Teatro pra a xente
Teatro pra a xente é un libro de teatro de Eduardo Blanco Amor publicado por Galaxia en 1974.[1]
Teatro pra a xente | |
---|---|
Autor/a | Eduardo Blanco Amor |
Ilustrador/a | Xohán Ledo |
Cuberta | Xohán Ledo |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galego |
Xénero(s) | Teatro |
Editorial | Editorial Galaxia |
Data de pub. | 1974 |
Páxinas | 201 |
ISBN | ISBN 84-7154-215-3 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Características
editarContén as seguintes pezas dramáticas concibidas e escritas en galego:
- O cantar dos cantares, ou Galicia 1948
- Fas e Nefas, ou o castelo enmeigado número 5.000 e pico
- A carauta
- Os baralláns
- Tres contos escénicos:
- A medosa Blandina
- A lebre das ánimas
- A tía Lambida
Na xustificación o autor explica o título:
"Moitas veces teño insistido perante o leitor, no senso que eu lle dou á palabra "xente" nos meus traballos en galego... A xente, pois, tanto na programación coma na elaboración dos meus aportes á narrativa galega, e até o de agora, e máis lenemente, á escea galega, vén ser a xentes, o púbrico do común: tales son os degoros inmediatos e personais que lle dan senso e "misión" a esta vocación serodia; os que de xeito máis preciso a condicionan e xustifican. Esto quer decir que os presentes traballiños foron pensados pra a xente, pra a nosa xente, pois non temos outra; porque eu non me puxen a escribir en galego agardando a ser traducido, nin me interesa ren ser traducido... Están escritos, insisto pra a xente do noso pobo, pra a xente que nos arrodeia, que agarda de nós non sabe ben que, e á que temos a obriga de considerar tal cal é, pra axudala, dende o ponto de vista galego, a ser como tería que ser... estes bocetos, nada eivados nin "intermedios, sinón conscentemente encamiñados a divertire a unha xente galega que ten aínda, sin culpa ningunha, unha concencia abocetada do seu país, da súa fala, e dos usos extrautilitarios dela; quero decir, dos usos "artísticos" á súa maneira.[2]"
Segundo Xosé Ramón Pena[3]:
"De evidente intencionalidade didáctica, as pezas -sinxelas e populares- foron escritas "para a xente do noso pobo"... En consecuencia, estamos diante de textos que, apegados á tradición do entremés -algo que resulta especialmente perceptíbel no caso dos Tres contos escénicos-, procuran, non obstante, un teatro de humor de noso e que vén utilizar o costumismo sen por iso caer nunca no enxebrismo nin na autocaricatura pintoresca"
Para o Diccionario da literatura galega[4]:
"Responde á intención de erixirse nunha nova forma de teatro popular, alternativa á liña hexemónica entre a colectividade emigrada: a da compañía de Maruxa Villanueva e de Varela Buxán. Consciente do destinatario, Blanco Amor insírese nunha vertente popular que supera o elemento floclórico buscando a dignificación do cultural. O humor utiliza o costumismo sen caer no enxebrismo nin na autocaricatura pintoresca nunhas farsas apegadas á tradición do sainete e do entremés."
Son pezas sinxelas e populares que non ocultan unha intencionalidade didáctica. O propio Blanco Amor así o expresa na "Xustificación" que precede á obra referíndose aos "traballiños" —tal e como el denomina estas pezas—: "Están escritos pra a xente do noso pobo, pra a xente que nos arrodeia, que agarda de nós non sabe ben qué, e á que temos a obriga de considerar tal cal é, pra axudala, dende o punto de vista galego, a ser como tería que ser".[5]
O cantar dos cantares, ou Galicia 1948
editarFoi escrita expresamente para a inauguración do Teatro Popular Galego que tivo lugar en Buenos Aires en 1962. O mundo rural galego é visto a través dunha familia de labregos, e na que as relacións amorosas entre as parellas se ven turbadas pola lectura casual dos eróticos versos de O cantar dos cantares. A crítica á igrexa faise a través do personaxe de don Marcial, o crego. É unha peza costumista, chea dun humor fino e non exento de ironía.[5]
- Martiño, labrego, 50 anos. Calmoso, de bo senso, algo zouma sen chegar a cazurro.
