Helgoland
Helgoland (de) Hålilönj (frr) Halunder (frr) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Alemaña | ||||
Estado federado | Schleswig-Holstein | ||||
Rural district of Schleswig-Holstein (en) | Pinneberg (pt) | ||||
Capital | Helgoland (en) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.253 (2023) (297,62 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua alemá Lingua frisoa setentrional | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 4,21 km² | ||||
Bañado por | Heligoland Bight (en) | ||||
Altitude | 40 m | ||||
Punto máis alto | Pinneberg (en) (61,3 m) | ||||
Organización política | |||||
Membro de | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 27498 | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 04725 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | helgoland.de… | ||||
Helgoland [ˈhɛl.ɡoˌlant] (en alemán Helgoland ou tamén Deät Lun -a terra-, en frisón Lun Hålilönj e en inglés Heligoland) é un pequeno arquipélago alemán situado no bordo sueste do mar do Norte.[1] Orixinalmente era unha única illa de forma triangular e duns 2 km de lonxitude. Hoxe en día, son dúas illas: a illa principal, de forma orixinalmente triangular cunha extensión aproximada de 1 km2 no oeste (denominada Hauptinsel) e a denominada Düne (a Duna). Esta é algo máis pequena (0,7 km2 aproximadamente) antes enlazada por unha lingua de terra agora mergullada no mar e rodeada de praias de area. Non está permanentemente habitada, pero é onde se localiza o aeroporto de Helgoland.
Aínda que culturalmente está máis preto de Frisia do Norte, no distrito alemán de Nordfriesland, as dúas illas forman parte do distrito de Pinneberg no estado federado alemán de Schleswig-Holstein. A illa ten unha poboación dunhas 1.650 persoas e carece de automóbiles, xa que están prohibidos por norma municipal. O traxecto en barco transbordador desde a desembocadura do río Elba até a illa dura dúas horas.
Historia
[editar | editar a fonte]Sábese que a zona ao redor da illa estivo habitada desde tempos prehistóricos. Atopáronse ferramentas de pedernal no fondo do mar que rodea a illa. Orixinalmente a illa recibiu o nome de Fosetisland dos piratas do Báltico; na época de Willibrord de Utrecht xa lla coñecía como Heiligland que significa «Terra Sacra».[2]
En 697, Radbod, o último rei de Frisia, retirouse á illa tras ser derrotado polos francos. En 1231 aparece unha lista na que se nomea a illa como propiedade do rei Valdemar II de Dinamarca. Os restos arqueolóxicos atopados, pertencentes aos séculos XII e XIV, advirten do procesamento do mineral de cobre existente na illa.
Durante os séculos XV e XVI, foi empregada como base para a piratería.[3] Desde entón até 1714 a propiedade da illa cambiou varias veces entre Dinamarca e o ducado de Schleswig, cun período no que pasou á cidade hanseática de Hamburgo. En agosto de 1714 a illa foi conquistada por Dinamarca e en 1807 tomada polo Reino Unido durante as Guerras Napoleónicas, co obxectivo de usala para romper o bloqueo continental decretado por Napoleón. No Tratado de París (30 de maio de 1814), ratificouse a ocupación británica. A razón principal do control británico dunha illa pequena e, aparentemente, irrelevante debíase ao intento británico de impedir unha futura agresión naval francesa contra os estados escandinavos ou alemáns[4]. Durante o período de administración británica, non se realizaron cambios para empregala como unha base naval, en parte por razóns financeiras mais, sobre todo, porque a Royal Navy consideraba a illa demasiado exposta como unha base avanzada.[5]
O Reino Unido cedeu a illa a Alemaña, segundo o tratado de Helgoland-Zanzíbar, en 1890, á vez que abandonaba os seus intereses en Madagascar a favor dos franceses, a cambio de que estes abandonasen as súas pretensións sobre a illa de Zanzíbar.
Durante o Imperio alemán, a illa converteuse nunha gran base naval, e na Primeira guerra mundial a poboación civil foi evacuada ao continente. A primeira batalla naval da guerra tivo lugar preto de Helgoland no primeiro mes do conflito. Os insulares volveron en 1918, pero durante o período nazi a base naval foi reactivada. O Campo de Helgoland, un campo de traballo nazi en Alderney, levaba o nome da illa.
