John Moore
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de novembro de 1761 Glasgow, Reino Unido |
Morte | 16 de xaneiro de 1809 (47 anos) A Coruña, España |
Causa da morte | morto en combate |
Lugar de sepultura | Xardín de San Carlos |
Member of the 16th Parliament of Great Britain (en) | |
Lexislatura: 16th Parliament of Great Britain (en) | |
Datos persoais | |
Educación | High School of Glasgow (en) |
Actividade | |
Ocupación | oficial, político |
Carreira militar | |
Lealdade | Reino Unido |
Rama militar | Exército Británico |
Rango militar | Xeneral |
Conflito | Guerra de Independencia dos Estados Unidos de América Guerras da Revolución Francesa Guerras napoleónicas |
Familia | |
Irmáns | James Moore |
Premios | |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Dictionary of National Biography Enciclopedia militar Sytin |
John Moore, nado en Glasgow o 13 de novembro de 1761 e finado na Coruña o 16 de xaneiro de 1809, foi un militar e xeneral británico que faleceu na batalla de Elviña loitando contra o exército francés do mariscal Soult durante a guerra peninsular.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Naceu na cidade escocesa de Glasgow e era fillo de John Moore, médico e escritor. Acudiu á Glasgow High School, mais xa a idade de 11 anos acompañou a seu pai e o duque de Hamilton nun percorrido amplo por Francia, Italia e Alemaña, o que incluíu unha estadía de dous anos en Xenebra, onde proseguiu a súa educación.
Carreira militar e política
[editar | editar a fonte]Ingresou no exército británico en 1776, como alférez do 51º de Infantaría, entón con base na illa de Menorca, que pertencía ao Reino Unido. O seu bautismo de fogo foi en 1778 durante a guerra de Independencia dos Estados Unidos, como tenente do 82º rexemento, baixo mando de Douglas Hamilton, oitavo duque de Hamilton. En 1783 volveu á Gran Bretaña e ao ano seguinte foi elixido como membro do Parlamento pola circunscrición escocesa de Lanark, Selkirk, Peebles e Linlithgow, posto que mantivo até 1790.
En 1787 foi ascendido a maior, servindo no 60º rexemento brevemente, antes de retornar ao 51º. En 1791 a súa unidade foi asignada ao Mediterráneo, participando en campañas en Córsega, onde foi ferido en Calvi. Foille dada unha coronelaría e pasou a ser axudante-xeneral do xeneral sir Charles Stuart. Unha disputa entre Moore e o novo vicerrei británico de Córsega, levou a que pasase ás Indias Occidentais, so mando de sir Ralph Abercromby.
En Irlanda
[editar | editar a fonte]En 1798 foi ascendido a maior-xeneral, servindo na represión contra a rebelión irlandesa de 1798. A súa persoal intervención quedou acreditada ao cambiar o curso da batalla de Foulksmills, o 20 de xuño, e recuperar o control sobre a localidade de Wexford antes de que o fixera o desapiadado xeneral Lake, o que posibelmente salvou o lugar de ser saqueado. Aínda que a revolta foi esmagada con grande brutalidade, Moore destacou entre os máis do resto de mandos pola súa humanidade e por negarse a cometer atrocidades.
Como instrutor militar
[editar | editar a fonte]En 1799 mandou unha brigada na expedición a cidade neerlandesa de Egmont op Zee, sendo as súas tropas derrotadas e el mesmo ferido gravemente. Recuperouse e mandou o rexemento 52º durante as campañas de Exipto.
Volveu a Inglaterra en 1803, para mandar unha brigada no cuartel de Shorncliffe, cerca de Folkestone, onde estabeleceu un réxime de instrución militar innovador que deu lugar aos primeiros rexementos permanentes de infantaría lixeira británicos. Adquiriu sona coma un excepcional líder e instrutor de homes. Cóntase que cando se estaban a construír novas edificacións no cuartel e o arquitecto lle preguntou onde deberían ir os carreiros, Moore contestou que esperase algúns meses para ver por onde camiñaban os homes, e que daquela puxese os carreiros. Sir Arthur Bryant escribiu que a contribución de Moore non se debía só a que lograse instruír unha infantaría lixeira sen igual, senón porque cría que "o soldado perfecto só pode ser feito evocando todo aquilo máis excelente do home, física, mental e espiritualmente" (the perfect soldier can only be made by evoking all that is finest in man - physical, mental and spiritual).
