Lamia
As lamias[1], tamén coñecida como lumias, son uns personaxes femininos da mitoloxía galega, equivalente ás xanas ou guaxas asturianas, anjanas cántabras ou ás lamias grecorromanas. Adoitan representarse con torso e cara de muller, sempre moi fermosa, e corpo de dragón (ou serpe), aínda que tamén se poden representar por separado, como unha muller montando nun dragón e, en ocasións, tamén poden aparecer como mulleres con corpo ou pés de cabra.
Outros paralelos nas mitoloxías doutras áreas son as Laminak vascas, as Giane sardas ou as Korrigans bretoas, seres femininos dos que se conta que se poden converter en serpes ou arañas. Pola contra, as Diale dos Alpes italianos son belas e amables, mentres que as Glaistig escocesas son contraditorias: unhas veces amables e outras crueis.
Mitoloxía grega
[editar | editar a fonte]O historiador grego Diodoro Sículo escribe que Lamia era unha raíña de Libia, filla de Poseidón e Libia (outro mito di que a sibila Libia foi a filla de Zeus e Lamia). Foi unha das moitas amantes de Zeus, polo que a principal esposa deste, Hera, sempre moi celosa, transformouna nun monstro e matou a cada fillo que tiña (segundo outras versións, matounos primeiro e foi a dor o que a transformou en monstro). A maiores, condenou a Lamia a non poder pechar os ollos, de xeito que sempre estivese obsesionada coa visión dos fillos mortos, pero Zeus concedeulle o don de poder sacarse os ollos para así poder descansar, e volver a poñerllos ó día seguinte. Cando, así, podía ó fin dormir, era inofensiva.
Como consecuencia disto, Lamia tivo que agocharse nunha cova ata que, desesperada, se converteu nun mostro. Envexosa das outras nais, raptaba e devoraba ós seus fillos, por iso as nais gregas e romanas ameazaban ós fillos con este personaxe se se portaban mal.
Mitoloxía ibérica
[editar | editar a fonte]Na mitoloxía vasca, as lamiak ou laminak (ou lamiñak) son seres mitolóxicos, normalmente femininos, descritos con pés de parrulo (ou de galiña, ou de cabra), cola de peixe ou poutas de ave. Viven en ríos e fontes, onde se peitean con codiciados peites de ouro. Adoitan ser amables coa xente e dise que axudaban ós homes a erguer pontes, dolmens e outras grandes obras.
Corren no País Vasco lendas nas que unhas lamiñak piden a unha muller humana que as asista nun parto, acto que remata mal como no caso da lenda galega semellante pero protagonizada por unha moura. Tamén se conta que as lamiñak poden premiar a algún humano con cachos de carbón, que logo se convertirán en anacos de ouro, o que tamén se conta das mouras galegas.
Mitoloxía galega
[editar | editar a fonte]Do mesmo xeito que as sereas clásicas [2], as lamias son moi perigosas para os homes, xa que os seducen, encantan e devoran ou chupan o seu sangue. Viven en covas preto de pequenos regatos e fontes, onde aparecen pola noite como fermosas mulleres novas que lavan a roupa, fían en rocas de ouro ou peitean o pelo mentres esperan unha vítima. Esta forma de actuar asemella as lumias coas Mouras, fermosas mulleres encantadas que habitan, tamén, nos castros ou penedos.
As lamias son moi luxuriosas e grandes sedutoras (antecedentes das modernas vampiresas). Nos dicionarios históricos galegos, lamia significa habitualmente a peza da roda do carro galego e só Eladio Rodríguez ou Franco Grande danlle o significado de "Monstro fabuloso con rostro de muller fermosa e corpo de dragón". Porén, na entrada lumia todos dan prostituta como primeira acepción (Eladio Rodríguez, Franco Grande, Filgueira, Carré, ets.). Tamén en castelán, lumia ou lumi designa a unha prostituta.
Eladio Rodríguez asemella as lumias a espectros que saían dos cemiterios para chupar o sangue da xente (como as meigas chuchonas) e compáraas coas lurpias, aínda máis perigosas para os homes.[3] Para Murguía (citado por Rodríguez), as lumias son máis fortes que as ouvas ou ouvanas célticas.
San Martiño de Dumio (século VI), no punto 8 do seu De correctione rusticorum, condenou ó culto ás lamias:
"Moitos demos dos que foran espulsados do ceo presiden no mar, nos ríos, nas fontes e nos bosques, aos que semellantemente os homes iñorantes de Deus adoran como deuses e lles ofrecen sacrificios. E no mar chaman Neptuno, nos ríos Lamias, nas fontes Ninfas, nos bosques Dianas, os cáes todos son demos i-espritos maliños que danan i-atormentan cos homes infiées que non saben defenderse co sino da crus"
Para Risco, o mito das lumias xa non existe en Galicia, pero si no País Vasco e Asturias, e supón que o mito desapareceu ou foi substituído polos das meigas chuchonas, fiadoras ou lavandeiras. Recolle de Murguía[4] que vivían en covas, que lavaban roupa de noite nos regos e que fiaban con rocas de ouro; tamén que, ás veces, namoraban os homes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lamia.
- ↑ A raíña grega das sereas chámase, precisamente, Lamia. Vivía nunha cova ó pé dun barranco e tiña sona de muller fermosísima e cruel.
- ↑ Co nome de lurpias desígnase un tipo de bruxas especialmente perigosa para a xente, pois provocan nos homes o aire lurpio (Cuba, s. v. lurpia). Lurpio significa sucio, danino, prexudicial, e pode estar relacionado con lobo, lobiño, tumor ou absceso subcutáneo, adiposo ou purulento.
- ↑ Pero sen especificar onde.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lamia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuba, Xoán R., Reigosa, Antonio, e Miranda, Xosé: Dicionario dos seres míticos galegos. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 2008.
- Universidade de Vigo: Dicionario de Dicionarios [1].
- Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Paidos, Barcelona 2010.
- Pedret Casado, Paulino: "Traducción galega da obra de San Martiño de Braga 'De Correctione Rusticorum'", en Nós, nº 97, 15.01.1932, pp. 4-12.
- Risco, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962, px. 309 (reed. Akal 1979, 255-777).
- Vaqueiro, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Ed. Galaxia, Vigo 2011.