Lei antitabaco 42/2010

A lei 42/2010 vén modifica-la anterior lei 28/2005, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo aumentando os espazos libres de fume do tabaco. A tal fin estende a prohibición de fumar a tódolos locais públicos pechados sexa cal for a súa superficie e permíteo só nos espazos abertos, e aínda así con certas limitacións. A novidade fundamental desta lei respecto á anterior foi a prohibición da posibilidade de habilitar zonas de fumadores nos establecementos de lecer, de modo que a partir do 2 de xaneiro de 2011, data da entrada en vixencia, quedaba prohibido fumar en tódolos locais públicos pechados.

Por un ambiente libre de fume de tabaco

Fundamentos da modificación da lei

editar
 
Aviso de Prohibido fumar na porta dunha cafetería.

As razóns que xustificaron a modificación da anterior lei antitabaco, tras só cinco anos de aplicación, son diversas. Fundamentalmente, a necesidade de avanzar na protección da saúde dos cidadáns, especialmente no relativo ós menores de idade e ós traballadores dos establecementos nos que se fumaba. Os primeiros seguían accediendo con frecuencia en locais públicos pechados (bares, cafeterías, restaurantes) nos que se permitía fumar; os segundos constituían o único sector laboral que ata ese momento se atopaba desprotexido dos efectos do fume ambiental no seu posto de traballo.

Outra argumentación exposta no preámbulo da modificación da lei foi satisface-las demandas dos cidadáns, como corroboran enquisas oficiais recentemente realizadas. A estes efectos, o Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo fixera pública unha enquisa segundo a cal o 69,2% da poboación apoiaba medidas máis drásticas fronte ó tabaco. Outra enquisa do Eurobarometer Survey evidenciaba un apoio do 69% á prohibición de fumar nos restaurantes e do 61% nos bares e pubs. Outra, do propio Ministerio de Sanidade, cifraba ese apoio á prohibición nun 69,2% en restaurantes, 61,1% en bares e 57,9% en discotecas [1].

Outra consideración que se tivo presente foi a evidencia do cativo resultado da lei antitabaco 28/2005, no que se refire á creación de espazos libres de fume ambiental: só un 10-20% dos locais de menos de 100 metros se declararon espazos libres de fume. A estes pobres resultados contribuíron as inconcrecións da norma que deron pé a interpretacións diversas nas distintas Comunidades, co resultado de que o Goberno central tivo que recorrer ante o Tribunal Superior de Xustiza os decretos autonómicos promulgados Valencia, Madrid, Castela e León e A Rioxa [2][3].

A resposta social parecía ser, trala aplicación da lei en 2006, favorable á súa promulgación e aplicación. Segundo unha enquisa da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria, o 78% dos non fumadores e o 62% dos fumadores calificaban de acerto a promulgación da lei [4]. Outras estatísticas, elaboradas polo CIS, obteñen datos máis conservadores: o 17% dos fumadores consideraban moi boa a lei nun primeiro momento, cifra que se reduciu ó 12% en 2008; canto os non fumadores, o 50,8% vían a lei como moi boa en 2005, pero en 2008 só mantiña esta opinión o 20,3%. O informe Pinilla, sobre esta evolución da opinión pública, conclúe que "parece que los españoles están descontentos con la ley que tenemos en la actualidad".

A tódalas razóns anteriores debe sumarse a comprobación de que as ameazas de cuantiosas perdas económicas e aumento do paro, que auguraban os colectivos que se opoñían á aprobación da lei cinco anos antes, demostráronse infundadas. Mentres que a Federación Española de Hostalaría e Restauración estimaba que a lei de 2005 ía provoca-la perda de 1.600 millóns de euros e de 22.000 empregos, estudos posteriores realizados pola Asociación de Economía da Saúde puxeron de manifesto que nin houbo descenso nas cifras de negocio senón, ó contrario, 2.200 millóns de euros de beneficio en 2006 respecto a 2005, nin despedimentos masivos senón, ó contrario, un aumento de emprego en hostalaría de 34.000 postos de traballo ó ano, segundo o informe Pinilla [5]. Este informe non se estende a máis alá de 2008 para non sufri-la influencia da posterior crise económica, cuxos efectos desvirtuarían os resultados.

Todo o anterior levou a que o Goberno, coa práctica unanimidade do Congreso, aprobase en 2010 unha modificación da lei 28/2005 ampliando as restricións ás zonas nas que se podía fumar.

Modificacións introducidas respecto á normativa anterior

editar

A modificación máis significativa da lei foi incluír entre os espazos nos que se prohibe fumar tódolos locais de lecer (hoteis, hostais, bares, cafeterías, restaurantes, salas de teatro, cine e calquera espectáculo público realizado en espazos pechados), suprimindo a diferenciación que a norma anterior establecía entre establecementos de máis ou menos de 100 m2. A única excepción que se mantén é a referida a hoteis e similares, que poden reservar habitacións para fumadores, nun máximo do 30%, e que deberán estar separadas do resto das habitacións e sinalizadas permanentemente; os traballadores do establecemento non poderán acceder ó interior das habitacións mentres se atope algún cliente no seu interior, agás en casos de emerxencia.

