Filoxera
Filoxera | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Dactylospharea vitifoliae Fitch, 1855 |
A filoxera ou filoxera da vide[1] (Dactylosphaera vitifoliae) é un insecto, parasito da videira, da orde dos hemípteros clasificado correctamente como Phylloxeridae por vez primeira por Jules Émile Planchon en 1868 que o denominou Phylloxera vastratix, nome que aínda se pode atopar na actualidade.
Características
editarFoi nomeado con anterioridade coma Peritymbia vitisana en 1854 por Asa Fitch nos Estados Unidos ao describir as formas ápteras dos bugallos das follas. Henri Schimer sepárao do xénero Peritymbia ao descubrir a forma alada dándolle o nome Dactylosphaera vitifoliae.
En Europa, en 1868, é nomeado provisionalmente Rhizaphis vastatrix por Planchon para describir as formas residentes nas raíces e posteriormente Phylloxera vitifoli cando se establece a relación entre as formas radicícolas e as galliformes e se decide que pertence á mesma familia que a filoxera da aciñeira. En 1869 vólvese á denominación Dactylosphaera vitifoliae ao acharen que todas estas formas tanto americanas como europeas pertencen á mesma especie.
Dáse tamén o nome de filoxera á enfermidade da vide que provoca o insecto. Esta doenza coñécese tamén coma enfermidade de Pierce que é en realidade a vertente bacteriana da infección.
Descrición
editarA filoxera é un insecto miudiño picador, parasito da videira, emparentado cos pulgóns e dun polimorfismo moi marcado:
- as formas partenoxenéticas (femias que se reproducen sen intervención do macho dando novas femias) son ápteras, de cor variábel entre o amarelo e o ocre e dun tamaño variábel entre 0,3 e 1,4 mm. Atópanse de dúas formas:
- gallícolas que moran sobre as follas;
- radicícolas que moran sobre as raíces;
- as formas sexuais, sen pezas bucais e que non se alimentan:
- as femias aladas de dous a tres milímetros:
- os machos ápteros de 0,3 a 0,5 mm.
Importancia económica
editarA filoxera é orixinaria do leste dos Estados Unidos e provocou unha grave crise vitícola en Europa a partir de 1863, tamén en Galiza, por exemplo no mencía. Necesitáronse máis de trinta anos para superar a praga grazas a padróns de orixe americana que eran naturalmente resistentes á filoxera. Dende que se utiliza este sistema a filoxera volveuse un problema menor. Actualmente todos os viñedos do mundo agás os chilenos, algúns españois e os plantados en solos areentos, son enxertos desta clase.
Existe ademais unha filoxera da pereira, endémica de Portugal que apareceu en Francia por vez primeira en 1945.
A contaminación dun pé de videira europea pola filoxera produce a súa morte en tres anos. Son as xeracións radicícolas que forman nodosidades nas raíces que poden ser infectadas ou provocar a formación de tumores denominados tuberosidades que acaban matando a planta. As xeracións gallícolas producen bugallos que non son mortais para a planta e que provocan unha desclorificación da folla.
Nas vides americanas son as xeracións gallícolas as máis perigosas xa que as raíces non sofren dano algún polas picadas da filoxera.
A única cepa europea nativamente resistente a filoxera é a uva Assyrtiko que medra na illa volcánica de Santorini, Grecia, sen se saber con certeza se a súa resistencia é debida ao sistema radicular per se ou ás cinsas volcánicas onde medra.
Dende 1979 un xeito de fuxir da filoxera, é producir os viñedos nas praias areentas da Provenza: Bouches-du-Rhône, estendéndose da costa Gard á vila mariñeira de Saintes Maries de la Mer. A area, o sol e o vento desas áreas impiden a contaminación pola filoxera. O viño producido alí coñécese coma "Vins des Sables" ou "viño das areas".[2]
As rexións viñateiras do mundo que se consideran ceibas de filoxera son Chipre, a illa de Creta (Grecia), as illas Canarias[3] e Chile.
Notas
editar- ↑ Nomes vulgares galegos en "Os cultivos agrícolas" en Vocabulario do medio agrícola. Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988
- ↑ "Wines of the Sand". Feature Article. Novus Vinum. 17 de setembro de 2006. Consultado o 5 novembro 2008.
- ↑ Web de El Mundo del Vino - [1]