Os insulares permaneceron alí durante a Segunda guerra mundial. O 19 de abril de 1945, máis de mil bombardeiros aliados atacaron a illa arrasándoa ao seu paso. A poboación civil protexeuse en refuxios rochosos, de xeito que a maioría dos 128 mortos que houbo eran membros das baterías antiaéreas. A illa foi evacuada a noite seguinte. Hai que mencionar que na illa Düne instalouse unha pista de aterraxe con dúas pistas, en cruz, para aproveitar o vento reinante na zona.
Desde 1945 até 1952 as illas, cuxos habitantes foran previamente evacuados, foron usadas como campo de tiro da R.A.F. O 18 de abril de 1947, a Mariña Real británica detonou 6 800 toneladas de explosivos coa intención de demoler as instalacións militares da illa, que incluían unha enorme rede de fortificacións, postos de artillaría e refuxios para submarinos. A teoría de que a detonación tiña como obxectivo destruír a illa, aínda que segue sendo popular na zona, foi desmentida por Rene Leudesdorff. O efecto sísmico da titánica explosión (chamada Big Bang polos expertos), unha das maiores non nucleares da historia moderna, permitiu efectuar todo tipo de sondaxes sísmicas desde as estacións sismolóxicas do Norte de Europa, chegándose a publicar varios estudos xeolóxicos e sismolóxicos. A illa foi devolta o 29 de febreiro de 1952 ás autoridades alemás, que tiveron que limpar unha considerable cantidade de municións sen detonar e reconstruír as casas antes de que a illa puidese ser habitada de novo.
Na actualidade a illa é un lugar de vacacións e goza de exencións de impostos, polo que unha boa parte da economía da illa baséase na venda de cigarros, bebidas alcohólicas e perfumes aos turistas que visitan a illa. A illa atópase fóra da área do Tratado de Schengen. Os seus habitantes son etnicamente frisóns e falan, xunto co alemán, unha variedade distintiva da lingua frisoa.
En tempos recentes construíronse uns diques crebaondas na costa setentrional, non só para servir de ancoradoiro, senón para evitar que a violencia dos temporais do Mar do Norte erosionen dita zona da illa; tamén se restaurou un pouco a base norte da illa utilizando formigón coloreado.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Helgoland áchase a 70 km da costa alemá e está formada por dúas illas: a habitada de 1,0 km² é a illa principal (Hauptinsel) cara ao oeste, e Düne ("duna") ao leste, que é algo máis pequena 0,7 km², así como outras máis baixas rodeadas de praias de area e non habitadas de forma permanente. As dúas illas estiveron conectadas até 1720, cando a unión natural foi destruída por unha tormenta e mailo posterior asulagamento. A profundidade nos arredores da illa é moi reducida: apenas 1–2 m en dirección noroeste, de 1-4 entre Helgoland e Düne aínda que non maior en dirección sur ou norte; en dirección leste-noroeste esténdese unha chaira cunha profundidade máxima de 14 m, aínda que é fácil que o fondo mariño ascenda até os 7 m do fondo rochoso (Steingrund), situado a uns 8 800 m de Helgoland en dirección nordeste.
A illa principal divídese, comunmente, en tres áreas: Unterland ("Terra baixa"), Oberland ("Terra superior") que é a meseta visible nas fotografías e Mittelland ("Terra Media"), o espazo entre elas a un lado da illa. Unterland, a pouca altura sobre o nivel do mar (a parte dereita da fotografía) é onde se atopa o porto; en realidade, corresponde a unha praia de cor máis clara formada polo afundimento e erosión da parte sur da illa en tempos pasados. Ao norte esténdense bancos de area a ámbolos dous lados da illa formando unhas "pinzas" de cangrexo que deixan entre elas unha zona (como un val fluvial) de maior profundidade. A Mittelland apareceu en 1947 como resultado das explosións producidas pola Royal Navy británica (o chamado "Big Bang") que alteraron notablemente o fondo mariño ao redor da illa, dislocando o subsolo calcario, aínda que non alterou a forma nin altura da illa principal. A illa principal ten un porto (ou ancoradoiro) no parte sur e é frecuentada por iates; aquí termina o seu traxecto o transbordador que a une ao continente e trae ou leva aos numerosos turistas que visitan a illa. A arribada á illa principal só pode facerse por dúas estreitas canles de maior profundidade: unha ao noroeste, que conduce á Enseada Norte, e outra ao sur, na Enseada Sur. Fóra destas dúas zonas a profundidade redúcese enormemente impedindo a navegación de barcos de maior calado. A profundidade é mínima entre a illa maior e a menor. O punto máis alto atópase na illa principal, e está a uns 61 metros sobre o nivel do mar, en concreto na súa costa setentrional (alí instalouse unha antena de radio); a illada agulla rochosa Ana a Longa presenta actualmente unha altura de 47 m sobre o nivel do mar.