Mantense a posibilidade de crear clubs privados de fumadores, xa contemplada na norma de 2005, pero só se admitirá a presenza de socios (o que exclúe a presenza de empregados), carecerán de ánimo de lucro e non poderán comercializar ningún tipo de produtos consumibles; prohíbese a entrada de menores de idade nestes clubs. Mantén, igualmente, a posibilidade de reservar espazos para fumadores nos establecementos penitenciarios e centros psiquiátricos, ós que se engaden agora as residencias de anciáns ou de persoas con discapacidade. Nestes casos excepcionais, as zonas reservadas serán salas pechadas destinadas exclusivamente a internos ou residentes fumadores ou espazos ó aire libre, e estarán sinalizadas e dotadas de sistemas de ventilación independente.

Presenta tamén outras novidades, como incluír entre as zonas libres de fume certos espazos ó aire libre, como son os comprendidos dentro do recinto dos centros sanitarios, docentes e formativos [6], así como parques infantís e zonas de xogo para os meniños. Respecto a estes espazos ó aire libre nos que se prohibe fumar, a lei non establece, en ningún caso, distancias mínimas nin prohibe fumar nas inmediacións ou nas zonas próximas: prohíbese nos espazos comprendidos dentro dos propios recintos [7].

Prohíbese a emisión en calquera medio de comunicación de programas ou imaxes nas que aparezan presentadores, colaboradores ou invitados fumando ou mostrando, directa ou indirectamente, marcas ou logotipos asociados ó tabaco.

A pesar desta prohibición xeral, cómpre advertir que segue sendo obrigatorio colocar avisos de advertencia no acceso e interior dos establecementos, prohibindo fumar cando así proceda ou indicando as zonas habilitadas, no seu caso.

As infraccións leves sancionaranse con multas de 30 a 600 euros; as graves, de 601 a 10.000 euros; e as moi graves, desde 10.001 a 600.000 euros.

editar
 

A promulgación desta modificación da lei antitabaco reproduciu a polémica social que se viviu trala aprobación da anterior lei cinco anos antes. A prensa e a televisión recolleu as mesmas posturas enfrontadas dos que rexeitaban novas restricións, que a interpretaron como unha nova inxerencia do Estado nas liberdades individuais, ou anunciaban seguras perdas económicas por perda de clientes e de permanencia de clientes nos establecementos; e a dos que reclamaban o dereito a un aire libre de fumes e o cumprimento das obrigas do Estado de defende-la saúde de tódolos cidadáns.

Unha das intervencións máis polémicas foi a da Defensora do Pobo, en funcións, María Luisa Cava de Llano, que nunha entrevista en Televisión Española o 10 de xaneiro pedía unha lei que conciliase intereses, que respondese a un acordo entre as partes e que non prexudicase a ninguén. Baseaba estas opinións nas queixas recibidas no seu departamento por parte de propietarios de establecementos de lecer, pola perda de clientela e vendas que estaban sufrindo, nun momento especialmente delicado pola crise económica xeral. Remataba sinalando que "a xente xa está farta de prohibicións e necesita liberdade de movemento para discernir entre o que molesta ou non ós demais".[8]

Os medios de comunicacións recolleron durante os primeiros días numerosas reaccións contrarias, de particulares e de establecementos que se declaraban insubmisos e proclamaban publicamente a súa decisión de seguir permitindo fumar ós seus clientes. Xa o 26 de xaneiro se celebrou, en Palencia, a primeira manifestación en contra [9]. Algunhas organizacións sociais comezaron a solicitar sinaturas para esixir a derrogación desta lei.

  1. "Calculan que 32 millones de españoles están a favor de la reforma de la ley del tabaco", en La Voz de Galicia, 16.03.2010.
  2. "El Gobierno recurrirá los reglamentos que traten de rebajar la ley antitabaco", en La Voz de Galicia, 5.09.2006.
  3. "Sanidad pide la suspensión del decreto madrileño que permite fumar en banquetes", en La Voz de Galicia, 14.11.2006.
  4. "El 46,3% de los fumadores han tratado de dejarlo desde enero", en La Voz de Galicia, 20.05.2006.
  5. "La hostelería ganó 34.000 empleos anuales con la ley antitabaco", en La Voz de Galicia, 19.03.2010.
  6. Con excepción dos espazos ó aire libre dos centros universitarios ou dedicados exclusivamente á formación de adultos.
  7. Nos centros docentes queda tamén prohibido fumar nos accesos inmediatos ós edificios ou beirarrúas circundantes.
  8. [1]
  9. "Primera manifestación de hosteleros contra la Ley antitabaco", Cadena Ser, 26.01.2011 [2] Arquivado 29 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine..

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade (22.12.2010): Documento informativo sobre a lei que modifica a lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco [3].
  • Ley 42/2010, de 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ó tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco (BOE nº 318, de 31.12.2010) [4]. E corrección de erros: BOE nº 10, de 12.01.2011.

Ligazóns externas

editar