Saltar ao contido

Guerras celtiberas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guerras celtiberas

Data 181 a. C.-133 a. C.
Lugar Hispania
Resultado Conquista da Celtiberia
Belixerantes
República romana Tribos celtiberas
Líderes
Primeira guerra
Marco Fulvio Nobilior
Tiberio Sempronio Graco
Segunda guerra
Quinto Fulvio Nobilior
Marco Claudio Marcelo



Tercera guerra
Metelo o Macedónico
Quinto Pompeio
Marco Popilio Lenas
Caio Hostilio Mancino
Escipión Emiliano
Primeira guerra
Hilerno (193 a. C.)
Thurro (179 a. C.)
Segunda guerra
Caro de Segeda(153 a. C.)
Ambon e Leukon[1]
Litenón (152 a. C.)[2]
Attio
Tercera guerra
Retóxenes o Caraunio
Forzas en combate
De 30.000 a 60.000 Uns 20.000
Baixas
Moitas Moitas (exterminio dos numantinos e escravitude de moitos outros)

Denomínanse guerras celtiberas ou guerras celtíberas á xeira de enfrontamentos bélicos habidos entre os séculos III e II a. C. entre o conxunto de pobos celtiberos que habitaban a meseta superior e zona media do Ebro contra a República romana. Estes enfrontamentos tiveron unha duración temporal desigual, con tres períodos nos que houbo varias paces, pactos, asedios e batallas. O resultado final foi a anexión por Roma da rexión denominada Celtiberia.

A Primeira guerra celtibera (181–179 a.C.) e a Segunda guerra celtibera (154–151 a.C.) foron dúas das tres rebelións importantes levadas a cabo polos Celtiberos (unha alianza das tribos célticas que viviron en Hispania central e oriental, entre as que se poden incluír os Arévacos, os Lusóns, os Titos e os Belos)[3] contra a presenza dos romanos en Hispania. A Terceira guerra celtibera (143-133 a.C.) foi a maior de todas e, acotío, é coñecida tamén como Guerra Numantina.

Ao rematar a Segunda guerra púnica, os cartaxineses perderon o control dos territorios hispanos fronte a Roma. A seguir, Roma dividiu o territorio e creou as provincias de Hispania Ulterior e Hispania Citerior. Daquela, os celtiberos, que compartían fronteira con esta última provincia comezaron a se enfrontaren co exército romano que actuaba nas áreas de Celtiberia e isto levou á Primeira guerra celtibera. A vitoria romana nesta guerra e os tratados de paz establecidos polo pretor romano Sempronio Graco con varias tribos conseguiron uns 24 anos de relativa paz.

No 154 a.C., o Senado romano rexeitou a ampliación das murallas da cidade de Segeda pertencente aos Belos e foi a causa da declaración de guerra. Esta Segunda guerra celtibera (154-152 a. C.) afectou polo menos a tres tribos celtiberas: os Titos, os Belos (cidades de Segeda e Nertobriga) e os Arévacos (cidades de Numantia, Axinum e Ocilis). Tras algunhas vitorias iniciais dos celtiberos, o cónsul Marco Claudio Marcelo conseguiu derrotalos en varias ocasións e asinaron a paz. O seguinte cónsul, Lucio Licinio Lúculo, atacou os Vacceos, unha tribo que vivía no centro do val do Douro e que non estaba en guerra con Roma, coa escusa de que maltrataba os Carpetanos. Esta Segunda guerra celtibera solapouse coa Guerra Lusitana (154-150 a.C.).

A Primeira guerra celtibera está incluída na detallada Historia de Roma de Livio. Perdéronse os libros da obra de Livio que se refiren ao período da Segunda guerra celtibera. Só existen algúns fragmentos dos escritos de Polibio sobre Hispania. Só temos catro fragmentos da Segunda guerra celtibera e estes só recollen a historia dos enviados celtiberos que foron a Roma. Para esta guerra depéndense dos libros de Apiano sobre as guerras en Hispania.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Mapa das etapas da invasión romana de Hispania

Ao chegar os romanos, os celtiberos estaban gobernados por príncipes, non por reis,[4] e formaban un xeito de confederación que exercía a súa influencia en zonas moi afastadas do seu territorio orixinal. As relacións entre Celtiberia e Oretania, no alto val do Betis (actual Guadalquivir) foron intensas como amosa a abondosa presenza de armas e broches celtibéricos presentes nun cemiterio de Cástulo, no século IV a.C.[3] A tendencia cara a unificación da Celtiberia non semella que fose obra de ningún xefe político ou militar, senón máis ben resultado dun proceso interno onde o obxectivo máis importante foi o control das minas.[3]

As fontes clásicas, referidas a Celtiberia, mencionan un país pobre, cun clima severo, cun hábitat diseminado, normalmente de tipo dun poboado, e de extensión moi reducida. A principal actividade económica desenvolvida polos celtiberos foi a gandaría provocada pola pobreza do solo, o descoñecemento das técnicas agrícolas avanzadas e a concentración da riqueza nunha xerarquía guerreira, o que provocou unha forte desigualdade social que deu como resultado a organización de bandas de mercenarios[5] ou bandidos que buscaban no recurso ás armas unha posible saída para subsistir fronte á tradicional dificultade do traballo agrícola ou gandeiro.

