El Eco de Orense
El Eco de Orense foi un xornal editado en Ourense entre 1880 e 1909.
El Eco de Orense | |
---|---|
Fundación | 1880 |
Lingua | lingua castelá |
Localidade | Ourense |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia e características
editarSubtitulado Periódico político, Periódico liberal, Diario político e Diario de la mañana, o periódico comezou tendo un carácter bisemanal, editándose os mércores e sábados, a partir de 1887 principiou a publicarse tres veces á semana (martes, xoves e sábados) ata que, finalmente, dende primeiros de agosto de 1892 ata 1909 (data do seu cesamento) saíu diariamente, con excepción dos festivos.
Foi fundado polo deputado liberal Vicente Pérez, e exerceron como directores Rodríguez Quiroga (1880-1883), Valentín Lamas Carvajal (1883-1906), Modesto Lamas Sánchez (1906-1908) e Antonio Fuentes Fernández (1908-1909).[1] Entre os seus redactores figuraron Juan Neira Cancela, Arturo Vázquez Núñez, Álvarez de Nóvoa, Basilio Álvarez, José Adrio Menéndez, Alfonso Carballo Rey, Julio Carballo Enríquez e Juan J. Reza. No campo literario contou coas colaboracións de Alberto García Ferreiro, Saco y Arce, Manuel Martínez Sueiro e Antonio Rey Soto.
Ademais de información xeral ofrecía artigos de crítica ás autoridades locais. Foi un periódico bilingüe con predominio do castelán (o galego reducíase, polo común, a algúns textos literarios) e entre o seu contido, destacaban particularmente a publicación de folletíns, as críticas ás autoridades ourensás (moitas delas recollidas en "Ecos") e as seccións "En broma", "Instantáneas" e as populares "Mostacillas".
O xornal iniciou a súa publicación defendendo a política liberal do seu fundador, Vicente Pérez, pasou logo a adoptar un liberalismo singular e independente deste, e despois rompeu toda relación co seu creador, amosando a súa oposición a Vicente Pérez, despois de que este crease El Miño en 1898, converténdose nun medio achegado ao clericalismo, cunha postura máis conservadora.
Notas
editar- ↑ La Correspondencia Gallega, 20-7-1908, p. 3
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Eco de Orense, El". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Santos Gayoso, Enrique (1990). Historia de la prensa gallega 1800-1986. Cuadernos do Seminario de Sargadelos (en castelán) 52. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-489-8.
- Vilanova Rodríguez, Alberto; et al. (2005). "Eco de Orense, El". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.