Xan Míguez González

gaiteiro galego

Xan Míguez González, coñecido como O Ventosela, nado en Ventosela (Ribadavia) no 21 de xaneiro 1847 e finado o 10 de xullo do 1912 no mesmo lugar, foi un gaiteiro galego. Fíxose coñecido pola súa participación nos certames entre gaiteiros que, na súa época, se celebraba durante as festas de vilas e cidades. Como músico, soubo adaptar o seu instrumento, estilo e repertorio as novas modas musicais, o que o fixo del unha personaxe discutida polos sectores culturais máis conservadores. A súa fama permitiulle saír a tocar tamén no estranxeiro, actuando en cidades como Madrid, París, Londres, Lisboa, La Habana, Montevideo ou Buenos Aires.

Modelo:BiografíaXan Míguez González

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento21 de xaneiro de 1847 Editar o valor en Wikidata
Ventosela, España Editar o valor en Wikidata
Morte10 de xullo de 1912 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Ventosela, España Editar o valor en Wikidata
Causa da morteMiocardite Editar o valor en Wikidata
Outros nomesO Ventosela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióngaiteiro Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Labrego de profesión,[1] non existen datos sobre os seus comezos musicais. A pesar disto, é relacionado con Manuel Castro González, o mítico gaiteiro de Penalta inmortalizado por Curros Enríquez, por algúns autores.[2] As primeiras noticias súas proceden das aparicións como competidor nas, habituais na época, competicións entre gaiteiros. Estas competencias, coetáneas do rexurdimento cultural de Galiza, convocábanse durante as festas patronais das principais vilas galegas, axudando enormemente a que a sona dos gaiteiros transcendese os lindes das súas comarcas.[3]

O Ventosela aparece por primeira vez nos medios impresos como vencedor do certame ourensán do ano 1876. E desde aquela en moitos outros, como o de Pontevedra do ano 1888,[4] o de Tui en 1893, o da Coruña do 1896,[5] ou os de Santiago de Compostela dos anos 1900 e 1901.[6]

 
Os gaiteiros Roxelio Rodríguez "O Carballiño" e Xan Míguez "O Ventosela".

Adaptacións musicais.

editar

A aparición e Galiza, a mediados do século XIX, das bandas de música, provocou unha mudanza nas preferencias do público. Estas formacións musicais introduciron no panorama musical galego nova instrumentación e repertorio, e con elas apareceu un novo xeito de bailar: o agarrado. Malia a oposición da igrexa católica, os "agarradiños" arrasaron nos terreiros das festas,[7] facendo obrigada a evolución dos, até o momento indispensábeis, gaiteiros tradicionais.

O Ventosela foi dos primeiros en adaptárense á nova situación. Con músicos saídos da banda de música de Ribadavia, A Lira, formou un cuarteto con gaita, clarinete, caixa e bombo.[8] Este conxunto musical, axiña imitado noutros lugares do país, permitiu que os vellos gaiteiros mantiveran o seu lugar nas festas tocando tamén os novos ritmos: pasodobres, mazurcas, Fox-trot, zarzuelas etcétera.[9]

Porén, a adaptación da gaita galega ás súas novas parellas melódicas non foi doada. A gaita, de fabricación artesá, non completaba a escala cromática, e dicir, non podía tocar en ton sostido ou bemol. Para solucionalo, e para espanto dos músicos máis tradicionalistas, o Ventosela colocou chaves no punteiro, o que lle permitiu harmonizar con clarinetes e requintos. O gaiteiro Choumín de Celtigos dedicou daquela ao Ventosela unha agre copla que pasou a historia: "Ventosela Ventosela moita chavería na canaveira".[10][11]

Non foi o único "atrevemento" de Xan Míguez quen ousaba actuar en teatros e outros espazos pechados, e non tiña problema en abandonar a vestimenta propia do gaiteiro tradicional.[12] Todos estes elementos fixeron del unha figura enormemente polémica no seu tempo.[13] A controversia serviu para acrecentar a súa fama, facendo del un dos máis coñecidos gaiteiros do país.[a] Sobre el escribiron moitos autores e xornalistas: Lamas Carvajal, Samuel Eijan, Camilo de Cela, Alfonso Pérez Nieva etc. Emilia Pardo Bazan, quen fixo parte do xurado do certame de Ourense do 1883, chegou a dedicarlle cumpridos eloxios nunha das súas obras.[6] Aínda anos despois do seu finamento outros, como Jaime Solá, continuaban a criticar a evolución da súa música.[15]

Éxitos internacionais.

editar
 
O Ventosela co seu fillo Serafín Míguez.