As estimacións falan de que a poboación da Celtiberia prerromana estaría probablemente entre 225.000 e 585.000 persoas, baseándose nunha densidade de poboación estimada entre cinco e trece habitantes por quilómetro cadrado, nun territorio de aproximadamente 45.000 km².[6] Sobre esta base, os estudos modernos estiman que habería entre 18.000 e 50.000 de guerreiros con capacidade de portar armas na rexión, cifras confirmadas polo tamaño dos maiores exércitos celtibéricos, entre 15.000 e 35.000 combatentes.[7]

Contexto das guerras celtiberas

[editar | editar a fonte]

Os romanos ocuparon os territorios dos cartaxineses no sur de Hispania despois de derrotalos na batalla de Ilipa (206 a.C.) durante a Segunda guerra púnica (218-201 a.C.).

Despois da guerra, crearon dúas provincias: Hispania Citerior (Hispania máis próxima) que abranguía toda a costa mediterránea (correspondería con territorios das actuais comunidades autónomas de Aragón, Cataluña e Valencia) e Hispania Ulterior (Hispania máis afastada) no sur, que se correspondería, aproximadamente, coa actual Andalucía. Houbo numerosas rebelións de tribos, tanto do interior do territorio romano como do exterior durante este período de case cen anos, até o remate da Primeira guerra celtibera no 179 a.C.

Os celtiberos, ou as coalicións formadas en parte por celtiberos, enfrontáronse moi cedo con novo poder romano. Martínez Blázquez, destaca a consideración da Primeira guerra celtibera como unha guerra defensiva por parte de Roma que trataba de impedir os ataques e a expansión destes cara a Hispania Ulterior; é dicir, o val do Ebro e a zona de Levante.[3] No 197 a.C., 20.000 celtiberos atacaron un exército romano preto de Iliturgis, e no 195 a.C., 10.000 celtiberos foron recrutados como mercenarios para unírense cos túrdulos contra Roma, o que provocou que Roma mandase un exército consular dirixido por Catón o Vello para pacifica-la Citerior.[8] Este enviou un exército consular á Celtiberia e, a pesar de non poder tomar Saguntia,[9] conseguiu que os celtiberos detivesen as hostilidades no 195 a.C. Trala marcha de Catón a Roma, no 193 a.C., outra coalición de celtiberos (Lusóns), Vacceos e Vetóns foi derrotada por Marco Fulvio Nobilior preto de Toletum.[10] Na mesma zona, no 185 a.C., outra coalición, probablemente, formada por celtiberos, Vetóns e Carpetáns, derrotaron a dous exércitos pretorianos, mais foron tamén derrotados eles nun enfrontamento preto do Texo por Quinto Fulvio Flaco.[10]

A Primeira guerra celtibera ou dos lusóns (181–179 a.C.)

[editar | editar a fonte]

A batalla de Ebura (Carpetania) (181 a.C.)

[editar | editar a fonte]

Debido aos antecedentes anteriores, no 182 a.C., Quinto Fulvio Flaco aumentou a presión actuando máis preto da Celtiberia cunha idea de conquista definitiva. Conquistou a cidade de Urbicua[11] e, como resposta, os celtiberos ergueron un exército de 35.000 homes que, segundo Tito Livio, era unha cifra non alcanzada nunca antes.[12] Para enfrontarse cun grande exército celtibero de 35.000 efectivos, Flaco recibiu como 3.000 soldados romanos de infantaría e 6.000 aliados e outros 200 romanos e 300 aliados de cabalaría e xuntou tantas tropas de auxiliares como puido. Con ese continxente marchou á Carpetania e, preto de Ebura,[13] derrotou o exército celtibero, no que morreron 23.000 celtiberos e outros 4.700 foron capturados fronte a unhas perdas romanas de 200 mortos, 800 aliados e uns 2.400 auxiliares nativos. Tamén conseguiu toma-la cidade. Os detalles dados por Tito Livio suxire que os celtiberos formaron unha coalición organizada, usando un exército composto tanto por cabalaría como por infantaría, e loitaron en formacións pechadas empregando estandartes.[10]

Campañas de Flaco na Celtiberia (180-179 a.C.)

[editar | editar a fonte]

A seguir, Quinto Fulvio Flaco cruzou Carpetania cara a Contrebia.[14][15] Un exército celtibero marchou a protexe-la cidade mais debido ás intensas choivas cando chegou, a cidade, xa se rendera. Os celtiberos foron collidos por sorpresa pola saída do exército romano. Aínda que a maioría puido escapar, morreron 12.000 celtiberos e outros 5.000 xunto con 400 cabalos e 63 estandartes foron capturados.[16] Os fuxidos tropezaron con outro grupo de celtiberos, camiño de Contrebia, que ao ser informados da derrota, se dispersou. Mentres tanto, Quinto Fulvio, marchou a través do territorio celtibero devastando os campos e asaltando moitas fortalezas até que os celtiberos se renderon.[9]

Como o seu sucesor, Tiberio Sempronio Graco, chegou tarde, Flaco comezou unha terceira campaña contra os celtiberos que seguían sen se render, desvastando as partes máis afastadas da Celtiberia, onde vivían os Lusóns.[17] No camiño de volta para Tarraco, para entregar o mando do exército a Graco, Flaco foi emboscado no paso de Manlia. Conseguiu derrotar os celtiberos (matando 17.000 celtiberos e capturando outros 3.700, amais 600 cabalos), pero tamén tivo perdas importantes (4.400 romanos)[10][18] e continuou cara a Tarraco e despois para Roma con algúns veteranos, sendo substituído por Graco que marchou para a Celtiberia.[19]

As campañas de Graco na Celtiberia (179 a.C.)

