Zyklon B
Zyklon B (pronunciado en alemán: [tsykloːn ˈbeː], traducido literalmente como "Ciclón B") foi o nome comercial dun pesticida con base de cianuro inventado en Alemaña a comezos dos anos 1920. Constaba de tres compoñentes: cianuro de hidróxeno, como compoñente activo, un irritante dos ollos como precaución, e un adsorbente estabilizador, que podía ser, por exemplo, a diatomita. Este produto é infame polo seu uso por parte da Alemaña nazi durante o Holocausto para matar a aproximadamente un millón de persoas nas cámaras de gas instaladas en Auschwitz-Birkenau, Majdanek e outros campos de exterminio.
O cianuro de hidróxeno, un gas velenoso que interfire coa respiración celular, empregouse por primeira vez como pesticida en California nos anos 1880. Investigacións da corporación alemá Deutsche Gesellschaft für Schädlingsbekämpfung (Degesh) levaron ao desenvolvemento do Zyklon (coñecido posteriormente como Zyklon A), un pesticida que liberaba cianuro de hidróxeno ó expoñerse a auga e calor. Este produto prohibiuse despois de que outro produto semellante fora empregado por Alemaña como arma química durante a primeira guerra mundial. En 1922 Degesch foi adquirida por Degussa, onde un equipo de químicos, entre os que se atopaban Walter Heerdt e Bruno Tesch, desenvolveron un método de empaquetado de cianuro de hidróxeno en botes selados xunto cun irritante de ollos admonitorio e estabilizantes de adsorción. Este novo produto tamén recibiu o nome de Zyklon, pero coñecíase como Zyklon B para diferencialo da versión anterior, e usábase para espiollar roupa e desinfectar barcos, almacéns e trens.
A comezos de 1942 o Zyklon B pasou a ser a ferramenta mortal máis usada polos nazis nos campos de exterminio durante o Holocausto. Aproximadamente un millón de persoas foron asasinadas por este método, a maioría delas en Auschwitz. Tesch foi executado en 1946 por vender conscientemente o produto ás SS para o seu uso con humanos. O uso de cianuro de hidróxeno como pesticida pasou a ser pouco habitual trala guerra, pero segue a empregarse en varias aplicacións industriais. Compañías de varios países seguen producindo Zyklon B baixo nomes de marca alternativos, incluíndo Detia-Degesch (sucesora de Degesch), que lle cambiou o nome á Cyanosil no ano 1974.
Mecanismo
editarO cianuro de hidróxeno é un gas velenoso que interfire coa respiración celular. O cianuro impide que a célula produza adenosín trifosfato (ATP) uníndose a unha das proteínas involucradas na cadea de transporte de electróns.[1] Esta proteína, a citocromo c oxidase, contén varias subunidades e ten ligandos que conteñen grupos de ferro. O compoñente cianuro do Zyklon B pode ligarse a un destes grupos de ferro, hemo a3, formando un composto máis estabilizado por medio dun enlace pi metal-ligando. Como resultado da formación deste novo complexo de ferro-cianuro os electróns que se situarían no grupo hemo a3 non poden facelo. Agora estes electróns desestabilizan o composto, e o grupo hemo xa non os acepta. Isto provoca unha parada no transporte de electróns, provocando que as células non sexan capaces de producir a enerxía necesaria para sintetizar a ATP.[1] Segundo algunhas estimacións toxicolóxicas, a inhalación dunha dose de 200 mg/m³ (equivalentes a 180 ppm) de cianuro de hidróxeno causa a morte aos humanos en 10 minutos, e se a dose é de 300 mg/m³ (ou 270 ppm) a morte é inmediata.[2]
Historia
