Vampiro
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Un vampiro (/bamˈpi.ɾʊ/)[1] é unha criatura mítica que subsiste alimentándose da esencia vital dos vivos, xeralmente, chuchando o sangue destes. No folclore europeo, os vampiros son mortos viventes posuidores dunha forma humanoide, que adoitaban visitar aos seus seres queridos e causar problemas ou mortes nas veciñanzas que moraban en vida. Probablemente a base da maioría das ideas acerca de vampiros que forman parte da cultura popular actual sexa o libro Drácula de Bram Stoker, e as películas de cinema baseadas nel, como Nosferatu e Drácula de Bram Stoker. Algúns estudosos do vampirismo suxeriron que estas lendas se achan relacionadas total ou parcialmente con casos de patoloxías reais como a rabia; interesante o estudo do neurólogo español Juan Gómez Alonso Os vampiros á luz da medicina; ou a porfiria. Xunto co home lobo, o vampiro é quizais o máis famoso ser sobrenatural da cultura popular humana.
A palabra "vampiro" vén das linguas eslavas (do alemán vampir, que se deriva do polaco temperán vaper e este á súa vez do eslavo arcaico oper; con raíces indoeuropeas paralelas no turco e no persa). Significa á vez "ser voador", "beber ou chupar" e "lobo", ademais de facer referencia a certo tipo de morcego. Durante a expansión do Romanticismo en Europa, a principal reacción ó período previo de Ilustración enciclopédica e racionalista, o vampiro converteuse nunha temática común e pasou da lenda oral ós castelos e os salóns elegantes.
Outros nomes son vurdalak (ruso moderno), vrolok (eslovaco), strigoï ou strigoiul (romanés), bukolako ou vukodlak (serbio), upiro (polaco), nosferatu (do grego nosophoro (portador de enfermidade) e vampyrus (latín).
Características dos vampiros
editarA descrición destas criaturas varía segundo a época, cultura e autor literario. As seguintes son un conxunto de características que lles foron atribuídas nalgún momento, pero dependendo do ámbito literario ou artístico no que apareza o autor pode elixir unhas poucas destas características ou incluso introducir outras novas.
- Moitos dos vampiros tradicionais son cadáveres animados de mortais, pero agora atópanse nun estado intermedio entre a vida e a morte, de aí que en moitas ocasións se lles chame non-mortos.
- Precisan de sangue fresco para sobreviviren, aínda que non sempre é o sangue, senón algún tipo de “fluído vital” ou “enerxía espiritual”, pero o elemento nutritivo máis utilizado é o sangue.
- Posúen grandes e afiados dentes (a miúdo só os cairos).
- Poden infectar a outros seres coa súa condición non morta, mordéndoos e bebendo o seu sangue ata matalos, aínda que as condicións da transformación varían. Algúns vampiros son simplemente unha especie parasita similar á humana e reprodúcense sexualmente.
- Permanecen eternamente novos, co mesmo aspecto co que morreron.
- Son capaces de transformarse en morcegos e outras criaturas de reputación sinistra como ratas, lobos, gatos, curuxas ou corvos. Tamén poden disiparse nunha nube de po ou vapor.
- Tamén posúen certo control sobre as bestas.
- Poden hipnotizar as súas vítimas.
- Algúns practican a maxia, xeralmente algún tipo de sinistros feitizos de maxia negra ou necromántica.
- Posúen características físicas sobrenaturais, forza, percepción, carisma e axilidade moi superiores ós humanos.
- Non se reflicten nos espellos (supostamente porque carecen de alma), aínda que non é un trazo tan estendido.
- Adoitan ser rexeitados polos símbolos relixiosos, especialmente polos crucifixos e a auga bendita.
- Algunhas plantas como o allo, o espiño branco, ou as roseiras salvaxes, tamén afastan os vampiros.
- Dormen en cadaleitos, sotos, alxubes, cemiterios ou baixo terra, aínda que este costume tende a desaparecer nos relatos máis modernos. Algúns precisan durmir na terra na que naceron, e outros non dormen.
- Os seus ollos adoitan ter unha calidade animal, ou teñen cores estrañas, como vermella, dourada ou completamente negra.
- En moitos relatos só poden entrar nun edificio se son invitados a pasar polo dono legal ou por alguén que se atope dentro.
- Respecto á súa imaxe:
- Nos relatos máis antigos da tradición oral aparecen como cadáveres inchados, de mirada feroz, longos cabelos e unllas.
- O vampiro romántico é unha muller ou home aristocrático, de pel pálida, estilizado e sensual. Viste preferentemente de negro e a súa vestimenta está lixeiramente anticuada.
- Algúns presentan trazos monstruosos con trazos animais de morcego, rato e lobo, así como outras combinacións.
- Respecto á luz do sol:
- Algúns debilítanse baixo a luz do sol, perdendo parte dos seus poderes, e outros morren.
- Algúns quedan cegos baixo a luz do día.
- Algúns poden camiñar baixo a luz do día, aínda que non lles gusta.
- Respecto os medios de matalos:
- A maioría dos relatos afirman que só poden ser destruídos se se lles corta a cabeza ou se lles atravesa o corazón cunha estaca de madeira (ás veces dun tipo concreto de árbore)
- Algúns vampiros son afectados pola prata, aínda que se trata dun trazo máis propio dos lobishomes.
- O lume acostuma ser un medio eficaz para acabar con eles, aínda que en ocasións é preciso esparexer as súas cinzas.
Historia dos vampiros
editar- Artigo principal: Crenzas sobre vampiros.
Se ben existen lendas de criaturas vampíricas en todas as civilizacións da Antigüidade, dende Exipto a Sumeria, as primeiras referencias históricas do vampiro moderno atópanse nas antigas Grecia e Roma. Lucio Apuleio (125-180), un escritor e filósofo romano, conta na súa novela De Asino Aureo (O asno de ouro) a historia de dúas irmás malignas, Meroe e Panthia, que beben o sangue dun home, pechándolle a ferida cunha esponxiña para que non perciba a perda. Ó día seguinte, o home anicouse para beber auga nun río, a esponxiña caeu e morreu.