[editar | editar a fonte]

Asistido polo seu colega, Lucio Postumo Albino, Graco marchou para a Celtiberia. Tomou, en primeiro lugar, a cidade de Munda e, de seguido, atacou a importante cidade de Cértima. A cidade pediu axuda a un campamento militar celtibero na cidade próxima de Alce, que enviou dez emisarios para indagar aos romanos sobre as razóns do ataque. Despois de que Graco ordenase a todo o exército que marchase diante deles, os legados saíron e desalentaron o seu pobo de enviar axuda á cidade asediada. Munda rendeuse, enviou a corenta mozos nobres como reféns e, Graco, impúxolles unha indemnización.[20]

Despois de Cértima, Tiberio Graco derrotou os celtiberos que gardaban o campamento militar en Alce[21] (Livio menciona 9.000 homes e 320 homes e 112 cabalos capturados; 109 romanos caeron).[22] Graco capturou entón a cidade e negociou a defección dalgúns nobres importantes, incluído o que Livio pensaba de lonxe o home máis poderoso de Hispania, un xefe celtibero chamado Turro[23]. Ergavica, outra cidade celtibera, alarmouse polas derrotas dos seus veciños e abriu as portas ós romanos. Ademais, Graco derrotou 20.000 celtiberos que asediaban a cidade de Caravis (Magallón, no noroeste de Aragón),[24] aliada de Roma, e conquistaron a cidade de Complega.

Livio sospeitaba que algunhas das rendicións eran de mala fe porque sempre que Graco marchaba, reemprendíanse as hostilidades; e tamén houbo unha batalla importante preto de Mons Chaunus (probablemente o Macizo de Moncayo) con moitas vítimas en ámbolos dous bandos. Tres días despois, houbo outra batalla máis grande que custou aos celtiberos derrotados 22.000 feridos e a captura de 300 homes e 300 cabalos. Esta última derrota foi tan decisiva que provocou a fin ás hostilidades[25] e a pacificación da Celtiberia.[26]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Graco asinou unha serie de tratados cos celtiberos que "foron envexados nas guerras posteriores". Ao contrario dos pretores anteriores, dedicou tempo a negociar e cultivar as relacións persoais cos líderes tribais. Despois da entrega de Complega, destinou terra aos pobres e fixo tratados coidadosamente definidos coas tribos circundantes e o país que os rodea, vencellándoos a seren amigos de Roma. Graco impuxo á vixésima, o requisito do 5% da colleita de cereais, unha forma de imposto máis eficiente e menos vulnerable ao abuso que a práctica romana habitual de licitar a recadación de impostos aos agricultores por parte de axentes privados. Silva sinala que esta é a primeira referencia a unha recollida regular de ingresos.[27] Os seus tratados estipulaban que os aliados debían proporcionar aos romanos tropas auxiliares. Tamén estableceron que os nativos podían fortificar as cidades existentes, pero non crear outras novas.[28] Existen algunhas evidencias de que tamén introduciu medidas administrativas civís, como a creación de cecas e a construción de estradas. Ademais, Graco fundou a colonia (asentamento) de Gracchurris (Alfaro, na Rioxa, norte de Hispania) no val do Alto Ebro; e Iliturgi, cidade mineira e fronteira avanzada en Hispania Ulterior.

Os tratados de Graco e as medidas administrativas aseguraron a paz no territorio durante os vindeiros vinte e cinco anos.[29] Á parte duns cantos episodios menores, Hispania ficou tranquila até o gromo da Guerra lusitana (155–150 a.C.) e a Segunda guerra celtibera (154–151 a.C.).

Segunda guerra celtibera, ou dos belos, titos e arévacos (154–151 a.C.)

[editar | editar a fonte]

Apiano escribiu que esta guerra estalou porque Segeda (preto de Zaragoza), unha poderosa cidade da tribo celtibera dos Belos, persuadiu a xente dalgunhas cidades máis pequenas e a tribo dos Titos a instalárense alí polo que comezou a construír unha muralla circular de sete quilómetros de lonxitude. Os Belos tamén asinaran os tratados que Tiberio Sempronio Graco fixera con varias tribos en Hispania ao final da Primeira guerra celtibera.

Cando se comezara a muralla, Roma considerou que Segeda estaba a romper o tratado e prohibiuna, e esixiu tamén os tributos e a subministración dun continxente para o exército romano de acordo coas estipulacións do tratado de Graco. Os segedáns responderon que o tratado prohibía a construción de novas vilas, mais non prohibía a mellora da fortificación existente. Tamén dixeron que foran liberados posteriormente dos tributos e do continxente militar para os romanos. Apiano, afirmaba que isto era certo, pero que o Senado concedía tales exencións durante o tempo que quixer e que agora decidira revocalas porque estaba preocupado polo desenvolvemento de Segeda, unha cidade poderosa na terra dos celtiberos, que tiñan uns antecendentes de continuas revoltas polo que Roma se preparou para a guerra.