Xeoloxía
[editar | editar a fonte]A illa de Helgoland é unha curiosidade xeolóxica: a presenza da característica roca sedimentaria vermella da illa principal nesa zona do mar do Norte é infrecuente: non se coñecen outras formacións similares de cantís na costa do mar do Norte; a formación é de principios do Eoceno. Existen tamén pequenos xacementos de cobre nativo (na costa, entre as rocas) e creta, marga e xeso, que dá a típica cor branca alterna con vermello; constatouse a presenza de cobre (en forma de carbonato de cobre) na rocha branca: ao pé dos cantís adóitase atopar cobre nativo, en forma de pebidas de cor verdoso ou negro.
No pasado, cando o nivel do mar era máis baixo, a illa tiña unha extensión moito maior: aínda subsisten restos de construcións baixo o mar, non lonxe da illa (en dirección nordeste), entre cuxos muros mergullados os pescadores adoitan facer as súas mellores capturas: coñéceselle co nome de fondo rochoso.
Da branca e baixa illa Düne extraíase, até o século XVIII, gran cantidade de xeso e creta (unha canteira subsiste aínda en Helgoland, no fondeadeiro sur): o subsolo da illa está composto por rochas carbonatadas sedimentarias, de cor branca, que dá nome aos fondos que a rodean (é a mesma rocha branca que proporciona as vetas da avermellada rocha de Helgoland). Unha ponte natural de rocha branca a unía, no pasado, á illa maior: unha forte tormenta, seguida da forte erosión de varias grandes marusías e mareas, terminaron por arruinar e mergullar a branda rocha; na actualidade só quedan fondos moi claros de escasa profundidade que alcanzan unha cota de entre un e catro metros, dificultando a navegación ou a aproximación a Düne. Esta zona recibe o nome de Witte Klippe en alemán e White Cliff en inglés (a súa tradución é cantís brancos).
A parte sur de Helgoland (coñecida como 'unter land' ou terras baixas), na cal se construíron gran cantidade de casas e fondeadeiros, corresponde a unha praia ou zona de afundimento formada polos detritos dos cantís, unha vez derruídos e desmoronados polas grandes mareas e marusías do pasado. Na actualidade, esta zona, de cor máis clara, corresponde ao substrato calcario que une Helgoland con Düne e se prolonga, a baixa profundidade, baixo o mar.
Na parte norte de Helgoland pódese apreciar unha "agulla de terra" que é o monumento natural máis famoso de Helgoland, Lange Anna ("Long Anna" ou "Tall Anna"). É unha columna de rocha de 47 metros de altura que se atopa ao noroeste da illa propiamente dita, dunhas 25 000 toneladas de peso; son restos do avermellado cantil que permanece separado da illa desde a caída e erosión da terra que o rodeaba e o unía ao resto da mesma. En tempos modernos a súa base foi rodeada de formigón (coloreado de vermello para que non se note nin destaque demasiado) cuxa misión é impedir que as grandes marusías o erosionen e terminen por derrubalo no mar. Segundo os expertos, isto debería bastar para permitir que subsista algúns centos de anos máis. Para evitar a forza do mar do Norte (e a súa destrutiva erosión durante as grandes tormentas e mareas) construíuse un espigón de protección na zona norte.