No folclore oral o vampiro como morto vivente bebedor de sangue xa era coñecido nas lendas de moitos países, atopándose relatos en Inglaterra e Dinamarca xa no século XII, nos que se fala de diversos tipos de seres vampíricos. Nos séculos XVII e XVIII desátase nos países de Europa Central e Oriental unha auténtica “histeria vampírica” e comezan a chegar novas sobre cadáveres que se levantan das súas tumbas para beberen o sangue dos vivos. Estas lendas parecen estar relacionadas con varios casos de epidemias de rabia que afectan á zona por esa época, que terminan mesturándose coas lendas locais. O abade Augustin Calmet (1672-1757) recolle en Tratado sobor dos vampiros (1746) moitos destes sucesos en terras de Austria, Hungría, Polonia, Serbia, Moravia, Silesia e Prusia, e aínda que tenta darlles unha explicación racional, non nega a súa existencia.
En Europa Occidental os filósofos da Ilustración critican a obra de Augustin Calmet e consideran os rumores e relatos vampíricos como meras supersticións. En España o padre Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro fai unha crítica sobre o vampirismo, considerándoo froito da ignorancia.
A Península Ibérica permanece á marxe das influencias vampíricas que se estenden dende Europa Central, aínda que no folclore local existen referencias a criaturas que amosan trazos vampíricos como as guaxas de Asturias, as guajonas de Cantabria e as meigas chuchonas de Galicia, todas elas vellas feiticeiras que cun só cairo beben o sangue das súas vítimas, sobre todo meniños. Algunhas tamén comen carne humana. En certo sentido a procesión fantasmal da Santa Compaña contén certo elemento vampírico, ó “roubar” a enerxía vital de quen é condenado a acompañar a procesión. En Cataluña existen lendas como a do ugarés e o conde Estruch, nas que se fala de terribles aristócratas que realizan pactos infernais para alongar as súas vidas e que cometen grandes atrocidades, como beber o sangue das súas vítimas.
Os vampiros na Antigüidade
editarEn Mesopotamia invocábanse deuses protectores para que acabasen cos Utuhu e os Maskin', seres moi similares ós vampiros que eran os culpables da propagación de enfermidades e pragas. Estes seres, xunto cos demos Alal e Telal, poden ser considerados os antecedentes máis antigos dos vampiros.
No Antigo Exipto atópanse deuses como a deusa Srun, unha muller loba de longos cairos que se alimentaba de corpos humanos. Os fenicios, e posteriormente os hebreos, crían que a mortalidade infantil era provocada polos ataques de Lilitu, un espectro errante que se alimentaba do sangue dos nenos. Posteriormente Lilitu converteríase en Lilith, a primeira muller de Adán que, rexeitada polo seu home e por Deus, se convertería nun diaño.
Na India, Kali Ma era unha deusa sanguinaria e feroz, con catro brazos, longa cabeleira e un colar feito con caveiras humanas. Ofrecíanselle sacrificios humanos nos que o sangue era o elemento principal. Outros seres vampíricos da mitoloxía hindú eran os butchas.
Na antiga China considerábase que os criminais que non purgaban as súas malas accións convertíanse en pantasmas e vampiros cando morrían. Os antigos chineses exhumaban as tumbas dos criminais e tronzaban os seus cadáveres para protexerse.
En América, o pobo mapuche ten no seu folclore un ser vampírico coñecido como o Pihuychen, que ataca principalmente a animais, pero tamén a humanos. Igualmente crían na existencia dunha criatura vampírica acuática coñecida como Trelke-wekufe (O coiro). Ámbolos dous seres pasarían á tradición de Chile. Os indíxenas aztecas crían no civataeo, que atacaba os meniños, que despois morrían dalgunha enfermidade. Dise que atacaba polas noites nas encrucilladas.
En Europa e na antiga Grecia, os gregos tiñan a lenda de Lamia, filla do rei oriental Belo, e tan orgullosa de seus fillos que a deusa Hera enrabechou e matounos cando soubo que Lamia tivera un romance co seu marido, o deus Zeus. Lamia toleou coa rabia e a pena e converteuse nunha monstruosa criatura que comezou a perseguir nenos para beber o seu sangue. Esta lenda estendeuse polas zonas rurais de Grecia, onde posteriormente se cría que Lamia adoptaba formas fermosas e atacaba os viaxeiros extraviados. Desta forma, Lamia comeza a mostrar moitos elementos dos vampiros modernos.
Outro ser da mitología grega era Empusa, filla da deusa Hécate, un monstro con pés de bronce que podía mudar nunha fermosa muller e conquistaba os homes para beberlles o sangue. Tamén existían as striges, monstros con cara de muller e corpo de paxaro que bebían o sangue dos humanos mentres durmían (strix converteuse no nome das curuxas). Posteriormente, e quizais por influencia eslava, en Grecia xurdiu a figura do vrycolaka, que atacaba a súa propia familia despois de morto.
Os romanos asimilaron os mitos gregos pero tamén dispoñen dos seus propios seres vampíricos, como os lemures e os larvae, espíritos dos criminais, que adoptaban un estado esquelético e fantasmal para absorberen a vida dos homes.
O vampiro na Idade Media
editarNa Idade Media, nos países de relixión musulmá había unha especie de ogros e vampiros chamados gul ou golas (se eran femininos), que se converten en monstros tras sufriren mortes violentas. Estes seres viven nos cemiterios e comen carne humana ademais de beberen sangue, e poden adoptar formas humanas para ocultaren a súa con diversos trazos animais. Aparecen en varios relatos e contos como os de As mil e unha noites.
Nos países nórdicos existían os cadáveres coñecidos como vagr. Nunha antiga saga viquinga cóntase que nunha expedición a Islandia un grupo de viquingos foi morto por unha especie de vampiros que lles chucharon o sangue.