Vitorias da coalición celtibera

[editar | editar a fonte]

En 153 a.C., o pretor Quinto Fulvio Nobilitor chegou a Hispania cunha forza de case 30.000 homes. As persoas de Segeda, cuxa muralla non estaba completada, fuxiron e buscaron refuxio entre os arévacos. Este déronlles a benvida e escolleron como xefe a Carus, un de Segeda. Preparou 20.000 homes de infantaría e 500 de cabalaría para unha emboscada nun bosque denso e atacou os romanos cando pasaban por el, ocasionándolles 6.000 baixas pero, ao perseguilo en desorde, a cabalaría romana que gardaba o campamento atacou, conseguindo salvar o exército romano e matar a Carus e a un gran número dos seus homes.[30] Aínda así, a batalla foi un desastre para os romanos e, desde entón, comprometéronse a non entrar en batalla no día da festividade do deus Vulcano, porque a derrota producírase nesa data.[30]

Os arévacos reuníronse na cidade de Numantia (7 km ao norte de Soria), que contaba con fortes defensas naturais, e elixiron a Ambo e Leuco como caudillos. Tres días despois, Nobilitor acampou a catro quilómetros da cidade. A el xuntáronse 300 cabaleiros e dez elefantes enviados por Masinissa, o rei de Numidia, un aliado romano en África. Antes do comezo da batalla, Nobilitor colocou os elefantes na parte traseira para que non fosen vistos e despois dividiu o exército en dous. Durante a batalla, púxoos á vista e provocou o medo no inimigo, que nunca vira estes animais, e fuxiu cara ao interior da cidade. Nobilitor atacou as murallas e houbo unha feroz batalla. Entón, cando un elefante foi golpeado por unha gran pedra, provocou un forte ruído que asustou os outros elefantes e saíron ás présas, pisando os romanos e desbaratando o exército. A seguir, os numantinos saíron da cidade e mataron 4.000 romanos e 3 elefantes. De contado, Nobilitor atacou entón a cidade de Axinium que almacenaba as subministracións inimigas, pero tampouco tivo éxito e perdeu moitos homes e regresou ao seu campamento á noite.

Daquela, enviou o seu comandante de cabalería para buscar alianza cunha tribo veciña e pedir a axuda da súa cabalería. O comandante, recibiu algúns cabaleiros pero foi emboscado cando volvía e perdeu a vida xunto coa maior parte das dúas tropas e da cabalería aliada. Estes desastres romanos animaron a cidade de Ocilis (Medinaceli) a desertar para se uniren cos celtiberos, e conseguiron quedar coas subministracións romanas, polo que Nobilitor tivo que se retirar para o seu campamento de inverno e tivo unha grande escaseza de alimentos. Isto mailas xeadas e as tormentas de neve ocasionaron a morte de moitos dos seus homes.[31]

No 152 a.C. Marco Claudio Marcelo, cónsul por terceira vez, tomou o mando, traendo 8.000 soldados de infantaría e 500 de cabalaría a Hispania.[32][33] Os celtiberos preparáranlle unha emboscada pero conseguiu evitala e acampou fronte á cidade de Ocilis da que se apoderou. Trala conquista, concedeulles o perdón, tomou reféns e impuxo un tributo de trinta talentos. Tras pactar a tregua, os celtiberos mandaron unha embaixada a Roma para asina-la paz. Mentres tanto, Marco Claudio Marcelo, aproveitando a paza, marchou contra os lusitanos e tomou a cidade de Nercóbriga (que se correspondería coa actual Fregenal de la Sierra, provincia de Badaxoz).[34]

Esta moderación nas condicións animou tamén a cidade de Nertóbriga (cidade dos Belos)[35] a pedi-la paz. Marcelo pediulle 100 soldados de cabalaría e eles estiveron de acordo. Así e todo, mentres tanto, a garda traseira romana foi atacada, perdendo moito botín. Ao chegar a cabalaría prometida, os seus xefes dixeron que os responsables do ataque foran algunhas persoas que ignoraban o acordo cos romanos. Daquela, Marcelo encadeou os cabaleiros, vendeu os cabalos, saqueou o campo e comezou o asedio da cidade que, de novo, enviou un emisario solicitando a paz. Marcelo respondeu que non a asinaría de non incluír os arévacos, titos e belos conxuntamente. Os habitantes de Nertóbriga enviaron mensaxeiros a estas tribos e pediron clemencia a Marcelo e a renovación do tratado feito con Graco. Porén, unha parte das tribos estaban contra o acordo e defendían a guerra. Ante esta situación, Marcelo mandou delegados de cada bando a Roma para solucionar alí a disputa ao mesmo tempo en que enviaba cartas privadas ao Senado manifestándose a prol da paz, pois quería rematar coa guerra e, deste xeito, gaña-la gloria.[36]

Os celtiberos envían delegados a Roma para asina-la paz

[editar | editar a fonte]

Apiano escribiu que os enviados da facción amable foron tratados como hóspedes na cidade, mentres que os da facción hostil foron aloxados fóra das murallas da cidade, como era costume.[37] Polibio especificou que foron os Belos e os Titos os que tomaron o lado de Roma. Por iso, os seus enviados puideron entrar na cidade, mentres que os enviados dos Arévacos, como inimigos, recibiron a orde de acampar ao outro lado do río Tíber. O Senado escoitou os enviados amigables primeiro que dixeron que de non ser castigados axeitadamente, os rebeldes, axiña volverían toma-las armas e farían que toda Hispania se inclinase pola rebelión. Tamén afirmaron que o exército romano, mandado por un cónsul, había permanecer en Hispania para pacificar os arévacos ou se, Roma, retirase as tropas, terían que lles aplicar un castigo exemplar. Segundo Polibio, cando chamaron aos enviados arévacos para escoitalos, atopáronse que non estaban dispostos a se someteren nin a acepta-la derrota e, mesmo, deron a impresión de estaren dispostos a loitar máis duramente contra os romanos. Afirmaron que estaban dispostos a pagar un tributo, se lles for imposto, mais esixiron que os romanos aceptasen os termos do tratado de Sempronio Graco. Unha vez oídos os oficiais de Marco Claudio Marcelo, que semellaban estaren predispostos cara a paz, o Senado pensou que o cónsul estaba máis preto dos inimigos que dos aliados indíxenas.[38] Apiano escribiu que o Senado non estaba satisfeito con que se rexeitasen as condicións que Nobilitor expuxera anteriormente. Porén, cando describiu a campaña deste, non mencionara a existencia de ningún acordo cos celtiberos.[39] Finalmente, o Senado respondeu que Marcelo lles comunicaría a decisión.

Polibio escribiu que a opinión privada do Senado era que o que os aliados dicían era certo e en beneficio de Roma e que os arévacos tiñan unha alta opinión de si mesmos e que Marcelo temía a guerra. Deste modo, ordenaron secretamente aos oficiais que Marcelo enviou que continuasen coa guerra e, como desconfiaban de Marcelo, tiñan intención de enviar un novo cónsul para substituílo. A seguir, o Senado ordenou os preparativos para a campaña como se o futuro de Hispania dependese disto, esperando que se o inimigo era derrotado, tódalas demais tribos habían someterse a Roma mentres que se o arévacos conseguían evitar unha nova guerra, isto alentaríaos a resistir. Quinto Fulvio Nobilitor difundiu rumores de continuas batallas e grandes perdas romanas e sobre o valor dos celtiberos, así como a afirmación de que Marcelo temía continuar coa guerra. Os novos recrutas entraron en pánico e atoparon escusas para evita-lo recrutamento e os oficiais competentes non estaban dispostos a participar na guerra. Daquela, un mozo Publio Cornelio Escipión Emiliano falou no Senado e pediu ir a Hispania como oficial ou cun cargo menor afirmou que estaba listo para ir á guerra. Todo o mundo se sorprendeu porque, para el, sería máis cómodo acudir a Macedonia onde fora invitado para resolver unhas disputas, polo que, rapidamente, fíxose moi popular e serviu de exemplo para aqueles que intentaran esquivar o servizo e, de novo, houbo voluntarios.[40]

Apiano afirmou que, por primeira vez, o exército que marcharía a Hispania había ser elixido por sorteo en vez de empregar o método tradicional. Isto foi debido a que "moitos queixáranse de que os cónsules os trataran inxustamente na inscrición, mentres que outros foran elixidos para servizos máis doados"[41]

No 151 a. C., o novo cónsul, Lucio Licinio Lúculo, foi asignado a Hispania. Mentres estaba en camiño, Marcelo advertiu ós celtiberos sobre a inminencia da guerra e devolveulles os reféns. A seguir, tivo unha longa conversa co xefe da legación que estivera en Roma e intentou persuadir os celtiberos de que chegaran a un acordo con el, pois quería pór fin á guerra antes da chegada de Lúculo. Despois disto, 5.000 arévacos tomaron a cidade de Nertobriga mentres Marcelo acampara preto de Numancia. O líder arévaco, mentres conducía aos seus cara ao interior, pediulle a Marcelo unha xuntanza. Afirmou que arévacos, belos e titos poríanse nas súas mans e, a cambio de reféns e cartos, quedaron en liberdade. Así, conseguiu Marcelo pór remate á guerra antes das chegada de Lúculo.[42]

A guerra ilegal de Lúculo e os Vacceos

[editar | editar a fonte]

Apiano escribiu que Lucio Licinio Lúculo cobizaba a fama e os cartos e atacou os vacceos porque estaba "en circunstancias difíciles".[43] Isto sucedeu a pesar de que o Senado non lles declarara a guerra, e esta tribo non atacara nunca antes os romanos. Cruzou o Texo e acampou preto de Cauca (Coca). Cando os seus habitantes preguntaron por que viñera e o motivo da guerra, Lúculo respondeu que maltrataran os Carpetanos e que viña a axudar a estes. Os de Cauca atacaron un grupo de leñadores e recolectores romanos, matando moitos e perseguindo o resto até o campamento. Na batalla posterior, actuando coma unha infantaría lixeira, tiveron vantaxe ao principio. No entanto, ao se quedaren sen dardos, fuxiron e 3.000 deles foron asasinados mentres se abrían paso a través das portas. Os anciáns do pobo buscaron a paz, pero Lúculo esixiu reféns, 100 talentos de prata e un continxente de cabalaría para o seu exército. E cando entregaron todo, esixiu tamén que a cidade tivera unha gornición romana. Tras acordalo todo, Lúculo ordenou que 2.000 soldados elixidos tomaran a cidade; despois entrou o resto do exército romano, ao que se lle ordenou matar tódolos varóns adultos, escapando tan só uns poucos de 20.000 que fuxiron para outras cidades e queimaron todo o que non puideron levar para privar a Lúculo do botín.

Lúculo marchou á cidade de Itercatia (de situación incerta), onde máis de 20.000 infantes e 2.000 cabaleiros se refuxiaron. Cando pediu conversacións de paz, os habitantes reprocháronlle a matanza dos de Cauca e preguntáronlle se tiña intención de facer o mesmo. Apiano escribiu: "el, como todas as almas culpables, enfadado cos seus acusadores en vez de reprocharse a si mesmo, devastou os seus campos". Despois comezou un asedio e aliñou repetidamente os seus homes para loitar, mais o inimigo non respondeu. Un home frecuentaba as liñas romanas e desafiábaos a un duelo e, como ninguén aceptou, facía xestos insultantes. Finalmente, un mozo Escipión Emiliano aceptou e derrotou a ese home e iso, ergueu os ánimos dos romanos.

No entanto, á noite seguinte, un continxente de cabalaría inimiga que saíra buscar comida anes de que chegara Lúculo, comezou a berrar e os da cidade tamén berraron, o que ocasionou un gran pánico no campamento romano. Moitos dos soldados estaban enfermos pola falta de sono e disentería causada pola comida local coa que non estaban afeitos. Moitos faleceron deste último. Cando concluíron algunhas das obras de asedio, os romanos derrubaron unha sección das murallas da cidade, pero foron rapidamente derrotados. Fuxiron e sen coñecer a zona moitos caeron nun encoro e morreron. O inimigo reparou o muro. Como os dous bandos sufrían a fame, Escipión Emiliano propuxo a paz e prometeu que non a violaría. Os de Itercatia confiaron nel e deron a Lúculo 10.000 capas, algunhas cabezas de gando e cincuenta reféns como parte do pacto.[44]

De seguido, Lúculo marchou para Pallantia (Palencia). Esta cidade acollía un gran número de refuxiados e era coñecida pola súa bravura. Aconselláronlle que a evitase, mais como oira que era unha cidade rica, acampou ao seu carón e tan só cando o acoso continuo da cabalaría de Pallantia lle impediu obter subministracións comezou a retirada, sendo perseguidos até o río Durius (Douro). Tras cruzalo, marchou aos campamentos de inverno no territorio dos Turdetanos. Este foi o final da súa guerra ilegal contra os Vacceos, e nunca foi chamado a contas por iso. Apiano escribiu: "En canto ao ouro e a prata que Lúculo buscaba (o motivo polo que librara esta guerra, pensando que toda Hispania era abondosa en ouro), non conseguiu nada. Non só non tiñan nada, senón que estas tribos tampouco concedían valor a eses metais".[45]

No seu relato sobre as Guerras Lusitanas, Apiano, escribiu que Lúculo e Servio Sulpicio Galba, un pretor que estaba ao mando das tropas na Hispania Ulterior e estaba en campaña contra a revolta lusitana, levaron a cabo unha operación conxunta de pinza contra Lusitania. Segundo o autor, despoboaron o territorio gradualmente, e describiu a Galba como máis cobizoso aínda que Lúculo, matando moitos lusitanos traizoeiramente.[46]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

No 147 a. C., catro anos despois do final da Segunda guerra celtibera, os lusitanos, que se rebelaran entre o 155 a. C. e o 150 a. C., rebeláronse de novo na Guerra de Viriato (147-139 a. C.). No 144 a.C., o cuarto ano desta guerra, Viriato, o líder lusitano, incitou aos celtiberos a se rebelaren tamén. Isto provocou a Terceira Guerra celtibera ou Guerra de Numancia (143-133 a. C.), que foi a guerra de resistencia máis longa contra os romanos.

Toma de Numancia. Obra de Antonio Guerrero (1802).

Terceira Guerra Celtibera ou guerra de Numancia (143 a.C.-133 a.C.)

[editar | editar a fonte]

A obcecación do Senado, que esixía a rendición sen condicións, maila perfidia dos dirixentes provinciais romanos, que violaban continuamente as condicións do pacto conseguido co cónsul Claudio Mardelo no 152 a.C. e, finalmente, as vitorias de Viriato na Guerra Lusitana, motivaron a revolta das tribos celtiberas, comezando a Terceira Guerra Celtibera (143-133 a. C.).[47]

Roma enviou o cónsul Quinto Cecilio Metelo (143 a.C., procónsul o 142 a.C.), vencedor do Falso Filipo, á fronte de 40.000 soldados,​[48] e empeza a pacificación da Celtiberia tomando carias cidades, como Nertobriga coa que foran asinados, anteriormente, pactos de amizade. Despois cercou Numancia sen podela ocupar e, debido aos ataques dos numantinos, retirouse para o seu campamento de inverno.[47]

O sucesor de Metelo foi o cónsul Quinto Pompeio que, no 141 a.C., chegou cun exército de 30.000 soldados de infantaría e 2.000 xinetes.[49] Tras ser derrotado en varias ocasións polos numantinos marchou contra Termancia, considerando que era unha tarefa máis doada, mais foi novamente derrotado, perdendo gran cantidade de soldados e subministracións.[50] Temeroso de ser chamado para render contas ante o Senado, iniciou negociacións de paz cos numantinos, chegando a un acordo antes da chegada de Marco Popilio Lenas, o seu sucesor no 139 a.C., quen non aceptou o pacto porque non fora aprobado polo Senado e o pobo romano. Popilio enviou mensaxeiros a Roma para pór en evidencia alí a conduta de Pompeio. Como o Senado decidira continua-la guerra e non admitir o pacto asinado, atacou Numancia, sufrindo unha gran perda de vidas no seu exército e continuou cun ataque aos lusóns, sen ningún resultado positivo.[51]

