Scolytinae

subfamilia de coleópteros
(Redirección desde «Scolytidae»)

Os Scolytinae son unha subfamilia de coleópteros que comprende 220 xéneros cunhas 6 000 especies. Tradicionalmente a esta subfamilia se lle daba a categoría de familia co nome Scolytidae (escolítidos), pero agora considérase que en realidade son membros moi especializados dentro da familia Curculionidae (curculiónidos, os gurgullos). As especies máis coñecidas son as do xénero tipo Scolytus, especialmente Scolytus multistriatus e o grande S. scolytus, que xunto co Hylurgopinus rufipes, transmiten ás árbores o fungo da grafiose (Ophiostoma). As especies Dendroctonus ponderosae e Dendroctonus frontalis, e os seus parentes próximos son graves pragas dos bosques de coníferas en Norteamérica. Unha especie igualmente agresiva en Europa é Ips typographus. Unha especie diminuta, Hypothenemus hampei é unha gran praga para as plantacións de café en todo o mundo.

Ecoloxía

editar
 
Os Dendroctonus ponderosae mataron estes Pinus contorta na Columbia Británica.

Reprodúcense na codia interna das árbores (no floema vivo e morto e no cámbium). Moitas especies, como o Dendroctonus ponderosae atacan e matan árbores vivas. Porén, a maioría viven en hóspedes mortos ou que están debilitados ou a morrer.[1] Xogan un importante papel na ecoloxía forestal, por exemplo ao faceren retroceder o estado de sucesión ecolóxica do bosque. As súas infestacións poden ter un impacto económico significativo.[2] En bosques inalterados, estes insectos serven para acelerar a reciclaxe e descomposición da madeira morta ou moribunda e renovar así o bosque. Unhas poucas especies son agresivas coas árbores e poden orixinar grandes poboacións que invaden e matan árbores sas e, por tanto, considéranse pragas.

Aliméntanse e reprodúcense entre as codias e madeira de varias árbores, como as píceas. Máis de 20 especies aliméntanse de píceas, abetos e tsugas mortos, debilitados ou moribundos.[3] A maioría crían só nunha parte determinada da árbore: ramiñas, pólas grandes, taliños, ou na zona de inicio das raíces. Algúns crían nunha soa especie de árbore, outros en árbores de moitas especies.

Adoitan atacar árbores xa debilitados por algunha enfermidade, seca, smog, excesiva densidade de árbores no bosque, presenza doutros coleópteros, ou danos físicos. As árbores sas poden utilizar defensas contra eles como a produción de zumes, resina ou látex, que pode conter un número de compostos insecticidas ou funxicidas que poden matar ou danar os insectos ou simplemente inmobilizalos e afogalos en fluídos viscosos. Nas condicións dun gromo destas pragas, o número total destes coleópteros pode superar as defensas da árbore, o que ten impactos na industria madeireira, calidade da auga, nos peixes e vida silvestre e valor das propiedades da zona afectada.[4]

 
Infestación masiva de Dendroctonus ponderosae e mortalidade de Pinus contorta no norte de Colorado ao longo da divisoria de augas continental (visto desde o cumio de Cascade Mountain en 2011)

As infestacións masivas poden afectar ás veces a miles de hectáreas, como ocorreu en 2005 en Norteamérica desde Novo México á Columbia Británica.[5][6] Estas infestacións poden ser consecuencia do quecemento global: os invernos máis cálidos na rexión facilitaron a expansión e proliferación de varias especies destes coleópteros.[7] A maioría dos estudos feitos sobre incendios forestais en zonas que foran anteriormente infestadas non atoparon efectos debidos á mortalidade nas árbores causada por estes insectos sobre o tamaño e gravidade do incendio.[8][9][10]

 
Bosque de Bohemia danado por Ips typographus e claros despois das cortas de árbores posteriores

Ás veces hai opinións encontradas sobre a xestión dos bosques despois dunha infestación. Nos bosques bohemios infestados no Parque Nacional de Šumava na República Checa algúns eran parridarios da non intervención e outros de cortar as árbores vellas infestadas.[11]

Algunhas especies establecen relacións simbióticas con certos fungos Ophiostomatales e denomínanse "escaravellos da ambrosía" polo nome destes "fungos da ambrosía". Os escaravellos da ambrosía (como Xyleborus) fan túneles na madeira onde cultivan "xardíns" de fungos e son un dos únicos tres grupos de insectos que cultivan fungos (os outros dous grupos son formigas e térmites). Estes insectos aliméntase do fungo, non da madeira, pero estragan as árbores coas súas galerías para cultivar fungos, e os fungos degradan a madeira. Grazas aos fungos, que superan as defensas da planta, os escaravellos Scolytinae da ambrosía poden vivir en moitas máis especies de árbores que os seus parentes que non teñen esta relación cos fungos. O insecto transporta as esporas do fungo en estruturas especiais do seu corpo chamadas micanxios, e os fungos infectan as árbores cando eles as atacan.

