Salgueiro Maia
Fernando José Salgueiro Maia "O Pichita", nado en Castelo de Vide o 1 de xullo de 1944 e finado en Santarém o 4 de abril de 1992 foi un militar portugués, un dos capitáns que lideraron as forzas militares durante a Revolución dos caraveis, a cal determinou o final da ditadura salazarista.
Nome orixinal | (pt) Fernando José Salgueiro Maia |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1 de xullo de 1944 Castelo de Vide, Portugal |
Morte | 4 de abril de 1992 (47 anos) Santarém, Portugal |
Causa da morte | cancro |
Lugar de sepultura | Castelo de Vide |
Actividade | |
Ocupación | militar, político, revolucionario |
Período de actividade | 1968 - |
Carreira militar | |
Lealdade | Estado Novo |
Rama militar | Exército Portugués |
Rango militar | capitán |
Conflito | Guerra colonial portuguesa Guerra da Independencia de Mozambique |
Premios | |
Traxectoria
editarFoi fillo do ferroviario Francisco da Luz Maia e de Francisca Silvéria Salgueiro. Foi á escola primaria de São Torcato, Coruche, para máis tarde trasladarse a Tomar e Leiria para rematar os seus estudos secundarios.
En 1964 ingresa na academia militar de Lisboa, e dous anos despois preséntase na Escola Pratica de Cavalaria (EPC). En 1968 estaba integrado na 9ª compañía de Comandos, na parte norte de Mozambique, loitando en plena Guerra colonial portuguesa. A súa participación valeulle o ascenso a capitán en 1970.
O mes de xullo seguinte embarca rumbo a Guinea, regresando a Portugal en 1973. A estas alturas inícianse as reunións clandestinas do Movimento das Forças Armadas, e Salgueiro Maia, como Delegado de Cavalaria, integra a Comissão Coordenadora do Movimento. O 16 de marzo de 1974 prodúcese o Levantamento das Caldas, que antece ao mítico 25 de abril no que se forzou a rendición de Marcelo Caetano. Así se reflicte na historia da EPC[1]:
Pela sua força em meios blindados coube à EPC na madrugada do dia 25 de Abril de 1974, marchar sobre Lisboa e ocupar o Terreiro do Paço e, posteriormente, cercar o Quartel do Carmo para obrigar o Chefe do Governo a render-se. Composta por 2 esquadrões, um de atiradores auto-transportados e outra de auto-metralhadoras, esta força era comandada pelo então Capitão Salgueiro Maia.
Despois do triunfo da revolución, non aceptou posto político ningún e continuou a súa carreira militar[2]. O 25 de novembro de 1975 é transferido ás Azores, para volver a Santarém en 1979, onde comandou o Presídio Militar de Santa Margarida. En 1984 regresa ao EPC. En 1989 foille diagnosticada unha doenza que pronto se traduciu en cancro. Foi intervido cirurxicamente en 1991, pero irremediabelmente morre o 4 de abril de 1992 vítima da enfermidade.
Notas
editar- ↑ "Páxina da EPC". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2016. Consultado o 15 de marzo de 2016.
- ↑ "Biografía de Salgueiro Maia". Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2013. Consultado o 15 de marzo de 2016.