No 137, a. C., chegou un novo cónsul, Caio Hostilio Mancino, con outro exército de 22.000 homes, con Tiberio Sempronio Graco como cuestor. Mancino mantivo frecuentes enfrontamentos cos numantinos e ao ser derrotado en numerosas ocasións e estenderse o rumor de que os cántabros e vacceos acudían en axuda de Numancia, pretendeu retirarse do asedio refuxiándose no antigo campamento de Nobilior, nos arredores de Almazán, provincia de Soria, pero foi rodeado polo numantinos e capitulou. Os numantinos esixiron un tratado con igualdade de dereitos, (foedus aequum), negociado por Tiberio e, aínda que se recoñeceron as anteriores conquistas de Roma, o Senado considerouno o tratado máis vergoñento xamais asinado,[52] e enviaron a Emilio Lépido, cónsul da Hispania Ulterior, chamando a Mancino a xuízo en Roma, ao que seguiron os embaixadores de Numantia. Lépido atacou os vacceos coa escusa de que axudaran aos numantinos[53] Cando o Senado descubriu este feito, mandou que perdera o mando e o o consulado e que se entregase aos numantinos, permanecendo un día enteiro ás portas da cidade, mais estes, para non rompe-lo tratado asinado, non o admitiron. Finalmente, aínda que o tratado foi desestimado, Roma mantivo un armisticio total durante tres anos: entre o 137 e o 135 a.C., nin Emilio Lépido nin Lucio Furio Filo nin Quinto Calpurnio Pisón retomaron a guerra.

Así e todo, no 134 a. C., a petición do pobo romano e grazas a un procedemento legal extraordinario,[54] Escipión Emiliano, o destrutor de Cartago, obtivo de novo un mando consular, sen que transcorrese o intervalo de dez anos establecido pola lei. Decidido a continuar a loita e ante a prohibición de novas exaccións, formou unha cohorte de amigos, cohors amicorum, duns 4.000 homes, entre os que había personalidades tan destacadas como Gaius Mario, Polibio ou Iugurta, neto de Massinisa. Á súa chegada á Península Ibérica, reorganizou e disciplinou as tropas que había nas provincias, tropas totalmente desmoralizadas polas continuas derrotas contra os inimigos. Durante o verán saqueou as terras dos vacceos para que non axudasen aos numantinos e, na primavera do 133 a.C., comezou o asedio definitivo de Numancia cun exército duns 60.000 homes.

Rodeou a cidade con sete campamentos, fosos e torres de vixilancia e cortou o Douro para que os sitiados non puidesen recibir axuda. Os intentos de eludi-lo cerco ou as solicitudes de axuda doutras cidades celtibéricas fracasaron. Retóxenes Caraunio superou o valado, pero só recibiu a axuda da mocidade da cidade de Lutia. Advertido Escipión polos anciáns da cidade, rodeou Lutia e cortou as mans a 400 mozos.[55] Ante a precaria situación, os numantinos enviaron ao xeneral romano embaixadores, baixo o mando de Avaros, para preguntar sobre como chegar a un compromiso, pero non tiveron éxito. A cidade arevaca foi reducida pola fame e os sobreviventes suicidáronse ou foron escravizados, permanecendo deshabitada ata o comezo do Imperio. A súa destrución puxo fin ás guerras celtiberas e aínda que houbo outras rebelións no século I a.C. (guerras sertorianas, guerra cimbria), non volveron, como pobo, a molestar máis aos romanos.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

A Celtiberia sufrira anos de loita continua, que provocou o desprazamento e redución de poboacións e a devastación xeral do territorio, coas consecuentes consecuencias sociais e económicas. Mais tamén Roma sufriu as consecuencias dun enfrontamento de longa duración. As lagoas no sistema político-lexislativo republicano quedaron en evidencia, a longa duración da guerra foi o resultado do ríxido mecanismo xurídico romano e das rivalidades internas das distintas faccións senatoriais. A leva continua dos campesiños itálicos, a base do exército romano republicano, para as distintas campañas aumentou as tensións sociais que alcanzaron o seu auxe pouco despois, na época dos Gracos. O alistamento de clientes e amigos de Escipión serviu de precedente para outros posteriores e esbozou algúns métodos de estilo principesco que, no século seguinte, acabarían co réxime republicano en Roma.

