Emilio Pérez Touriño
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Emilio Pérez Touriño, nado na Coruña o 8 de agosto de 1948, é un economista e político galego. Foi o presidente da Xunta de Galicia dende o 2 de agosto de 2005 ata marzo de 2009, e Secretario Xeral do PSdeG dende 1998 ata o 2 de marzo de 2009.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de agosto de 1948 (76 anos) A Coruña, España |
4º Presidencia da Xunta de Galicia | |
2 de agosto de 2005 – 18 de abril de 2009 ← Manuel Fraga Iribarne – Alberto Núñez Feijóo → | |
Deputado do Parlamento de Galicia | |
19 de outubro de 1997 – 10 de marzo de 2010 | |
Deputado no Congreso dos Deputados | |
15 de marzo de 1996 – 28 de outubro de 1997 – Bonifacio Borreiros → Lexislatura: VI lexislatura de España Circunscrición electoral: Circunscrición electoral da Coruña Electo en: Eleccións Xerais 1996 en España | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | político, economista |
Partido político | Partido Socialista Obrero Español |
Membro de | |
Premios | |
Traxectoria
editarPérez Touriño realizou estudos de especialización no Instituto de Investigación e Planificación do Desenvolvemento na Universidade de Grenoble (Francia). É doutor en Ciencias Económicas e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, onde foi vicerreitor para Asuntos Económicos.
Durante a transición democrática foi dirixente estudantil e activo militante progresista e participou directamente no proceso do Estatuto de Autonomía de Galicia e nos Pactos do Hostal que o posibilitaron. Era entón membro do PCG.
Entrou na política da man de Abel Caballero cando este era ministro de Transportes, Turismo e Comunicacións. Foi primeiro xefe do seu gabinete e logo subsecretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente. En 1994 Luis Roldán acusouno de intervir no pagamento de comisións,[Cómpre referencia] polo que renunciou aos seus cargos políticos, aínda que rexeitase sempre a súa implicación. Recibiu a Gran Cruz do Mérito Civil nese mesmo ano. Regresou á docencia ata o ano 96.
En 1998 substituíu a Paco Vázquez como secretario xeral do PSdeG. As relacións entre os dous políticos non son moi boas debido á oposición deste último a chegar a calquera acordo co BNG. No último Congreso do PSOE perdeu o posto que tiña na Comisión Executiva Federal, pero conta, en principio, co apoio do secretario de organización, Xosé Blanco. A súa liña ideolóxica é galeguista, socialdemócrata e federal.
Dende o 2 de agosto de 2005 encabezou un goberno de coalición co BNG coñecido como bipartito galego, que aspirou a reformar o Estatuto de Autonomía.
Nas eleccións ao parlamento de Galicia do 1 de marzo de 2009, presentouse candidato á presidencia polo PSdeG, pero esta vez a coalición co BNG non foi suficiente para superar á maioría absoluta coa que o PP gañou as eleccións. O día 2 de marzo, Touriño asume a súa derrota e renuncia á fronte do Partido Socialista de Galicia[1]. Un ano máis tarde, o 10 de maio de 2010 renunciou ao seu escano no parlamento galego[2].
Touriño é tamén autor de múltiples estudos sobre asuntos de desenvolvemento rexional e economía agraria no eido da Unión Europea. Premio Nacional de Publicacións Agrarias, Pérez Touriño dirixiu asemade traballos e publicacións en relación coas infraestruturas e o crecemento económico de Galicia.
Obras
editar- Agricultura y capitalismo: análisis de la pequeña producción campesina (1983). Madrid: Servicio de Publicaciones Agrarias. ISBN 84-7479-211-8
- Economía campesiña e capital: a evolución da agricultura galega (1960-1980) (1983). con José Colino Sueiras. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-429-6
- A Galicia emprendedora (2000). Vigo : Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-8302-592-2
- En clave de país (2001). Santiago de Compostela: TresCtres. ISBN 84-932136-2-4
- O futuro é posible: retrato dun tempo de cambio : Galicia (1998-2009) (2012). Vigo: Galaxia. ISBN 9788498654660.
- Crise global e crise da política: unha ollada dende Galicia (2014). Vigo: Galaxia. ISBN 978-84-9865-550-6.
- El horizonte europeo (2022). USC. 177 páxs. ISBN 9788419155856.
Notas
editarVéxase tamén
editarA Galicitas posúe citas sobre: Emilio Pérez Touriño |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Emilio Pérez Touriño |
Bibliografía
editar- "Pérez Touriño, Emilio". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
Ligazóns externas
editar- Currículo na páxina presidentetourino.com aberta para as eleccións galegas do 2005
- Biografía en todopolítica.com
Predecesor: Manuel Fraga Iribarne |
Presidente da Xunta de Galicia 2005–2009 |
Sucesor: Alberto Núñez Feijóo |
Predecesor: Francisco Vázquez Vázquez |
Secretario Xeral do PSdeG-PSOE 1998 – 2009 |
Sucesor: Pachi Vázquez |