Diario de Pontevedra

xornal galego
(Redirección desde «El Diario de Pontevedra»)

Diario de Pontevedra, anteriormente El Diario de Pontevedra, é un xornal que se edita ininterrompidamente na cidade de Pontevedra dende 1968 pero que xa iniciara a súa andaina en 1889, propiedade dende 1999 do Grupo El Progreso de Lugo. Dende o ano 2001 ten a súa sede na rúa Lepanto. A impresión realízase na rotativa de El Progreso en Lugo.

Diario de Pontevedra

Editar o valor en Wikidata
Fundación1 de abril de 1889
PropietarioGrupo El Progreso
DirectorMiguel Ángel Rodríguez González
Lingualingua castelá e lingua galega
LocalidadePontevedra
ISSN2386-4109
Na rede
https://www.diariodepontevedra.es/
Twitter: Diario_Pontev Galiciana: 2705 BNE: XX106620 Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

É un periódico de carácter eminentemente local e provincial, centrado na contorna da cidade de Pontevedra. Conta con delegacións en Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo e O Grove, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Vigo, Lalín e A Estrada.

Traxectoria

editar

O actual Diario de Pontevedra é herdeiro doutras cabeceiras xornalísticas da cidade, algunhas mesmo co mesmo título. Ao longo da súa historia sufriu varias suspensións, ata a súa última resurrección, en abril de 1968.

Precedentes

editar

Entre xuño e outubro de 1879, publicouse un Diario de Pontevedra, editado e dirixido por Claudio Cuveiro. Presentábase como "xornal de intereses xerais, noticias e anuncios". En 1881, sae outro Diario de Pontevedra, editado polo xornal El Anunciador, para eludir unha sanción gobernativa.

Primeiras etapas

editar
 
El Diario de Pontevedra. Número 3847, 16/4/1897.

Despois doutros títulos instrumentais, tamén pensados para eludir as sancións que sufría El Anunciador, o 1 de agosto de 1889 sae ás rúas un terceiro Diario de Pontevedra, propiedade de Andrés Landín. En 1922, os propietarios venden a cabeceira ao empresario Evaristo Paredes, quen tamén se ocupa da dirección. Era un xornal que inicialmente seguía a doutrina política de Montero Ríos, aínda que posteriormente derivou cara temas máis locais. Un coñecido xornalista, Alfredo Vicenti, asumiu a dirección no ano 1912.

Esta nova etapa do Diario de Pontevedra remata o 28 de febreiro de 1939, por orde do Ministerio de Interior do novo Goberno franquista.

O 15 de setembro de 1963, a cidade recupera o Diario de Pontevedra. É froito das xestións de varias institucións locais, entre as que destaca a Cámara de Comercio pontevedresa, que entende que a capital provincial necesitaba un xornal de seu. Nesta etapa, o presidente do consello de administración é Emilio González de Hoz, con Enrique Paredes como director.

As dificultades económicas obrigan a pechar en setembro de 1967, despois dunha época na que no Diario de Pontevedra asinaron persoeiros como Julio Camba, Celso Emilio Ferreiro ou Ramón Otero Pedrayo.

Dende 1968

editar

O Diario de Pontevedra, retoma a súa actividade o 2 de abril de 1968. A xestión corre a cargo dunha cooperativa de traballadores, unha forma empresarial pouco común na prensa española. A cooperativa encoméndalle a dirección a Pedro Rivas Fontenla.

A etapa da cooperativa prolongouse ata xuño de 1999. Neste período, o Diario de Pontevedra pasou por unha fase de titulares rechamantes, lindeiros do sensacionalismo, como "Los jueves, milagro" (sobre unha baixada do prezo do gasolina) ou "Ratón de un solo agujero" (sobre a fidelidade que o príncipe Rainiero de Mónaco lle rendía á súa defunta esposa Grace Kelly). En 1976 o xornal recibiu ameazas do Frente Fascista Revolucionario, acusado de reproducir artigos de revistas roxas como Cambio 16 ou Guadiana[1].

En 1999, o Diario de Pontevedra é adquirido polo Grupo El Progreso, que coloca na presidencia a Antonio de Cora García, descendente da familia fundadora do xornal lugués e fillo da presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro. Da dirección ocúpase Antón Galocha. O Grupo El Progreso completa a modernización informática do diario pontevedrés, que pasa de ser un dos xornais galegos de aspecto máis "clásico" a se converter nun dos máis avanzados en cuestións de deseño.

En xaneiro de 2013 Antón Galocha foi relevado da dirección que pasou a ser asumida por Pedro Antonio Pérez Santiago.[2] Dende marzo do 2016, o novo director do xornal é Miguel Ángel Rodríguez González.[3]

Malia a súa pertenza ao grupo lugués, o xornal mantén o seu carácter local, mesmo nas promocións e nos enfoques das noticias. Contou cunha edición electrónica propia ata que en decembro de 2007 integrouse, como os outros xornais do grupo, na plataforma Galiciaé.

  1. "Quieren quemar el Diario de Pontevedra", artigo en Diario 16, 1 de decembro de 1976. Consultado no Arquivo Linz da Fundación March (en castelán).
  2. "Pedro Pérez, nomeado director de Diario de Pontevedra". Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2014. Consultado o 27 de agosto de 2014. 
  3. "Miguel Ángel Rodríguez asume la dirección de Diario de Pontevedra" 9/3/2016 (en castelán).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar