Casa da Moeda de Dahlonega
Casa da Moeda de Dahlonega –US Mint– | |
---|---|
Edificio da Casa da Moeda de Dahlonega en (1877). | |
Tipo | Establecemento público de carácter industrial e comercial |
Fundación | 1838 |
Matriz | Casa da Moeda dos Estados Unidos |
Localización | Dahlonega Xeorxia Estados Unidos. |
Persoas clave | - Ignatius Alphonso Few (comisionado). - Benjamin Towns (arquitecto). - Joseph Singleton (1º director). |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas e medallas. |
Notas | |
Marca de ceca: D. | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa da Moeda de Dahlonega foi unha fábrica de moeda estadounidense, unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos, que estivo operativa entre 1838 e 1861, exclusivamente para a cuñaxe de moedas de ouro.[1][2]
Esta casa de moeda estaba na localidade de Dahlonega, no condado de Lupkin, en Xeorxia, e a marca de ceca das súas moedas era a súa inicial "D" (coincide coa da ceca de Denver, aínda que non hai pé para a confusión, xa que o seu período de actividade é diferente).[1][2]
Historia
[editar | editar a fonte]Creación da ceca
[editar | editar a fonte]Mediante unha Lei do Congreso aprobada o 3 de marzo de 1835, estabelecíase:[1][2][3][4]
[...] unha rama [da Casa de Moeda dos EEUU] na cidade de Nova Orleáns para a moeda de ouro e prata; unha rama na cidade de Charlotte [...] só para a moeda de ouro, e unha rama en Dahlonega ou nas súas proximidades, no condado de Lumpkin, no estado de Xeorxia, tamén exclusivamente para as moedas de ouro. [...]
O establecemento destas ramas tivo lugar nun contexto de expansión da Febre do Ouro en Xeorxia, xa que os mineiros precisaban unhas instalacións próximas para o ensaio, a fundición e a cuñaxe do ouro que extraían sen necesidade de envialo á única casa de moeda existente naquela época, a ceca de Filadelfia, a unha distancia inasumible pola inseguridade do traxecto e polo elevado custo do transporte, tendo en conta ademais o importe dos seguros.[1][2][5][6]
Comisionouse para a posta en marcha da nova ceca a Ignatius Alphonso Few, un granxeiro, xurista e predicador local, quen en agosto de 1835 adquiriu por 1.050 dólares un terreo de 40.000 metros cadrados ao sur de Dahlonega e contratou o arquitecto Benjamin Towns para a construción do edificio da casa de moeda nun prazo de dezaoito meses.[1][6]
Finalizado o levantamento do edificio, en 1837 instalouse a maquinaria de cuñaxe nas instalacións, entre a que había prensas para cortar o metal, unha prensa de volante, instrumental de debuxo, un cegoñal, instrumental para a fundición e a prensa de cuñaxe, que podía cuñar de cincuenta a sesenta moedas de ouro por minuto.[1][6][7]
A Casa da Moeda de Dahlonega abriu en febreiro de 1838 tendo como primeiro director da institución a Joseph Singleton, ata entón propietario dunha plantación en Athens. Singleton, que se mantivo no posto ata 1841, foi descrito polo editor do xornal local The Dahlonega Watchman como "demasiado débil para calquera asunto que requirise un esforzo mental".[1][6]
Na súa primeira semana de existencia depositáronse na ceca arredor de mil onzas de ouro, e o 17 de abril de 1838 saíron da prensa as primeiras moedas: oitenta pezas de ouro de cinco dólares.[8] A partir desa primeira emisión, en Dahlonega cuñáronse ininterrompidamente moedas con valores de 1 dólar, 2'5 dólares e 5 dólares durante todos os anos da súa actividade, e en 1854 cuñouse tamén unha moeda de 3 dólares.[1][2][6][9]
A ceca na Guerra Civil
[editar | editar a fonte]Cando comezou a guerra civil estadounidense (1861-1865), Dahlonega e a súa casa de moeda quedaron en poder dos confederados. Cando estes se apoderaron da ceca cuñaron algunhas moedas dun dólar e de cinco dólares baixo a autoridade do Goberno dos Estados Confederados. Decoñécese o número exacto de dólares de 1861 coa marca de ceca "D", aínda que se sabe que se cuñaron arredor de 1.597 moedas de cinco dólares aquel ano en Dahlonega.[10]
Todas as moedas da ceca foron cuñadas en cantidades pequenas, o que as converte en moi escasas e desexadas polos coleccionistas de moeda estadounidense.[1][2][6][11]
Pechamento
[editar | editar a fonte]Despois da fin da guerra o Goberno dos Estados Unidos decidiu non reabrir a Casa da Moeda de Dahlonega e o edificio caeu en desuso ata a fundación do North Georgia College en 1873, cando pasou a utilizarse como sede administrativa e académica desta institución universitaria.[1][6]
En decembro de 1878 o edificio foi devastado por un incendio e a universidade levantou un novo sobre os alicerces da que fora a casa de moeda, que aínda se utiliza como sede da University of North Georgia.[1][6]
Directores da ceca
[editar | editar a fonte]Durante a súa existencia, a Casa da Moeda de Dahlonega tivo seis directores (entre parénteses, as datas de exercicio do cargo):[1]
- Joseph Singleton (1838-1841).