editarO cianuro de hidróxeno, descuberto no século XVIII, empregábase a finais dos anos 1880s para a fumigación de árbores de cítricos en California. O seu uso espallouse ata outros países para a fumigación de silos, vagóns de mercancías, barcos e muíños. O seu pouco peso e rápida dispersión obrigaban a que a súa aplicación se fixese baixo tendas ou en espazos cerrados.[3] A investigación de Fritz Haber do Instituto Kaiser Wilhelm de Química Física e Electroquímica levou á fundación en 1919 da compañía Deutsche Gesellschaft für Schädlingsbekämpfung mbH (Degesch), un consorcio controlado polo estado formado para investigar o uso militar de compostos químicos.[4] Os químicos de Degesch engadiron un irritante de ollos admonitorio a un composto de cianuro menos volátil que reaccionaba coa auga na presenza de calor converténdose en cianuro de hidróxeno. O novo produto vendeuse no mercado como o pesticida Zyklon. Alemaña xa empregara unha fórmula semellante como arma durante a primeira guerra mundial, polo que o Zyklon prohibiuse ao pouco tempo.[5]
Deutsche Gold- und Silber-Scheideanstalt (Degussa) pasou a ser o propietario único de Degesch no ano 1922. Alí Walter Heerdt, Bruno Tesch e outros traballaron nun método de empaquetado do cianuro de hidróxeno en botes selados xunto a un irritante de ollos admonitorio[a] e adsorbentes estabilizantes como a diatomita. O novo produto etiquetouse tamén co nome de Zyklon, pero pasou a ser coñecido como Zyklon B para distinguilo da versión previa.[7] Heerdt foi nomeado o inventor do Zyklon B na solicitude de patente de Degesch (número DE 438818) con data do 20 de xuño de 1922. A Oficina de Patentes de Alemaña outorgou esta patente o 27 de decembro de 1926.[8]
Estrutura corporativa
editarEn 1930 Degussa cedeu o 42,5% da súa participación en Degesch a IG Farben e o 15% a Th. Goldschmidt AG, a cambio dos dereitos de vender os produtos pesticidas desas dúas compañías a través de Degesch,[9] mantendo o control directivo en Degussa.[10]
Mentres que Degesch tiña os dereitos do nome comercial Zyklon e a patente do sistema de empaquetado, a fórmula química era propiedade de Degussa.[11] Schlempe GmbH, propiedade nun 52% de Degussa, tiña os dereitos do proceso de extracción de cianuro de hidróxeno a partir de produtos de refugallo do procesamento de remolacha azucreira. Dúas empresas, Dessauer Werke e Kaliwerke Kolin, realizaban este proceso baixo unha licenza, ademais de combinaren o cianuro de hidróxeno resultante cun estabilizante de IG Farben e un axente admonitorio de Schering AG para formar o produto final, empaquetado usando equipamento, etiquetas e botes fornecidos por Degesch.[12][13] Os produtos finalizados enviábanse a Degesch, que á súa vez pasábaos a dúas empresas que actuaban como distribuidoras: Heerdt-Linger GmbH (Heli) de Frankfurt e Tesch & Stabenow (Testa) de Hamburgo. A zona de distribución dividíase ao longo do río Elba, con Heli ocupándose dos clientes ao oeste e sur e Testa dos do leste.[14] Degesch tiña a propiedade do 51% das accións de Heli, e ata 1942 tiña o 55% de Testa.[15]
Antes da segunda guerra mundial Degesch obtiña a maioría dos seus beneficios pola venda do Zyklon B no mercado internacional, particularmente no dos Estados Unidos, onde Roessler & Hasslacher producíao baixo licenza antes de 1931 e American Cyanamid dende 1931 ata 1943.[16] Dende 1929 o Servizo de Saúde Pública dos Estados Unidos usou Zyklon B para desinfectar trens de mercancías e roupa de inmigrantes mexicanos que entraban nos Estados Unidos.[17] En Alemaña empregábase para despiollar roupa (habitualmente usando unha cámara selada portátil inventada por Degesch nos anos 1930) e desinfectar barcos, almacéns e trens.[18] Cara 1943 as vendas de Zyklon B compoñían o 65% dos ingresos por vendas de Degesch e o 70% dos seus beneficios brutos.[18]
Uso no Holocausto
editar- Véxase tamén: Holocausto.
