O Libro de Kells (Leabhar Cheanannais en irlandés; Book of Kells en inglés), tamén coñecido como o Grande Evanxeo de San Columba, é un manuscrito ilustrado con motivos ornamentais, feito por monxes celtas cara ao ano 800 d.C, no estilo coñecido por arte insular.

Libro de Kells.

Peza principal do cristianismo irlandés e da arte hiberno-saxónica[1], constitúe, malia non estar concluído, un dos máis suntuosos manuscritos iluminados que se conservan da Idade Media.

Pola súa gran beleza e a excelente técnica do seu acabado, este manuscrito é considerado por moitos especialistas como un dos máis remarcábeis[1] vestixios da arte relixiosa medieval. Escrito en latín, o Libro de Kells contén os catro evanxeos do Novo Testamento, así como notas preliminares e explicativas, e numerosas ilustracións e miniaturas coloreadas. Na actualidade o libro está exposto de maneira permanente na biblioteca do Trinity College de Dublín (Irlanda), baixo a referencia MS 58.

Historia

editar

Orixes

editar
 
O folio 29 contén o incipit do Evanxeo segundo San Mateu, chamado Liber generationis. Compare esta imaxe coa páxina correspondente dos Evanxeos de Lindisfarne (ver aquí), en particular a forma do monograma Lib.

O Libro de Kells é o máis ilustre representante dun grupo de manuscritos coñecido por estilo insular producidos entre o final do século VI e o inicio do IX, nos mosteiros de Irlanda, Escocia e do norte de Inglaterra. Están entre eles o Cathach de San Columba, o Ambrosiana Orosius, un fragmento de evanxeo na biblioteca da catedral de Durham (todos do inicio do século VII), e o Libro de Durrow (da segunda metade do século VII). No comezo do século VIII foron producidos os Evanxeos de Durham, os Evanxeos de Echternach, os Evanxeos de Lindisfarne e os Evanxeos de Lichfield. Todos estes manuscritos presentan semellanzas dende o punto de vista do estilo artístico, da escrita e das tradicións escritas, as cales teñen posibilitado reagrupalos na mesma familia. O estilo plenamente conseguido das coloracións coloca ao Libro de Kells entre as obras máis tardías desta serie, arredor de finais do século VIII ou comezos do IX, ou sexa, na mesma época do Libro de Armagh. A obra respecta a maioría das normas iconográficas e estilísticas presentes nestes escritos máis antigos: por exemplo, a forma das letras decoradas que inician cada un dos catro Evanxeos é moi semellante entre todos os manuscritos das Illas Británicas compostos nesta época. Comparando a páxina introdutoria do Evanxeo segundo san Mateu cos Evanxeos de Lindisfarne e coa do Libro de Kells, pódese ver que ámbalos dous posúen intricados deseños decorativos no interior das contornas das letras iniciais do texto.

 
A abadía de Kells.

O Libro de Kells debe o seu nome á abadía de Kells, situada en Kells, no condado de Meath, Irlanda. A abadía, onde se conservou o manuscrito durante un longo período da Idade Media, foi fundada a comezos do século IX, na época das invasións viquingas. Os monxes eran orixinarios do mosteiro de Iona, unha das illas Hébridas situada fronte á costa oeste de Escocia. Iona posuía unha das comunidades monásticas máis importantes da rexión dende que san Columba, o grande evanxelizador de Escocia, a convertera no seu principal centro de evanxelización no século VI. Cando a multiplicación das incursións viquingas acabou tornando a illa de Iona demasiado perigosa, a maioría dos monxes partiran para Kells, que se converteu así no novo centro das comunidades fundadas por Columba.

A determinación exacta do lugar e da data da produción do manuscrito foi fonte de numerosos debates. Segundo a tradición, o libro data da época de San Columba (tamén coñecido como San Columcille), talvez escrito por el mesmo en persoa. Con todo, estudos paleográficos teñen demostrado que esta hipótese non é verdadeira, unha vez que o estilo caligráfico usado no Libro de Kells desenvolveuse posteriormente á morte de Columba.[2] Hai evidencias que amosan que foi escrito arredor do ano 800.[3] Hai outra tradición, con maior aceptación polos estudosos irlandeses, que suxire que fora creado por ocasión do aniversario de 200 anos da morte do santo.[4]

Producíronse, polo menos, cinco teorías diferentes sobre a orixe xeográfica do manuscrito. Na primeira, o libro podería ter sido escrito en Iona e traído ás presas para Kells, o que explicaría a razón de que nunca se tivese concluído.