A palabra upir (que é o termo polaco para os vampiros) usouse por primeira vez en Rusia no ano 1047 para referirse a un príncipe ruso.
En 1190 Walter Map escribe De Nagis Curialium, onde escribe moitos feitos ocorridos por ataques vampíricos en Inglaterra. Tamén recolle casos ingleses William de Newburgh nas súas Chronicles en 1196.
Patoloxía psiquiátrica e vampirismo
editarÁ parte das lendas populares non debe rexeitarse unha orixe psicolóxica na configuración do mito do vampirismo.
Na historia teñen xurdido varios personaxes de sinistra reputación, e ós que se atribuíron numerosas atrocidades e en ocasións fascinación ou obsesión polo sangue humano.
En 1440 en Francia foi executado o cabaleiro Gilles de Rais (1400-1440), que fora compañeiro de armas de Xoana de Arco. Debido ás súas dificultades económicas, Gilles de Rais confiou nun alquimista para recuperar as súas riquezas. Entre os experimentos para conseguilo e a súa luxuria persoal, Gilles de Rais asasinou uns 300 nenos cos seus cómplices, antes de seren detidos e condenados a morte. A sinistra reputación de Gilles de Rais daría lugar ó conto de “Barbazul”.
Michel Beheim, un estudante xermánico, compuxo en 1463 unha canción co título Von ainem wutrich der hies Trakle waida von der Walachei, onde relataba as historias do nobre valaco (romanés) Vlad III Draculea (1431-1476). Vlad Draculea chamado Tepes (o Empalador) era un gobernante severo e desapiadado na súa guerra contra os seus inimigos, especialmente os turcos otománs, arrasando territorios e castigando cruelmente os criminais. Cando atacou os colonos saxóns (xermánicos) do sur de Transilvania, estes difamaron a súa figura e estenderon a súa sinistra reputación polo resto de Europa. No século XIX o escritor irlandés Bram Stoker tomaría a súa figura como modelo para crear o Conde Drácula, sen dúbida o vampiro máis famoso de todos os tempos.
A finais do século XVII a aristócrata húngara Erzsébet Báthory (1561-1614) foi acusada de asasinar centos de nenas e doncelas para bañarse no seu sangue e conservar a súa xuventude. As autoridades encarcerárona nunha torre sen ventás ata que morreu. Algúns historiadores afirman que en realidade a figura da “condesa sanguenta” foi difamada polos seus inimigos para librárense dela. En calquera caso, a súa lenda sobreviviu e daría lugar á figura da Condesa Carmilla Karnstein, outra vampira famosa do romanticismo do século XIX.
Desde finais do século XIX e comezando coa figura de “Jack o Destripador” a historia criminal da humanidade viuse salpicada de asasinos de prácticas especialmente crueis e sanguentas, en ocasións alcumados como “vampiros”. Aínda que casos similares existiran en épocas anteriores, a revolución dos medios de comunicación permitiu que os seus crimes tivesen unha ampla difusión e repercusión na sociedade.
O húngaro Bela Kisz comezou as súas actividades asasinas en 1912, a raíz da infidelidade da súa xove muller. Cando foi á primeira guerra mundial (1914) e non volveu, supúxose que morrera ou desaparecera na guerra, e os seus veciños descubriron na súa casa dous barrís de metal onde acochara o corpo da súa muller e dunha veciña. Posteriormente atopáronse outros dezasete barrís con outras tantas mulleres que foran estranguladas e sangradas.
O alemán Peter Kürten (1883-1931), máis coñecido como O Vampiro de Düsseldorf, comezou a asasinar moi novo, torturando e matando animais. Ós cinco anos tentou afogar un compañeiro de xogos e ós nove provocou un accidente no que morreron dous mozos. A súa infancia abusiva e a súa estancia no cárcere debido a roubos e deserción do servizo militar, cargárono de odio cara a sociedade, aínda que sempre amosou un aspecto serio, honesto e amable. Cometeu o seu primeiro homicidio, unha nena de 8 anos, en 1913, e cando o capturaron foi acusado de nove asasinatos e sete intentos. Morreu sen arrepentirse dos seus actos e sen remordementos. A historia do asasino foi levada ó cine polo director Fritz Lang en 1931 na película “M, o Vampiro de Dusseldorf”, onde Peter Lorre interpreta a Peter Kürten.
Outros asasinos amosan unha atracción máis directa polo sangue, non tanto polo acto de matar. Martin Dumollard matou varias mulleres en Francia en 1861 e bebeu o seu sangue. Tamén en Francia en 1878 Joseph Vacher bebeu o sangue dunha ducia de vítimas. En Italia, Vincenzo Verzenia asasinou dúas mulleres para beber o seu sangue e Eusebius Pleydagnelle, Stanislav Modziellewski e Jan Koltrun polo mesmo motivo en Polonia. E tamén se teñen producido outros casos similares na Arxentina, Brasil, Australia, Inglaterra, Estados Unidos e outros moitos países.
En España son tristemente famosos os casos de Enriqueta Martí, unha antiga prostituta de Barcelona que secuestraba nenas para os pederastas da cidade e logo matábaas para aproveitar o seu sangue e órganos. En Andalucía o curandeiro Francisco Leona “O sacaúntos” secuestrou e asasinou un neno para utilizalo nun ritual para curar un enfermo. En Galicia, Manuel Blanco Romasanta “O Home Lobo de Allariz” violaba e despezaba mulleres para roubalas.
A psiquiatría tense interesado polos casos de conduta anormal onde hai unha necesidade compulsiva por sentir e inxerir sangue, coa presenza da crenza real ou non de ser un vampiro ou de obter algún poder sobrenatural do sangue. Moitos destes individuos teñen sido diagnosticados como psicóticos ou esquizofrénicos. Parece que este tipo de comportamentos é moito máis frecuente nos homes e téñense establecido varias fases de desenvolvemento:
- Infancia: O primeiro estadio prodúcese durante a infancia, cando o neno se ve involucrado nun incidente sanguento no que descobre a excitación do sangue.