A comezos do ano 1942 o Zyklon B xurdiu como a ferramenta preferida da Alemaña Nazi para o seu uso nos campos de exterminio durante o Holocausto.[19] Este composto químico causou a morte de ao redor dun millón de persoas nas cámaras de gas instaladas nos campos de exterminio de Auschwitz-Birkenau, Majdanek e outros lugares.[20] Gran parte das vítimas foron xudeus, e a gran maioría dos asasinatos por este método tiveron lugar en Auschwitz.[21][22][b] Heli fornecía Zyklon B aos campos de concentración de Mauthausen, Dachau e Buchenwald, e Testa encargábase da distribución á Auschwitz e Majdanek. Os campos tamén adquirían ocasionalmente o Zyklon B directamente dende as fábricas.[24] Das 729 toneladas de Zyklon B vendidas en Alemaña entre os anos 1942 e 1944, 56 delas (un 8% das vendas domésticas) vendéronse aos campos de concentración.[25] Auschwitz recibiu 23,8 toneladas, das que 6 foron usadas para a fumigación do campo. O resto empregouse nas cámaras de gas ou perdeuse por falta de uso (o produto tiña un tempo de caducidade de só tres meses).[26] Testa levou a cabo tarefas de fumigación para a Wehrmacht e fornecíalle Zyklon B. Tamén impartía cursos para as SS na seguridade durante a manipulación e uso do material na fumigación.[27] En abril de 1941 os ministerios de agricultura e interior de Alemaña designaron ás SS como aplicador autorizado do químico, o que lles permitía empregalo sen necesidade de adestramento adicional ou supervisión gobernamental.[28]
Rudolf Höß, comandante de Auschwitz, afirmou que o uso de Zyklon B para matar prisioneiros partiu dunha iniciativa dun dos seus subordinados, o capitán das SS Karl Fritzsch, que empregou esta substancia para matar a varios prisioneiros de guerra soviéticos a finais de agosto de 1941 no soto do Bloque 11 do campo principal. Este experimento repetiuse posteriormente en setembro con máis prisioneiros de guerra, baixo supervisión de Höß.[29][30] O Bloque 11 non era axeitado para os asasinatos en masa por este método, xa que o soto era difícil de ventilar trala execución e o crematorio estaba a bastante distancia do sitio (o Crematorio I, operado ata xullo de 1942).[30] O lugar de execución trasladouse ata o propio Crematorio I, onde podían executarse a máis de 700 vítimas a un tempo.[31] Cara a mediados e 1942 esta operación trasladouse ata o campo Auschwitz II–Birkenau, un campo satélite próximo que estivera en construción dende outubro de 1941.[21]
A primeira cámara de gas de Auschwitz II–Birkenau foi a "casa vermella" (chamada Búnker 1 polos membros da SS), unha barraca de ladrillo convertida nunha instalación de gaseado tras baleirar o seu interior e selar as ventás con ladrillos que pasou a estar operativa en marzo de 1942. Unha segunda barraca de ladrillo, a "casa branca" ou Búnker 2, adaptouse para este mesmo propósito unhas semanas despois da primeira.[32][21] Segundo o propio Höß, o Búnker 1 tiña unha capacidade para 800 vítimas e o Búnker 2 para 1 200.[33] Estas estruturas usáronse para as execucións masivas ata comezos de 1943.[34] A partir dese momento os Nazis decidiron incrementar de forma notable a capacidade de gaseado de Birkenau. O Crematorio II, deseñado orixinalmente como depósito de cadáveres con depósitos no soto e incineradoras a nivel do solo, converteuse nunha instalación de execución instalando portas estancas, condutos de ventilación para introducir o Zyklon B na cámara e equipo de ventilación para eliminar o gas trala execución.[35][c] O Crematorio III construíuse usando este mesmo deseño. Os Crematorios IV e V, deseñados dende o comezo como centros de gaseado, construíronse na primavera dese mesmo ano. En xuño de 1943 os catro crematorios estaban operativos, e a maioría das execucións tiveron lugar nestas catro estruturas.[36]
