A Liga de baloncesto de Iugoslavia (en serbocroataJugoslavija Liga) foi a máxima competición de baloncesto que se disputou en Iugoslavia entre 1945 e 1992. A partir deste último ano, coa desintegración iugoslava, a competición mantívose, mais unicamente con representantes de Serbia e Montenegro, creándose a Liga serbo-montenegrina.
Cun total de dezaseis títulos europeos e once subcampionatos, a Liga Iugoslava, foi unha das competicións máis potentes do baloncesto continental. Aínda que actualmente cada exrepública iugoslava conta coa súa propia competición, no ano 2001 creouse a ABA Liga ou Liga do Adriático, tratando de reunificar o baloncesto dos Balcáns, podéndose considerar a esta competición a herdeira do que foi a YUBA Liga.[1]
Após a fin da segunda guerra mundial en 1945 xorde en Iugoslavia a necesidade do desenvolvemento de competicións deportivas. De facto, exceptuando as grandes cidades como Belgrado, Liubliana, Zagreb e Saraxevo, a xente carecía de oportunidades para gozar do deporte. En resposta a isto, os anos 1945 e 1946 viron a creación de múltiples ligas e competicións de diferentes deportes, entre elas unha liga de baloncesto. A competición, que comezaría en 1945, foi deseñada paralelamente á Liga de fútbol, sendo un dos obxectivos da mesma a afirmación da unidade do país. De feito, na primeira temporada, en lugar da habitual competión entre clubs, escolleuse un equipo de cada unha das seis república iugoslavas, ademais dun representante de Voivodina e outro do Exército Popular.
Sería na década de 1970 cando xorde unha verdadeira cultura de baloncesto en Iugoslavia, gozando de recoñecemento como unha das mellores nacións deste deporte. Rompendo co dominio da Unión Soviética, a liga iugoslava deu orixe a estrelas que irían gañar varios Mundiais e Campionatos de Europa. Porén, despois dunha década de dominio, os anos 1980 viron unha pequena caída de talento na liga. Con todo, a finais dos anos 1980 e comezos dos 1990 o mundo é testemuña do rexurdimento do bloncesto iugoslavo, gñanado a selección dous Campionatos de Europa consecutivos e o Mundial.