- Autovampirismo: onde descobre o pracer que lle provoca a visión ou o sabor do seu propio sangue.
- Zoofaxia: onde pasan a probar o sangue de animais, sendo especialmente atraídos polos animais de compañía.
- Vampirismo clínico: é o estado máis avanzado deste síndrome, no que se pasa a inxerir voluntariamente o sangue doutros seres humanos mordendo por pracer, o que produce unha satisfacción aditiva.
O vampiro na ciencia
editarA ciencia chama "vampiro" (dende que o naturalista Buffon empregou o termo en 1761) a unha especie de morcegos do xénero Desmodus que vive en América Central e Suramérica e que se alimenta de sangue. Son morcegos pequenos, duns 6-9 centímetros e un peso de 25-40 g, de pel cor café-gris, face achatada e orellas pequenas e puntiagudas, fociño curto e labio inferior en forma de “V”, con cairos superiores anchos e afiados e inferiores pequenos.
A súa técnica de alimentación é a seguinte: cos seus agudizados sentidos localiza as súas vítimas (normalmente gando vacún, equino ou porcino) e achégase a elas voando, arrastrándose polo chan ou brincando sobre delas, mordendo nos ombreiros, costas, cerca do ano, patas, pezuños ou na base de cornos e orellas. Adoitan atacar cando as súas vítimas dormen e como a súa saliva ten certas propiedades anticoagulantes, a ferida tarda en pecharse.
O sangue consumido polo vampiro rara vez resulta prexudicial para o vampiro, pois adoitan tomar apenas 25 ml en media hora, aínda que xeralmente volven polas mesmas vítimas. Estes vampiros deben alimentarse cada 48 horas, polo que a miúdo comparten o contido dos seus estómagos cos compañeiros que non conseguen presas nun momento dado.
Un dos primeiros en relatar a súa experiencia cun morcego vampiro foi Gonzalo Fernández de Oviedo en Sumario de la Natural Historia de las Indias (1526), xa que foi mordido por eles.
O principal problema deste tipo de morcegos é que un gran número deles pode debilitar os animais domésticos en sucesivas alimentacións, e ó alimentárense de sangue contribúen ó espallamento de enfermidades.
No século XVIII, ante a histeria producida en Europa Central por supostas aparicións de vampiros, varios científicos e eruditos da época negaron esta superstición, como Prospero Lambertini, médico da emperatriz María Teresa de Austria, ou en España o Padre Benito Xerónimo Feijoo. Estes eruditos desacreditaban o vampirismo, considerando que eran posibles aínda que pouco frecuentes os casos de incorruptibilidade dos cadáveres e desacreditaban os sacrilexios e profanación de tumbas que se realizaban para combater os vampiros. Con todo, outros médicos aseguraron que os vampiros eran reais.
Dende entón a medicina tentou facer unha recapitulación sobre posibles explicacións do fenómeno do vampirismo, sobre todo do vampirismo folclórico, deixando de lado as achegas literarias. Sen dúbida o espanto producido polas epidemias de peste (Yersinia pestis) provocaron o xurdimento de lendas sobre monstros que propagaban a enfermidade (como o Nosferatu de Murnau ou de Herzog). Durante o século XIV, en Europa, para evitar o contaxio, era habitual que as vítimas da enfermidade fosen enterradas rapidamente sen constatar a súa morte clínica. Moitos deles é posible que fosen enterrados vivos, convulsionándose tratando de escapar dos seus cadaleitos. Non é de estrañar que ó abrir as tumbas aparecesen os corpos fóra de lugar e con manchas de sangue, e que sen dúbida estes sucesos illados estimulasen a superstición provocando a creación dos vampiros, que os ingleses denominaron dunha forma máis ou menos técnica como "cadáver sanguisugus".
A esta crenza axudaron indubidablemente os conceptos desenvoltos polo cristianismo, que baseados sobre a idea neoplatónica da vida despois da morte, fomentaron a idea da corrupción do corpo e a supervivencia da alma ata o día do Xuízo Final, tendo a posibilidade de acceder a ese estado todos os que morreran arrepentidos dos seus pecados e que recibiran os últimos sacramentos. Segundo esta crenza, todos aqueles que non foran enterrados en terra consagrada, como os suicidas e os excomungados, e os que non recibiran a extremaunción, poderían converterse en espectros corpóreos ou vampiros.
Outro dato importante foi a crenza de que os vampiros podían afectar ós seus veciños e familiares. As vítimas do vampiro presentaban unha severa palidez acompañada de intenso cansazo e respiración entrecortada. Este fenómeno ten unha sinxela explicación se pensamos nunha enfermidade clásica, a anemia, un déficit na cantidade ou calidade dos glóbulos vermellos do sangue encargados de transportar o osíxeno do corpo.
Aínda que case sempre se atribuía á perda de sangue, o certo é que na época medieval era habitual a desnutrición (incrementada en períodos de epidemia), cando non por xaxún de motivacións relixiosas que tiñan como obxectivo purgar os pecados e verse libres do perigo da peste. Tamén hai quen quere ver unha das causas do vampirismo na enfermidade do carbuncho (causada por Bacillus anthracis), que se transmite dos animais ó home. Os enfermos de carbuncho amosan febre alta, sede intensa, convulsións, respiración entrecortada e alucinacións, polo que estes síntomas podían ser atribuídos ó ataque dun vampiro.
Porén, a enfermidade infecciosa que explica mellor a orixe das lendas do vampirismo, é a que coincidiu con epidemias deste tipo nas rexións balcánicas durante os séculos XVI e XVII, sendo a máis importante a de Hungría entre 1721 e 1728. Trátase da rabia, enfermidade producida por un virus RNA da familia rabdoviridae que se transmite dos animais ós humanos. Moitos animais que foron relacionados cos vampiros son portadores habituais da enfermidade: cans, lobos, gatos, ratas. Un dato que fai pensar niso é que un médico anónimo defendeu en 1733 que o vampirismo era unha enfermidade contaxiosa dunha natureza parecida á que sobrevén pola mordedura dun can rabioso.
O feito de que a mordedura dun vampiro convertese a vítima noutro vampiro explicaría o método habitual de transmisión da rabia. Asemade, o longo período de incubación (habitualmente entre 1 e 3 meses), a sensación de parestesia ou dor na zona afectada e os síntomas iniciais (febre, perda de apetito, cansazo, depresión, medo, ansiedade e pesadelos) axudarían a crer na progresiva transformación dunha persoa en vampiro.
A rabia pode manifestarse nunha baixa porcentaxe de casos como "rabia paralítica", aínda que a máis frecuente é a chamada "rabia furiosa", moi semellante ó que se di nas lendas dos vampiros. Desenvólvese unha encefalite, cunha predilección do virus por afectar ó sistema límbico, que pode levar á agresividade, insomnio persistente con alteración do ritmo do sono e modificacións na conduta sexual que pode expresarse como hipersexualidade.
Son comúns os espasmos musculares, que afectan á faciana, á farinxe e á larinxe, provocando unha voz rouca e afogada, retraendo os labios de forma que os dentes asoman como os dun animal. O enfermo en ocasión tamén ten estalidos de furor maníaco fronte a pequenos estímulos, como os leves contactos, as correntes de aire, a luz, os ruídos, certos cheiros ou excitacións mínimas. A máis característica é a reacción do enfermo fronte á auga, provocando hidrofobia, nome polo cal tamén é coñecida a rabia, que orixina fortes espasmos farínxeos que orixinan intensas dores ó intentar tragar auga ou simplemente ante a súa visión. Asemade ás veces tamén hai problemas para tragar a saliva, polo que escoa da boca provocando escuma. Os pesadelos e alucinacións tamén adoitan ser un síntoma frecuente da rabia.
Exhumación: Explicación científica dos vampiros
editarComunmente, cando nunha aldea ou pobo xurdía o rumor dunha epidemia vampírica, consistente nunha das enfermidades exportas previamente, a xente enterraba os seus mortos nos cemiterios, pero os corpos eran exhumados uns días despois, para comprobar que non se “converteran en vampiros” e descansaban en paz.
Un dos factores que máis fortaleceu a teoría de que os vampiros existían e durmían en cadaleitos, debíase ó fenómeno da putrefacción e incubación de esporas e bacterias nos pulmóns dos defuntos. Tras un tempo de estaren sepultados, nos pulmóns dalgúns corpos desenvolvíase unha grande cantidade de bacterias e esporas, debido ás condicións de temperatura, humidade e nutrientes adecuados dentro do cadáver. Estas bacterias, polos seus mesmos procesos metabólicos, enchían os pulmóns con gases produto da fermentación.
No momento en que o corpo era exhumado e se tentaba manipulalo ou cravarlle unha estaca no peito, evidentemente, o cadáver, pola presión exercida sobre os pulmóns, emitía unha especie de "suspiro" ou incluso ruído, unha nube destas bacterias e esporas altamente tóxica, o cal facía pensar ós exhumadores que o cadáver era efectivamente un vampiro, e que a estaca acabara coa existencia do mesmo.
Este labor de exhumación, no que participaban sacerdotes, autoridades das aldeas e incluso os familiares do defunto, sen dúbida contribuíu á propagación de enfermidades entre os presentes, ó manipularen os cadáveres contaminados.
¿Dúas enfermidades vampíricas?
editarAdemais da rabia, unha infección por rabdovirus, tamén se ten especulado que a porfiria eritropoiética conxénita ou enfermidade de Günther (en honor ó seu descritor), podería ser a causa do vampirismo. Estoutra enfermidade, non infecciosa e hereditaria, clasicamente recibiu o nome de “enfermidade dos vampiros” pero aínda que curiosa e merecedora de estudo, non se cre que explique as formas epidémicas de vampirismo, debido a que é moi pouco frecuente, e en calquera momento só hai un par de centos de casos documentados con seguridade en todo o mundo (aínda que é posíbel que outros casos non fosen documentados medicamente).
As porfirias prodúcense por erros do metabolismo das porfirinas, pigmentos precursores da hemoglobina que se encargan do transporte do osíxeno no sangue e da súa característica cor vermella. Un defecto no ADN produce unha alteración na actividade enzimática, encargada de producir as porfirinas, que incrementa a súa velocidade de formación e unha acumulación excesiva das mesmas.
O depósito de porfirinas na pel sería causa dunha das características principais que se atribúen ós vampiros, xa que provoca unha hipersensibilidade a certas radiacións da luz do sol (as de 400 nm de lonxitude de onda e en menor grao as de 500 a 600 nm) o que desencadea un proceso de produción de preóxidos, que ó liberar o osíxeno atómico nos tecidos, provoca a destrución celular. Esta fotosensiblidade fai que a exposición á luz do sol provoque un avermellamento cutáneo con formación de bochas que se infectan con facilidade e forman erosións e úlceras que ó cicatrizaren deixan marcas e deformacións na zona afectada, a pel fende e coa exposición solar é habitual que sangre con facilidade.
Desta forma o vampiro folclórico explicaríase cando as lesións faciais son extensas e polo seu carácter terminan destruíndo os labios (deixando a dentadura ó descuberto), así como as cartilaxes do nariz (amosando as fosas nasais), e as cartilaxes das orellas (dándolles un aspecto puntiagudo). Asemade, ó acumularse as porfirinas, os ollos poden amosar unha cor vermella, así como os dentes.
Internamente os defectos na produción de hemoglobina dan lugar a un cadro de anemia hemolítica con toda a sintomatoloxía característica das anemias, acentuando a palidez. Un tratamento habitual son as transfusións de sangue, que non só melloran a anemia, senón que deteñen a produción de porfirinas, e moitos teñen alegado que por esta razón os vampiros necesitan sangue, pero aínda que nalgunhas ocasións na medicina antiga a anemia tratábase inxerindo sangue de animais, o certo é que este tratamento non sería efectivo, xa que os xugos da dixestión o destruirían e ademais, faría falta moito sangue para ter un efecto atenuante na anemia.
Para completar os síntomas, o organismo destes enfermos desenvolve un exceso anormal de cabelo na fronte, fazulas e extremidades, afectando a zonas pouco habituais do corpo nun intento de protexer a pel do sol.
Existe un dato moi curioso e que anima moito ós amantes das explicacións vampíricas sobre o efecto que ten o allo para espantar os vampiros. O allo, xunto co limón, é un dos principais elementos dos defensores da medicina natural, e atribúenselle propiedades antisépticas, antiparasitarias, expectorantes ou hipotensivas. En 1978 a comunidade científica certificou que algúns extractos do allo producen un bloqueo na coagulación do sangue ó inhibir a agregación de plaquetas. É dicir, o allo é prexudicial para os enfermos de porfiria, aínda que isto non resulta evidente sen unha inxestión prolongada.
A porfiria, curiosamente, non trastorna a sensación de benestar do enfermo, aínda que polo tipo de vida ó que se encontra sometido evitando continuamente a luz de sol podería alterar as facultades mentais, o que podería explicar as obsesións e crueldades que se atribúen ós vampiros.
Aínda que coincida nalgúns puntos, os síntomas da porfiria e as teorías asociadas non proporcionan unha explicación ás epidemias de vampiros, aínda que algún teórico afirma que ó ser hereditaria é posible que entre clases nobres puidesen aparecer varios casos nun mesmo período e con certa frecuencia, explicando ademais a vampirización do contorno familiar. De todos os xeitos, resulta unha explicación forzada e pouco convincente.
O vampiro na arte
editarO vampiro na literatura
editarDurante os séculos XVII e XVIII varias epidemias “vampíricas" (probablemente por incidentes provocados por epidemias de enfermidades comúns e a histeria colectiva asociada) propagáronse polos países de Europa Central e Oriental. Estes incidentes provocaron un interese xeneralizado polos vampiros, que chegarían a ser comentados por personaxes do talle de Descartes, Voltaire e Jean-Jacques Rousseau.
Un dos autores máis importantes que estudaron o vampirismo foi o abade beneditino Augustin Calmet (1672-1757), orixinario de Francia, destacado ideólogo da Inquisición, que escribiu entre outras moitas obras un libro titulado “O mundo dos pantasmas”. Nel inclúese un ensaio que leva por nome Negociación e explicación da materia e características dos espíritos e dos vampiros, así como dos retornados da morte en Hungría, Moravia etc. Nesta obra Calmet realizou a primeira diferenciación dos vampiros por unha parte e os demais mortos por outra, os mecanismos polos que escapaban das tumbas, e a enerxía que movía os seus corpos. Chegou á conclusión de que a pesar da súa natureza maligna, os vampiros son seres creados por Deus. E indicou que ser pagán non era causa suficiente para converterse en vampiro, pois do contrario, todos os romanos e gregos, que adoraban a deuses pagáns, teríanse transformado en vampiros.
A divulgación de Calmet provocou unha rápida resposta e mesmo burla dos filósofos ilustrados, pero ó mesmo tempo tamén introduciu o vampiro na literatura escrita. A primeira testemuña literaria que se conserva é “O vampiro”, un poema alemán de 1748, de Heinrich August Ossenfelder, que acompaña a un artigo médico sobre o tema. Este poema non trata exactamente de vampiros, senón dun mozo, que rexeitado pola súa puritana amada, afirma que se converterá nun vampiro e a visitará na súa alcoba para amosarlle que o seu amor é máis poderoso que as crenzas relixiosas da moza.
A finais do século XVIII o vampiro xa non só forma parte de baladas, senón que tamén comeza a aparecer en relatos, non só nos países xermánicos, senón tamén noutros países como Inglaterra e Francia.
O lendario poeta inglés Lord Byron (1788-1824) escribiu o poema épico The Giaour (1813), onde presenta a combinación de horror e luxuria que sente o vampiro e o concepto de que pode transmitir a súa maldición ós vivos. En 1816 Byron pasaba uns días cerca do lago Leman (Suíza) xunto con varios amigos. Mentres se atopaban celebrando unha festa á que acudiron o poeta Percy Shelley, a súa esposa Mary Shelley, a súa irmá e John Polidori, o médico de Byron pasaron a noite contando historias de medo. Nun momento dado Byron propuxo a todos os presentes escribir cada un a mellor historia de terror e misterio de todos os tempos. Mary Shelley comezou a escribir a famosísima novela de Frankenstein. Pola súa parte Byron redactou un relato sobre vampiros pero non chegou a completalo. O seu médico Polidori convertería este esbozo na novela “O Vampiro”, publicado 1819. A vida decadente e bohemia de Byron converteuse en modelo para Lord Ruhtven, o vampiro do relato. Unha continuación non autorizada desta novela, Lord Ruthwen ou les Vampires (1820), foi publicada en Francia e adaptada por Charles Nodier como o primeiro melodrama teatral de vampiros. En 1828 tamén se estreou en Leipzig a ópera Der Vampyr, de Heinrich Marschner.
A partir destes primeiros relatos góticos, o xénero dos vampiros foi expandíndose na literatura, con figuras como “Carmilla” de Sheridan Le Fanu, a máis famosa das vampiras do século XIX. Porén, é Drácula de Bram Stoker a máis completa de todas estas novelas e relatos vampíricos do século XIX. Drácula asemade tamén proporciona a imaxe máis popular do vampiro gótico: un aristócrata eslavo, con cairos e capacidade de converterse en lobo ou morcego.