Os Nazis comezaron a enviar un gran número de xudeus procedentes de toda Europa cara a Auschwitz a mediados do ano 1942. Aqueles non seleccionados para grupos de traballo eran gaseados inmediatamente trala súa chegada.[37] As persoas seleccionadas para morreren, uns tres cuartos do total,[d] incluíndo case todos os nenos, mulleres con nenos pequenos, todos os vellos e todos aqueles que os doutores da SS determinaban como non capacitados fisicamente tras unha breve inspección superficial.[39] Ás vítimas dicíanlle que ían recibir un espiollamento e unha ducha, conducidas en grupos deica a cámara de gas tras despoxalos das súas pertenzas.[33]
Un departamento especial das SS coñecido como o Instituto da Hixiene levaba o Zyklon B en ambulancia ata os crematorios.[33] As SS levaban a cabo a propia execución co gas, baixo orde e supervisión dun dos doutores da SS.[40] Tras pecharen as portas, os homes da SS verquían as boliñas de Zyklon B nuns condutos de ventilación do teito ou en furados nos laterais da cámara, e as vítimas falecían nuns 20 minutos.[40] Johann Kremer, un dos doutores das SS que supervisou estes gaseos, testificou que "os berros e gritos das vítimas podían escoitarse a través da apertura e estaba claro que loitaban polas súas vidas".[41]
Tralas execucións varios Sonderkommandos con máscaras de gas sacaban os corpos da cámara. Quitábanlles as lentes, próteses, xoias e cabelo ás vítimas, e extráianlles calquera tipo de ortodoncia para fundiren o ouro.[42] Cando a cámara de gas estaba ateigada, algo que ocorría habitualmente, atopaban os corpos semi-anicados, coa pel rosa e descolorida con manchas vermellas e verdes, con algúns deles saíndolles escuma da boca ou sangrando polos oídos.[40] Os cadáveres queimábanse nas incineradoras próximas, e as cinzas soterrábanse, tirábanse ao río ou usábanse como fertilizante.[42] Co exército Vermello soviético achegándose dende Polonia, o último gaseo masivo en Auschwitz tivo lugar o 30 de outubro de 1944.[43] En novembro de 1944 Heinrich Himmler, xefe das SS, ordenou o cesamento destas execucións en todo o Reich.[44]
Legado
editarTrala fin da segunda guerra mundial en 1945, Bruno Tesch e Karl Weinbacher foron xulgados por un consello militar británico e executados por forneceren Zyklon B ás SS para o seu uso en humanos de forma consciente.[45] Gerhard Peters, quen serviu como o principal oficial operativo de Degesch e Heli e tamén mantivera varias posicións no goberno Nazi, cumpriu dous anos e oito meses de prisión por complicidade antes de ser liberado por mor de emendas posteriores do código penal.[46]
O uso de cianuro de hidróxeno como pesticida ou limpador prohibiuse en varios países.[47] A maioría do cianuro de hidróxeno pasou a empregarse en procesos industriais, principalmente por parte de empresas en Alemaña, o Xapón, os Países Baixos e os Estados Unidos.[48][49] Degesch retomou a produción do Zyklon B trala guerra. O produto pasou a venderse en Alemaña baixo o nome comercial Cyanosil, mantendo a denominación de Zyklon noutros países. No ano 2000 aínda se mantiña a súa produción.[50] Degussa vendeulle Degesch á empresa Detia-Freyberg GmbH en 1986, que mudou o seu nome a Detia-Degesch.[51] A empresa da República Checa Lučební závody Draslovka comercializa tamén un produto para a fumigación semellante ao Zyklon B, baixo o nome comercial de Uragan D2.[52]
