Festa da Palabra Silenciada
Festa da Palabra Silenciada é unha revista anual de carácter político-cultural producida dende maio de 1983 en Vigo por Feministas Independentes Galegas (FIGA) e dirixida[1] por María Xosé Queizán.
Festa da Palabra Silenciada | |
---|---|
País | España |
Lingua | varios idiomas |
Circulación | |
ISSN | 1139-4854 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Aínda que os seus contidos se foron ampliando dende o comezo, os máis significativos son o reflexo do pensamento feminista[2] en moi diversos aspectos da realidade e a crítica, centrada na autoría feminina, de textos literarios galegos.
Contexto
editarOs anos de represión e de silenciamento durante a etapa final do franquismo atinxían moi especialmente ás mulleres. Durante a Transición[3] estalou unha nova actividade política e cultural que deu grande impulso ao asociacionismo feminista.[4]
Neste marco social apareceu a Asociación Galega da Muller (1976), a Asociación Democrática da Muller Galega (1977) ou Feministas Independentes Galegas (1978), agrupacións que se centraron na reivindicación da memoria colectiva silenciada durante a ditadura. Coas leis e institucións emanadas do novo réxime parlamentario, por vez primeira desde a II República as mulleres reinician o camiño da conquista dos seus dereitos.
Primeiros pasos e evolución
editarFesta da Palabra foi creada co obxectivo de promover o pensamento e a crítica feminista nos ámbitos políticos, artísticos e científicos, así como visibilizar a creación feminina, focalizando a súa análise na literatura e nas artes audiovisuais.
Nun primeiro momento a autoría da revista foi exclusivamente feminina, dende a maquetación ata o material gráfico; porén, a partir de 1998 comezou a participación masculina. Este feito coincide coa minimización do adxectivo silenciada na cabeceira da revista, o cal se debe á consideración das editoras dun cumprimento parcial das súas reivindicacións e aspiracións. Como consecuencia, a partir do número 14 a revista pasou a chamarse simplemente Festa da Palabra.
Contidos
editarUnha das principais características da Festa da Palabra é a gran variedade temática. Entre os seus números podemos atopar reflexións sobre arquitectura (nº 14), pintura (nº 11) ou ciencia (nº 20). Este amplo abano de contidos[5] complétase cos números especiais adicados a figuras destacadas tanto da literatura galega[6] como do feminismo. As elixidas ata o número 21 son: Rosalía de Castro (nº 2), Francisca Herrera Garrido (nº 3), Xohana Torres (nº 4), Emilia Pardo Bazán (nº 6), Pura e Dora Vázquez (nº 12), Simone de Beauvoir (nº 15) e María Mariño (nº 21).
Outro trazo destacable do contido da Festa da Palabra é o seu pluralismo cultural e lingüístico. Nas súas páxinas podemos atopar escritoras doutras comunidades autónomas e doutros estados (Kathleen March, Rhea Tregebov no nº 8 etc.)
Produción
editarA coordinación da primeira publicación correu a cargo de Isabel Mouriz e María Xosé Queizán, quen foi a única coordinadora da revista dende os números 2 ata o 13. A partir da publicación do número 14 pasou a ocupar o posto de directora da mesma.
A deseñadora da revista dende os seus inicios é Margarita Ledo Andión. A ela se debe logo un formato moi característico con portada en cor dunha soa imaxe e impresión en branco e negro. Este deseño non sería practicamente modificado nos 29 números publicados ata a actualidade.
A asesoría lingüística foi exercida por Marga Rodríguez Marcuño durante toda a traxectora da revista.
A edición correu a cargo do grupo FIGA, que financiou a revista ata o nº 9. A partir deste momento a Consellería de Igualdade do Concello de Vigo comezou a subvencionar a súa produción.
Notas
editar- ↑ "Festa da palabra silenciada". festadapalabrasilenciada.org. Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2016. Consultado o 2016-06-02.
- ↑ "Festa da palabra silenciada | F O N D O S D O C U M E N T A I S | Consello da Cultura Galega". consellodacultura.gal. Consultado o 2016-06-02.
- ↑ "Centro de Documentación da AELG". www.aelg.org. Consultado o 2016-06-02.
- ↑ "As agrupacións feministas galegas dos anos 70 e 80" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de febreiro de 2018.
- ↑ "Festa da palabra silenciada - Dialnet". dialnet.unirioja.es. Consultado o 2016-06-02.
- ↑ "Festa da palabra y el canon literario gallego contemporáneo: la labor (des)mitificadora de Chus Pato y Ana Romaní" (PDF).
Véxase tamén
editarBibliografía
editarAs referencias deste artigo non teñen un formato correcto. Podes colaborar editándoas como se indica nesta páxina. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
- Bermúdez, Silvia(2011 [2001]). “Festa da Palabra y el canon literario gallego contemporáneo: la labor (des)mitificadora de Chus Pato y Ana Romaní”. En María Luz Suárez e Isabel Seoane (coords.), Letras galegas en Deusto: dez anos de estudios galegos, 1991-2001. Bilbao: Universidade de Deusto, 33-44.
- Festa da palabra silenciada. Fondos documentais do Consello da Cultura. (s.d.).
- Cordal, Xabier (s.d.)."A fin do silenciamento" ProTexta, n.º 13.
- Festa da Palabra Silenciada. (s.d.).
- Galiza Sempre. (s.d.). As agrupacións feministas galegas dos anos 70 e 80.
- González, H. (2014). Festa da palabra silenciada. Centre Dona i Literatura.
Ligazóns externas
editar- Festa da Palabra Silenciada en Dialnet.
- Festa da Palabra Silenciada na Hemeroteca do Consello da Cultura Galega