 
A abadía de Iona.

Na segunda, a súa redacción podería terse iniciado en Iona antes de ser continuado en Kells, onde tería sido interrompida por algún motivo ignorado. Outros investigadores aventuran que o manuscrito podería ter sido totalmente escrito no Scriptorium de Kells. Unha cuarta hipótese sitúa a creación orixinal da obra no norte da Inglaterra, posibelmente en Lindisfarne, antes de ser levada até Iona e despois para Kells. Finalmente, podería ter sido producido nun mosteiro descoñecido na Escocia.

Malia que a cuestión da exacta localización da produción do libro probabelmente nunca sexa respondida de maneira concluínte, a segunda teoría baseada na dobre orixe de Kells e Iona é actualmente a máis amplamente aceptada. Por outro lado, sen querer determinar cal é a hipótese correcta, o certo é que o Libro de Kells foi producido por monxes pertencentes a unha das comunidades de San Columba, que mantiñan estreitas relacións co mosteiro de Iona.

Período medieval

editar

Sexa cal fose o lugar no que foi creado, os historiadores están totalmente convencidos da presenza do Libro de Kells na abadía do mesmo nome a partir do século XII, ou incluso dende comezos do XI. Unha pasaxe dos Anais do Ulster, sobre o ano 1006, rexistra que o grande Evanxeo de Columcille [i.e Columba], principal reliquia do mundo occidental, foi subtraído subrepticiamente en plena noite dunha sancristía da grande igrexa de pedra de Cenannas [i.e Kells] debido ao seu precioso estoxo. O manuscrito foi encontrado meses máis tarde baixo un monte de terra, sen a súa capa decorada con ouro e pedras preciosas. En caso de que concorde con esta moi probábel hipótese, entón o manuscrito en cuestión é mesmo o Libro de Kells, tratándose entón da primeira data na que se pode atribuír con bastante certeza a existencia da obra en Kells.

A retirada violenta da capa explicaría, ademais, a perda dalgunhas follas do inicio e da fin da obra.

No século XII foron copiados certos documentos referentes ás terras de propiedade da abadía de Kells sobre algunhas follas en branco do Libro de Kells, o que proporciona unha nova confirmación da presenza da obra neste establecemento monástico. Debido á escaseza de papel na Idade Media, a copia de documentos no medio de obras tan importantes como o Libro de Kells era unha práctica habitual.

 
O folio 27 contén os catro símbolos evanxélicos (no senso horario a partir do alto á esquerda: home, león, aguia e touro).

Libro de Kildare

editar

Un escritor do século XII, Giraldus Cambrensis (Xeraldo de Gales), describe nunha famosa pasaxe da súa Topographia Hibernica un grande libro evanxélico que admirara en Kildare, nas proximidades de Kells, e que se supón que sería o Libro de Kells.[5] A descrición, en todo caso, parece concordar:

Este libro contén a harmonía dos Catro Evanxelistas buscada por San Xerome, con diferentes ilustracións en case todas as páxinas e que se distinguen por cores variadas. Aquí podedes ver o rostro de maxestade, divinamente deseñado, aquí os símbolos místicos dos evanxelistas, cada un coas súas asas, ás veces seis, ás veces catro, ás veces dúas; aquí a aguia, alí o touro, alá o home e acolá o león, e outras formas case infinitas. Se observades superficialmente, cun ollar rápido, pensaredes que non son máis que esbozos, e non un traballo coidadoso. A máis refinada habilidade está toda ela ao seu redor, mas poderiades non percibila. Ollade con máis atención e penetraredes sen dúbida no corazón da arte. Discerniredes complexidades tan delicadas e sutís, tan cheas de contornos e ligazóns, con cores tan frescas e vivas, que poderiades deducir que todo isto é a obra dun anxo, e non dun home.

Unha vez que Xeraldo informa haber visto este libro en Kildare, podería ser que se tratase doutra obra igual en calidade, mais actualmente perdida. Máis probabelmente, Xeraldo podería simplemente ter confundido Kells e Kildare.

A Abadía de Kells foi pechada por mor das reformas eclesiásticas do século XII. A igrexa da abadía foi transformada nunha igrexa parroquial, na cal permaneceu o Libro de Kells.

