Martinica
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2016.) |
A illa de Martinica[1] (en francés Martinique) é un departamento de ultramar francés. Localizado ao norte de Trinidad e Tobago, en augas do mar Caribe, constitúe unha rexión ultraperiférica da Unión Europea. A illa pertence ás Pequenas Antillas Francesas do leste do mar Caribe, unha das illas de Barlovento. É montañosa e de orixe volcánica. Cristovo Colón foi o primeiro navegante europeo en visitar a illa o 15 de xuño de 1502. Porén, agás en 3 ocasións en que foi ocupada brevemente por outras nacións, a illa permaneceu baixo dominio francés desde a súa colonización en 1635. Martinica está dominada polo Monte Pelée, que entrou en erupción o 8 de maio de 1902. Destruíu completamente o primeiro asentamento europeo na illa (Saint Pierre) e matou máis de 30.000 persoas.
Martinique (fr) | |||||
Himno | La Marseillaise | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | Francia | ||||
Capital | Fort-de-France | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 360.749 (2021) (319,81 hab./km²) | ||||
Lingua usada | lingua francesa Crioulo de Guadalupe (pt) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 1.128 km² | ||||
Punto máis alto | Monte Pelée (1.397 m) | ||||
Creación | 21 de marzo de 1946 | ||||
Organización política | |||||
• Xefe do goberno | Serge Letchimy (pt) | ||||
Órgano lexislativo | Regional Council of Martinique (en) , | ||||
Moeda | euro | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .mq | ||||
Prefixo telefónico | +596 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112 | ||||
Código de país | MQ | ||||
ISO 3166-2 | FR-972 e FR-MQ | ||||
Código NUTS | FRA2 | ||||
Código de departamento INSEE | 972 | ||||
INSEE region code (en) | 02 | ||||
Páxina web | martinique.pref.gouv.fr | ||||
Historia
editarAntes do contacto europeo
editarA illa foi ocupada primeiro polos pobos arauacos dende o 100 a.C. e logo polos caribes.[2] O pobo caribe emigrara do continente ás illas ao redor de 1201, segundo a datación do carbono nos artefactos. Foron en gran parte desprazados, exterminados e asimilados polos taínos, que residían na illa na década de 1490.[3]
1493-1688
editarMartinica foi cartografiada por Cristovo Colón en 1493, pero España tiña pouco interese na illa. Colón foi o primeiro navegante europeo en chegar á illa o 15 de xuño de 1502. Porén, agás en 3 ocasións en que foi ocupada brevemente por outras nacións, a illa permaneceu baixo dominio francés desde a súa colonización en 1635.
O 15 de setembro dese ano Pierre Belain d'Esnambuc, gobernador francés da illa de Saint Kitts, desembarcou no porto de Saint Pierre con 150 colonos franceses, logo de ser expulsado de Saint Kitts polos ingleses. D'Esnambuc reclamou Martinica para o rei francés Lois XIII e a Compañía das Illas de América francesa, e fundou o primeiro establecemento europeo en Fort Saint-Pierre (agora Saint-Pierre). D'Esnambuc morreu en 1636 e deixoulle a compañía e Martinica ao seu sobriño, Jacques Dyel Du Parquet. En 1637 este converteuse en gobernador da illa.
En 1636 os pobos indíxenas caribes levantáronse contra os colonos para expulsalos da illa na primeira de moitas escaramuzas. O goberno francés rexeitou con éxito os nativos e obrigounos a retirárense ao leste da illa, á península de Caravelle na rexión entón coñecida como o Capesterre. Os pobos caribes rebeláronse contra o goberno francés en 1658 e o gobernador Charles Houël du Petit Pré retomou a guerra contra eles. Houbo moitas vítimas mortais, e quen sobreviviron foron capturados e expulsados da illa. Algúns caribes fuxiron a Dominica ou a San Vicente, onde o goberno francés acordou deixalos en paz.
