Vieira

especie de molusco
Vieira
Pecten maximus

Dúas valvas superiores de vieira
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Orde: Ostreida
Suborde: Pectinina
Superfamilia: Pectinoidea
Familia: Pectinidae
Subfamilia: Pectininae
Tribo: Pectinini
Xénero: Pecten
Especie: P. maximus
Nome binomial
Pecten maximus
(Linnaeus, 1758)

A vieira, Pecten maximus (Linnaeus 1758), é un molusco bivalvo, moi apreciado comercialmente, caracterizado pola súa cuncha redonda de gran tamaño.

Morfoloxía

editar
 
Vieiras á venda.

A cuncha é redondeada (apuntada no vértice) e de valvas desiguais: a inferior ou dereita é cóncava e a superior ou esquerda plana. Ámbalas valvas están percorridas por costelas ben marcadas, en disposición radial, dando a imaxe dun abano. As costelas, á súa vez, están percorridas por finas liñas tamén radiais. O bordo é fino e ondulado.

Poden se apreciar tamén unhas marcas ou rugosidades finas, concéntricas, que corresponden co rexistro do crecemento do animal.

No vértice mostra dúas prolongacións (orellas) simétricas. Estas formacións permiten diferenciar a vieira doutras especies de pectínidos, como a zamburiña ou a volandeira.

A cor da cuncha é moi variable, normalmente castaña, laranxa ou abrancazada; a valva cóncava é máis clara que a valva plana.

Hábitat e bioloxía

editar

Viven en augas profundas da maior parte dos mares, sobre bancos de area limpa e firme preto da costa, até 100 metros de profundidade. Son organismos nadadores e xeralmente atópanse repousando no fondo sobre a súa valva inferior.

Aliméntanse por filtración, polo que ante fenómenos de afloracións masivas de dinoflaxelados (marea vermella) é recomendable evitar o seu consumo.

Son hermafroditas, e maduran primeiro as gónadas masculinas. As gónadas están ben desenvolvidas e son claramente visibles ó abrir a cuncha: a parte laranxa corresponde á gónada feminina e a abrancazada á masculina.

Aproveitamento pesqueiro e comercial

editar

As vieiras son de grande importancia comercial, debido ao saboroso da súa carne, que pode ser consumida en diferentes preparacións culinarias (en empanadas, ó forno etc.).

Captúranse mediante o rastro da vieira desde a embarcación na superficie pero tamén se cultiva en batea. A pesca da vieira adquire principal importancia na ría de Arousa, concretamente en Cambados.

No mercado pódense atopar en fresco ou conxeladas. Cando é en fresco adoita ser de orixe galega, aínda que non sempre, mentres que a vieira conxelada é normalmente de orixe foránea, especialmente inglesa.

A vieira en Galicia

editar
 
Fito do comezo do Camiño de Santiago desde Fisterra.

A cuncha da vieira é o símbolo por excelencia do peregrino no Camiño de Santiago. A razón é que, ao ser típica das costas de Galicia, os peregrinos levábana ós seus lugares de orixe como proba de que chegaran até o final da viaxe. En realidade, Linneo deu o nome de Pecten jacobeus, ou cuncha de Santiago, á vieira do Mediterráneo, non á especie propia das costas atlánticas.

En Galicia, a vieira recibe tamén os nomes de aviñeira, peregrina, cuncha de pelegrín, xacobea [1] e cascarrón.

  1. Eladio Rodríguez puntualiza que este nome se aplica propiamente á cuncha que levaban os peregrinos.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA: Vieira, zamburiña e volandeira, 1990.
  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar