Saltar ao contido

Euglenozoos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Euglenozoa»)
Trachelomonas (un euglénido).
Trypanosoma (un cinetoplástido) entre glóbulos vermellos.

Os euglenozoos ou Euglenozoa son un gran grupo de protozoos flaxelados, entre os cales os máis importantes son os euglénidos e os cinetoplástidos.[1] Entre eles hai formas de vida libre e unhas poucas especies parasitas importantes, que poden afectar aos humanos. A maioría son pequenos, arredor de 15-40 µm de longo, aínda que algúns euglénidos poden atinxir os 500 µm de longo.

Morfoloxía dun euglenozoo: 1-núcleo, 2-cloroplasto, 3-gránulos de reserva, 4-vacúolo contráctil, 5-cinetosoma, 6-ampola apical, 7-flaxelo curto, 8-sensor de luz, 9-mancha ocular (estigma), 10-flaxelo principal.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A maioría dos membros de Euglenozoa posúen dous flaxelos, xeralmente un deles está orientado cara a adiante e o outro cara a atrás, que se insiren paralelos un a outro nunha bolsa apical ou subapical. En moitas formas hai un citostoma asociado que utilizan para inxerir bacterias ou pequenos organismos. Esta estrutura está sostida por un dos tres conxuntos de microtúbulos que xorden desde as bases dos flaxelos; os outros dous sosteñen as superficies celulares dorsal e ventral,[2] e nos euglénidos sosteñen bandas proteicas que forman a película que se sitúa por debaixo da membrana celular. Estes flaxelos son característicos do grupo, xunto con outras numerosas peculiaridades ultraestructurais, entre as que podemos salientar a presenza dunha variña paraxial en cada flaxelo. Baseándose na posesión destas estruturas, dous pequenos grupos de protozoos, Diplonemea e Postgaardea, foron tamén incluídos dentro dos Euglenozoa.[3]

A maioría destes organismos aliméntanse inxerindo organismos máis pequenos, normalmente bacterias, ou por absorción. Algúns euglénidos, porén, posúen cloroplastos e realizan a fotosíntese. Estes xeralmente perderon o citostoma e presentan outras adaptacións a unha vida autótrofa, tales como manchas oculares sensibles á luz. Os cloroplastos están rodeados por tres membranas e están pigmentados de modo similar aos das plantas, o que suxire que foron adquiridos a partir da incorporación dalgunha alga verde por endosimbiose.

Todos os membros de Euglenozoa posúen mitocondrias con cristas discoideas, que nos cinetoplástidos posúen caracteristicamente un gránulo ou cinetoplasto que contén ADN, asociado coas bases dos flaxelos. Non se encontraron exemplos de reprodución sexual dentro do grupo. A reprodución é, pois, exclusivamente asexual por medio da división celular, caracteristicamente con mitose pechada, e un fuso acromático interno, é dicir, a envoltura nuclear permanece intacta e o fuso formase dentro do núcleo.[2]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

O carácter monofilético de Euglenozoa é xeralmente aceptado, e crese que están relacionados con Percolozoa (porque ambos os grupos comparten a característica de presentaren mitocondrias con cristas discoideas, que só se presentan nuns poucos grupos) [4] e outros flaxelados escavados. Aínda que se encadran dentro do supergrupo dos Excavata,[5] este agrupamento foi posto en dúbida por algúns autores.[6]

  1. T. Cavalier-Smith (1981). "Eukaryote Kingdoms: Seven or Nine?". BioSystems 14 (3–4): 461–481. DOI:10.1016/0303-2647(81)90050-2. PMID 7337818.
  2. 2,0 2,1 David J. Patterson (1999). "The Diversity of Eukaryotes". American Naturalist 154 (S4): S96–S124. DOI:10.1086/303287. PMID 10527921.
  3. Alastair G.B. Simpson (1997). "The Identity and Composition of Euglenozoa". Archiv für Protistenkunde 148: 318–328. 
  4. Baldauf et al.; Roger, AJ; Wenk-Siefert, I; Doolittle, WF (2000). "A Kingdom-Level Phylogeny of Eukaryotes Based On Combined Protein Data". Science 290 (5493): 972–977. DOI:10.1126/science.290.5493.972. PMID 11062127.
  5. Alastair G. Simpson (2003). "Cytoskeletal organization, phylogenetic affinities and systematics in the contentious taxon Excavata (Eukaryota)". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology 53: 1759–1777. PMID 14657103. doi:10.1099/ijs.0.02578-0. 
  6. Cavalier-Smith T (2009). "Kingdoms Protozoa and Chromista and the eozoan root of the eukaryotic tree". Biol Lett 6 (3): 342–5. PMC 2880060. PMID 20031978. doi:10.1098/rsbl.2009.0948. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]