Plaza de Oriente
A Plaza de Oriente está situada no centro histórico da cidade española de Madrid. Trátase dunha praza rectangular de cabeceira curvada, de carácter monumental, cuxo trazado definitivo responde a un deseño de 1844 de Narciso Pascual y Colomer, herdeiro de varios proxectos anteriores. Un dos seus principais impulsores foi o rei Xosé I, quen ordenou a demolición das casas medievais situadas na zona.
Plaza de Oriente | |
---|---|
Vista xeral da praza. |
Está presidida por dous dos edificios máis relevantes da capital: na cara occidental atópase o Palacio Real e na oriental o Teatro Real. A súa cara norte confórmaa o Real Mosteiro da Encarnación, ao que lle foi expropiado o Horto da Priora para integralo dentro da praza.
Ademais dos citados edificios, esta praza monumental alberga diferentes xardíns histórico-artísticos e unha colección escultórica, na que destaca especialmente a escultura de Filipe IV, obra do século XVII de Pietro Tacca. Está considerada como a primeira estatua ecuestre do mundo suxeitada unicamente polas patas traseiras do cabalo.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Plaza de Oriente |