Os biosbardos
Os biosbardos é un conxunto de relatos escritos por Eduardo Blanco-Amor publicado en 1962. Son relatos en primeira persoa cun protagonista e narrador infantil distinto en cada conto ambientados nunha cidade, Auria, transposición literaria do seu Ourense natal.[1]
Os biosbardos | |
---|---|
Título orixinal | Os biosbardos. Contos prá xente |
Autor/a | Eduardo Blanco Amor |
Ilustrador/a | Xohán Ledo |
Cuberta | Xohán Ledo |
Orixe | Galicia |
Lingua | galego |
Xénero(s) | novela |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1962 |
Formato | Rústica con lapelas |
Páxinas | 115 |
ISBN | Depósito legal VG 115-1962 |
Precedido por | A esmorga (1959) |
Seguido por | Xente ao lonxe (1972) |
[ editar datos en Wikidata ] |
O número de relatos cambiou coas diferentes edicións, sendo sete na primeira,[2] oito na segunda e sete nas seguintes.
Dous dos oito contos deste libro teñen como argumento o biosbardo, "Os biosbardos" e "Bartomeu e os biosbardos", e son os que lle dan o seu nome ó título do libro.
Ao castelán, traducido polo propio autor, publicouno a editorial Euros (Barcelona), en 1975, co título de Las musarañas.[3]
Contido
editar- Xustificación
Introdución do autor na que explica a ambientación da obra
Os presentes contos son dunha Auria que xa non é, a soia que me sigue pertencendo … Como ambente, son todos autobiográficos; como anéidota, ningún[4]
a voz narrativa
O artificio de relatar en primeira persoa, aparte de serme o máis doado, axústase ó insistente anceio de refacer unha realidade compartida, repartida, en tipos e vivencias que configuran a miña propia posibilidade vital[4]
e o tipo de lingua usada
válome das formas populares da fala (para) levar as nosas letras até o leitor do común[4]
- "Os biosbardos" (só na segunda edición)
- "A arrasadeira"
Tono conta as trasnadas que facían os nenos do seu tempo en Ourense: latar, pelexar, romper farois… El era “señorito” e non participaba, ata que un día, Pepe o Roxo lle prometeu levalo ás arrasadeiras, roubar figos á horta do crego; el só tiña que apañalos. Todo marcha ben ata que se oen dous tiros e foxen todos, menos Tono que choca contra o muro e leva un golpe na cabeza. Cando pensa que correu e correu esperta no mesmo sitio, coidado por unha vella e ao lado o crego coa escopeta.
- "O noxo"
A señora Fermina, impedida as pernas, come, dorme e vende pan no seu casopo. De nova fora moi boa moza e servira na casa de ricos. Tivo unha filla de solteira que marchou para Vigo e agora é puta barata. Abelardo é fillo dun funcionario que gasta todo no xogo, na casa pasan fame mais como son de avoengo, teñen que aparentar que viven ben. Faille os recados á señora Fermina e ela fíalles o pan, ademais tamén lle dá a el algún bolo e leite mazado. O que menos lle gusta é lavarlle os pés e cortarlle as uñas. Un día que chovía moito convidouno a comer e tamén lle deu viño. Logo comezou a destapar as pernas, a pedirlle que a rañase, a cofearse contra el… A el deulle tanto noxo que a empurrou, e fuxiu correndo. Non lle contou nada á nai mais non volveu onde a señora Fermina.
- "O encalatro"
Alberte, de familia pobre, déixase engaiolar por Crisanto, fillo de solteira, que o convence de ir ver o seu avó, home moi rico que vive en Barra de Miño nun pazo. Botan a andar pola vía do tren pero ao chegar a Barra de Miño dille que non sabe cal é o pazo, que só o viu unha vez de pequeno e que morreu o ano pasado, pero que na seguinte estación, Os Peares, vive a súa avoa que aínda é mellor. Cara a alá andan, todo o día, ata que Alberte non pode máis e Crisanto o mete na estación, onde o último que ve é o xefe de estación e dous gardas civís.
- "Primeira comunión"
Luisiño Cardemil Sampaio conta da doutrina para a Primeira Comuñón, da que non entende nada, e do medo a romper o xaxún, porque se condenaría para sempre. A noite antes tivo que deitarse ás nove, coma sempre e ao día seguinte xa espertou ás seis da mañá con moita fame e a misa non sería ata as once. Lembra todos os preparativos e a chegada de parentes; ao meter a man nun peto do pantalón atopa unha castaña seca e ponse a rillala. Xa na igrexa, camiño do altar para comungar, toca coa lingua unha faragulla da castaña e non sabe que facer. Ao fin, abre a boca e comulga.
- "Bartomeu e os biosbardos"
Bartomeu é un rapaz do que non se sabe a idade, nin a procedencia, nin se ese é o seu nome. Apareceu un día cun afiador que o deixou na casa da tía do narrador, ferido, e non volveu buscalo. Traballaba moito e sempre ría, ata nos momentos máis inoportunos, e sabía facer moitas cousas: asubiar como os anxos, parar o vento e a auga… Un día enfermou de vexigas o curmán do narrador e Bartomeu contaxiouse; o curmán curou e Bartomeu morreu mais cando o narrador foi ver o seu cadáver estaba branco, sen restos de vexigas. Aínda hoxe non sabe quen era…
- "O salvamento"
Pedro, que está facendo bacharelato, coñece o tío Ramón, “americano” que non fai máis que falar mal de todo o de aquí e louvar o de alá, sempre vestido de punta en branco. Só o día da romaría, pouco antes de volver para América, come, bebe, baila… e perde o sentido. Cando Pedro acaba o bacharelato mándalle unha pasaxe de terceira para que emigre onda el pero o mozo négase, para ledicia de seu pai.
- "O estreno"
O día de Corpus, con roupa de estrea, o rapaz ve unha nena coa súa nai e engaiolado percorre Ourense tras delas: igrexas, paseos, á beira do río… Chega tarde a xantar á casa e pola tarde volve percorrer a cidade buscándoas, vai ver o aviador (que vén por primeira vez) e vai ao “feiral”, pero non volve velas. Á noite atópao seu pai e lévao para a casa despois de darlle unhas labazadas. Ao día seguinte saberá que eran estranxeiras e pararan no hotel.
Notas
editar- ↑ Soportal da literatura galega CCG
- ↑ Índice da primeira edición
- ↑ José Manuel Dasilva (2013) "Eduardo Blanco Amor como teórico de la autotraducción" Estudios de Traducción, v. 3, p. 71-82.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Blanco Amor, Os biosbardos, Galaxia, 3ª ed., 1976, páx 8.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Carro, Xavier (1993). A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor. Vigo: Galaxia.
Ligazóns externas
editar- Imaxe da portada
- "A obra narrativa de Blanco Amor" Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
- Vista previa dunha edición de 2006 en Google Books.
- Ficha do libro no sitio web da editorial.