Debido a que había poucos cregos católicos nas Antillas francesas, moitos dos primeiros colonos franceses foron hugonotes que buscaban unha maior liberdade relixiosa da que podían gozar na Francia continental. Eran moi traballadores e fixéronse moi prósperos. Malia os editos de Lois XIV chegaren regularmente ás illas para eliminar as "herexías" protestantes, estes foron ignorados en gran parte polas autoridades da illa ata o edito de Revogación en 1685.
Desde setembro de 1686 ata principios de 1688 a coroa francesa utilizou Martinica como lugar de desterro para os hugonotes continentais que se negaron a reconvertérense ao catolicismo. Máis de 1.000 hugonotes foron desterrados nese período, usualmente baixo condicións miserables e ateigadas que causaron a morte de moitos deles durante a travesía. Quen sobreviviron á viaxe distribuíronse entre os plantadores da illa como "Engagés" (servintes contratados) baixo o sistema de servidume que prevalecía nas Antillas Francesas.
Como moitos dos propietarios de Martinica eran hugonotes e compartían o sufrimento baixo as severas restriccións da Revogación, comezaron a conspirar para emigraren de Martinica con moitos dos seus recentemente chegados irmáns. Moitos deles foran alentados polos seus irmáns católicos, que esperaban a partida dos herexes para apropiárense dos seus bens. En 1688 case toda a poboación protestante francesa de Martinica escapara ás colonias británicas americanas ou volveran aos países protestantes. A política decimou a poboación de Martinica e do resto das Antillas francesas e atrasou a súa colonización durante décadas. O rei francés, entón, relaxou as súas políticas nas illas e deixounas susceptibles á ocupación británica durante o século seguinte.[4]
Despois de 1688
editarMartinica foi ocupada varias veces polo imperio británico, entre elas unha vez durante a Guerra dos Sete Anos e dúas durante as Guerras napoleónicas. Gran Bretaña controlou a illa case continuamente entre 1794 e 1815, até que foi devolta a Francia ao remate das Guerras Napoleónicas.[5] Martinica permaneceu como posesión francesa desde entón.
Conforme os prezos do azucre diminuíron a principios do século XIX, a clase dos sementadores perdeu influencia política. En 1848 Victor Schoelcher persuadiu ao goberno francés para poñer fin á escravitude nas Indias Occidentais francesas.[5]
O 8 de maio de 1902 unha erupción do Monte Pelée destruíu completamente Saint-Pierre e matou a 30.000 persoas. Debido á erupción, chegaron refuxiados de Martinica en barcos ás aldeas meridionais de Dominica pero algúns quedaron permanentemente na illa. O único supervivente da cidade de Saint-Pierre foi Auguste Cyparis, salvado polas grosas paredes da súa cela na prisión.[6] Pouco despois, a capital cambiou a Fort-de-France, onde permanece hoxe.
En 1946 a Asemblea Nacional de Francia decidiu por unanimidade transformar a colonia nun Departamento de Ultramar de Francia. En 1974 pasou a ser un Departamento máis.
En 2009 as folgas xerais francesas do Caribe expuxeron tensións étnicas profundas e disparidades de clase dentro de Martinica.[7]
Goberno
editarXunto con Guadalupe, Reunión, Mayotte e Güiana Francesa, Martinica é un dos Departamentos de Ultramar de Francia. Tamén é unha rexión ultraperiférica da Unión Europea. Os habitantes de Martinica son cidadáns franceses con dereitos políticos e legais completos. Martinica envía catro deputados á Asemblea Nacional de Francia e dous senadores ao Senado de Francia.
O 24 de xaneiro de 2010, durante un referendo, os habitantes de Martinica aprobaron cun 68,4% a pasaxe a ser unha "única comunidade", no marco do artigo 73 da Constitución, este substitúe e exerce as competencias do consello xeral e o consello rexional.
Subdivisións
editarMartinica divídese en catro "arrondissements", 34 comunas, e 45 cantóns. Os catro arrondissements da illa, coas súas respectivas localizacións, son os seguintes:
- Fort-de-France é a única prefectura de Martinica. Recolle a zona central da illa. Inclúe catro comunas e dezaseis cantóns. En 2013 a poboación era 161.021 habitantes. Ademais da capital, inclúe as comunidades de Saint-Joseph e Schœlcher.
