O leite na cultura popular galega
A seguir recóllese a pegada do leite na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.
Crenzas
editarEntre outras crenzas, antigamente no rural galego críase que non debía deixarse para o día seguinte o leite muxido na véspera de San Xoán, xa que se pensaba que nesa noite virían as meigas lavar o traseiro nela. Para evitar isto, debíase deixar en tódalas fiestras e portas un ramo de herbas olorosas, que, segundo a crenza popular, tiña a virtude de afastar ás meigas. Outras crenzas relacionaban o leite con fins curativos, de feito, pensábase que o leite de muller era bo pra curar a dor de oídos; outras supersticións estaban vencelladas con rituais que a xente do rural facía. Nalgúns lugares das montañas lucenses, cando se muxían as vacas ao amencer, o primeiro leite recollido era ofrecido á aurora como ofrenda, poñendo a xente destes lugares cuncas de leite nas fiestras que miraban cara ao oriente. Outro ritual dicía que había que botarlle sal ao leite das vacas que tiveran que pasar por un lugar onde correse a auga, xa que de non facelo o animal daría sangue no canto de leite.[1]
Refraneiro popular
editar- A vaca da miña veciña come menos herba e dá máis leite cá miña.
- A vaca da miña veciña dá máis /mellor leite cá miña.
- A vaca da miña veciña dá o leite máis branco cá miña.
- A vaca da miña veciña, con auga dá leite para todos.
- A vaca do vilán, se dá leite no inverno millor o dá no vran.
- As vacas do vilán, que se no inverno dan leite, millor o dan polo vran.
- As vacas do vilego dan millor leite polo vran que polo inverno.
- Canto máis se munxe a vaca, máis remollo saca.[2]
- Come leite e bebe viño e chegarás a velliño
- Come leite e bebe viño e, de vello, serás mociño.
- Leite con viño fai ao vello, meniño.
- Leite, mel e mosto tiran ao home pra mozo.
- O leite co viño fai do vello meniño.
- O leite e o viño fan do vello mociño.
- O leite e o viño fan ó vello mociño, se non o matan de camiño.
- O viño é o leite dos vellos.
- Con leite e biscoito ben se desaúna pola mañán ás oito.
- Cunca de leite por cunca de aceite.
- O aldeán galego, cunca de leite por cunca de aceite.
- O aldeán, por cunca de leite quere catro de aceite.
- O aldeano galego por unha cunca de leite quer outra de aceite.
- Por cunca de leite o aldeano quer cunca de aceite.
- Pucheiro de leite por pucheiro de aceite.
- Díxolle o leite ó viño: "¡Ben chegado seas, amigo; mais poucas veces veñas por ese camiño!".
- Díxolle o leite ó viño: "¡Vente pra acó, meu amigo!".
- Encol do leite, o viño ausente.[3]
- Tras do leite, nin auga nin viño nin vinagre.
- Tras do leite, nin ovos, nin viño nin aceite.[4]
- Leite fresco, peido no cesto.
- O leite fresco está no cesto.
- Non hai feitizo como o pantrigo i o leite macizo.
- Non hai tal vicio coma o pantrigo e o leite macizo.
- Non hai tal vizo como pan de trigo e leite mocizo.
- Nos meses que non teñan erre, nin peixe nin leite.[5]
- O leite sae do moxo e non do óso.[6]
- Vaca con fartura, canada con nasura.[7]
- O leite sin pan fasta a porta vai.[8]
- O que queira leite, que o munxa.
- O viño de Vieite, anque sexa coma leite.
- Por unha cunca de leite con castañas aguanto sogra, nora e cuñadas.
- Regalo de monxa, cunca de leite por cunca de aceite.
- ¡Veñas noramala!, díxolle o leite á iauga.
Cantigueiro
editar- Cara de leite fervido,/ xa me dixo miña nai/ que tiñas o mal cativo [9].
- Eu pedín ó leite á vaca,/ á vaca pideume a herba;/ herbiña lle pido ó prado/ e o prado pídeme rega [10].
- Leite fresco con pantrigo/ é o almorzo das mulleres,/ i o home que vén de fóra:/ come as verzas si as quixeres [11].
- Si todo o mar fora leite/ e Monte Louro boroa,/ xa terían que comer/ os tramalleiros de Boa [12][13].
Notas
editar- ↑ RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio.
- ↑ Remollo é na fala dos Vaqueiros de Alzada a riqueza ou corpo do leite.
- ↑ Cadra co francés Vin sur lait, bien fait; lait sur vin, venin.
- ↑ O refrán alude ás alteración das secrecións gástricas que se poden producir ó se mesturaren no estómago.
- ↑ No verán o leite estrágase con facilidade.
- ↑ Fai referencia ós que se meten a muxir sen coñeceren o xeito que require e, en sent. fig., ós que sen coñecementos abondos se meten nunha empresa na que a habilidade é a chave do éxito.
- ↑ Nasura é a escuma que forma o leite na canada cando o ubre está ben repleto.
- ↑ Hernán Núñez entende por porta a derradeira tripa por onde saen as feces, o ano, e alude sen dúbida ás cualidades do leite como laxante ou a ser pouco nutritivo.
- ↑ Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931, 216. Mal cativo é unha das numerosas denominacións da sífilis, tamén mal francés, mal español ou mal ruín.
- ↑ No texto; pideum'a.
- ↑ No texto: i-o home, d'afora, com'as.
- ↑ Boa é a parroquia máis occidental do concello coruñés de Noia, lindando con Porto do Son. Tramalleiros son os que pescan ó tramallo, unha arte de pesca formada por tres redes superpostas. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192; no texto: Montelouro,
- ↑ Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 15.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- BENAVENTE JAREÑO, Pedro; FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego da vaca, Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, Santiago de Compostela (1994).
- CASAL LOIS, José (2001): Colección de Cantares gallegos. Consello da Cultura Galega, Museo de Pontevedra, Santiago de Compostela. ISBN 84-95415-21-6
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo tomo II (1960).