Período moderno

editar

O Libro de Kells permaneceu en Kells até 1654. Nese ano, a cabalaría de Oliver Cromwell estabeleceu unha gornición na igrexa local, e o gobernador da aldea enviou o manuscrito a Dublín para unha maior seguridade. O libro foi presentado aos universitarios do Trinity College en 1661 por Henry Jones, que se convertería en bispo de Meath durante o reinado de Carlos II. Salvo en poucas ocasións, como exposicións temporais, o Libro de Kells nunca máis deixou o Trinity College. Desde o século XIX é obxecto dunha exposición permanente e aberta ao público na Vella Biblioteca (Old Library) da universidade.

No século XVI, os números de capítulo dos Evanxeos, estabelecidos oficialmente no século XIII polo Arcebispo da Cantuaria, Stephen Langton, foron escritos ás marxes das páxinas en números romanos. En 1621, as follas foron numeradas polo bispo de Meath, James Ussher. En 1849, a raíña Vitoria e o príncipe Alberte foron convidados a asinar o libro: en realidade asinaron sobre unha folla colocada posteriormente á creación da obra, mais pensaban estar a asinar sobre o orixinal. Esta folla foi retirada cando o libro foi reencadernado en 1953.

O manuscrito sufriu varias reencadernacións ao longo dos séculos. Nunha destas ocasións, no século XVIII, as páxinas foron recortadas sen o menor coidado, ocasionando a perda dunha pequena parte das ilustracións. En 1895 foi realizada unha nova encadernación, mais esta deteriorouse rapidamente. No final da década de 1920, existían moitas follas soltas separadas do manuscrito. Finalmente, en 1953, a obra foi reencadernada en catro volumes por Roger Powell, que se ocupou persoalmente de alisar con todo o coidado algunhas páxinas que se arrugaran.

No ano 2000, o volume que contén o Evanxeo segundo Marcos foi enviado a Canberra, Australia, para unha exposición adicada aos manuscritos iluminados. Foi a cuarta vez que o Libro de Kells viaxou ao estranxeiro coa fin de ser exposto. Infelizmente, durante a viaxe, o volume sufriu danos menores na súa pigmentación. Suponse que as vibración producidas polos motores do avión poden ter sido a causa.

Reproducións

editar
 
O folio 183 do facsímile de 1990 : Erat autem hora tercia (era a hora terceira).

En 1951, unha editora suíza, a Urs Graf-Verlag Bern, produciu un facsímile do Libro de Kells. A maioría das páxinas foi reproducida en fotografías en branco e negro. Había, porén, corenta e oito páxinas reproducidas en cor, incluíndo todas aquelas con decoracións a toda páxina.

En 1974, Thames e Hudson, con autorización do Consello do Trinity College Dublin, produciron unha edicións facsímile de todas as páxinas totalmente ilustradas do manuscrito e unha sección representativa da ornamentación das páxinas de texto. Foron tamén incluídos detalles ampliados das ilustracións. Todas impresas en cor. As fotografías foran feitas por John Kennedy, Green Studio, Dublín.

En 1979, as Éditions Facsimilé Lucerne, outra editora suíza, solicitaron autorización para producir un facsímile totalmente en cores. A autorización inicialmente foi negada polos responsábeis do Trinity College, que temían que o manuscrito sufrise danos durante a operación. En 1986, despois de desenvolver un proceso dun coidadoso dispositivo de aspiración que permitía posicionar e fotografar as páxinas sen ter que tocalas, o editor obtivo finalmente o permiso para producir a edición. Despois de fotografar cada páxina, facíase unha copia para comparar atentamente as cores coas do orixinal e facer os axustes que fosen necesarios. En 1990 publicouse o facsímile en dous volumes: o facsímile propiamente dito e un volume de comentarios feitos por especialistas. A igrexa de Kells (da Igrexa da Irlanda), no local do antigo mosteiro, dispón dun exemplar. Está tamén dispoñíbel unha versión en CD-ROM[6] contendo todas as páxinas escaneadas, así como outras informacións.

Descrición

editar

O Libro de Kells contén os catro Evanxeos constitutivos do cristianismo, precedidos de prólogos, resumos e transicións entre certas pasaxes. Está escrito en maiúsculas cun estilo tipográfico tipicamente insular, con tinta negra, vermella, violeta ou marela. O manuscrito consta actualmente de 340 follas en pergamiño, chamadas folios. A maioría destes folios era na realidade parte de follas maiores, os bifolios, que se dobraban en dous para formar dous folios. Varios destes bifolios están agrupados e cosidos, para obterse os cadernos. Pode acontecer que un folio non forme parte dun bifolio e sexa unha simple folla solta inserida nun caderno.