Os amantes das rochas poden conseguir na praia norte de Düne nódulos de rocha autóctona coñecida como Flint Heligoland. A mellor época é o outono ou inverno, non tanto porque as fortes tormentas removen o fondo senón porque nesa zona existe no verán unha praia nudista que adoita estar bastante ocupada en toda a súa extensión.[6]
Submarinismo
[editar | editar a fonte]Agás nas épocas das grandes marusías ou con mal tempo pódese mergullar e practicar o submarinismo ao redor da illa, aínda que con moito coidado, debido á presenza de baixos fondos rochosos, correntes de marea e outros accidentes escabrosos. As profundidades poden caer abruptamente (sobre todo na zona oeste e sur), aínda que polo xeral non exceden os 15-20 metros e forman extensas mesetas submarinas; a zona máis complicada é a norte, moi rochosa e accidentada, con perigosos baixos e rompentes na marea baixa (existen fondos de só 2 metros de profundidade a 2,5 km ao norte de Heligoland, así como outro de 6 metros a case 4 km do extremo norte da illa).
Helgoland, Düne e o Stein Grund (ou Fondo Rochoso) forman parte dunha meseta submarina con dúas alturas ben diferenciadas: Helgoland-Düne ao oeste e Stein Grund ao leste; entre eles queda unha meseta bastante lisa con suave pendente tanto ao norte (profundidades máximas ao redor de 24-25 metros) como ao sur (profundidade máxima: 30 metros ao sur do Loreley Bank). O sur da illa é bastante abrupto e profundo con baixos de até 43-48 metros. Helgoland xorde do mar como unha mole de cantís vermellos veteados de branco sobre os cales rompe o mar, ás veces con moita violencia; con todo os fondos que a rodean son moi distintos segundo a zona na que se mergulle.
A parte oeste da illa presenta en xeral unha forte pendente submarina, unha prolongación dos cantís derruídos: ao pé dos mesmos a profundidade cae até os 10 metros rapidamente, estabilizándose nunha chaira de grande extensión cunha cota máxima de 20 metros. Este sector presenta cumes rochosos illados que soben até os 10 metros baixo o nivel do mar –algo menos na marea baixa– que forman un “colar” de cotas illadas desde a extremidade norte da illa até a rada sur, restos mergullados do cantil oeste afundido en tempos antigos. A pendente desta zona cae en dirección oeste bastante rapidamente, acadando os 48 metros en dirección suroeste: a profundidade en dirección oeste e noroeste é menor.
A parte noroeste é sinxela: baixo o mar, partindo do espigón norte, esténdese unha crista submarina (prolongación dos altos cantís da illa, cunha cota máxima de 60 metros sobre o nivel do mar) con profundidades de 6 a 12 metros (6 no cume “Repulse”) que se alza sobre unha extensa chaira con cotas máximas de 16-18 metros; a profundidade aumenta a medida que nos diriximos ao norte onde baixa até os 22 metros: estamos na entrada da Rada Norte, unha especie de “val” mergullado que perde profundidade a medida que nos achegamos a Helgoland e lévanos desde os 20 metros a dous quilómetros da illa até apenas 6 metros na antiga “ponte” que unía a illa a Düne.
A zona norte é complicada: aquí atopamos a cima mergullada “Nordhafen Knoll”, o extremo norte dunha cordilleira mergullada que arrinca no Düne Bank (banco de rocas brancas que forman o subsolo de Düne) e prolóngase, curvada, en dirección noroeste; aquí abundan as rocas escuras ricas en cobre e carbonato de cobre. As profundidades oscilan entre os 2 metros ao norte de Düne e os 10 metros na base da crista, estabilizándose a esa profundidade nunha grande extensión; unha pequena cima (Robbert, 2 metros baixo o nivel do mar) queda xusto ao norte de Düne. Ao oeste da crista as profundidades caen rapidamente: estamos na zona da Rada Norte, val submarino xa comentado; a zona leste presenta unha pendente máis suave e esténdese como unha gran meseta de máis de 10 quilómetros de lonxitude en dirección leste-noroeste con profundidades máximas de 11-12 metros ao pé da crista estabilizándose nos 12-15 durante un longo treito. Ao norte os fondos caen, moi suavemente, até os 19-20 metros mentres que ao oeste a profundidade mantense nos 18-20 metros. O extremo norte desta crista, a chamada cima “Sele Brunn” (“Sele Brunn Knoll”), situada a case 4 km do extremo norte de Heligoland, presenta unha pequeno outeiro que se alza desde o fondo mariño (10 metros de profundidade) até os apenas 6 metros baixo o nivel do mar e supón un gran perigo para a navegación, sobre todo con forte marusía ou na baixamar (zona sinalizada con boias).
