Glándula de Littré
As glándulas de Littré, tamén chamadas glándulas uretrais ou glándulas periuretrais, son glándulas do aparato reprodutor masculino que se bifurcan da parede da uretra do home e doutros mamíferos placentarios machos. Son máis numerosas na porción da uretra que percorre o pene (porción esponxosa). A misión destas glándulas é a producir unha secreción mucoide [1] coloidal que contén glicosaminoglicanos, que ten a misión de protexer o epitelio uretral da urina [2] e contribúen con mucus á composición do seme [3].
A superficie da mucosa que reviste interiormente a uretra masculina presenta moitos pequenos divertículos chamados lagoas de Morgagni, a partir dos que se orixinan túbulos máis profundos, que se ramifican e constitúen as glándulas de Littré, as máis grandes das cales están na uretra esponxosa. As glándulas de Littré están revestidas por un epitelio estratificado cilíndrico similar ao da mucosa da uretra, pero nalgunhas zonas forma grupos compactos de células de aspecto claro e contido mucoso. As glándulas discorren en dirección oblicua pola lámina propia en dirección á raíz do pene e poden penetrar profundamente no corpo esponxoso. Verten na uretra. En homes vellos poden conter concrecións similares ás que se observan na próstata.[4]
Reciben o seu nome polo médico francés do século XVII Alexis Littré (1648-1726)[5].
Notas
editar- ↑ "Male Reproductive System". University of Ottawa. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2012. Consultado o 9 setembro 2012.
- ↑ Human Microscopic Anatomy: An Atlas for Students of Medicine and Biology By Radivoj V. Krstić, page 382
- ↑ Encyclopaedia Britannica urethral gland
- ↑ D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxina 798. ISBN 84-7605-361-4
- ↑ WhoNamedIt|synd|1262|Littre's glands Littre's glands
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Diapositiva en uottawa.ca
- Imaxes Arquivado 16 de febreiro de 2013 en Wayback Machine.