitores deben establecer unha serie de normas de forma consensuada cos fillos e fillas, a partir das cales se poden tomar as decisións propias, respectando sempre os valores e normas das persoas.
Declaración universal dos dereitos sexuais
editarNo XIII Congreso Mundial de Sexoloxía, celebrado en 1997 en València, formulouse a Declaración universal dos dereitos sexuais, revisada e aprobada pola asemblea xeral da Asociación de Sexoloxía o 26 de agosto de 1999 no CXL Congreso Mundial de Sexoloxía, celebrado en Hong Kong[5]
- Dereitos sexuais
- Dereito á liberdade sexual
- Dereito á autonomía sexual, integridade sexual e a seguridad do corpo sexual.
- Dereito á privacidade sexual.
- Dereito á igualdade sexual (equidade sexual).
- Dereito ao pracer sexual.
- Dereito á expresión sexual emocional.
- Dereito á libre asociación sexual.
- Dereito a tomar decisións reprodutivas, libres e responsables.
- Dereito á información baseada no coñecemento científico.
- Dereito á educación sexual comprensiva.
- Dereito á atención clínica da saúde sexual.
Métodos anticonceptivos
editar- Artigo principal: Métodos anticonceptivos.
- Anel vaxinal ou anel anticonceptivo mensual: É un anel de plástico flexible que a muller coloca na vaxina coma un tampón hixiénico. Na vaxina o anel libera as hormonas anticonceptivas nunha dose moi baixa e constante sen picos de hormonas, que pasan ao sangue e impiden a ovulación. A súa eficacia é do 99,7 %.
- Parche anticonceptivo semanal: É un parche que se coloca sobre a pel limpa e seca, e a través da pel o parche libera hormonas anticonceptivas que impiden a ovulación. Cómpre asegurarse cada día de que o parche estea ben pegado.
- Pílula anticonceptiva: contén hormonas que impiden a ovulación, e tómase unha vez ao día durante 21 días, deixando 7 días de descanso.
- Implante hormonal: É un método anticonceptivo a longo prazo. Consiste na inserción baixo a pel do brazo dunha pequena vara de plástico flexible, que libera unha hormona en dose moi baixa.
- Dispositivo intrauterino (DIU): Funciona impedindo o paso dos espermatozoides no seu traxecto intrauterino, evitando así a fecundación e a implantación do ovulo no útero.
- Preservativo feminino e preservativo masculino: Impide a chegada dos espermatozoides ao óvulo. É eficaz tamén fronte a algunhas ETS.
- Outros métodos anticonceptivos: coito interrompido, Ogino-Knaus, temperatura basal, control do moco cervical ou método Billings, uso de espermicida, diafragma e inxección de proxestáxeno.
- Esterilización ou Anticoncepción irreversible: ligadura de trompas, dispositivos intratubáricos e vasectomía.
- Postcoital
- Anticonceptivos de emerxencia: Levonorgestrel (coñecido como pílula do día despois ou pílula do día seguinte), Acetato de ulipristal (coñecido como pílula dos cinco días despois, marca ellaOne), Dispositivo intrauterino (introducido despois do coito), Mifepristona (RU-486) en moi pequenas doses (20–50 mg) e sempre baixo supervisión médica, Método de Yuzpe (combinacións de estróxenos e proxestinas).
Enfermidades de transmisión sexual
editar- Artigo principal: Enfermidades de transmisión sexual.
As infeccións ou enfermidades de transmisión sexual transmítense de persoa a persoa por medio de contacto íntimo durante as relacións sexuais. Entre elas están a gonorrea, a sífilis o VIH (que produce a SIDA), a clamidia, o papiloma humano, o herpes xenital, a tricomoníase e uretritis non gonocócicas difíciles de diagnosticar.
A mellor prevención para evitar as ETS é o uso do preservativo nas relaciones sexuais, así como unha hixiene coital e postcoital adecuada.
Orientación sexual: heterosexualidade, homosexualidade e bisexualidade
editar- Artigo principal: Orientación sexual.
A orientación sexual clasifícase habitualmente en función do sexo ou das persoas desexadas en relación co do suxeito:
- homosexual (cara ao mesmo sexo)
- heterosexual (cara ao sexo oposto)
- bisexual (cara a ambos os dous sexos)
- asexual (falta de orientación sexual)
- pansexual (cara a todo o todos, incluíndo inclinación ás persoas con ambigüidade sexual, transexuais/transxéneros, e hermafroditas)
- Informe Kinsey
- Artigo principal: Informe Kinsey.