- Balbina, muller de Martiño, 45 anos. Tamén asisada e boa. Prefire perdoar a disputar.
- Garela, viúva, 40 anos. Nerviosa e falangueira, algo atolada, cun fondo de inxenuidade máis que de malicia.
- Don Marcial, crego, 60 anos, rexo. Cun fondo de tosquidade nativa, a soberbia do mando exercido sen control, sempre "cumprindo co deber"
- Alberte, estudante, 23 anos. Bo mozo, afeito a "manexar ideas".
- Xulia, a filla de Martiño e Balbina, 17 anos. Bonita, sinxela e apaixonada, ao xeito galego.
- Espazo escénico: exterior dunha casa labrega.
- Dicción:
"En defensa da dinidade natural da nosa fala galega, o autor desta obriña popular (tamén con toda a dinidade que este vocábulo nos require) prega aos que a representen mantérense asepticamente arredados de falala en "badoco", coas entonacións túzaras e idiotas dese enxebrismo de remate de enchenta que agora adoitan algúns señoritos, xograres de chocalloada, moitas veces "oficial", pra faceren rir aos forasteiros dadentro e dafora do país.[6]"
O propio autor asistiu á representación da obra polo Círculo de Perlío en 1976.[7] Teatro do Atlántico representouna en 2001.[8]
Segundo Xavier Carro é o primeiro intento do autor de teatro para multitudes. Usa o título da Biblia para opoñer unha representación idealizada o pobo ao escurantismo e a ruindade dos vencedores na Guerra Civil do 36. Contrasta a maledicencia hipócrita da Garela coa brutalidade agresiva do crego, coa bondade da familia de labregos represaliados polos fascistas e coa ironía rebelde e resabida do estudante de medicina.[9]
Argumento.
A Garela quéixase do moito que agora murmura a xente e quere contarlle á Balbina o que se anda a dicir deles. A Balbina non quere saber e acaba dicíndolle á Garela o que dela se murmurou cando cando andaba cun serranchín portugués. A Garela acaba contándolle que se di no lugar que a súa filla andan en amores co Alberte. Chega Martiño, que agora lle dá por ler nun libro continuamente, recita anacos do Cantar dos cantares da Biblia. Aparece o crego que esixe varios vasos de viño e lémbralle ao home que o salvou de morrer como lle pasou aos catro irmáns da Balbina. Aparece Alberte, estudante de médico, e discute co crego das cousas do corpo e da alma. O cura só admite as opinións propias e tamén discute con Xulia cando ela aparece: está contra as novidades, o cine, os libros, o bañarse xuntos mozos e mozas. Tamén está en contra das ideas no novo coadxutor, un cura con outras ideas, máis novo e liberal. O cura enfádase e ameaza con falar co pai de Alberte. Este queda a parolar coa familia e dialoga con Xulia dos sentimentos de ambos. Ela recítalle versos do Cantar dos cantares. Abrázanse cando chega volven o cura e a Garela que quedan espantados coa escena.
"Crego: ... as porcalladas... Alberte: A vida, que non é ira de Deus, senón a canción de Deus, o cantar dos cantares de Deus..[10]"
Fas e Nefas, ou o castelo enmeigado número 5.000 e pico
editarFantasía escolar pra nenos dun colexio luxoso, e pra ser representada por actores entre doce e catorce anos.
Quedou vencedor nun concurso nacional de teatro infantil en 1964. .[11]
Segundo o Xavier Carro[9]:
"A peza transcorre con gracia, axilidade e abundancia de episodios a través dunha atmosferana que camiñan xuntos o realismo popular e un ultramundo máxico e popular de meigas, bruxos, pantasmas e feitizos. O motivo básico e un tema moi enraizado na mentalidade popular. Trátase de buscar un tesouro nun misterioso castelo rodeado de lendas. Fas e Negas, dous rapaces do lugar, son os protagonistas dunha aventura que, pouco a pouco, se vai transformando nunha amable e divertida fábula sobre o reencontro dos galegos con eles mesmos. A través da loita... Fas conseguirá salvar a Nefas e liberar ó vello castelo e ós seus habitantes do enmeigamento ó que viñan estando secularmente sometidos polas “xentes carpetovetónicas”... unha parábola de redención histórica na que se misturan lendas populares con elementos da mitoloxía galeguista, como o artúrico e o céltico, e unha rica imaxinería de conto de fadas."
- Fas, rapaciño loiro da clase dos servos, rapado, con pucha de pano verde
- Nefas, traballador, idade mdura, mandil de coiro
- Frade vagabundo, 40 anos, groso, hábito gris, rostro amarelo xofre
- Fantasmo, fraco, esguío, mais de face agasalleira
- Gran Bruxo, sapichenta, mil ou máis anos.
- Anano con testa de sapo, gordecho, pequecho, sen idade
- Luceira Maris, princesísima, belísima, parvísima. Túnica branca, cabelo ao aire.
Substitucións: - Nefas, en copia do natural
- Fas, en copia do natural
- Rei de Xacobusterrae, Ex-Gran Bruxo, avó de Estela Maris, coroa de dous pisos e manto imperial
- Cabaleiro Galaaz, Ex-Pantasmo, armadura de prata, con moitas plumas no cumio
- Parapersonaxes:
- Unha Árbore morta
- Dúas curuxas, unha máis vella que a outra, de alta liñaxe
- Nefas, a centola sacaollos
- Lugar da acción: moi ao norte e á cima de Xacobusterrae
- Tempo da acción: no século IX sen ir máis lonxe
A obra foi reeditada pola Editorial Galaxia en 1993 na coleccíon Árbore (ISBN 9788471548634).
Argumento.
Xornada primeira.
Comezan dúas curuxas falando da súa familia e do Frade Vagamundo. Fas e Nefas van camiñando e topan co Frade Vagamundo que leva máis de trescentos anos buscando o tesouro e o bebedizo da existencia infinita, que se lle está acabando a vida. Aparece o Pantasmo a quen se encomenda o Frade, mais só lle concede poder entrar no castelo, non o resto. Tocan o pito e alá van.
Xornada segunda.
Xa no interior Fas tenta salvar o seu amigo ante o Pantasmo, o Anano con Testa de Sapo, o Grande Bruxo e a Luceira Maris. Tamén ten que pelexar co seu dobre. Finalmente aparecen o rei Briggs e Galaaz, Fas consegue rescatar o amigo e a todos os que estaban enmeigados. Rematan de novo conversando as dúas curuxas do inicio que non queren desenmeigarse:
"Estás tola! Sería o noso máis perto fin... Non te esquezas que nós non somos curuxas sinón faisáns enfeitizados, i en canto nos desenfeiticen imos parar á pota ou ao espeto... Ten razón vosalecencia... Mais vale sere coruxa viva que faisán con prebe.[12]"
A carauta
editarRecreación galega dun tema –La Carátula- de Lope de Rueda. Século XVI.
- Lameiro, criado, aparenta algo parvaxolas, 30 anos
- Miranda, mozo burlón da fidalguía campesiña, 20 anos
- Vestiario de finais do século XVII
- Acción en terras do Valadouro
O argumento é o mesmo que o do "paso" de Lope de Rueda.
Claudio Rodríguez Fer inclúe un comentario da peza, titulado "O método recepcional" en Comentarios de textos contemporáneos.[13]
Argumento.
O humor do texto vén das confusións léxicas do criado Lameiro. Este ten un segredo, acaba de atopar algo misterioso. Vai en busca do fidalgo para contarllo, pero o fidalgo marchou e terá que compartilo co fillo, Miranda. Resulta ser unha careta ou carauta. O fidalgo asústao e dille que semella ser dun santeiro que mataron os ladróns para roubalo e lle sacaron a pel do rostro para que non o coñecesen. Que agora a xustiza o pode acusar a el, o mellor é que vaia á ermida do San Benitiño e se faga el santeiro, o único que estando tan só alí no santuario se lle pode aparecer o defunto facéndolle uuuuuuu. Tira o Lameiro coa carauta. Pasado un tempo e xa sendo santeiro Lameiro,escoita o berro, é a voz de Miranda facendo do defunto que pretende asustalo. O criado séguelle a corrente e pide ir polo burro mentres o señorito vai agardar sentado: -Miranda: volta axiña ... Lameiro: non comades até que eu volva (páx. 130)
Alternativa para outro final posible.
Lameiro tíralle a careta ao fidalgo e ponse enfronte del. Recoñe que sempre soubo da burla pero fíxoo:
"Por obedencia, meu siñor, por obedencia... e pra contarllo mañán ós outros parvaxolas, e que aprendan como hai que obedecere ao noso señoriño vinculeiro.[14]"
Os baralláns
editarRecreación galega dun tema -Los habladores- de Miguel de Cervantes, século XVII.
- Paisano feirante, leva unha longa vara, 45 anos
- Fidalgo rural, leva espada, 40 anos
- Xan Barallán, estudantón, longa capa. 25 anos
- Dona Ana, barallana. Muller do fidalgo. 30 anos
- María, criada, algo pousona. 40 anos
- Vestimenta e mobles do final do século XVII
- A acción comeza na Feira Grande de Pontecesures e remata nun pazo do val Ullán. Mes de maio
No entremés de Cervantes tamén se relata a curación dunha muller moi faladora ao topar con outro máis falador ca ela.
En 2009 na homenaxe a Blanco Amor en Ourense os alumnos do Instituto de Ensino Secundario Blanco Amor representaron esta peza.[15] E "Grupo de Teatro Estable de Oleiros" tamén representou a obra.[16]
Argumento.
Están na feira rematando o trato dunha mula o paisano e o fidalgo cando entra en acción Xan Barallán que non para de falar, non hai xeito de intervir na conversa estando el. Acaba cansando ao paisano que prefire vender antes ca seguir coa súa leria. O fidalgo ten unha muller que é o mesmo ca o Barallán, non para de falar, non hai xeito con ela. E leva o charlatán para que acabe coa paciencia da muller, el é aínda moito máis falador ca ela.
Tres contos escénicos
editarOrixinalmente compostos en galego en 1955 viron a luz en Buenos Aires en Galicia Emigrante.
A medosa Blandina
editarVersión radiofónica
- Blandina, 25 anos, costureira, moi andada e soleta
- Ulpiano, 18 anos, algo túzaro
- Piñeiral montesío na alta noite do verán
Argumento.
Blandina vai soa para a casa, que aínda lle queda moito camiño. Veu comer á casa do tío cura e os outros homes quedaron bébedos. Coincide no camiño co Ulpiano e váiselle queixando dos moitos medos que ten. El coma quen non quere a cousa, non se dá por entendido e ela non pára de falar do medo a el, que é un mozo, que está de bo ver. Ela que se propón e el que non entende. Ata que el lle di, que seguro que se lle toca ela berrará. E di Blandina:
" Quen eu? Búscala, berradora! Ademais, dende fai un istante, estoume a quedar ronca coma un pito...[17]"
A lebre das ánimas
editarVersión radiofónica
- Raposo, 50 anos
- Adulia, a súa muller, 45 anos
- Florindo, o seu fillo, 13 anos
- Mañá da Festa Maior das Ánimas nunha aldea da provincia de Ourense. Son as seis da mañá dun día de agosto.
Tacholas representouna en versión monologada ante miles de espectadores no Luna Park de Buenos Aires na celebración dun festival do mundo celta. O Teatro Popular Keizán estreou a obra na Mostra de Ribadavia de 1974.[18]
Argumento.
Como vai ser a festa e veñen convidados ata de Ourense o matrimonio está moi nervioso e repasa todas as comidas e sobremesas que van poñer no xantar, unha morea todo lles é pouco. Mandan o fillo mirar polas casas dos veciños (os rapaces podían entrar nas cociñas), non vaia haber algunha que teña mellor ou máis abundante comida ca eles. Volve o neno contando que o Ferreiro ten pendurada unha boa lebre, que todo o lugar a foi ver. Adulia e o Aliseo non poden permitir seren menos. O pai colle a escopeta e dille ao fillo que van cazar unha lebre. Xa só quedan dous cartuchos e a lebre non apareceu. Non queda máis ca encomendarse ás Ánimas, que é a súa festa. Rezan os dous, piden de favor dúas lebres, unha para eles para a festa e outra para as Ánimas. E o rapaz ve catro orellas, o pai dispara e só mata unha a outro foxe: Válate Deus, e como fuxe a das Ánimas...! (p. 185)
A tía Lambida
editar- Castora, ou a tía Lambida, 40 anos
- Edesio, rapaz espelido, 10 anos
- Xanuco, labrego, 25 anos
- Calritos, señorito veraneante, 12 anos
- Teresa
- Crego, groso e vermello, 65 anos
É unha das pezas máis representadas do teatro de Blanco Amor. En 1987 estreouna TEIS.[19] Tamén foi representada no Festival de Artes Escénicas de Personas con Discapacidade Intelectual 2019.[20]
Argumento.
