Maio na cultura popular galega
- Artigo principal: maio.
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de maio na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.
Inclúese algún refrán relativo á Ascensión, festividade que se celebra corenta días despois do Domingo de Resurrección. Pode caer no mes de maio ou a principios de xuño.
Tralo inverno e as chuvias de abril, o tempo permite empezar xa cos traballos no campo, que cómpre realizar con premura para a sementeira. Maio é, xa que logo, un mes de moito traballo para o labrego, e de aí as expresións estar amaiado ou andar co maio ó lombo cando un está canso e baldado. Do mesmo xeito maiola significa "preguiza", como maiolán ou maioleiro é un preguiceiro, e maiolarse ou esmaliolarse é caer rendido polo cansazo.
Pero maiola tamén significa "castaña seca", tamén chamada castaña maiola ou, simplemente, maia; o día das maiolas era o nome co que se designaba o 1º de maio, data na que se adoitaba regalar castañas ós veciños e ós pobres do lugar.
Crenzas e supersticións
editarPara protexe-los campos e comezar maio libres de calquera mal, na noite do 29 de abril realizábase o ritual de alumea-las leiras.
Tamén é un costume moi común poñer na noite do último día de abril unha rama de xesta ou flor do maio nas portas das casas, nos barcos, nos coches e mais nas cortes para que non lles poida entra-lo maio nin collan o meigallo (Leiro Lois).
Os Maios
editar- Artigo principal: Maios.
Nos primeiros días de maio (nalgúns lugares o día 1, noutros o 3) celébranse as festas dos Maios, festas lúdicas coas que se recibía o comezo da floración e o fin do inverno.
Na zona de Laza, os mozos cortaban unha árbore, a máis grande que podían, e plantábana no medio da praza, adornándoa con faroliños. A esta árbore chamábana maio.
Locucións
editar- Andar co maio ó lombo: aplícase a quen está canso, desmaiado, esgotado, en referencia ós traballos do campo que hai que facer neste mes.
- Carpaza de maio: unha variedade de Erica.
- Folla de maio: tipo de alga (recollido en Oia, Pontevedra; Elixio Rivas Quintas).
- Porca de maio: días de mal tempo que disque hai sempre a mediados de maio (Aínda non veu a porca de maio).
- Ser (ou vir) como auga de maio: aplícase a algo que é moi esperado, ben recibido e chega no momento oportuno [1].
- Ser [longo] coma o mes de maio: ser algo de moita dura, inacabable.
- Ter maiola: ser preguizoso, ser un nugallán.
Refraneiro
editar- Artigo principal: Refraneiro galego sobre o mes de maio.
- A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
- A ovella do pobre no maio morre.
- Abril chove para as xentes, e maio para as bestas.
- Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
- Abril e maio son as chaves do ano.
- Abril esfola, pero maio amola.
- Abril pare os froitos e maio lévaos ó lombo.
- Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
- Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado.
- ¡Ai, maio, maiolo! Peor aínda é o mes que vén logo.
- Are quen arou que xa maio entrou.
- Are quen arou, que maio xa pasou.
- As sandías nin semeadas en maio nin nadas en abril.
- Ata o corenta de maio non quíte-lo saio; e se volve a chover, vólveo a poñer.
Cantigueiro
editar- Aí vén o maio/ polo pico de Lobeira,/ vén a patadas/ ca filla da Oleira [2].
- As tellas do teu tellado/ non queren baixarme a abrir;/ baixa tu, rosa de maio,/ criada no mes de abril [3].
- Chamácheme pito cairo/ Porque nacín en xaneiro;/ Déixame chegar a maio,/ xa cantarei no poleiro [4].
- Coas estreliñas do ceo/ téñote de comparare/ e coas frores de maio/ cando están a brotare [5].
- Din que a reiña está preñada,/ que ten a barriga dura,/ ¡vai traer para Maio/ un corvo e mais unha rula! [6].
- Eu pedinlle o Maio/ a un capitán,/ non me tuvo que dar/ máis que a cabeza dun can.
- Eu pedinlle o Maio/ a un coronel,/ non me tuvo que dar/ máis que un pucheiro de mel.
- Eu pedinlle o Maio/ a un señorito,/ non me tuvo que dar/ senón a cabeza dun pito.
- Miña rosa do canizo,/ meu caravel do fumeiro,/ tanto tes no mes de maio/ como no mes de xaneiro [7].
- Nosa Señora da Adina/ ten oliveiras no adro,/ botan piñas no outono,/ cereixas no mes de maio [8].
- Nosa Señora da Adina/ ten un piñeiro no adro,/ bota piñas polo outono,/ cereixas no mes de maio [9].
- O maíño, maio,/ é moi pillabán/ que quer que lle metan/ ps cartos na man [10].
- Pra facer o Maio/ fumos a roubar/ frores e fiúncho,/ quixéronnos matar [10].
- ¡Vállame dios! o arado/ cal si labra dianteiro,/ tanto ten no mes de maio,/ como no mes de xaneiro.
Adiviñas
editar- Bótesme tarde,/ bótesme cedo,/ ata o maio/ non me ve-lo pelo [11].
Notas
editar- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 177. O monte Lobeira levántase en Vilanova de Arousa. No orixinal: Ahí, ven, pol-o.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 50.
- ↑ Real Academia Galega 1913, s. v. cairo. No orixinal: chamacheme, por que, janeiro, deixame, mayo, ja.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 63.
- ↑ Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: qu’a.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 101.
- ↑ Refírese, como a seguinte, á igrexa de Santa María de Iria Flavia, coñecida popularmente como Adina.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, s. v. Adina.
- ↑ 10,0 10,1 Fermín Bouza Brey 1929, 176.
- ↑ Solución: a pataca.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico gallego, Pontevedra 1904.
- ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas 1942-1953. Ed. facsímile do Centro Ramón Piñeiro 2008, nº 4, xullo 1943.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico, Galaxia, Vigo, 1987.
- FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas, Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ed. do Castro, Sada 1990.
- LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral, Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home, Ed. do autor, Lugo 1977.
- MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller, Alvarellos, Lugo 1978.
- PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
- RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas. Contribución al diccionario gallego, Ed. Ceme, Salamanca 1978.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
- ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Galaxia, Vigo 1972.