No século XX o vampiro introdúcese noutros xéneros, como a ciencia ficción ou a fantasía, adoptando novas formas, pero tendendo cada vez máis a unha progresiva “humanización” e a unha explicación máis “científica” das súas características. Neste século destacan as obras de Stephen King e Anne Rice, entre outros moitos autores.
A Península Ibérica non é afectada pola “febre dos vampiros” do século XVIII, nin pola moda literaria do XIX. A maioría dos relatos e novelas que aparecen son traducións doutros países, e as testemuñas literarias en España e Portugal, e por extensión no mundo hispanoamericano, son moi escasas en comparación.
En Galicia, a primeira referencia autóctona á figura do vampiro faina Emilia Pardo Bazán no seu relato El vampiro (1901), no que amosa a figura do vello Fortunato Gayoso, que casa con Inés, unha moza moi nova, para absorber a súa vitalidade. Castelao en 1922, dentro da súa novela Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, aínda que de forma secundaria na trama principal, asimila de forma humorística a figura do vampiro co cacique galego, que despois de morto segue alimentándose da miseria dos vivos. A finais do século XX e principios do século XXI, no contexto de diversificación da literatura galega, xorden obras relacionadas co xénero, como Sangue 12 (2014) de Cristina Pavón, novela na que a vampira Palmira Casares conta a súa historia.
Principais relatos de vampiros
editar- O vampiro, Heinrich August Ossenfelder, 1748 (poesía).
- O castelo de Otranto, Horace Walpole, 1764.
- Lenore, Gottfried Burger, 1773.
- Vathek, William Beckford, 1786.
- A noiva de Corinto, Johann Wolfgang von Goethe, 1797.
- Christabel, Samuel Taylor Coleridge, 1797.
- Thalaba o Destrutor, Robert Southey, 1801.
- O Vampiro, John William Polidori, 1819.
- A Lamia, John Keats, 1819.
- Vampirismo, E.T.A. Hoffmann, 1828.
- Berenice, Edgar Allan Poe, 1835.
- A morta namorada, Théophile Gautier, 1836.
- Varney, o Vampiro, Thomas Preskett Prett, 1847.
- A Familia do Vourdalak , Alexei Tolstoi, 1847.
- A Historiadora, Elizabeth Kostova, 2005.
- Le Vampire, Alexandre Dumas, 1851.
- Carmilla, Sheridan Le Fanu, 1872.
- A terra máis aló do bosque, Emily Gerard, 1888.
- Olalla, R. L. Stevenson.
- Drácula, Bram Stoker, 1897.
- O claro do bosque, W. Fernández Flórez, 1922.
- Son Lenda, Richard Matheson, 1954.
- Salem's lot,Stephen King, 1975
- Soño do Fevre, George R. R. Martin, 1986.
- Crónicas Necrománticas, Brian Lumley.
- Crónicas Vampíricas unha saga de 10 libros de Anne Rice
- Cirque du Freak unha saga de Doce libros de Darren Shan2003
- Vlad, Carlos Fuentes, 2004
- O bico de prata de Annette Curtis Klause
O vampiro na escultura
editarA figura do vampiro apenas foi representada na escultura. Practicamente as únicas obras do tema vampírico son as que representan seres mitolóxicos, que sen seren vampiros, están relacionados con eles ou que incluso poden considerarse parte do mito, como as lamias ou as representacións de Lilith.
O vampiro na pintura
editarNa pintura destacan obras como O vampiro (1895) de Edvard Munch, ou "O Vampiro Glorioso" (1916), de Boleslas Biegas, que pretende ser unha alegoría do horror da primeira guerra mundial.
O vampiro na cultura contemporánea
editarA figura do vampiro atópase ó longo dos séculos non só en Europa, senón tamén en Asia, América e Oceanía. O medo é unha das forzas máis poderosas que inflúen nas persoas, e a experiencia do temor ó misterioso e descoñecido atópase profundamente presente na cultura de todas as nacións do mundo. Nesta experiencia a figura do vampiro, cos seus elementos parasitos e espirituais malignos, irresistible sensualidade, sangue derramado e xélida autoridade, ocupa un lugar central. En palabras de Albert Einstein foi a experiencia do misterio combinada co medo o que xerou a relixión, pero tamén seguindo ó famoso científico a experiencia máis fermosa que temos ó noso alcance é o misterio. A emoción fundamental que está no berce da verdadeira arte e da verdadeira ciencia. Quen non a coñeza e non poida xa admirarse, nin asombrarse nin marabillarse, está como morto e ten os ollos nubrados.
O vampiro na pantalla
editarA figura do vampiro está vencellada ó cine desde os seus comezos. Xa en 1896 (un ano antes da publicación de Drácula), o director francés Georges Meliès incluíu vampiros na súa película Le manoir du diable. Pouco a pouco comezan a aparecer outras producións. A primeira adaptación de Drácula o cine faise en Rusia en 1920.
En 1922 o director alemán F. W. Murnau filmou a película Nosferatu, unha versión de Drácula con varias diferenzas para evitar o pago de dereitos de autor. O vampiro protagonista é o Conde Orlock, interpretado por Max Streck, un monstruoso vampiro con trazos de rata e que estende a peste ó seu paso. A pesar das diferenzas con Drácula, a viúva de Stoker demandou a Murnau e os tribunais ordenaron a destrución de todas as copias existentes, pero algunhas conserváronse na clandestinidade.
O primeiro actor que fixo famosa internacionalmente a figura de Drácula foi o húngaro Béla Lugosi, que en 1931 protagonizou unha versión cinematográfica de Universal Studios. Paralelamente rodouse unha versión para o público hispano. A partir do éxito de Drácula a compañía Universal filmou moitas outras películas sobre Drácula e outros vampiros.
A finais da década de 1958 a compañía Hammer Productions toma o relevo no xénero cinematográfico do terror e Christopher Lee converteuse na nova icona de Drácula, nunha versión do conde colorida e sanguenta, e con maiores tinguiduras de violencia e sexualidade, aínda que o ton erótico é máis patente nas sucesivas adaptación de Carmilla e outros vampiros femininos.
