Girolamo Savonarola
Girolamo Maria Francesco Matteo Savonarola, nado en Ferrara, Italia o 21 de setembro de 1452 e finado en Florencia o 23 de maio de 1498, foi un relixioso dominico e predicador italiano, confesor do gobernador de Florencia, Lourenzo de Medici, organizador das soadas fogueiras das vaidades onde os florentinos estaban convidados a guindar os seus obxectos de luxo e os seus cosméticos, ademais de libros que consideraba licenciosos, como os de Giovanni Boccaccio. Predicou contra o luxo, o lucro, a depravación dos poderosos e a corrupción da Igrexa católica, contra a procura da gloria e contra a sodomía, sospeitando que estaba en toda a sociedade de Florencia, onde el viviu.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de setembro de 1452 Ferrara (Ducado de Ferrara) |
Morte | 23 de maio de 1498 (45 anos) Florencia (República de Florencia) |
Causa da morte | pena de morte, morte na fogueira |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de Ferrara (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Filosofía, teoloxía, homilética (pt) , política e Reforma Protestante |
Ocupación | político, predicador, teólogo, escritor, filósofo, relixioso cristián, reformator (en) |
Empregador | Universidade de Ferrara (pt) |
Movemento | Filosofía occidental |
Profesores | Peter of Bergamo (pt) |
Orde relixiosa | Orde dos Predicadores |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Савонарола Джироламо) Biblioteca dixital BEIC Obálky knih, |
Predixo que un novo rei Ciro atravesaría o país para pór orde nos costumes dos sacerdotes e do pobo e a entrada do exército francés de Carlos VIII, en 1494, na Toscana confirmou a súa profecía. As súas críticas violentas contra a familia que gobernaba Florencia neses anos, os Medici, acusándoos de corruptos, contribuíron á expulsión do gobernador Piero de Medici polos florentinos en 1495. Os seus ataques contra o papa Alexandre VI valéronlle, primeiramente a excomuñón e a prisión, e máis tarde, tras ser liberado e conducido a Roma polos grandes comerciantes florentinos, a condena á fogueira por un tribunal da Inquisición e a inclusión da súa obra no Índice de libros prohibidos.
Traxectoria
editarFormación (1452-1482)
editarSavonarola foi o terceiro dos sete fillos do comerciante Nicoló dei Michele dalla Savonarola e de Elena Bonacolsi, descendente da nobre familia dos Bonacolsi, que foron señores feudais de Mantua. Segundo o costume das familias acomodadas, estes entregaron varios dos seus fillos á Igrexa para que se educasen e fosen sacerdotes. O avó, Michele (1385-1468), era doutor e autor famoso en medicina, médico do marqués Niccolò III de Este e dos gobernantes de Ferrara. Michele Savonarola, o seu avó, era un home profundamente relixioso, estudoso da Biblia, de costumes sinxelos e terminantes. Na súa vellez escribiu folletos, como De laudibus Iohanni Baptistae, os cales, xunto coa súa educación e o seu estilo de vida, foron moi importantes na formación de Girolamo. Encargouse da súa primeira educación ensinándolle gramática, música e, máis tarde, debuxo. Dos irmáns máis vellos, Ognibene e Bartolomeo, non se teñen noticias, mentres que dos outros irmáns, Maurelio, Alberto, Beatrice e Chiara, sábese soamente que Alberto era médico e Maurelio era frade dominico, igual que Girolamo.
Despois da morte do avó, o pai, Niccolò, desexaba que estudase medicina. Nun principio, Girolamo mostrouse apaixonado polos diálogos escritos por Platón, pero pronto se orientou cara aos ensinos do aristotelismo e de Santo Tomás.
Despois de alcanzar o título de mestre, comezou os estudos de medicina que, con todo, abandonou aos 18 anos para dedicarse á teoloxía, o estudo das doutrinas católicas. Escribiu, en 1472, De ruina Mundi, e en 1475, De ruina Ecclesiae, onde compara a Roma do papa coa antiga e corrupta Babilonia. Con este espírito ingresou no convento de Santo Agostiño en Faenza, onde se converteu en predicador. Posteriormente decidiu entrar na orde dominica, ingresando no convento de San Domenico de Boloña. Alí enfrascouse no estudo teolóxico, e en 1479 trasladouse ao convento de Santa Maria degli Angeli. Escribiu discursos nos que acusou a Igrexa de todos os pecados. Os papas humanistas, que axudaban e mantiñan os artistas, eran o seu albo preferido. Os seus fieis seguiron con devoción as súas chamadas á vida sinxela. As misas de Girolamo Savonarola chegaron a xuntar 15000 persoas. Dicía que todos os males deste mundo se debían á falta de fe, porque, calquera que tivese fe, se daría de conta de inmediato que é moi necesario obrar ben, porque as penas do inferno son infinitas. Segundo Savonarola, os poderosos deste mundo sentíanse orgullosos de pór fin á vida sinxela dos séculos anteriores. Segundo el, os sacerdotes deses tempos eran os peores, porque facían todo ao revés de como deberían facelo; só lles interesaban os bens deste mundo, xa non coidaban as almas nin lles inquietaban os corazóns do seu pobo, senón que só se preocupaban de obter beneficios.
No convento de San Marco (1482-1487)
editarFinalmente, en 1482, a orde dominica enviouno a Florencia. Nos seus discursos falaba sobre a pobreza, a sobriedade e o carácter forte que os verdadeiros crentes deben ter. A súa forma de falar violenta e as súas críticas excesivas acabaron por desesperar o pobo, polo que debeu deixar Florencia en 1487. Regresou a Boloña, onde se converteu en mestre de estudos. Na súa vida no convento distinguiuse polos seus rigorosos xaxúns e penitencias, incluíndo os malos tratos que se daba co cilicio e practicando unha absoluta frugalidade, comendo e bebendo moi pouco.
Retornou a Florencia ao convento de San Marco, que abandonou para volver a Ferrara. No convento de Santa Maria degli Angeli dedicouse con especial énfase á predicación despois de estudar técnicas para facer discursos públicos.
O retorno a Florencia (1490-1498)
editarEn 1491, á idade de 34 anos, entregóuselle a titularidade da igrexa de San Marco en Florencia. Dende alí atacou o papa Inocencio VIII como "o máis vergoñento de toda a historia, co maior número de pecados, reencarnación do mismísimo diaño".
As súas ardentes predicacións, cheas de avisos proféticos, non eran estrañas na época, pero as súas profecías parecían cumprirse cos desastres que estaba a vivir a cidade de Florencia neses anos, por exemplo a derrota contra os franceses, ou o excesivo luxo dos ricos, que vivían rodeados de obras de arte, fronte a miles de persoas que vivían na pobreza. Nestas condicións, a poboación achegábase a Savonarola porque denunciaba todo isto. Outro desastre foi a epidemia de sífilis. Moitos chegaron a crer que Savonarola era o profeta dos "últimos tempos".
A igrexa de San Marcos onde predicaba Savonarola foi coñecida polo seu fanatismo. Savonarola non era un teólogo. Non predicaba doutrinas. No seu lugar, predicaba a súa idea da vida cristiá. Afirmaba que unha alma sen falta era preferible a calquera acto luxoso ou cerimonia excesiva. Coas súas críticas non tentaba facer a guerra contra a Igrexa de Roma, senón que desexaba corrixir os seus pecados. Lourenzo de Medici, que gobernaba Florencia e mantiña co seu diñeiro e cos seus negocios a Michelangelo, tamén coñecía a Savonarola. Dise que Lorenzo chamou a Savonarola no seu leito de morte en 1492 e Savonarola maldíxoo, facendo que Lourenzo terminase os seus días, até o último suspiro, temendo o inferno. Finalmente, Lourenzo e o seu fillo Piero de Medici convertéronse nun dos albos das predicacións de Savonarola.
