Lingua estándar
Unha lingua estándar (tamén estándar lingüístico) é unha elaboración artificial e planificada a partir do diasistema dunha lingua, co obxecto de obter un modelo de lingua unitario para o ensino, os usos oficiais e os usos escritos e formais, que á súa vez permita cohesionar política e socialmente o territorio onde é oficial. Outro termo sinónimo de lingua estándar é variedade estándar.
O proceso de estandarización está incluído na parte da política lingüística[1] relativa á modelación formal dunha lingua, á adscrición dun status xurídico e administrativo, e ao fomento da súa adquisición, coñecido en sociolingüística como planificación lingüística.[2][3]
Proceso de estandarización
editarO proceso de estandarización require seleccionar certos trazos do diasistema que se quere estandarizar, segundo a aplicación de criterios restritivos de criba. Tamén requírese da formalización e consensuación de certas formas que poidan ser empregadas como convención que marca os límites do que se considera e o que non se consideran formas da variedade estándar. Algunhas características non excluíntes que adoitan identificar a unha variedade estándar son:
- Un sistema de escritura que fixe as convencións ortográficas que se empregarán para escribir a lingua e fixar formas comúns e estables.
- Un dicionario ou grupo de dicionarios estándar, que corporizan un vocabulario e empregará a ortografía estandarizada definida previamente.
- Unha gramática prescritiva recoñecida que rexistra as formas, regras e estruturas da linguaxe e que recomenda certas formas e castiga outras.
- Un sistema de pronunciación estándar, que é considerado como "educado" ou "axeitado" polos falantes e que se considera libre de marcadores rexionais.
- Unha institución ou persoas que promoven o uso da lingua e que posúen certa autoridade, formal ou informal, na definición das súas normas de uso, como a Real Academia Galega.
- Un estatuto ou constitución que lle dá un estado oficial no sistema legal dun país.
- O uso da lingua na vida pública, por exemplo no poder xudicial e o poder lexislativo.
- Un canon literario.
- A tradución á lingua de textos sagrados, como a Biblia.
- O ensino escolar da ortografía e gramática estandarizadas.
- A preferencia desta variedade particular, por riba doutras variedades mutuamente comprensibles coa anterior, para a aprendizaxe do idioma como unha segunda lingua.
Cando o estándar é lingua oficial do ensino, pode existir unha regulamentación política de tipo coercitivo, que obrigue a aplicalo en exclusiva no terreo educativo. Por exemplo a Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística que regula o uso do galego no ensino.[4]
Tipoloxías de estandarización
editarPara a estandarización, adoitan seleccionarse unha ou máis dos seguintes tipos de variedades dun diasistema nun determinado intre histórico:
- variedades diastráticas;
- variedades funcionais;
- variedades xeolectais.
De entre as diversas variedades sociolectais ou diastráticas, adóitase seleccionar a variedade das elites culturais, sociais, económicas e políticas, denominadas tamén variedades de prestixio. De entre as diversas variedades funcionais, diafásicas ou de rexistro, para a codificación gramatical e léxica é frecuente seleccionar a variedade máis fixa e tradicionalmente relacionada cos usos das capas sociais cultas (e ao mesmo tempo máis próxima ao estándar): a lingua escrita. De entre as diversas variedades xeolectais ou diatópicas, adóitase seleccionar a variedade da zona xeográfica onde se atopa o poder político ou económico dun país ou rexión lingüística.
Segundo a ou as variedades xeográficas que sirvan de base ao estándar, existen tres tipoloxías de estándar: unitario monocéntrico, unitario policéntrico (ou composicional) e pluricéntrico:
- Chámase estándar unitario monocéntrico ao elaborado por un só organismo normativo, para o que selecciona unha soa variedade xeográfica.
- Chámase estándar unitario policéntrico (ou composicional) ao elaborado por un só organismo normativo ou por un corpo coordinado de organismos normativos, no que se seleccionan e fusionan algunhas ou todas as variedades xeográficas dun mesmo diasistema. Este é o caso do galego, formado a partir da selección de variedades cultas e preferentemente de rexistros escritos de todo o eido galegofalante, ou tamén o do éuscaro unificado, ou éuscaro batua.
