Grupo Sargadelos
Suxeriuse que este artigo ou apartado sexa fusionado con "Cerámica de Sargadelos" (conversa). Para realizar a fusión das páxinas segue estes pasos. |
- Este artigo refírese ao grupo empresarial Sargadelos. Para outros significados, vexa Sargadelos
SARGADELOS | |
---|---|
Castro de Samoedo, Sada | |
Tipo | Sociedade Limitada |
Fundación | 1949 |
Localización | Paraño, s/n. 27891 Cervo. Lugo. Galicia O Castro, s/n. 15168 Sada, A Coruña. Galicia |
Industria | Cerámica |
Produtos | Louza Xoias |
Beneficio | 2,3 millóns de euros (2012)[1] |
Número de empregados | 245 |
Na rede | |
https://www.sargadelos.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Grupo Sargadelos é unha sociedade limitada que ten como principal accionista a empresa Cerámicas do Castro S.L. desde 1949. Actualmente, a sociedade Sargadelos ten dúas plantas de produción cuns 245 empregados. Unha está situada no Castro de Samoedo, no concello de Sada, e outra en Sargadelos, no concello mariñao de Cervo.
Xunto á súa actividade industrial e comercial, Sargadelos leva adiante un importante labor de difusión e promoción da cultura de Galicia, principalmente, dos talentos máis novos da arte e da literatura.
Historia
[editar | editar a fonte]Fundación (1806–1809)
[editar | editar a fonte]A Cerámica de Sargadelos xurdiu a comezos do século XIX, da man do ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez quen contando coa protección en Madrid de Manuel Godoy, primeiro ministro de Carlos IV,[2] instalou na parroquia de Sargadelos do concello de Cervo (Lugo) unha ferrería e unha fábrica de fundición de ferro colado, dotada dun alto forno de carbón vexetal. Grazas a un contrato do Estado para producir municións no ano 1794, os seus altos fornos producirían moitos dos canos, cadeas, rodas hidráulicas, útiles de cociña e demais ferramentas das empregadas na España do século XVIII, creándose incluso diversos conxuntos escultóricos, fontes públicas e balaustres decorativos.[2]
En 1806, aproveitando a excelente calidade dos caolíns (arxilas brancas moi puras) da zona, instalou unha moderna fábrica de louza que acabaría converténdose na fábrica de louza máis importante de España durante o século XIX. O proxecto permitiulle a Raimundo Ibáñez desenvolver o seu gusto refinado polas artes plásticas ao mesmo tempo que aproveitar a oportunidade de mercado que supuxo o cesamento das importacións de louzas "Bristol" inglesas.[2]
Primeira etapa (1809–1832)
[editar | editar a fonte]Trala morte de Antonio Raimundo Ibáñez, o seu fillo José Ibáñez, ampliou fábrica orixinal ata instalar tres fornos de produción, dous pequenos para ensaios e varios talleres con máis de 25 tornos.[2] Chegando a producir 20.000 pezas anuais de louza a comezos dos anos trinta do século XIX.[2]
Durante esta primeira época as louzas de Sargadelos caracterizaríanse pola súa cor branca, esmaltada de remate cremoso ou lixeiramente azulado. Desta época destacan as placas, floreiros e xerros, deseñados cun estilo neoclásico, inspirado na louza inglesa de Bristol así como as primeiras pezas pintadas a man.[2]
Segunda etapa (1835–1842)
[editar | editar a fonte]O 19 de maio de 1835 José Ibáñez asociouse con Antonio Tapia constituíndo a empresa Ibáñez y Tapia. Coa dirección do francés M. Richard, chegado dende Turín, apostaron pola fabricación de louza fina en cor branca pintada a man. Tamén abordaron as primeiras probas de estampación e policromía.[2]
Desta época, sobresaen as lámpadas e candeeiros en forma de castelo, e mais unha vaixela decorada con estampación de tonalidade verde-chumbo onde se representa a unha parella bailando a muiñeira. Tamén se fixeron entón fermosas placas de temas mitolóxicos e relixiosos, e excelentes pezas de toucador.[2]
Terceira etapa (1845–1862)
[editar | editar a fonte]No ano 1845, Luis de la Riva y Cía., de Santiago de Compostela, arréndalle a administración de Sargadelos á familia Ibáñez.
Máis de 1.000 familias chegaron a traballar para a fábrica en 1849, de onde saían 205 carros e 22 buques de cabotaxe con máis de 100 fornadas de louza. Catro fornos distintos, 30 estufas, muíños, nove grandes talleres, oito prensas,... verdadeiramente, foi a época dourada do primeiro Sargadelos.
Entón, acadáronse calidades e variedades excepcionais de vaixelas e figuras baixo a dirección do británico Edwin Forester. Á súa mestría débese á introdución da louza alumada chamada chinesa opaca ou semichinesa, diferenciada pola calidade da súa feitura e pola súa decoración con motivos florais, estampados en sepia e castaño e pintados con pincel en verdes, azuis, amarelos e rosas.
Outras novidades técnicas desenvoltas polo ceramista Forester foron as estampacións monocromas (sobresae a cor negra) e a impregnación de cor nos fondos das pezas de vaixela branca, brillante e lixeiramente azulada.
Característicos desta época son os Mambrús, xerros feitos coa figura dun home sentado semellante ao Toby Jug da cerámica inglesa, e as vaixelas ilustradas con estampación litográfica (quizais, por primeira vez en España) de tipo Góndola: en primeiro plano, xardín, balaustrada, escalinata e xerro decorativo; en segundo, lagoa con barca; e mais arquitecturas fantásticas no fondo.
Cuarta etapa (1870–1875)
[editar | editar a fonte]En 1873 a familia Ibáñez volve á xestión da Sargadelos asociados agora cos coruñeses Atocha e Morodo. Séguese cos deseños da etapa anterior pero sen os técnicos estranxeiros. As liortas na familia e a falta de investimentos levan ao peche da empresa en 1875.
Quinta etapa (dende 1949)
[editar | editar a fonte]A Fábrica de Cerámicas do Castro (Sada) xa contaba en 1952 con case cen traballadores, e en 1955 montouse na Arxentina (a 100 quilómetros de Bos Aires) a Fábrica de Porcelanas A Magdalena, fechada trinta anos despois.
Hoxe en día Sargadelos ten cinco galerías no estranxeiro -en Milán, Barcelona, Madrid, Sevilla e Porto- e varias en Galiza -Cervo, O Castro de Samoedo, Santiago de Compostela, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ferrol, Lugo, Vigo, Monforte de Lemos, Pontevedra, O Grove e A Estrada.
As galerías Sargadelos, ademais de venderen cerámica de Sargadelos, serven como librarías especializadas en libro portugués e galego ou sobre Galiza e como organizadoras de exposicións artísticas. Así mesmo, habería que sumar a súa presenza nunha rede de setenta tendas de decoración e xoierías multimarca en España, Europa, Asia e América.
Os exiliados galegos tiveron unha oportunidade para intentar unha recuperación cultural e económica en Galiza. Das conversas entre xente como Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Xosé Núñez Búa, Antonio Baltar, Eduardo Blanco Amor, Laxeiro, Arturo Cuadrado e Alberto Vilanova, saíu, en 1963, a creación do Laboratorio de Formas, constituído por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, coa posterior incorporación do arquitecto Andrés F. Albalat. Era unha listaxe de preocupacións, que se converteron no proxecto de Sargadelos: O Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, as Ediciós do Castro, o Seminario de Sargadelos e o Instituto Galego de Información.
O antigo complexo siderúrxico e cerámico de Sargadelos, situado en Cervo, foi declarado Ben de Interese Cultura en 1972.
En 2004, Isaac Díaz Pardo foi apartado da dirección de Sargadelos,[3] collendo o temón do grupo Segismundo García.[4]
En novembro de 2013, a empresa pediu un preconcurso de acredores, aplicando un ERE de extinción que provocou o despido de 70 traballadores.
En marzo de 2014, logo de vencer os prazos para afrontar distintos pagamentos (IVE, Seguridade Social, créditos bancarios...) a empresa declarouse en suspensión de pagos, arrastrando unha débeda de 5 millóns de euros.[5]
En febreiro de 2016, anunciouse que a empresa saíra do concurso de acredores logo de obter beneficios, pero debendo afrontar unha débeda de 5 millóns de euros nun prazo de entre cinco e doce anos.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Coto, Arsenio. "Sargadelos presenta concurso de acreedores, pero el juzgado lo aplaza". El Progreso. Arquivado dende o orixinal o 09 de novembro de 2013. Consultado o 9 de novembro de 2013.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Sargadelos: Primeira época". Arquivado dende o orixinal o 25 de decembro de 2011. Consultado o 05 de xaneiro de 2012.
- ↑ Isaac Díaz Pardo: A los señores de Sargadelos sólo les interesa el dinero. La Opinión (en castelán).
- ↑ 4,0 4,1 "Sargadelos logra obtener beneficios y sale del concurso de acreedores". El País. 10 de febreiro de 2016. (en castelán).
- ↑ "El histórico Grupo Sargadelos se declara en suspensión de pagos". El País. 6 de marzo de 2014. (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Grupo Sargadelos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Sargadelos, Grupo". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina de Sargadelos (en varias linguas)