Luísa Crestar
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Luísa Crestar Díaz, nada en Betanzos en 1908 e finada na Coruña o 23 de febreiro de 1988, foi unha poeta galega, coñecida tamén por recitar poesía de Rosalía, Curros ou Cabanillas. Accionista da Editorial Galaxia, doou a súa biblioteca persoal á Biblioteca Municipal de Betanzos.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1908 Betanzos, España |
Morte | 23 de febreiro de 1988 (79/80 anos) A Coruña, España |
Actividade | |
Ocupación | escritora |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Irmáns | Manuel Crestar |
Traxectoria
editarFoi a cuarta nunha familia de canteiros de Moaña asentada en Betanzos dende mediados do século XIX. Os seus pais Xacobe Crestar Faraldo (1870-1940) e Enriqueta Díaz Vázquez tiveron nove fillos. A familia moraba na rúa Travesa número 7 onde había unha tenda no baixo, propiedade dunha tía que tamén residía con eles. Os seus irmáns Manuel e Eduardo foron debuxantes e caricaturistas. O seu curmán Antón Crestar (Miño 1896 - Montevideo 1983) foi presidente do Centro Galego de Montevideo e destacado persoeiro da emigración e o galeguismo no Uruguai.
Foi xefa de negociado da Compañía Telefónica en Santiago de Compostela. Na década dos 50 actuou con frecuencia na Radio Galicia e nos 60 publicou poesías nos xornais La Voz de Galicia e La Noche. Gravou tamén unha cinta recitando autores galegos que foi reproducida varias veces na Radio de la Capital en Montevideo.
Accionista da Editorial Galaxia dende a súa fundación, na súa biblioteca persoal atesoura primeiras edicións desta, edicións especiais e numeradas. Outras son publicacións de pequena tirada, edicións de autor e algunha non venal.
Publicou o seu poemario Nas orelas do Mendo no ano 1982, que consta de setenta e sete poemas en galego e sete en castelán. Adicouno a Domingo García-Sabell e Segundo Hevia Torres, quen o ilustrou con once debuxos máis a portada. O libro foi presentado o 28 de agosto do 1982 en Coirós, onde residía nese intre Luísa. A súa poesía é de inspiración popular, con ecos de Bécquer e Rosalía de Castro, algunhas relacionadas co Nadal, de estilo humilde. O título do poemario fai referencia ó río menor da cidade, o Mendo.
O 12 de agosto do 1984 doou uns 2000 libros da súa biblioteca á Biblioteca Municipal A. Castelao de Betanzos.[1] Moitos destes libros están dedicados á poeta por Otero Pedrayo, Vales Villamarín, Domingo García-Sabell etc. Entre os libros de Galaxia que conteñen dedicatorias autógrafas destacan a de Ramón Piñeiro, Xoán Rof Carballo, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou Xohana Torres. Doutros libros destacan os autógrafos de Aquilino Iglesia Alvariño ou Baldomero Cores.
Morreu o 23 de febreiro do 1988 no hospital CHUAC da Coruña ós oitenta anos, solteira e sen fillos.
Notas
editar- ↑ Torres Regueiro 2005, p. 490.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Blanco García, Carmen (1992). Escritoras galegas. Biblioteca 114 n.º 87. Editorial Compostela. ISBN 84-85553-98-5.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 543. ISBN 84-7492-465-0.
- Marco, Aurora (2007). Dicionario de Mulleres Galegas [Das orixes a 1975]. Edicións A Nosa Terra. p. 122. ISBN 978-84-8341-146-9.
- Torres Regueiro, Xesús (2005). "Autógrafos na biblioteca de Luísa Crestar" (PDF). Anuario Brigantino (28): 487–502. ISSN 1130-7625.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. p. 154. ISBN 84-8288-019-5.
- Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 302.