Dentro dos estudos sobre a demografía da orientación sexual, o informe Kinsey constituíu un fito no momento da súa realización (1948-1953). Este informe contradí as simplificacións sobre a orientación sexual que a reducen á heterosexualidade e homosexualidade como dúas caras opostas e onde a bisexualidade estaría nun punto intermedio. A realidade que amosa o informe Kinsey é máis complexa. Realizado por Alfred C. Kinsey, é un dos máis amplos estudos levados a cabo sobre a conduta sexual humana, e ofreceu como resultado un modelo en que se situarían os diferentes individuos (homes ou mulleres) nunha escala do 0 ao 6 en función da súa historia e vivencia sexual previa, xa sexa en determinado momento da súa vida ou en toda a vida[6].
- 0. Exclusivamente heterosexual.
- 1. Predominantemente heterosexual e só incidentalmente homosexual.
- 2. Predominantemente heterosexual e con experiencias homosexuais máis que incidentais.
- 3. Igualmente heterosexual e homosexual (bisexual).
- 4. Predominantemente homosexual e con experiencias heterosexuais máis que incidentais.
- 5. Predominantemente homosexual e só incidentalmente heterosexual.
- 6. Exclusivamente homosexual.
Prácticas sexuais
editarMasturbación
editar- Artigo principal: Masturbación.
A masturbación é a estimulación dos órganos xenitais co obxecto de obter pracer sexual, podendo chegar ou non ao orgasmo. As técnicas de masturbación son numerosas, pero adoitan consistir na estimulación directa dos órganos externos. Iníciase de modo máis ou menos explícito na infancia.
Petting
editar- Artigo principal: Petting.
Denomínase petting ás relacións sexuais sen penetración (coito). O coito posibilita, cando se realiza sen métodos anticonceptivos, o embarazo e a reprodución. O petting permite a obtención de pracer mediante o intercambio de caricias e beixos, pero sen chegar á penetración, polo que non é necesario o uso de métodos anticonceptivos.
Fantasías sexuais: parafilias
editar- Artigo principal: Parafilia.
Denomínanse parafilias ao patrón de comportamento sexual caracterizado por prácticas ou fantasías pouco frecuentes, extravagantes, intensas e recorrentes, tanto na cualidade dos impulsos sexuais (sadismo, masoquismo, voyeurismo ou exhibicionismo) como no obxecto (pedofilia ou zoofilia).
Valores da sexualidade
editarUn valor sexual é unha cualidade real o ideal, desexada ou desexable pola súa bondade, cuxa forza estimativa orienta a vida humana, desde a súa dimensión comunicativa e simbólica.
Así pódese afirmar que o valor sexual dinamiza o crecemento persoal. Na apropiación creativa de valores sexuais vaise ampliando o horizonte da nosa propia realidade persoal, para ben propio, das persoas que nos rodean e da sociedade en xeral.
Notas
editar- ↑ Defining sexual health: report of a technical consultation on sexual health, Organización Mundial da Saúde. Geneva, 28–31 de xaneiro de 2002 (en inglés).
- ↑ BOIX, Frederic: "De la repressió a la psicopedagogia sexual" Arquivado 14 de abril de 2011 en Wayback Machine.. Ed.: Nova Terra. Col. Noves Actituds. Barcelona, 1976, p. 116 (en catalán).
- ↑ "Estatísticas demográficas internacionais". Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2010. Consultado o 17 de abril de 2011.
- ↑ "La salud de los jóvenes: un desafío para la sociedad". Informe Salud para todos en el año 2000, páx. 12. OMS (en castelán).
- ↑ Declaración dos dereitos sexuais Arquivado 22 de xullo de 2011 en Wayback Machine. (en castelán).
- ↑ "El Informe Kinsey", artigo de Cristina Saavedra na revista Índice, 2006 (en castelán).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Gervilla Castillo, E.: "Un modelo axiológico de educación integral". Artigo na Revista Española de Pedagogía, n-215,58, pp. 39–57 (200).
- Oliveira Malvar, Mercedes e Traba, Amada. Ám@me : pensar o amor no século XXI.
- Torices R., I e Ávila G., G.: Orientación Sexual para personas con discapacidad. Aspectos generales y específicos. (2007).
- Vélez Laguado, Patricia: "La sexualidad en la discapacidad funcional". Revista Ciencia y Cuidado (2006).
- Zapata Boluda, R.M. (Coord.): Educación para la salud sexual. Almería: Sistemas de oficina de Almería, S.A. (2008).
Ligazóns externas
editar- Familume, María Angélica: "Discapacidad y educación sexual"