Outros non se alimentan de fungos pero inadvertidamente transportan as súas esporas, como fan os do xénero Scolytus, que son os principais vectores que transportan o fungo Ophiostoma, que infecta os olmos causando a grafiose.

Como moitos outros insectos, os Scolytinae emiten feromonas para atraer os seus conespecíficos, que chegan así ás árbores xa colonizados por outros individuos. Isto pode orixinar graves infestacións e finalmente a morte da árbore. Moitos son atraídos polo etanol, un dos subprodutos do crecemento microbiano nos tecidos leñosos mortos.

Galería

editar
  1. Franceschi, Vincent R.; Krokene, Paal; Christiansen, Erik; Krekling, Trygve (2005-08-01). "Anatomical and chemical defenses of conifer bark against bark beetles and other pests". New Phytologist (en inglés) 167 (2): 353–376. ISSN 1469-8137. PMID 15998390. doi:10.1111/j.1469-8137.2005.01436.x. 
  2. http://www.usu.edu/beetle/
  3. Rose, A.H.; Lindquist, O.H. 1985. Insects of eastern spruces, fir and, hemlock, revised edition. Gov’t Can., Can. For. Serv., Ottawa, For. Tech. Rep. 23. 159 p. (cited in Coates et al. 1994, cited orig ed 1977)
  4. Fetting, Christopher; Klepzig, Kier; Billings, Ronald; Munson, A. Steven; Nebeker, T. Evan; Negrόn, Jose; Nowak, John (Jan 2007). "The effectiveness of vegetation management practices for prevention and control of bark beetle infestations in coniferous forest of the western and southern United States". Forest Ecology and Management 238 (1): 24–53. doi:10.1016/j.foreco.2006.10.011. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2017 – vía Science Direct. 
  5. "Bark Beetles in California Conifers Are Your Trees Susceptible" (PDF). 
  6. Jim Robins (17 Nov 2008). "Bark Beetles Kill Millions of Acres of Trees in West". The New York Times. 
  7. Bentz, Barbara J.; et al. (2010). "Climate Change and Bark Beetles of the Western United States and Canada: Direct and Indirect Effects". BioScience 60 (8): 602–613. doi:10.1525/bio.2010.60.8.6. 
  8. Harvey, Brian J.; Donato, Daniel C.; Romme, William H.; Turner, Monica G. (2013-11-01). "Influence of recent bark beetle outbreak on fire severity and postfire tree regeneration in montane Douglas-fir forests". Ecology (en inglés) 94 (11): 2475–2486. ISSN 1939-9170. doi:10.1890/13-0188.1. 
  9. Meigs, Garrett W.; Campbell, John L.; Zald, Harold S. J.; Bailey, John D.; Shaw, David C.; Kennedy, Robert E. (2015-07-01). "Does wildfire likelihood increase following insect outbreaks in conifer forests?". Ecosphere (en inglés) 6 (7): 1–24. ISSN 2150-8925. doi:10.1890/ES15-00037.1. 
  10. Harvey, Brian J.; Donato, Daniel C.; Turner, Monica G. (2014-10-21). "Recent mountain pine beetle outbreaks, wildfire severity, and postfire tree regeneration in the US Northern Rockies". Proceedings of the National Academy of Sciences (en inglés) 111 (42): 15120–15125. ISSN 0027-8424. PMC 4210318. PMID 25267633. doi:10.1073/pnas.1411346111. 
  11. Bláha, Jaromír; Kote˘cký, Vojtech (2015). "Spruce Bark Beetle in Šumava NP: A Precedent Case of EU Wilderness Protection, the Role of NGOs and the Public in Wilderness Protection" (PDF). USDA Forest Service Proceedings RMRS-P-74. 2015. USDA Forest Service. Consultado o August 12, 2016. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
Na Universidade de Florida / Instituto de Ciencias Agrícolas e Alimentarias, sitio web Featured Creatures