  1. Apiano (1980), p. 144 (Libro VI, 46)
  2. Apiano (1980), p. 148 (Libro VI, 50)
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Blázquez Martínez (1987), p. 199
  4. Blázquez Martínez (1987), p.199 (cita a idea en Tito Livio: 22,21)
  5. Blázquez Martínez (1987), p. 198
  6. Almagro-Gorbea (2001), p. 51
  7. Almagro-Gorbea (2001), p. 52
  8. Pérez Rubio (2014), p. 162
  9. 9,0 9,1 Saguntia/Segontia. Tradicionalmente identificada como Sigüenza. Porén hai tamén outras interpretacións: ver Pérez Rubio (2014), p. 162.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Pérez Rubio (2014), p.163
  11. Segundo Pérez Rubio (2014), p. 164; quizais sexa Concud (Teruel), a Urbiaca do Itinerario de Antonino
  12. Livio (1993), p. 389 (Libro XL, 30, 1)
  13. Estaba no límite do territorio dos Vetóns. Hoxe correspóndese con Talavera de la Reina, na parte occidental da moderna provincia de Toledo.
  14. F. Burillo en "Los celtíberos. Etnias y estados" (1998; pp. 216-217), afirma que o máis probable sexa que Contrebia Carbica, unha cidade celtibera cuxos restos, considérase que, son os atopados en Fosos de Bayona, Cuenca.
  15. Apiano, chámaa Complega.
  16. Livio (1993), p. 393-394 (Libro XL, 33,1-4)
  17. Enfrontouse ás tribos celtiberas que vivían ao longo do río Iberus, incluídos os Lusones (unha pequena tribo celtibera no norte da Celtiberia, no alto vla do río Tajuña, no nordeste da actual Guadalaxara). Apiano (1980), p. 141 (Libro VI, 42)
  18. Livio (1993), pp. 402-403 (Libro XL 39.1-8; 40,1-13)
  19. Livio (1993), p. 405 (Libro XL, 40.14-15)
  20. Livio (1993), pp. 414-415 (Libro XL, 47, 1-10)
  21. Probablemente é a cidade que no Itinerario Antonino se colocou entre Augusta Emerita (Mérida) e Caesaraugusta (Zaragoza)
  22. Livio (1993), pp. 416-417 (Libro XL, 48,7)
  23. Livio (1993), p. 417 (Libro XL, 49,4-7)
  24. Pérez Rubio (2014), pp. 163-164
  25. Livio (1993), p. 418 (Libro XL, 50,2-6)
  26. Pérez Rubio (2014), p. 164
  27. Silva (2013), p. 263 (nota 75)
  28. Curchin (1995), pp. 32-33
  29. Silva (2013), p. 58
  30. 30,0 30,1 Apiano (1980), p.144 (Libro VI, 45)
  31. Apiano (1980), pp.141-145 (Libro VI, 46-47)
  32. Apiano iber, 48.
  33. Apiano (1983), p. 146 (Libro VI: Sobre Iberia, 48)
  34. Polibio (1983), p. 435 (Libro XXXV, 2, ver nota 5)
  35. Apiano (1980), p. 148 . Apiano menciona Nergóbriga da que se descoñece a ubicación. Na nota a pé de páxina se indica que está documentada unha Nertóbriga, actual Riela ou quizais Calatorao (Zaragoza). Mais tamén existe outra Nertóbriga Concordia Iulia, a actual Fregenal de la Sierra (Badaxoz).
  36. Polibio (1983), p. 435, Libro XXXV, 2-3 (Denominou, os Belos e Titos, aliados e amigos de Roma e os Arévacos, en troques, inimigos).
  37. Apiano (1983), p. 147 (Libro VI: Sobre Iberia, 49)
  38. Polibio, Historias, 35.2, 3.1-2
  39. Apiano (Libro 6, 49)
  40. Polibio (Historias, 35.3.4-9; 4)
  41. Apiano (1983), p. 147 (Libro VI: Sobre Iberia, 49)
  42. Apiano (1980), pp, 146-147 (Libro VI, 48-50)
  43. Apiano (1983), p. 148 (Libro VI: Sobre Iberia, 51)
  44. Apiano (Libro 6, 53-4)
  45. Apiano (1980), p. 151 (Libro VI, 54)
  46. Apiano (Libro 6, 59)
  47. 47,0 47,1 Apiano (1980), p. 167 (Libro VI, 76)
  48. Martínez Miguélez (2010), p. 21
  49. Martínez Miguélez (2010), p. 22
  50. Apiano (1980), p. 168 (Libro VI, 77)
  51. Apiano (1980), p. 170 (Libro VI, 79)
  52. Apiano (1980), p. 171 (Libro VI, 80)
  53. Apiano (1980), p. 171 (Libro VI, 80) [...algúns accedían ao mando buscando gloria, botín ou o honor do triunfo máis bien có proveito da súa cidade...]
  54. Apiano Iber, 84 ("... o Senado, unha vez máis, como cando foi elixido este mesmo Escipión contra os cataxinese, decretou que os tribunos da plebe deixasen en suspenso a lei referente á idade, e a puxesen, de novo, en vigor ao ano seguinte...").
  55. Apiano (1980), p. 182 (Libro VI, 94)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Fontes primarias

[editar | editar a fonte]
  • Apiano (1980). Historia Romana. Colección: Biblioteca Clásica Gredos, nº 34 (en castelán). Introdución, tradución e notas de Antonio Sancho Royo. Madrid: Gredos. ISBN 84-249-3550-0. 
  • Livio, Tito (1993). Historia de Roma (Ab Urbe Condita). Colección: Biblioteca Clásica Gredos, nº 187 (en castelán). Tomo VII (Libros XXXVI-XL: anos 191-178 a.C.). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-1629-8. 
  • Polibio (1983). Historias (Libros XVI-XXXIX). Colección: Biblioteca Clásica Gredos, nº 58 (en castelán). (tradución e notas de Manuel Balasch Recort). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-0873-2. 

Fontes contemporáneas

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]