A zona sur de Helgoland é moi interesante: a pendente cae abruptamente desde a saída da Rada Sur (e o seu embarcadoiro de ferrys e iates), forma un estreito “faldón” na cota dos 18-20 metros e continúa caendo de modo acusado até caer aos 43 metros nunha fosa que se estabiliza e forma unha chaira submarina, a cal se estende en dirección sur-suroeste-oeste ascendendo suavemente até os 22-25 metros ao norte da illa. Entre Helgoland e Düne, hoxe mergullado, atópase unha especie de crebaondas ou corredor natural, calizo, con formas de pinzas de cangrexo de baixa profundidade entre os cales se deslizan os barcos, xa que nesa zona a profundidade é máxima (8-10 metros).
O sector oeste é verdadeiramente interesante: partindo de Düne en dirección oeste-noroeste esténdese unha ampla chaira submarina de escasa profundidade; esta zona alcanza os apenas 11-12 metros no “Loreley Bank” cun grande outeiro (case 1 km de diámetro) de suave pendente que se alza até os 10 metros baixo o nivel do mar. Ao sur do banco a profundidade cae abruptamente até os 30 metros dunha pequena fosa, pero se estabiliza nos 22-25 metros durante gran treito en todas direccións.
O Stein Grund (Fondo Rochoso) é unha crista rochosa, antigas montañas emerxidas, situadas a 8 200 metros ao noroeste de Helgoland: sobre unha extensa meseta submarina, que arrinca no subsolo branco de Düne e presenta unha profundidade monótona no intervalo 11-14 metros, levántase unha crista submarina que corre en dirección suroeste-nordeste e se curva lixeiramente no seu parte norte. A crista en si xorde como unha elevación de 8 metros de altura sobre a chaira circundante: a profundidade máxima na súa parte sur é de 13 metros, 15 metros no seu parte na súa parte oeste e noroeste pero ascende aos 12 metros do seu sector norte para caer aos 14 ao noroeste e manterse nos 13 metros ao leste. O Stein Grund presenta unha altura máxima de 7 metros baixo o nivel do mar na súa parte sur, aínda que hai outras dous pequenos outeiros máis en dirección norte; na extremidade norte do banco érguese outro pequeno outeiro que alcanza os 7 metros de profundidade baixo o nivel do mar. Toda a zona é perigosa para a navegación, sobre todo durante a marea baixa e con marusía: existe unha boia de perigo.
Apenas a uns centos de metros en dirección leste xorden dous outeiros submarinos de 5 metros de altura que, a unha profundidade de 9 metros baixo o nivel do mar, supoñen dificultades para a navegación durante a baixamar. Estes perigosos fondos están sinalados cunha boia. O resto do banco esténdese con fondos de suave caída en todas direccións: a profundidade máxima é de 15-20 metros.
Nos arredores da illa os mergulladores atoparon restos arqueolóxicos que indican un extenso poboamento prehistórico neste sector; en tempos prerromanos existiu un templo dedicado ao deus Forsites, Fosites ou Posites, quizais unha corrupción de Poseidón. As antigas cartas indican que ao redor de Helgoland, máis concretamente en dirección norte, nordeste e leste, existían antigas construcións: non quedan restos das mesmas.
Filatelia
[editar | editar a fonte]Mentres que Helgoland foi unha posesión británica emitíronse uns 20 selos entre 1867 e 1890. Estes teñen a particularidade de ser os primeiros selos en varias cores. Hai até oito impresións dunha única denominación e tamén un gran número de reimpresións que se coñecen como as reimpresións Berlín, Leipzig e Hamburgo, respectivamente. As reimpresións Berlín son, en ocasións, de mellor calidade que as orixinais. As reimpresións foron realizadas entre 1875 e 1890. Polo tanto, moitas coleccións antigas conteñen reimpresións no canto de orixinais. Pénsase que había uns sete millóns de reimpresións fronte ao millón e medio de orixinais dos que poida que a metade se vendesen a través das oficinas de correos e o resto a tratantes que os retiraron da circulación.