A popularidade acadada polo Ventosela fixo que comezase a ser reclamado polos centros galegos na diáspora. No ano 1896, xunto a Roxelio Rodríguez "O Carballiño" e o seu fillo Serafín, actuou no madrileño Teatro da Zarzuela, cabo do Orfeón galego de Pascual Veiga.[16] A actuación foi un grande éxito, que contou cun amplo seguimento xornalístico. Incluíndo tamén as consabidas críticas a repertorio e vestimenta. Censurábase tamén a pouca presenza no acto da lingua galega e que os músicos se presentasen vestidos "de señoritos" e non co traxe tradicional.[16]

A xira madrileña, na que chegou a actuar no Palacio da Moncloa,[17] impulsou a fama de Xan Míguez definitivamente. Nos anos seguintes actuou en cidades como París, Londres, Lisboa ou La Habana. Ramón Otero Pedrayo lembraba como sendo cativo asistira á multitudinaria recepción popular que se fixera no porto de Vigo ao seu regreso da capital de Cuba.[18]

A comezos do 1908, baixo patrocinio do empresario Martín Echegaray,[19] realizou a súa derradeira xira pola Arxentina e o Uruguay. No 31 de marzo actuou no Teatro Victoria de Buenos Aires nun multitudinario concerto. Tamén aquí unha anónima crónica do concerto no Correo de Galicia criticou acedamente o repertorio do gaiteiro. Para o xornalista os pasodobres e zarzuelas soaban "como se un gaucho da pampa entoase un alalá" entanto que, facía notar o cronista, a aparición no concerto da primeira muiñeira fixo o público prorromper en aturuxos.[20]

Regresado das Américas Ventosela despediuse dos escenarios nun último concerto celebrado no 9 de agosto do 1908. Xan Míguez faleceu en 1912 a causa dunha miocardite.

 
Derradeiro concerto do Ventosela
  1. O Ventosela é mencionado, nun artigo da revista Galicia Moderna do ano 1897, como un dos catro grandes gaiteiros do seu tempo, xunto a Manuel Rilo, O Rilo de Betanzos; Roxelio Rodríguez, O Carballiño; e Antonio Castiñeira, O Fresco de Baio.[14]
Referencias
  1. Celia Vázquez, Ana (2002). "Cuarteto "Ventosela"" (PDF). Anuario da Gaita (17): 6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de decembro de 2021. Consultado o 23 de xuño de 2022. 
  2. Foxo, Xosé Lois. Os segredos da gaita (PDF). La gaita asturiana. Xornaes d'estudiu (Museu del Pueblu d'Asturies). p. 169. 
  3. Torres Regueiro, Xesús (1990). "Un lexendario gaiteiro das Mariñas: O vello Rilo" (PDF). Anuario Brigantino (13): 260. 
  4. "O Tío Marcos d'a Portela : parrafeos c'o pobo gallego" (220). 18/03/1888: 7. 
  5. "Programa de festas da Coruña". biblioteca.galiciana.gal. 1896. Consultado o 2020-10-26. 
  6. 6,0 6,1 Alonso Montero, Xesús (06/04/2015). "O gaiteiro de Ventosela". Pretextos e Textos (Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico de Ribadavia) (19). 
  7. Castro, Xavier (2020-08-02). "Bailar agarradiños ¡e viva o tango!". Diario de Pontevedra. Consultado o 2022-07-11. 
  8. Suído Producións (2016). A Gaita Galega (1ª Parte - O símbolo do país) (Youtube (TVG)). Escena en 24m30s. 
  9. Abraham (2012-01-30). "Poesía dedicada a Xan Míguez "O Gaiteiro de Ventosela"". VIGOFOLK. Consultado o 2022-07-17. 
  10. Ínsua, Emilio Xosé (mércores, 3 de decembro de 2014). "A Ínsua do Ínsua: Choumín, un gaiteiro emblemático da Terra de Viveiro". A Ínsua do Ínsua. Consultado o 2022-07-15. 
  11. Suído Producións. (2016). A Gaita Galega (1ª Parte - O símbolo do país) (Youtube (TVG)). Escena en 26m15s. 
  12. Torres Regueiro, Xesús (1990). "Un lexendario gaiteiro das Mariñas: O vello Rilo" (PDF). Anuario Brigantino (13): 265. 
  13. Suído Producións. (2016). A Gaita Galega (1ª Parte - O símbolo do país) (Youtube (TVG)). Escena en 26m48s. 
  14. de Cela, Camilo (15/12/1897). "Los gaiteros en Galicia". Galicia Moderna (16): 9–12. 
  15. Solá, Jaime (1925). Vida Gallega (en castelán). (En: Gran enciclopedia Gallega. Tomo XXX. p. 19). Hace veinte años la gaita gallega recibió un golpe que no fue de muerte... pero... (..) el gaitero de Ventosela fuese hacia el exotismo zarzuelero 
  16. 16,0 16,1 Meixome, Carlos (29/05/2021). "Polo Avieiro de dona Emilia (44): Vindicación de gaiteiro". BadalNovas. Consultado o 2022-05-22. 
  17. "El Eco de Santiago". 10/07/1896. 
  18. Suído Producións. (2016). A Gaita Galega (1ª Parte - O símbolo do país) (Youtube (TVG)). Escena en 29m 20s. 
  19. Novoa Costoya, Manuel (18/10/1908). "El gaitero de Ventosela". Aires da Miña Terra (24). 
  20. "El gaitero de Ventosela" (PDF). Correo de Galicia (3). 05/04/1908. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar