Dihidroxiacetona fosfato
Dihidroxiacetona fosfato | |
---|---|
3-Hidroxi-2-oxopropil fosfato | |
Outros nomes Dihidroxiacetona-fosfato | |
Identificadores | |
Número CAS | 57-04-5 |
PubChem | 4643300 |
ChemSpider | 3833110 |
ChEBI | CHEBI:57642 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C3H7O6P |
Masa molecular | 170,06 g/mol |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
A dihidroxiacetona fosfato [1], tamén escrita dihidroxiacetona-fosfato[2] (DHAP) é un composto de tres carbonos coa fórmula C3H7O6P implicado en varias reaccións metabólicas importantes da glicólise, gliconeoxénese ciclo de Calvin da fotosíntese e síntese de lípidos.
Glicólise e gliconeoxénese
[editar | editar a fonte]A dihidroxiacetona fosfato é un dos produtos intermediarios da glicólise, xa que se orixina durante a rotura da molécula de frutosa 1,6-difosfato para dar unha molécula de gliceraldehido 3-fosfato e outra de dihidroxiacetona fosfato, reacción reversible catalizada polo encima frutosa-bisfosfato aldolase [3].
+ | ||||
Frutosa 1,6-difosfato | Gliceraldehido 3-fosfato | Dihidroxiacetona fosfato | ||
Frutosa-bisfosfato aldolase |
A dihidroxiacetona fosfato así formada isomerízase rapidamente a gliceraldehido 3-fosfato pola acción da triosa fosfato isomerase, nunha reacción reversible. Isto ten como resultado que se forman dúas moléculas de gliceraldehido 3-fosfato, que continúan as reaccións da ruta glicolítica [3].
Dihidroxiacetona fosfato | Gliceraldehido 3-fosfato | |
Triosa fosfato isomerase |
Na gliconeoxénese as dúas reaccións mencionadas da glicólise teñen lugar en sentido inverso, xa que son reversibles.
Ciclo de Calvin
[editar | editar a fonte]A dihidroxiacetona fosfato intervén no ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese. Orixínase pola redución con gasto de NADPH do 1,3-difosfoglicerato, que forma gliceraldehido 3-fosfato. Parte das moléculas de gliceraldehido 3-fosfato isomerízanse a dihidroxiacetona fosfato, que continúa as reaccións do ciclo.
No ciclo de Calvin a dihidroxiacetona fosfato utilízase na síntese de sedoheptulosa 1,7-difosfato ao reaccionar coa eritrosa 4-fosfato, e na síntese de frutosa 1,6-difosfato ao reaccionar co gliceraldehido 3-fosfato. A sedoheptulosa 1,7-difosfato e a frutosa 1,6-difosfato utilizanse despois para rexenerar a ribulosa 1,5-difosfato, que é a molécula que inicia o ciclo de Calvin coa fixación do carbono [3].
Síntese de lípidos
[editar | editar a fonte]A dihidroxiacetona fosfato formada na glicólise pode reducirse a L-glicerol 3-fosfato, que funciona como o glicerol activado que se utiliza para proporcionar o glicerol que forma parte de moitos lípidos durante a síntese dos mesmos.
O encima que actúa é a glicerol 3-fosfato deshidroxenase, que require NAD+/NADH como cofactor.
De modo inverso, a deshidroxenación do L-glicerol-3-fosfato, procedente do glicerol dos triglicéridos, pode orixinar dihidroxiacetona fosfato, que entra na glicólise.
O glicerol dos lípidos da dieta é unha importante fonte de para a síntese de lípidos.
O glicerol pode orixinar glicerol 3-fosfato con gasto de ATP nunha reacción catalizada pola gliceroquinase.
Lanzadeira do glicerol-fosfato
[editar | editar a fonte]A dihidroxiacetona tamén intervén transformándose en glicerol fosfato na lanzadeira do glicerol-fosfato, que permite levar coencimas reducidos desde o citosol ao interior da mitocondria.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ChemSpider Dihydroxyacetone phosphate
- ↑ PubChem compund dihydroxyacetone-P
- ↑ 3,0 3,1 3,2 A. Lehninger. Principios de Bioquímica. (1988). Omega. Páxinas 404-406, 665. ISBN 84-282-0738-0