Estímase que preto de trinta folios foron perdidos, xa que en 1621, James Ussher ao examinar a obra contou 344 páxinas. As follas existentes están agrupadas en trinta e oito cadernos, cada un deles contén de catro a doce follas (de dous a seis bifolios); o máis común é atopar cadernos de dez follas. Algúns folios son follas únicas. As páxinas máis decoradas xeralmente son follas soltas. Os folios tiñan liñas trazadas sobre eles, ás veces dos dous lados, para facilitar o traballo da escrita dos textos polos monxes: os buratos feitos con agulla e os trazos poden aínda ser vistos nalgúns lugares. O pergamiño é de boa calidade, malia ser traballado de xeito desigual: algunhas follas teñen unha espesura semellante ao coiro, en canto que outras son moi finas, case transparentes.

O manuscrito ten 33 cm de grosor por 25 cm de lonxitude, sendo este un tamaño padrón, a pesar de que estas dimensións son posteriores ao século XVIII, período en que as follas tiveron unha pequena redución durante un proceso de reencadernación. A área do texto cobre aproximadamente 25 cm de ancho por 17 cm de longo, e cada páxina de texto contén entre dezaseis e dezaoito liñas. Con todo, o libro parece estar inacabado, na medida en que algunhas ilustracións semellan simples esbozos.

Texto e escrita

editar

O Libro de Kells contén o texto dos catro Evanxeos en latín segundo a Vulgata, sen ser unha copia exacta desta última: son atopadas numerosas variantes en relación á Vulgata, principalmente cando son empregadas traducións latinas máis antigas ao invés do texto de San Xerome. Estas variantes atópanse sistematicamente en todos os manuscritos medievais da Gran Bretaña e presentan diferenzas dunha obra á outra. Sen dúbida, os monxes, ao non dispor dun exemplar preexistente, debían traballar de memoria.

 
O folio 285º, chamado Una autem sabbati valde, foi escrito por un copista chamado Man A.

O manuscrito está escrito en letras maiúsculas, agás algunhas minúsculas, maioritariamente os c ou os s. A universitaria estadounidense Françoise Henry identificou canto menos tres copistas que contribuíran coa obra e os chamou Man A, Man B e Man C.

  • A Man A creou principalmente os folios do 1 ao 19 e do 276 ao 289, antes de retomar o seu traballo do folio 307 até a fin do manuscrito. O copista Man A emprega a miúdo unha tinta de cor marrón moi común na Europa e escribe entre dezaoito e dezanove liñas por páxina.
  • A Man B é recoñecida dende o folio 19 até o 26 e do 124 até o 128; ten máis tendencia a empregar letras minúsculas, prefire unha tinta vermella, violeta ou preta e escribe un número máis variábel de liñas en cada páxina.
  • Á Man C, finalmente, é atribuído o resto do manuscrito, tendo contribuído na obra dun xeito bastante disperso: ten tendencia a usar máis minúsculas que Man A; utiliza a mesma tinta marrón e escribe case sempre dezasete liñas por páxina.

Existen varias diferenzas entre o texto do Libro de Kells e o Evanxeo canónico, por exemplo:

  • Na xenealoxía de Xesús, que comeza en Lucas 3:23, Kells nomea erroneamente un antepasado máis.
  • En Mateu 10:34b, debería ter sido colocado non veni pacem mittere, sed gladium (non vin traer paz, senón espada). Ao contrario de gladium que significa espada, no manuscrito de Kells foi escrito gaudium que significa alegría; sendo así, a tradución queda non vin traer paz, senón alegría. Probábel distracción do copista.

Galería de imaxes

editar

Orixinalmente, o Libro de Kells, tiña unha intención sacramental e non educativa. Uns evanxeos tan grandes e luxosos debían ser deixados enriba do altar da igrexa e usado tan só para ler pasaxes dos Evanxeos na misa. Aínda que sexa probábel que o sacerdote oficiante non lese realmente o manuscrito, senón que recitase de memoria. A este respecto, é interesante lembrar que o roubo da obra no século XI, segundo os Anais do Ulster, aconteceu na sancristía, lugar onde estaban gardados os obxectos litúrxicos, antes mesmo de ir para a biblioteca da abadía. A elaboración do libro semella ter integrado esta dimensión, facendo do manuscrito un obxecto moi belo, e porén moi pouco práctico.

