Henrique II de Francia
Henrique II de Francia, nado en Saint-Germain-en-Laye o 31 de marzo de 1519 e finado en París o 10 de xullo de 1559, foi duque da Bretaña (1536 - 1547) e rei de Francia (1547-1559).
Traxectoria
editarFamilia
editarEra o décimo fillo do rei Francisco I de Francia e da súa primeira esposa Claudia de Orleáns. Era neto por liña paterna do conde Carlos I de Angulema e Luísa de Savoia, e por liña materna do rei Lois XII de Francia e da duquesa Ana da Bretaña. Casou en 1533 en Marsella con Catarina de Medici, filla do duque Lourenzo II de Medici e de Magdalena de La Tour. Desta unión naceron:
- O príncipe Francisco II de Francia (1544 - 1560), rei de Francia.
- A princesa Isabel de Valois (1546 - 1568), casada en 1559 co príncipe e futuro rei Filipe II de Castela.
- A princesa Claudia de Francia (1547 - 1575), casada en 1559 con Carlos III de Lorena.
- O príncipe Lois III de Orleáns (1549 - 1550), duque de Orleáns.
- O príncipe Carlos IX de Francia (1550 - 1574), duque de Orleáns e rei de Francia.
- O príncipe Henrique III de Francia (1551 - 1589), duque de Orleáns e rei de Francia.
- A princesa Margarida de Valois (1553 - 1615), casada en 1572 co rei Henrique III de Navarra e futuro rei de Francia co nome de Henrique IV de Francia.
- O príncipe Henrique Hércules (1555 - 1584), duque de Anjou e Alençon.
- A princesa Vitoria de Valois (1556).
- A princesa Xoana de Valois (1556).
Ducado da Bretaña e herdeiro do reino
editarDe 1526 a 1530, como garantía do cumprimento do Tratado de Madrid, foi retido polo emperador Carlos V en varios castelos do condestábel de Castela, Íñigo Fernández de Velasco, como Villalba de los Alcores (Valladolid), Villalpando (Zamora) e finalmente Pedraza (Segovia) xunto co seu irmán, o delfín Francisco, coroado despois como Francisco III da Bretaña. Os dous nenos tiñan oito e nove anos cando chegaron como reféns entregados polo seu pai ao emperador. Saíron de Castela grazas á Paz das Damas, asinada por Luísa de Savoia, nai de Francisco I, e Margarida de Austria, tía do emperador Carlos V, na cidade de Cambrai o 3 de agosto de 1529, pero a liberación non se levou a cabo ata o 1 de xullo de 1530, en Hondarribia onde cruzou o río Bidasoa, en troques dunha importante cantidade de ouro e xoias, a máis prezada foi a coñecida “Flor de Lis”.
Á morte do seu irmán, o delfín e duque Francisco III da Bretaña o 10 de agosto de 1536, os seus títulos recaeron en Henrique. Así, converteuse en delfín, e polo tanto en herdeiro do reino, así como no posuidor do Ducado da Bretaña, aínda que nunca foi coroado. Este feito provocou que o Ducado fose integrado por Francisco I na Coroa.
Ordenou e dirixiu o cerco de Perpiñán (1542) con 40.000 homes[1]. As tropas imperiais comandadas polos capitáns Cervellón e Machichaco[2] que nunha saída deixaron inútil a artillaría francesa que atacaba as murallas, resistiron ata a chegada do exército de Fernando Álvarez de Toledo y Pimentel, o duque de Alba, provocando a retirada dos franceses.
Ascensión ao trono
editarEn 1547, á morte do seu pai, ascendeu ao trono francés e foi coroado na catedral de Reims. Foi errático na política de alianzas e, nun principio, un gran defensor do catolicismo contra a Reforma protestante, loitando contra os hugonotes pero aliándose cos calvinistas. En 1551 condenou os libros non católicos e prohibiu a súa venda e circulación. Esta loita contra os protestantes marcou o inicio das Guerras de Relixión.
Enfrontouse ao seu gran rival europeo Carlos I de Castela, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, aliándose co Imperio Otomán. Tomou Metz a pesar do acoso do rei Habsburgo e defendeu a cidade de París de diversos intentos de ocupación por parte das tropas castelás e imperiais. Todas estas loitas levaron á quebra económica da Coroa francesa.
Negociou o rescate de Boloña cos ingleses en 1550. Polo Tratado de Chambord de 1552 obtivo a alianza dos príncipes protestantes de Alemaña contra o emperador Carlos V e foi autorizado para tomar Metz, Toul e Verdún. Carlos V, que se preparaba para a súa abdicación, buscou a paz con Francia co Tratado de Vaucelles[3], concluíndo unha tregua de cinco anos e recoñecendo as novas posesións francesas (os bispados de Metz, Toul e Verdún, moitas prazas fortes entre Luxemburgo e Flandres, e varias posesións en Piemonte, Italia central e Córsega).
En 1558 o duque de Guisa e a armada francesa lograron recuperar o porto de Calais, a última posesión inglesa en territorio francés.
Ao final do seu reinado sufriu varias derrotas en Italia e os Países Baixos ante Carlos V. En 1559 viuse obrigado a asinar a Paz de Cateau-Cambrésis, pola que a Coroa francesa renunciou definitivamente aos seus intereses en Italia.
Morreu en 1559 en París durante un torneo contra Gabriel de Montgomery, celebrado con motivo do matrimonio da súa filla Isabel con Filipe II de Castela, dunha ferida no ollo.
Notas
editar- ↑ Modesto Lafuente Historia general de España
- ↑ Lucas Alamán, Diccionario universal de historia y de geografía
- ↑ Coll i Alentorn, Miquel (1992). Història. L'Abadia de Montserrat. p. vol.2, p.348. ISBN 8478262997.