Xa a finais do século XX tamén destacan as adaptacións de Salem´s Lot (1979) e Interview with the Vampire: The Vampire Chronicles (1994), pero Drácula de Bram Stoker (1992) é considerada unha das mellores versións cinematográficas do xénero.
Como ocorre na literatura, o vampiro cinematográfico tamén transcende a outros xéneros á parte do terror tradicional. Roman Polanski dirixiu O baile dos vampiros, sen dúbida a mellor parodia do xénero a partir dos elementos e tópicos establecidos pola Hammer.
No campo da ciencia ficción o vampiro tamén ten aparecido en varias películas, como as sucesivas adaptación de Son Lenda, do novelista estadounidense Richard Matheson, nas que o mundo foi contaminado por un virus que converteu a humanidade en vampiros. Noutras producións como Planeta de Sangue ou Forza Vital os vampiros son entidades extraterrestres que invaden a terra. Algunha destas producións sería o xermolo de Alien, de Ridley Scott.
Na televisión, o vampiro comeza a aparecer en televisión xa na década de 1950, ben como protagonista de series sobrenaturais como Dark Shadows ou como elemento de comedia en A familia Monster. Os vampiros tamén aparecen en programas infantís como Barrio Sésamo ou series adolescentes como Buffy Cazavampiros.
Vampiros nos videoxogos
editarA popularidade do vampiro como icona da cultura contemporánea tamén o levou a aparecer no ámbito dos videoxogos.
- Na serie do xogo Legacy of Kain: Blood Omen, o personaxe principal do xogo é un desapiadado vampiro.
- Bloodrayne é un xogo de acción do que se fixeron dúas películas, onde a protagonista principal é unha atractiva vampira chamada Rayne, que se vinga do seu pai por ser o asasino da nai de Rayne.
- Castlevania, videoxogo moi famoso no Xapón, Europa e os Estados Unidos é un xogo de plataforma 2D de gran sensación na década de 1990, o que orixinou unha saga. Relata a historia de Drácula, que revive cada cen anos no seu castelo e dunha familia de cazavampiros, os Belmont (comezando por Leon Belmont no século XI), que perseguen o conde vampiro e os seus servidores infernais.
- O xogo de rol Vampire: The Masquerade tivo dúas adaptación ó videoxogo: Redemption e Bloodlines.
Filmografía sobre vampiros
editar- Nosferatu, eine Symphonie des Grauens (1922)
- Dracula (1931)
- Dracula (1958)
- The Brides of Dracula (1960)
- Dracula: Prince of Darkness (1966)
- Dracula Has Risen from the Grave (1968)
- Scars of Dracula (1970)
- Lust for a Vampire (1971)
- Dracula A.D. 1972 (1972)
- The Satanic Rites of Dracula (1974)
- Nosferatu: Phantom der Nacht (1979)
- Drácula de Bram Stoker (1992)
- Interview with the Vampire: The Vampire Chronicles (1994)
- Aberto ata o amencer (1996)
- Blade (1998)
- Dracula 2000 (2000)
- Shadow of the Vampire (2000)
- Queen of the Damned (2002)
- Blade II (2002)
- Underworld (2003)
- Van Helsing (2004)
- I Am Legend (2007)
- 30 Days of Night (2007)
- Twilight (2008)
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Vampiro |
Bibliografía
editar- Barber, Paul : Vampires, Burial and Death: Folclore and Reality. Yale University Press.1988. ISBN 0-300-04859-9
- Bell, Michael E.: Food for the Dead: On the Trail of New England's Vampires. Carroll & Graf Publishers, 2001. ISBN 0-7867-0899-9
- Flo, Ferran y Ardanuy.: Vampiros. Magia póstuma dentro y fuera de España. La Luna Negra, 1994.
- Bunson, Matthew: The Vampire Encyclopedia. Crown Trade Paperbacks, 1993. ISBN 0-517-88100-4
- McNally, Raymond T.: Dracula era una mujer. McGraw Hill, 1983. ISBN 0-07-045671-2
- Wright, Dudley: El Libro de los Vampiros. 1914 (dispoñíbel en varias reedicións)
- Frayling, Christopher: Vampyres, Lord Byron to Count Dracula. 1991. ISBN 0-571-16792-6
- Tratado sobre los vampiros. Agustín Calmet. 1746.
- Vampiros, el mito de los no-muertos. Noelia Induraín y Óscar Urbiola. Editorial Tikal. 1999
- Vampire Chronicle. Historia natural del vampiro en la literatura anglosajona. Antonio Ballesteros. Editorial Unaluna. 2000.
- Vampirismo, magia póstuma de los no-muertos. Miguel G.Aracil. Ediciones Arbor, Bastet y Protusa.
- Vampiros, mito y realidad de los no-muertos. Miguel G. Aracil. Editorial EDAF. 2002.
- Historias y leyendas de vampiros. Fritz Strafer. Editorial FERMA.
- Un sueño de Drácula. Leonard Wolf. Panaeuropea de ediciones. 1972.
- Vampiros. Bestiario de Ultratumba. Javier Arries. Editorial Zenith (Grupo Planeta). 2007
- El misterio de Salem's Lot. Stephen King, 1975
Ligazóns externas
editar- Sociedad Española de Estudios sobre vampiros.
- Vampiros.clArquivado 19 de febreiro de 2020 en Wayback Machine., Sitio chileno dedicado ó tema del vampiro (literatura, cine, arte, mitos etc.).
- Historia, Leyendas, Comunidad de Vampiros. Información e Datos.
- Boletín acadèmico L'Upir sobre vampiros (en catalán).
- Información / Cronoloxía
- [1](Guardianes de la noche)
- [2] Arquivado 01 de xullo de 2008 en Wayback Machine.(Guardianes de la noche)
- [3](Guardianes del día)
- Javier Arries. La Cripta Páxina sobre vampiroloxía e recursos sobre vampirismo.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vampiro.