Carlos VIII
editarO rei francés Carlos VIII quixo facer valer o seu dereito a gobernar Nápoles, polo que decidiu entrar en Italia co seu exército e pasar por Florencia. Savonarola considerouno un enviado do ceo para pór orde no clero, que el consideraba impuro. O 8 de novembro de 1494, na Florencia invadida polo rei francés, estalou unha soada rebelión. Os gobernantes da familia Medici foron acusados e expulsados. Girolamo Savonarola, trala expulsión dos Medici, xurdiu como líder da cidade e comezou entón a gobernar a República Democrática de Florencia, de carácter fortemente relixioso. Como agora estaba no poder, perseguiu ferozmente os homosexuais, as bebidas alcohólicas, o xogo, a roupa indecente e os cosméticos. Savonarola ordenou á policía que buscase pola cidade calquera cousa que permitise a vaidade ou o pecado como táboas de xogo, libros eróticos, peites, espellos, perfumes, cosméticos e roupa indecente (vestidos femininos demasiado escotados, calzas masculinas demasiado apertadas) que foron confiscados pola policía e botados á chamada "fogueira das vaidades", unha inmensa fogueira que ardía na praza principal da cidade. Tamén se queimaron instrumentos musicais, cadros mitolóxicos, algunhas obras mestras do Renacemento, libros coa poesía profana de Petrarca e Bocaccio, libros dos antigos escritores clásicos da civilización romana e grega de incalculable valor, por ser considerados inmorais. A violencia dirixida por Savonarola estendeuse por toda a República de Florencia, nun intento de obrigar aos cidadáns a que retornasen a uns costumes sinxelos.
Nestas condicións, formouse un grupo contrario ao goberno de Savonarola, chamado os arrabbiati ou os anoxados, que foron derrotados nas rúas polos seguidores de Girolamo. Os franciscanos foron os maiores opositores a Savonarola, pois coas súas predicacións na igrexa dos dominicos, a igrexa franciscana da Santa Cruz de Florencia perdeu adeptos e quedou baleira; o monxe Francesco de la Curia converteuse na punta de lanza dos críticos de Savonarola.
Nesta época, os seus ataques contra a familia do papa, a casa de Borgia, volvéronse aínda máis fortes, póndose a mal definitivamente co duque de Milán e o papa Alexandre VI.
Alexandre VI
editarSavonarola atacou os Borgia acusándoos de pecadores. O seu feroz ataque centrouse en Rodrigo Borgia, que pouco despois chegou a ser papa co nome de Alexandre VI. Savonarola atacou os amigos dese papa, acusándoos de pecadores, incestuosos e mentireiros. Alexandre VI pediu a Savonarola que cambiase a súa actitude, primeiro tentando subornalo ofrecéndolle o posto de cardeal. O frade non aceptou e mesmo chegou a cuestionar a autoridade do papa.
Excomuñón e execución
editarIrritado ante tantas críticas, o papa Alexandre VI ameazou todos os habitantes de Florencia coa pena de interdito, que significaba prohibir os sacramentos para todos os cidadáns e impedir que os mortos se enterrasen en cemiterios bendicidos, como era costume neses anos. Estas ameazas provocaron o terror entre o pobo de Florencia. O 13 de maio de 1497 Savonarola foi expulsado da Igrexa. En febreiro de 1498, volveu subir ao púlpito de Santa María del Fiore para demostrar primeiro de nada a invalidez daquela excomuñón, e arremeteu con maior violencia contra a corte de Roma e o papa. En 1498 o papa ordenou o seu arresto e execución. O 7 de abril de 1498 faleceu Carlos VIII, o rei de Francia que fora até entón defensor de Savonarola.
O 8 de abril de 1498, unha parte do exército do papa entrou en Florencia. A cidade non opuxo resistencia e os cidadáns mostráronse dispostos a entregaren o frade. Este escondeuse xunto cos seus seguidores no convento de San Marcos. Morreron moitos dos que tentaban protexelo e Savonarola e os seus acabaron sendo derrotados e detidos, incluíndo os seus amigos frei Domenico de Pescia e frei Silvestro. Pouco despois, Savonarola, acusado de herexía, rebelión e erros relixiosos, foi conducido á prisión de Florencia. Durante corenta e dous días sometéuselle a tortura, así como aos seus partidarios. Ao cabo, Savonarola asinou o seu arrepentimento co brazo dereito, brazo que os torturadores deixaran intacto para que puidese facelo. A confesión foi asinada antes do 8 de maio de 1498. Despois, arrepentiuse de asinar a confesión que lle presentaron os seus torturadores e rogou a Deus para que tivese misericordia del pola súa fraqueza, confesando crimes que en realidade cría non cometer. O día da súa execución, 23 de maio de 1498, aínda traballaba noutra meditación, chamada Obsedit me, que significa "Obsesióname".