- Chámase estándares pluricéntricos aos distintos estándares elaborados por distintos organismos, a partir dun mesmo diasistema lingüístico. Este é o caso da lingua catalá, que suma ao estándar unitario policéntrico orixinal, ou estándar composicional[5](elaborado a partir de todas as variedades xeográficas do catalán), un novo estándar unitario policéntrico elaborado só a partir das variedades cultas faladas na Comunidade Valenciana.[6]
Características dos estándares
editarOs estándares, como linguas elaboradas, restrinxidas e fixas, non poden considerarse variantes naturais dunha lingua. Ademais, como artificios que son, formados convencionalmente por axentes de planificación lingüística (autoridades lingüísticas: academias -para o galego, a RAG-, ou gramáticos, ortógrafos e lexicógrafos normativistas), non se crean por convención social dunha comunidade de falantes, senón como consecuencia dunha actuación expresa sobre a linguaxe. Como modelos de lingua fixos, teñen unha variación interna mínima e non están suxeitos ás leis naturais do cambio lingüístico. Para mutar, cómpre que un axente normalizador os modifique expresamente, a miúdo para axeitalos aos cambios que se asentaron na lingua natural ou para axeitalos a novas necesidades políticas, educativas, económicas ou sociais. Como modelos de lingua artificiais e elaborados, apréndense tras longos anos de instrución. Así, o estándar do galego non é un dialecto do galego, nin un diasistema. Tampouco é unha norma social ou norma usual, entendendo por norma usual o xeito particular do uso da lingua nun determinado grupo, sexa este social, xeográfico ou funcional. Se fose unha norma usual, habería multitude de estándares, dado que a norma usual implica, a dicir de Luís Fernando Lara (Lingua histórica e normatividad, Barcelona, Ariel, 2004) que «Haberá tantas normas como dialectos e sociolectos se poidan identificar. Posto que tales "normas" son falas de certas colectividades socialmente delimitadas, a cada individuo corresponderalle unha "norma" segundo o enfoque dialectal que se lle aplique».
Á marxe do estándar ou dos estándares oficiais dunha lingua, os medios de difusión masiva (prensa, radio, televisión e editoriais) poden crear os seus propios estándares, de acordo coas súas propias necesidades de comunicación e coas características concretas dos grupos de falantes aos que se dirixen. Estes estándares particulares recóllense nos libros de estilo de cada medio. Nestes estándares poden estar presentes trazos lingüísticos do diasistema que non están recoñecidos no estándar oficial.
Estándar e Conflito lingüístico
editar- Artigo principal: Conflito lingüístico.
A creación dunha lingua estándar representa a miúdo o triunfo dunha certa variedade funcional, xeolectal ou sociolectal. A súa selección adoita ocasionar que outras variedades que difiren da estándar perdan prestixio social. Por iso nalgúns países a selección dunha lingua estándar pode xerar un conflito social e político, ao ser entendida como unha actitude excluínte.[7] No noruegués, por exemplo: existen dous estándares paralelos, o bokmål, baseado parcialmente na pronunciación local do dinamarqués na época na que Dinamarca dominou a Noruega e o nynorsk, baseado en formas dialectais do oeste de Noruega. Pola súa banda, o italiano inclúe dialectos cuxa variación é maior da que exhiben as dúas versións do noruegués.
Variedades estándares das linguas modernas
editarO italiano estándar deriva da variante xeográfica usada en Florencia e non do dialecto romano. O alemán estándar non se basea nunha cidade ou rexión específicas senón que foi desenvolvido nun proceso que durou varios centos de anos, durante o cal os escritores intentaron expresarse de forma tal de ser comprendidos nunha área o máis extensa posible. Ata comezos do século XIX o alemán estándar era un idioma exclusivamente escrito, aprendido case coma un idioma estranxeiro polos habitantes do norte do país, cuxos dialectos eran moi diferentes. O resultado foi que estes falantes intentaron pronunciar o alemán estándar seguindo coidadosamente a ortografía; esta forma da fala estendeuse máis tarde cara ao sur.
Outras linguas estándar presentan menos complicacións. No inglés británico, a pronunciación estándar (Received Pronunciation) baséase no sociolecto dos internados privados. Nos Estados Unidos, o estándar aproxímase aos dialectos do norte do Medio Oeste.
Notas
editar- ↑ [1]
- ↑ "Política Y Planificación Lingüísticas" (en castelán).
- ↑ [2]
- ↑ Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística
- ↑ "Gabriel Bibiloni: Sobre l'estàndard composicional" (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2009. Consultado o 18 de setembro de 2009.
- ↑ http://www.avl.gva.é/PDF/GNV.pdf[Ligazón morta]
- ↑ http://www.inadi.gov.ar/uploads/foros/educacion/documentos/lenguaje_como_instrumento.pdf[Ligazón morta]