A guerra contra Francia
[editar | editar a fonte]Cando estivo claro que Napoleón estaba a planear a invasión de Gran Bretaña, Moore foi posto ao mando da defensa da costa dende Dover a Dungeness. A iniciativa súa foi construída a Torre Martello (Martello Tower), que complementaba a xa existente Shorncliffe Redoubt, seguindo un modelo que chamara a súa atención en Córsega, onde a de Punta Mortella oferecera unha resolta resistencia contra as forzas navais e terrestres británicas. Iniciou tamén o corte do Canal Real Militar en Kent e en Sussex, e recrutou arredor de 340.000 voluntarios para unha milicia que debería protexer as liñas do South Downs, en caso de que forzas invasoras rachasen as defensas do exército regular. En 1804 Moore foi ennobrecido e ascendido a tenente xeneral. En 1806 volveu ao servizo activo no Mediterráneo, e logo, en 1808, foi enviado ao Báltico, para axudar os suecos. Desacordos co rei Gustavo IV de Suecia, fixeron que o enviasen para o Reino Unido, desde onde foi destinado para Portugal.
Na guerra da Independencia española
[editar | editar a fonte]Moore colleu o mando das forzas británicas na Península Ibérica, seguindo a chamada de Burrard, Dalrymple e Wellesley, que participaran na Convención de Sintra. Cando Napoleón chegou a España con 200.000 homes, Moore atraeu os franceses cara ao norte, mentres se retiraba para embarcar as súas tropas nos portos da Coruña ou Vigo. As tropas de Moore retrocederon penosamente cara a Galiza, alcanzando a cidade da Coruña, onde Moore estabeleceu as súas posicións defensivas nos outeiros que arrodean a cidade, sendo grave e fatalmente ferido na batalla. Permaneceu consciente, e gardando a compostura, durante varias horas antes de expirar. Entre as súas últimas palabras dixo: "Miñas lembranzas á súa irmá, Stanhope" ("Remember me to your sister, Stanhope"), referíndose á súa amiga lady Hester Stanhope. Foi soterrado nas murallas da cidade, ao lado do porto. O seu funeral é conmemorado nun famoso poema de Charles Wolfe (1791-1823) The Burial of Sir John Moore after Corunna.
Cando os franceses entraron na cidade, mandados polo mariscal Soult, ergueuse un monumento sobre a súa sepultura, que foi reconstruído e arranxado de xeito permanente en 1811. Anos despois, a poeta galega Rosalía de Castro, dedicoulle un sentido poema en galego titulado "Na tomba do xeneral sir John Moore".
Outros datos
[editar | editar a fonte]Na súa cidade natal, Glasgow, é conmemorado por unha estatua en George Square. En Inglaterra conta cunha estatua ecuestre en Shorncliffe e un monumento na Catedral de San Paulo de Londres.
Moore era masón, membro da loxa escocesa Renfrew County Kilwinning No. 11, de Paisley.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: John Moore |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- J. C. Moore, Life of Sir John Moore (Londres, 1834)
- W. F. P. Napier, History of the Peninsular War (cinco volumes, Nova York, 1856)
- C. B. Mayne, "Moore", en Spenser Wilkinson, From Cromwell to Wellington (Londres, 1899)
- Diary of Sir John Moore, editado por Sir J. F. Maurice (dous volumes, Londres, 1904)
- "El parti pris de Sir John Moore, apuntes para el estudio de la Guerra de Independencia en Galicia (1808-1809)", revista Nalgures, editada pola Asociación de Estudos Históricos de Galiza. Nº 2, A Coruña, 2007, pp. 261–329. ISSN 1885-6349
- López Morillo, Adriano (1910). "Un documento histórico poco conocido" Arquivado 08 de febreiro de 2018 en Wayback Machine. Boletín de la Real Academia Gallega 44.
- Requejo Pérez, Wenceslao (1911). "Discurso-contestación al del Excmo. Sr. D. Adriano López Morillo…" Arquivado 08 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.