O uso posterior do nome "Zyklon" en marcas comerciais deu lugar a respostas negativas nalgúns países de fala inglesa. O nome "Zyklon" en montañas rusas portátiles da empresa Pinfari dende o ano 1965 provocou as protestas de varios grupos de xudeus nos Estados Unidos nos anos 1993,[53] 1999[54] e 2011.[55] No ano 2002 a empresa británica de equipamento deportivo Umbro emitiu unha desculpa pública e retirou o nome "Zyklon", que usara dende 1999 nas caixas dun dos seus modelos de zapatillas deportivas, tras recibir varias queixas do Simon Wiesenthal Center e do Beth Shalom Holocaust Centre.[56] Tamén no 2002 Siemens retirou unha petición de rexistro de marca nos Estados Unidos do nome "Zyklon", proposto pola súa subsidiaria BSH Bosch und Siemens Hausgeräte para unha nova liña de electrodomésticos nos Estados Unidos.[57] A compañía francesa IPC usaba para un dos seus produtos o nome "Cyclone B" ("Cyclone" por "desengraxante" co sufixo "B" de biodegradable), ao que lle cambiaron o nome polo de "Cyclone Cap Vert" no 2013 tras protestas de grupos xudeus.[58][59]
Algúns partidarios do negacionismo do Holocausto afirmaron que o Zyklon B non se usou nas cámaras de gas dos campos de exterminio, indicando como proba a investigación de Fred A. Leuchter, que atopou niveis baixos de azul de Prusia en mostras das paredes e teitos das cámaras de gas. Leuchter atribuíu esta presenza ao espiollamento xeral dos edificios. O control negativo de Leuchter's, unha mostra de tapóns tomada dun edificio distinto do campo, non contiña residuos de cianuro.[60] En 1999 James Roth, o químico que analizara as mostras de Leuchter, afirmou que a proba fora defectuosa xa que o material enviado para a proba incluía grandes anacos, e o composto químico só se atoparía a uns 10 microns da superficie. A superficie que fora exposta ao composto químico non se identificou, e o gran tamaño dos espécimes significaba que calquera composto químico presente se atoparía diluído neles nunha cantidade indeterminable.[61] En 1994 o Instituto de Investigación Forense de Cracovia volveu a examinar a proba de Leuchter na que afirmaba que a formación de azul de Prusia por mor da exposición dos ladrillos ao cianuro non é unha reacción altamente probable.[62] Usando técnicas de microdifusión, levaron a cabo probas en 22 mostras das cámaras de gas e das cámaras de espiollamento como controis positivos, así como de barracas onde vivían os prisioneiros como controis negativos. Tralas probas atoparon residuos de cianuro tanto nas mostras das cámaras de espiollamento como nas das cámaras de gas, mais ningún nas mostras das barracas.[63]
Notas
editar- ↑ Os irritantes de ollos admonitorios empregados incluían a cloropicrina e o cloruro de cianóxeno.[6]
- ↑ Os informes iniciais dos oficiais soviéticos afirmaban que máis de 4 millóns de persoas foran asasinadas en Auschwitz usando Zyklon B, pero investigacións posteriores demostraron que este número estaba esaxerado.[23]
- ↑ A cámara de gas precisaba quencerse a maiores, xa que as boliñas de Zyklon B non se vaporizarían en cianuro de hidróxeno a menos que a temperatura fose duns 27 °C (300 K) ou superior.[30]
- ↑ Dos xudeus húngaros que chegaron ó campo a mediados de 1944, o 85% foron executados inmediatamente.[38]
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 Nelson, David L.; Cox, Michael M. (2000). Lehninger Principles of Biochemistry. Worth Publishers. pp. 668, 670–71, 676. ISBN 1-57259-153-6.
- ↑ Hydrogen Cyanide - Toxicological Overview (PDF). Compendium of Chemical Hazards (Informe) (Public Health England). 2016. 2014790. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de decembro de 2016. Consultado o 25 de decembro de 2016.
- ↑ Hayes 2004, p. 273.
- ↑ Hayes 2004, pp. 273–274.
- ↑ Hayes 2004, p. 274.
- ↑ Christianson 2010, p. 95.
- ↑ Hayes 2004, pp. 274–275.
- ↑ Heerdt, Dr Walter (27 de decembro de 1926) [20 de xuño de 1922]. Verfahren zur Schaedlingsbekaempfung (patente). Alemaña: Deutsche Gesellschaft für Schädlingsbekämpfung mbH. 438818.