- La Trinité é unha das tres subprefecturas da illa e ocupa a rexión nordés. Ten dez comunas e once cantóns. En 2013 a poboación era 81.475 habitantes. La Trinité contén as comunidades de La Trinité, Ajoupa-Bouillon, Basse-Pointe, Le Gros-Morne, Le Lorrain, Macouba, Le Marigot, Le Robert e Sainte-Marie.
- Le Marin, a segunda subprefectura de Martinica, compón a parte meridional da illa e componse de doce comunas e trece cantóns. En 2013 a poboación era 119.653 habitantes. A subprefectura inclúe as comunidades de La Marin, Les Anses d'Arlet, Le Diamant, Ducos, Le François, Rivière-Pilote, Rivière-Salée, Sainte-Anne, Sainte-Luce, Saint-Esprit, Les Trois-Îlets e Le Vauclin.
- Saint-Pierre, é a terceira subprefectura da illa. Comprende oito comunas e cinco cantóns, situados no noroeste de Martinica. En 2013 a poboación era 23.402 habitantes. Xunto con Saint-Pierre, as súas comunidades inclúen Le Carbet, Case-Pilote-Bellefontaine, Le Morne-Rouge e Le Prêcheur.
Demografía
editarEn 2013, a poboación das principais cidades era: a capital, Fort-de-France, contaba con 84.174 habitantes (89.000 en 2008); Le Lamentin, 40.040 habitantes (39.410 en 2008) e Le Robert, 23.296 habitantes 23.903 en 2008).[8] O 90 % dos habitantes son negros ou mulatos, e o 85 % son católicos.
Xeografía
editarForma parte do arquipélago das Antillas, Martinica está situada no mar Caribe cerca do nordés da costa de Suramérica e ao redor de 700 km ao sueste da República Dominicana. Está directamente ao norte de Santa Lucía, ao noroeste de Barbados, ao sueste de Porto Rico e a República Dominicana e ao sur de Dominica.
A área total de Martinica é de 1.100 km2, dos cales 40 km² son auga e o restante terra. Martinica é a terceira illa máis grande das Antillas Menores logo de Trinidad e Guadalupe. Esténdese 70 km de longo e 30 km de largo. O punto máis alto é o volcán de Mont Pelée con 1397 m sobre o nivel do mar.
Economía
editarO seu Produto interior bruto por habitante equivale á metade do de Francia metropolitana. Por iso, Martinica benefíciase dos fondos estruturais que outorga a Unión Europea ás zonas económicas menos favorecidas.
Principais intercambios comerciais:
- Importacións: Francia, Unión Europea (excepto Francia metropolitana).
- Exportacións: Francia metropolitana, Guadalupe, Güiana Francesa, Unión Europea (excepto Francia metropolitana).
Notas
editar- ↑ Atlas xeográfico e histórico de Galicia e do Mundo, 2009
- ↑ "Un peu d´histoire...". martinique.org (en francés). Consultado o 28-04-2019.
- ↑ Sweeney, James L. (Marzo 2007). "Caribs, Maroons, Jacobins, Brigands, and Sugar Barons: The Last Stand of the Black Caribs on St. Vincent". African Diaspora Archaeology Newsletter 10 (1): 1–39. ISSN 1933-8651.
- ↑ Baird, Charles Washigton. (1885). History of the Huguenot Migration to America I. New York: Ddod, Mead & Company. pp. 205–107.
- ↑ 5,0 5,1 Ver Berkmoes, Ryan; et al. (2008). Caribbean Islands (impreso) (5th ed.). Lonely Planet.
- ↑ Baker, Christopher; et al. (2009). Caribbean (impreso) (1 ed.). Eyewitness Travel.
- ↑ "Race, class fuel social conflict on French Caribbean islands". America Renaissance (en inglés). Agence France-Presse (AFP). 17 de febreiro de 2009.
- ↑ "Recensement de la population en Martinique - 385 551 habitants au 1er janvier 2013". Insee (Institut national de la statistique et des études économiques) (en francés). Consultado o 28-04-2019.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Martinica |
Outros artigos
editar Este artigo sobre xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |