Ducado de Brabante
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Epónimo | Brabante (pt) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Unión persoal | Países Baixos dos Habsburgo (pt) | ||||
Capital | Coop of Brussels (en) (1267–1795) | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | lingua neerlandesa lingua francesa | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | Landgraviate of Brabant (en) , Baronie van Breda (en) , County of Brussels (en) e Margraviate of Antwerp (en) | ||||
Creación | 1183 | ||||
Disolución | 1 de outubro de 1795 | ||||
Sucedido por | Primeira República Francesa | ||||
O Ducado de Brabante[1] foi un antigo ducado situado entre os Países Baixos e Bélxica. Estendíase polas actuais provincias belgas de Brabante Flamengo, Brabante Valón, Antuerpen e a Rexión de Bruxelas-Capital e a provincia neerlandesa de Brabante do Norte.
Na época romana, Brabante estaba repartido entre as provincias romanas de Gallia Belgica e Xermania Inferior e habitada por tribos celtas até que pobos xermánicos os substituíron e terminaron co Imperio romano.
As principais cidades do ducado foron Bruxelas, Antuerpen, Lovaina, Breda, Tilburg, Lier, Den Bosch e Eindhoven.
O nome da rexión (e do ducado) provén do ducado carolinxio de pagus Bracbatensis, situado entre os ríos Escalda e Dijle, e que á súa vez deriva das palabras Bracha (Novo) e Bant (Rexión).
Historia
O ducado tivo como antecesor o condado de Brabante (Landgraviato), que foi creado como un feudo dentro do ducado de Lotarinxia, e máis especificamente, no da Baixa Lotarinxia desde a partición do ducado en 959. Polo tanto, formaba parte da Francia Media, e a súa orixe estivo no Sacro Imperio Romano Xermánico. O feudo imperial foi concedido ao conde Henrique III de Lovaina contra os anos 1085 ou 1086, tras a morte do anterior margrave de Brabante, o conde do Palatinado Hermann II de Lotarinxia.
Formalmente, o ducado creouse como un título hereditario por Frederico I Barbarroxa en 1183-1184 en favor de Henrique I de Brabante, fillo de Godofredo III de Lovaina, duque da Baixa Lotarinxia. Aínda que a extensión do territorio do ducado era pequena, quedando comprendido entre os ríos Dender e Senne, situado ao oeste de Bruxelas, o nome do ducado empregouse para referirse a todas as posesións dos duques a partir do século XIII.
En 1190, Henrique I de Brabante pasou a ser tamén duque da Baixa Lotarinxia despois da morte de Godofredo III, título que practicamente non tiña autoridade territorial. De acordo co protocolo, todos os seus sucesores chamáronse a partir de entón duques de Brabante e da Baixa Lotarinxia, coñecidos posteriormente como duques de Lothier.
Tras a batalla de Worringen, acaecida en 1288, os duques de Brabante obtiveron o ducado de Limburgo. En 1354, o duque Xoán III de Brabante instituíu o cargo do Blijde Inkomst. En 1430, os ducados de Lotarinxia, Brabante e Limburgo foron herdados por Filipe III de Borgoña. En 1477 os títulos pasaron á casa de Habsburgo a través de María de Borgoña. A historia posterior do ducado é parte da historia dos Países Baixos ou as Dezasete Provincias.
As provincias do norte do ducado lograron a independencia dos Habsburgo españois na guerra dos Oitenta Anos (1568-1648). Tras a Paz de Westfalia en 1648, confirmouse a independencia das Provincias Unidas, quedando baixo control neerlandés a parte norte de Brabante, que pasaría a ser unha das Terras da Xeneralidade co nome de Staats-Brabant, o que actualmente é a provincia de Brabante do Norte nos Países Baixos.
A parte sur continuou en mans dos Habsburgo como parte dos Países Baixos españois. Estes pasaron á rama austríaca dos Habsburgo en 1714, (Países Baixos austríacos) como consecuencia da Tratado de Utrecht.
O ducado foi disolvido en 1795 durante a ocupación francesa, e o seu territorio foi reorganizado en departamentos.
Galería de mapas
-
O Ducado de Brabante contra 1350
-
Os Países Baixos en 1477.
O territorio de Ducado de Brabante é o marcado co número 8. -
Os Países Baixos españois.
Antes da súa escisión en 1648. O Bispado de Liexa figura en violeta, e o Principado de Stavelot-Malmedy, en rosa. -
Os Países Baixos austríacos en 1786.
O Bispado de Liexa córtaos en dúas partes.
Notas
- ↑ Brabante é o nome da rexión histórica, hoxe dividida entre os Países Baixos e Bélxica. Ver entrada de «Oss». Diciopedia do século 21 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Editorial Galaxia. 2007. p. 1530. ISBN 9788482893600.
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ducado de Brabante |