- ↑ Hayes 2004, pp. 278–279.
- ↑ Hayes 2004, p. 280.
- ↑ Hayes 2004, p. 275.
- ↑ Hayes 2004, pp. 275–276.
- ↑ Christianson 2010, p. 165.
- ↑ Christianson 2010, p. 166.
- ↑ Hayes 2004, Gráfico, p.357.
- ↑ Christianson 2010, pp. 10, 92, 98.
- ↑ Christianson 2010, p. 92.
- ↑ 18,0 18,1 Hayes 2004, p. 281.
- ↑ Longerich, Peter (2010). Holocaust: The Nazi Persecution and Murder of the Jews. Oxford University Press. pp. 281–282. ISBN 978-0-19-280436-5.
- ↑ Hayes 2004, pp. 2, 272.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Piper 1994, p. 161.
- ↑ Hayes 2004, p. 272.
- ↑ Steinbacher 2005, pp. 132–133.
- ↑ Hayes 2004, pp. 288–289.
- ↑ Hayes 2004, p. 296.
- ↑ Hayes 2004, pp. 294, 297.
- ↑ Hayes 2004, p. 283.
- ↑ Hayes 2004, p. 284.
- ↑ Browning, Christopher R. (2004). The Origins of the Final Solution : The Evolution of Nazi Jewish Policy, September 1939 – March 1942. Comprehensive History of the Holocaust. University of Nebraska Press. pp. 526–527. ISBN 0-8032-1327-1.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 Pressac & Pelt 1994, p. 209.
- ↑ Piper 1994, pp. 158–159.
- ↑ Rees 2005, pp. 96–97, 101.
- ↑ 33,0 33,1 33,2 Piper 1994, p. 162.
- ↑ Steinbacher 2005, p. 98.
- ↑ Steinbacher 2005, pp. 100–101.
- ↑ Rees 2005, pp. 168–169.
- ↑ Pressac & Pelt 1994, p. 214.
- ↑ Steinbacher 2005, p. 109.
- ↑ Levy, Alan (2006) [1993]. Nazi Hunter: The Wiesenthal File. Constable & Robinson. pp. 235–237. ISBN 978-1-84119-607-7.
- ↑ 40,0 40,1 40,2 Piper 1994, p. 170.
- ↑ Piper 1994, p. 163.
- ↑ 42,0 42,1 Piper 1994, p. 171.
- ↑ Piper 1994, p. 174.
- ↑ Steinbacher 2005, pp. 123–124.
- ↑ Shirer, William L. (1960). The Rise and Fall of the Third Reich. Simon & Schuster. p. 972. ISBN 978-0-671-62420-0.
- ↑ Hayes 2004, pp. 297–298.
- ↑ Nacións Unidas 2002, p. 545, 171, 438.
- ↑ Dzombak, David A.; Ghosh, Rajat S.; Wong-Chong, George M. (2005). Cyanide in Water and Soil: Chemistry, Risk, and Management. CRC Press. p. 42. ISBN 978-1-4200-3207-9.
- ↑ Nacións Unidas 2002, p. 545.
- ↑ "Bekanntmachung der geprüften und anerkannten Mittel und Verfahren zur Bekämpfung von tierischen Schädlingen nach §10c Bundes-Seuchengesetz" (PDF). Bundesgesundheitsblatt: Bundesgesundheitsbl - Gesundheitsforsch - Gesundheitsschutz (en alemán) (Bundesinstitut für Risikobewertung) 43 (Suppl 2). 2000.
- ↑ Hayes 2004, p. 300.
- ↑ Stejskal, V.; Liskova, J.; Ptacek, P.; Kucerova, Z.; Aulicky, R. (15-19 de outubro de 2012). Hydrogen cyanide for insecticide phytoquarantine treatment of package wood (PDF). Proceedings of 9th International Conference on Controlled Atmosphere and Fumigation in Stored Products. Antalya, Turquía: ARBER Professional Congress Services. pp. 687–693. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de novembro de 2015. Consultado o 02 de xaneiro de 2017.
- ↑ "'Zyklon' Roller Coaster Sign Is Pulled After Jewish Outcry". The New York Times. 11 de agosto de 1993. Consultado o 5 de agosto de 2015.
- ↑ Katz, Leslie (6 de agosto de 1999). "Does name of county fair ride throw Jews for a loop?". J Weekly. San Francisco Jewish Community Publications. Consultado o 5 de agosto de 2015.
- ↑ "Anger as rollercoaster shares same name with poison gas Zyklon used in Holocaust concentration camps". Mail Online. 24 de novembro de 2011. Consultado o 5 de agosto de 2015.
- ↑ "Fury over Nazi gas sports shoe name". BBC News. 29 de agosto de 2002. Consultado o 25 de setembro de 2014.
- ↑ "Siemens retreats over Nazi name". BBC News. 5 de setembro de 2002. Consultado o 25 de setembro de 2014.
- ↑ Piérot, Jean-Paul (5 de decembro de 2013). "Zyklon B, pardon. Cyclone B". L'Humanité (en francés). Consultado o 6 de agosto de 2015.
- ↑ "Cyclone B. La réaction de l’entreprise brestoise IPC". Ouest-France (en francés). 4 de decembro de 2013. Consultado o 6 de agosto de 2015.
- ↑ Harmon, Brian; Stein, Mike (August 1994). "Prussian Blue: Why the Holocaust Deniers are Wrong". The Nizkor Project. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2014. Consultado o 25 de setembro de 2014. Arquivado 20 de xuño de 2014 en Wayback Machine.
- ↑ Mr. Death: The Rise and Fall of Fred A. Leuchter, Jr. (Transcrición do filme). Fourth Floor Productions. 1999.
- ↑ Bailer-Gallanda, B. (1991). Amoklauf gegen die Wirklichkeit: NS-Verbrechen und "revisionistische" Geschichtsschreibung (en alemán). J. Bailer, F. Freund, T. Geisler, W. Lasek, N. Neugebauer, G. Spenn, W. Wegner. Wien: Bundesministerium fuer Unterricht und Kultur. ISBN 978-3-901142-07-9.
- ↑ Markiewicz, Jan; Gubala, Wojciech; Labedz, Jerzy (1994). "A Study of the Cyanide Compounds Content in the Walls of the Gas Chambers in the Former Auschwitz and Birkenau Concentration Camps". Z Zagadnien Sqdowych (Institute for Forensic Research, Cracow) (XXX): 17–27.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Zyklon B |
Bibliografía
editar- Christianson, Scott (2010). The Last Gasp: The Rise and Fall of the American Gas Chamber (en inglés). University of California Press. ISBN 978-0-520-25562-3.
- Hayes, Peter (2004). From Cooperation to Complicity: Degussa in the Third Reich (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 0-521-78227-9.
- Departamento de Asuntos Económicos e Sociais das Nacións Unidas (2002). Consolidated List of Products Whose Consumption And/or Sale Have Been Banned, Withdrawn, Severely Restricted Or Not Approved by Governments: Chemicals (en inglés). United Nations Publications. ISBN 978-92-1-130219-6.
- Piper, Franciszek (1994). "Gas Chambers and Crematoria". En Gutman, Yisrael; Berenbaum, Michael. Anatomy of the Auschwitz Death Camp (en inglés). Indiana University Press. pp. 157–182. ISBN 0-253-32684-2.
- Pressac, Jean-Claude; Pelt, Robert-Jan van (1994). "The Machinery of Mass Murder at Auschwitz". En Gutman, Yisrael; Berenbaum, Michael. Anatomy of the Auschwitz Death Camp (en inglés). Indiana University Press. pp. 183–245. ISBN 0-253-32684-2.
- Rees, Laurence (2005). Auschwitz: A New History (en inglés). Public Affairs. ISBN 1-58648-303-X.
- Steinbacher, Sybille (2005) [2004]. Auschwitz: A History (en inglés). Múnic: Verlag C. H. Beck. ISBN 0-06-082581-2.