Vítor Manuel III
Vittorio Emanuele Ferdinando Gennaro Maria di Savoia-Carignano, que reinou baixo o nome de Vítor Manuel III, nado en Nápoles o 11 de novembro de 1869 e finado en Alexandría, Exipto, o 28 de decembro de 1947, foi o rei de Italia entre o 29 de xullo de 1900 e o 9 de maio de 1946.
Traxectoria
editarPrimeiros anos de reinado
editarSucedeu ao seu pai, Humberto I, en 1900 cando este morreu asasinado en Monza. Recibiu, coma era frecuente nos príncipes da súa época, formación militar (debido á súa baixa estatura, 1'53m., houbo que cambiar a lexislación castrense a este respecto) e mostrou especial interese polos asuntos da milicia. Durante o seu reinado, Italia, coma o resto das potencias europeas, tratou de conformar un imperio colonial e aumentar o seu territorio nacional o que levou ao país a verse envolto en varios conflitos: nun primeiro momento mantivo a Guerra Ítalo-Turca en 1911-12, logo participou na primeira guerra mundial (1915-18) no bando aliado, máis tarde na Guerra de Etiopía (1935-36) e tamén na guerra civil española en apoio do bando franquista liderado por Francisco Franco (1936-1939).
En 1929 concluíu co papa Pío XI os chamados Pactos de Letrán, polos que se creaba o estado soberano da Cidade do Vaticano e pechábase o conflito aberto en 1870 coa toma de Roma por parte das tropas do novo reino de Italia.
Vítor Manuel III foi proclamado emperador de Etiopía (1936 - 1943) e rei de Albania (1939 - 1943), ambas ocupadas por Italia, pero só foi recoñecido como tal polos aliados do fascismo italiano. Precisamente debido á conquista de Etiopía, Italia foi obxecto de sancións por parte da Sociedade de Nacións e nun xesto de desdén autoexcluíuse da mesma.
Durante as dúas primeiras décadas do seu reinado, Vítor Manuel III actuou dentro dos límites marcados pola Constitución e non interferiu na acción dos sucesivos gobernos. Pero en 1922 ante a presión exercida sobre o goberno pola Marcha sobre Roma que organizaran os fascistas liderados por Benito Mussolini, o monarca non aceptou declarar o estado de sitio que solicitara o primeiro ministro Luigi Facta e, o 30 de outubro, aceptou o nomeamento de Mussolini como primeiro ministro, vulnerando as súas atribucións constitucionais. Con Mussolini no poder, o monarca nin se opuxo nin tan só opinou sobre o desmantelamento do sistema constitucional e a imposición do réxime totalitario fascista en 1925. Vítor Manuel III tampouco se interpuxo cando Mussolini acabou coa oposición democrática e liberal e non amosou reparos á entrada de Italia xunto á Alemaña nazi na segunda guerra mundial (1939-45).
Últimos anos de reinado
editarMussolini impediu calquera marxe de manobra ao monarca que se mantivo como Xefe do Estado con funcións representativas. Vítor Manuel III non tratou de impedir nin amosou reserva algunha cos crimes do fascismo. Cando se comprobou que a vitoria dos aliados sería segura e os líderes fascistas depuxeron ao Duce, Vítor Manuel encargou ao mariscal Pietro Badoglio a formación dun goberno que puxo a Italia no bando dos aliados en (1943) e acabou co réxime de Benito Mussolini. A corte abandonou Roma, ocupada polas tropas alemás, e trasladou a capital a Bari.
A perda de prestixio da Monarquía polo papel de Vítor Manuel durante a ditadura de Benito Mussolini provocou que, no referendo celebrado o 2 de xuño de 1946, os italianos optaran maioritariamente pola República, aínda que o resultado da consulta fora sospeitoso de fraude e que nunca fora aclarado de todo.
Sendo consciente do rexeitamento que provocaba entre a poboación italiana, Vítor Manuel III tratou de salvagardar a continuidade da Casa de Savoia abdicando, o 9 de maio de 1946, a favor do seu fillo e herdeiro Humberto II, que asumira as funcións de Xefe de Estado desde 1944 como "lugartenente do Reino de Italia". Tras a súa abdicación, Vítor Manuel de Savoia partiu ao exilio baixo o nome de Conte di Pollenzo e morreu un ano despois en Alexandría, Exipto, en cuxa igrexa de Santa Catarina foi e continua soterrado.
Numismático e coleccionista
editarAdemais da súa faceta pública como estadista e político, Vítor Manuel III foi un dos maiores coleccionistas de moedas de todos os tempos, e a súa colección acadou arredor dos 100.000 exemplares, datados desde a caída do Imperio Romano ata a Unificación de Italia. Entre 1910 e 1943, Vítor Manuel III colaborou na redacción do vixésimo volume do Corpus Nummorum Italicorum, que catalogou cada espécime da súa colección. [1]
Logo da súa abdicación, a súa colección foille doada ao pobo italiano, excepto as moedas da Casa de Savoia, que levou con el a Exipto. Despois do pasamento de Humberto II en 1983, as moedas de Savoia uníronse ao resto da colección no Mueso Nacional Romano.[1]
En recoñecemento ao seu labor no ámbito numismático, en 1897 foi nomeado presidente de honra da Sociedade Numismática Italiana, da que era membro fundador. Tamén foi membro honorario da Royal Numismatic Society, de Londres, que en 1904 o honrou coa concesión da súa medalla de ouro.[2][3]
Familia
editarEn 1896 contraeu matrimonio coa princesa Elena Petrovich Niegos (1873-1953), filla do rei Nicolao I de Montenegro. O matrimonio tivo cinco fillos:
- Iolanda (1901-1986), casada con Giorgio Carlo Calvi, conde de Bergolo (1887-1977).
- Mafalda (1902-1944), casada con Filipe de Hesse (1896-1980), landgrave de Hesse-Kassel. Mafalda morreu no campo de concentración nazi de Buchenwald.
- Humberto (1904-1983), último rei de Italia, casado e logo separado da princesa María Xosé de Bélxica.
- Xoana (1907-2000), tsarina de Bulgaria, casada co tsar Boris III de Bulgaria.
- María Francisca (1914-2001), casada co príncipe Luís de Borbón-Parma (1899-1967).
Predecesor: Humberto I |
Rei de Italia 1900 - 1946 |
Sucesor: Humberto II |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Travaini, L.; Grierson, P. (2006). "Great collectors: King Victor Emmanuel III of Italy Arquivado 24 de outubro de 2021 en Wayback Machine.". En Compte rendu 53. International Numismatic Commission. Páxinmas 30-36.
- ↑ "Proceedings of the RNS". En The Numismatic Chronicle. Vol. 8. Nº 3/4. Páxina 16.
- ↑ "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Vítor Manuel III |