O día fixado para a súa execución foi levado até a piazza della Signoria xunto cos seus fieis seguidores, Frei Silvestro de Pescia e Frei Domenico. Aos tres quitóuselles a roupa, foron tratados como herexes e entregados ao brazo secular, onde foron estrangulados no garrote vil antes de arroxalos á fogueira. Unha testemuña conta no seu diario que o frade tardou en queimarse varias horas. Os restos foron sacados e devoltos á fogueira repetidamente, a fin de que se reducisen a cinzas e os seus partidarios non os tratasen como reliquias. Cando quedaron reducidos a cinzas, foron guindadas ao río Arno, á beira do Ponte Vecchio.[1] Niccolò Maquiavelo, autor de O príncipe, tamén testemuñou e escribiu sobre a execución. A familia Medici volveu recuperar o goberno de Florencia en 1512.
Carácter e influencia
editarNo aspecto persoal, Savonarola posuía un carácter moi forte, e era fanático e carismático. Compáraselle a Lutero na súa denuncia da corrupción da Igrexa católica, pero non estableceu ningunha base doctrinal, a diferenza do propio Lutero, precursor do cisma protestante. Sen chegar a cuestionar os dogmas católicos, era un adiantado da reforma moral que ían traer o protestantismo e a Contrarreforma.
Despois da morte de Savonarola, orixinouse en Florencia o grupo coñecido como Piagnoni, para conservar a súa memoria, organizado nunha especie de gremio. Tamén, despois da súa morte, os seguidores da Orde de San Francisco apoiaron as ideas de Savonarola, organizáronse xunto aos demais seguidores de Girolamo, e en 1527 expulsaron de novo os gobernantes da familia Medici, establecendo outra vez unha cruel tiranía. Esta terminou en 1530, na batalla de Gavinana.
Savonarola atraeu a admiración de moitos humanistas relixiosos posteriores, quen valoraron as súas profundas conviccións espirituais, pasando por alto os seus sinistros excesos como gobernante de Florencia. No século XX, iniciouse entre os dominicos un movemento para a canonización de Savonarola, ao xulgaren que a súa expulsión e execución foran inxustas. Inauguráronse monumentos a Savonarola en Ferrara, Boloña (xunto á basílica patriarcal de San Domingos de Guzmán, fundador dos dominicos) e Florencia.
La Fiorita
editarCada ano celébrase en Florencia o 23 de maio La Fiorita, que lembra a morte e execución de Savonarola.
Os actos comezan ás 10 horas cunha misa na capela Priori do Palazzo Vecchio. Ás 10.30 hai unha ofrenda floral na piazza della Signoria e un desfile da corte histórica, que chega ao Ponte Vecchio ás 11, dende onde se lanzan pétalos de rosa no río Arno.[2]
Representacións na cultura popular
editarSeries
editarAno | Serie | Director | Actor |
---|---|---|---|
2011-2013 | The Borgias | Neil Jordan | Steven Berkoff |
2011-2014 | Borgia | Tom Fontana | Iain Glen |
Cinema
editarAno | Filme | Director | Actor |
---|---|---|---|
1991 | A Season of Giants | Jerry London | Steven Berkoff |
Videoxogos
editarAno | Videoxogo |
---|---|
2011 | Assassin's Creed 2 |
Notas
editarVéxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Girolamo Savonarola |
Bibliografía
editar- Dall'Aglio, Stefano (2010). Savonarola and Savonarolism. Toronto.
- Macey, Patrick (1988). Bonfire Songs: Savonarola's Musical Legacy (en inglés). Oxford: Clarendon Press.
- Polizzotto, Lorenzo (1994). The Elect Nation; The Savonarola Movement in Florence 1494–1545. Oxford.
- Ridolfi, Roberto (1997). Vita di Girolamo Savonarola (6.ª ed.). Florencia: A.F. Verde.
- Weinstein, Donald (2011). Savonarola the Rise and Fall of a Renaissance Prophet. New Haven. ISBN 978-0-300-11193-4.
- Roeder, Ralph Edmund LeClercq (1933). The Man of the Renaissance: Four Lawgivers, Savanarola, Machiavelli, Castiglione, Aretino. The Viking Press.