- Paul Rossignol (1841-1843).
- James Fairlie Cooper (1843-1849).
- Anderson Redding (1849-1853).
- Julius Patton (1853-1860).
- George Kellogg (1860-1861).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Lester, C. N. "An Illustrated History of the Georgia Gold Rush and the United States Branch Mint at Dahlonega, Georgia". Gold Rush Gallery, INC.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "The Southern U.S. Mint at Dahlonega Georgia Arquivado 26 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". US-Mint.info
- ↑ Lei do Congreso do 3 de marzo de 1835 (texto orixinal en inglés).
- ↑ Williams, D. (1993). Páxina 107.
- ↑ Williams, D. (1993). Páxinas 80-81, 105.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 "A brief history of the Dahlonega Mint". En Winter, D. (2003). Páxinas 14-22.
- ↑ Williams, D. (1993). Páxinas 107-108.
- ↑ Williams, D. (1993). Páxina 108.
- ↑ Catálogo exhaustivo de todas as moedas cuñadas en: O'Fallon, T. "The Dahlonega, Georgia Mint (1838-1861) Arquivado 11 de decembro de 2019 en Wayback Machine.". Gibraltar Coins & Precious Metals.
- ↑ Giedroyc, Richard. (1987).
- ↑ Donnelly, R. W. (1981).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa da Moeda de Dahlonega |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Birdsall, C. M. (1984). The United States Branch Mint at Dahlonega, Georgia: Its History and Coinage. Easley. Southern Historical Press. ISBN 9780893085209
- Cooper, B. G. (1962). Dahlonega Gold, The Dahlonega Story. Atlanta. Roberts Publishing.
- Cunningham, P. P. (1962). "The Dahlonega Mint Story". En The Numismatist. American Numismatic Association. Xaneiro. Páxinas 14-17.
- Donnelly, R. W. (1981). "Despite Civil War, Dahlonega Mint Operates". En Coin World. 5 de agosto. Páxina 72.
- Elder, T. L. (1939). "A Trip to Dahlonega, Georgia's Mint Town". En The Numismatist. American Numismatic Association. Marzo. Páxinas 169-174.
- Giedroyc, Richard. (1987). "1861-D gold dollar struck amid Civil War; Mintage still unknown, 126 years after coin was struck". En Coin World. 16 de decembro. Páxina 81.
- Griffith, M. W. (1983). "North Georgia Gold, The Dahlonega Mint". En The Numismatist. American Numismatic Association. Setembro.
- Harshaw, L. (1976). The Gold of Dahlonega, The First Major Gold Rush in North America. Asheville. Hexagon Co.
- Head, S. G.; Elizabeth W. E. (2000). The Neighborhood Mint, Dahlonega in the Age of Jackson. Gold Rush Gallery. ISBN 978-0967976907
- Lester, C. N. (1990). "Some Dahlonega Mint Comments". En Rare Coin Review. 77. Páxina 52.
- Lester, C. N. (1992). "Dahlonega Mint Photo Discovered!". Rare Coin Review. 89. Páxina 44.
- Williams, D. (1993). The Georgia Gold Rush: Twenty-Niners, Cherokees, and Gold Fever. Columbia. University of South Carolina Press. ISBN 1570030529
- Winter, D. (2003). Gold Coins of the Dahlonega Mint 1838-1861, A Numismatic History and Analysis. 2ª ed. Dallas. DWN Publishing. ISBN 0974237108