A tía Lambida chámase Castora, pero todos lle chaman Lambida aínda que non lle gusta moito. O neno Edesio vénlle pedir unha bigornia, que a da súa casa a estragaron os porcos, ela préstalla. O Xanuco vénlle pedir auga de San Ramón, que a súa muller está a piques de parir; ela respóndelle que xa está choca, que non a precisa que xa hai anos que a abandonou o marido, mais préstalla. Chega o señorito Calritos falando en castelán e ela respóndelle en castrapo. Pídelle unhas trébedes ou trespés de parte da súa nai, ela dille que xa non ten, mais onde pode atopalas. Tamén a veciña Teresa se achega a pedir un reloxo que foi do marido para que o poida levar o seu home que ten que ir á cidade. A tía Lambida dille que o reloxo está a arranxar, mais Teresa non a cre e acúsaa de non querer emprestar nada, de ser unha agarrada. Insúltanse as dúas. Ata o cura chega saudándoa como tía Lambida, ela enfadada respóndelle:
"Conque todos me chaman Lambida...? Pois tamén a vostede lle chaman Lorpas, Roechourizos, Cazantín, Broeiro, Papaunto i Escornacruces... e nunca llo teño dito, nin en confesión. Pois agora xa o sabe![21]"
Notas
editar- ↑ Blanco-Amor, Eduardo (1974). Teatro pra a xente. Editorial Galaxia. p. 201. ISBN 84-7154-215-3.
- ↑ Blanco-Amor 1974, p. 7-9.
- ↑ Pena, Xosé Ramón (2019). Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. «A longa noite». Xerais. p. 477. ISBN 978-84-9121-481-6.
- ↑ Vilavedra, Dolores (Coord) (1995). Diccionario da Literatura Galega I. Autores. Ed. Galaxia. p. 80. ISBN 84-8288-019-5.
- ↑ 5,0 5,1 "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 2019-08-22.
- ↑ Blanco-Amor 1974, p. 20.
- ↑ López, Siro (2017-09-23). "Blanco Amor como inimigo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2019-08-22.
- ↑ "Teatro. Teatro do Atlántico" (en castelán). Consultado o 2019-08-22.
- ↑ 9,0 9,1 Carro, Xavier (1993). A obra literaria de Eduardo Blanco Amor. Galaxia. p. 74. ISBN 978-8471548689.
- ↑ Blanco-Amor 1974, p. 69.
- ↑ Blanco-Amor 1974, p. 14.
- ↑ Blanco-Amor 1974, p. 109.
- ↑ Rodríguez Fer, Claudio (1992). Comentarios de textos contemporáneos. Xerais. pp. 123–139. ISBN 978-84-7507-644-7.
- ↑ Blanco-Amor 1974, p. 131.
- ↑ "En inglés, medio século despois". www.elcorreogallego.es. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2019. Consultado o 2019-08-23.
- ↑ "Concello de Oleiros". www.oleiros.org. Consultado o 2019-08-23.
- ↑ Blanco-Amor 1974, p. 169.
- ↑ Fernández, Camilo (1995). Eduardo Blanco Amor e o teatro: teatros libres de preguerra : procés a Jacobusland : commemoració lletres gallegues, Universitat de Barcelona (en castelán). Edicions Universitat Barcelona. ISBN 9788447510603.
- ↑ "Eduardo Blanco-Amor - A tía Lambida. CDT, Teatro Español". teatro.es. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2019. Consultado o 2019-08-23.
- ↑ "Festival de Artes Escénicas de Personas con Discapacidad - Afundación". www.afundacion.org (en castelán). Consultado o 2019-08-23.
- ↑ Blanco-Amor 1974, p. 201.