Os selos foron impresos pola Oficina Estatal de Impresións de Prusia en Berlín. Foron denominados en Schillings de Hamburgo até 1875 cando apareceron nos selos tanto a denominación inglesa como a alemá (as emisións Farthing/Pfennig). Todos incluían a silueta da raíña Vitoria do Reino Unido, agás o cuarto de maior valor, que representaban escudos de armas de Helgoland.
Os selos emitidos teñen un valor de moderado a medio, con algúns rozando os 1 000 euros (2005). Algúns selos usados vendéronse por 4 800 Euros en poxas e algúns sobre vendéronse por 10 000-12 000 euros: isto leva sen dúbida a falsificacións. Posto que os selos usados teñen en ocasións máis valor que os que non foron usados, en ocasións falsificouse a cancelación postal.
Ciencia en Helgoland
[editar | editar a fonte]Na illa existen varias estacións científicas, cada unha delas dedicada a cubrir investigacións dunha rama distinta. Unha delas é o estudo das mareas e as ondas do mar do Norte nas inmediacións da illa: utiliza radares de apertura sintética cos cales se poden inferir as profundidades polas perturbacións das ondas, unha vez analizadas por medio de modelos matemáticos.[7]
Existe unha estación meteorolóxica na cal se segue automaticamente e mide a radiación solar cun pirómetro especial, a concentración de aerosoles sobre a illa e o mar do Norte, a actividade fotosintética, a concentración de nutrientes no mar, a dirección e temperatura do aire e outras investigacións semellantes (por exemplo, a transparencia do aire), as cales se actualizan cada poucos minutos; existen tamén varias cámaras web que permiten que os investigadores controlen —remotamente— a estación meteorolóxica e a súa contorna.[8][9][10]
Finalmente instalouse unha estación meteorolóxica especial, a bordo dunha boia ancorada ao leste da illa, capaz de medir e transmitir por radio a temperatura superficial da auga.[11]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Mapa de 1652
-
Helgoland cara 1890-1900
-
Mapa de Helgoland en 1910
-
Mapa de 1910
-
Fotografía aérea da illa coas fortificacións en 1919
-
Foto de satélite
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Drower (2011)
- ↑ The viking Age (2010), ed. A.A. Sommerville / R.A. McDonald, University of Toronto Press, ISBN 978-1-44260-148-2 p. 7.
- ↑ Ritsema, Alex (2007). Heligoland, Past and Present. Lulu Press. p. 40. ISBN 978-1-84753-190-2.
- ↑ Cooper (2014), p.40
- ↑ Cooper (2014), p. 41
- ↑ Flintsource.net
- ↑ "Helgoland/index". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2008. Consultado o 06 de xullo de 2018.
- ↑ "Helgoland — Measuring Points". Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2007. Consultado o 29 de setembro de 2007.
- ↑ "Measures and Systems — Station Helgoland". Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2005. Consultado o 06 de xullo de 2018.
- ↑ Institute for Coastal Research[Ligazón morta]
- ↑ "Temperaturmessboje Helgoland - 2001 und 2002". Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2005. Consultado o 06 de xullo de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Helgoland |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Drower, George (2011). Heligoland: The True Story of German Bight and the Island That Britain Forgot (en inglés). (originally published in 2002, ISBN 0-7509-2600-7). Stroud: UK: History Press. ISBN 9780752460673.
- La Atlántida, Jürgen Spanuth. Círculo de Amigos da Historia, 1978.
- L'explosion d'Heligoland. - Discussion deas observations effectuées à Uccle, C. Charlier, 1947, Ciel et Terre, Vol. 64, p. 193.
- Results of Seismic Observations in Germany on the Heligoland Explosión of April 18, 1947, 1951, Reich, H.; Foertsch, Ou.; Schulze, G. A. Journal. Journal of Geophysical Research, Vol. 56, p. 147.
- Cooper, Stephen (2014). "Heligoland: An Island Sacrifice". History Today (History Today Ltd. Company, publicado o xaneiro 2014) 64 (1).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Webcam de Helgoland
- Observatorio ornitolóxico de Helgoland(en alemán e inglés).