Cultura moderna

editar

Un filme de animación titulado Brendan and the Secret of Kells, cuxo tema central é o Libro de Kells, está a ser dirixido por Tomm Moore, baseado no guión do propio Tomm Moore e Fabrice Ziolkowski. É unha coprodución entre a República de Irlanda, Canadá e Bélxica.[7]

  1. 1,0 1,1 Book of Kells Arquivado 14 de abril de 2005 en Wayback Machine., artigo da Universidade de Long Island
  2. Modelo:Ws
  3. "Book of Kells, Trinity College Library Dublin, Trinity College Dublin, 28-10-2007". Arquivado dende o orixinal o 30-04-2008. Consultado o 02-05-2008. 
  4. McCaffrey, Carmel e Leo Eaton. In Search of Ancient Ireland. Ivan R Dee. 2002. PBS 2002.
  5. Modelo:Ws
  6. "Book of Kells CD-ROM, Ar Bed Keltiek, 2007-10-28". Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2008. Consultado o 06 de maio de 2008. 
  7. Brendan and the Secret of Kells, Blogue de Tomm Moore con ilustracións relativas ao filme de animación, http://theblogofkells.blogspot.com/, 28-10-2007

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Bernard Meehan, Le Livre de Kells, Thames & Hudson, 1995. ISBN 2-87811-090-0
  • René Fédou, Lexique historique du Moyen Âge, Armand Collin, 1999. ISBN 2-200-21622-X
  • Peter Harbinson, L'art médiéval en Irlande, Zodiaque, 1998. ISBN 2-7369-0244-0
  • Francoise Henry, L'art irlandais, vol. 2, Zodiaque, 1991. ISBN 2-7369-0070-7
  • Livre de Kells, Faksimile Verlag Luzern, Lucerna, 1990. ISBN 3-85672-031-6
  • Calkins, Robert G. Illuminated Books of the Middle Ages. Ithaca, Nova York: Cornell University Press, 1983. ISBN 0-500-23375-6
  • Henderson, George.From Durrow to Kells : the Insular Gospel-books, 650-800. Nova York: Thames and Hudson, 1987. ISBN 0-500-23474-4
  • Henry, Francoise. The Book of Kells. Nova York: Alfred A Knopf, 1974. ISBN 0-500-23213-X
  • Alexander, J. G. G. Insular Manuscripts: Sixth to Ninth Century. Londres: Harvey Miller, 1978
  • Alton, E. H. e P. Meyer Enageliorum quattor Codex Cenannensi. 3 vols. Bern: Urs Graf Verlag, 1959-1951.
  • Brown, T. J. "Northumbria and the Book of Kells". Anglo-Saxon England I (1972): 219-246.
  • Friend, A. M., Jr. "The Canon Tables of the Book of Kells". In Mediæval Studies in Memory of A. Kingsley Porter, ed. W. R. K. Koehler. Vol. 2, pp. 611–641. Cambridge, Mass.: Harvard University Press, 1939.
  • Hopkins-James, Lemur J. The Celtic Gospels, Their Story and Their Texts. Londres: Oxford University Press, 1934.
  • Lewis, Susanne. "Sacred Calligraphy: The Chi Rho Page in the Book of Kells" Traditio 36 (1980): 139-159.
  • McGurk, P. "Two Notes on the Book of Kells and Its Relation to Other Insular Gospel Books" Scriptorium 9 (1955): 105-107.
  • Mussetter, Sally . "An Animal Miniature on the Monogram Page of the Book of Kells" Mediaevalia 3 (1977): 119-120.
  • Nordenfalk, Carl "Another Look at the Book of Kells" In Festschrift Wolgang Braunfels, pp. 275–279. Tubingen: Wasmuth, 1977.
  • Nordenfalk, Carl, Celtic and Anglo-Saxon Painting: Book Illumination in the British Isles 600-800. Nova York: George Braziller, 1977.
  • Powell, Roger. "The Book of Kells, the Book of Durrow, Comments on the Vellum and the Make-up and Other Aspects" Scriptorum 10 (1956), 12-21.
  • Sweeney, James J. Irish Illuminated Manuscripts of the Early Christian Period. Nova York: New American Library, 1965.
  • Walther, Ingo F. e Norbert Wolf. Codices Illustres: The world's most famous illuminated manuscripts, 400 to 1600. Köln, TASCHEN, 2005.
  • Werner, Martin "The Madonna and Child Miniatures in the Book of Kells". Art Bulletin 54 (1972): 1-23, 129-139.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar