Saltar ao contido

Mosteiro de Santa María de Oseira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mosteiro de Oseira»)
Mosteiro de Santa María de Oseira
Vista do conxunto
PaísEspaña
LocalizaciónOseira (San Cristovo de Cea)
Coordenadas42°32′18″N 7°57′04″O / 42.538418, -7.951055
Diocesediocese de Ourense
Orde relixiosaOrde do Císter
Estiloarquitectura románica e arquitectura barroca
Páxina webhttp://www.mosteirodeoseira.org
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santa María de Oseira é un mosteiro medieval da parroquia de Oseira, no concello de San Cristovo de Cea. De fundación bieita, no século XII incorporouse ao Císter, e ao longo da súa historia tivo unha grande importancia económica e social para a comarca e terras máis afastadas.[1][2][3] Desamortizado no século XIX, foi reocupado no XX por monxes da Orde da Trapa.

Toponimia

[editar | editar a fonte]

Ursaria era o nome co que se coñecía Oseira, cuxo significado é país ou terra de osos (ursus en latín).[4] Especulaba Yáñez Neira que a súa orixe podería estar na presenza deste animal na zona en épocas remotas.[5] De alí a presenza deste mamífero no escudo de armas do mosteiro.[1] Outra interpretación é que o topónimo Ursaria fixese alusión ao lugar abrupto onde está situado o mosteiro, nun val alto da serra de Martiñá. Idea exposta orixinalmente por frei Tomás de Peralta no século XVII: "O sitio é unha montaña, cuxas inaccesibles costas, e empinados riscos cansa horror ao que as mira".[6]

Polas súas dimensións o mosteiro foi tamén coñecido como "O Escorial dos Bernaldos" ou "O Escorial de Galicia".[1]

Nave central da Igrexa Abacial.

Coñécese da súa existencia desde 1137, pero aos poucos anos converteuse nun mosteiro dependente da Orde do Císter e no ano 1141 estableceuse unha colonia de monxes franceses enviados por San Bernaldo.[7]

No século XII viviu o anacoreta alemán San Famiano ou Quardo, o primeiro membro canonizado do Císter.[1][8]

Segundo Otero Pedrayo "Os dominios de Oseira comprendían as montañas e as súas abas da Serra de Martiñá, Pena de Francia, Vales de Oseira en Carballedo de Chantada, as vilas de Cea (onde era conde o abade do mosteiro), e Carbaliño, o couto de Santa Cruz de Arrabaldo, beiras do Miño e a vila de Marín, na ría de Pontevedra."[1]

En agosto de 1552 un incendio destruíu case toda a obra románica e oxival, salvouse a cabecera e a nave da igrexa. Volveuse a levantar entre os séculos XVI e XVII.[1]

No ano 1835, como consecuencia da desamortización de Mendizábal, os freires deixaron o convento, que quedou totalmente abandonado propiciando o espolio do lugar. Os monxes volveron de novo en 1929, comezando a súa reconstrución. O entón bispo de Ourense, Florencio Cerviño, fomentou a súa reapertura coa instalación dunha comunidade de monxes trapistas procedentes da abadía da Nosa Señora das Neves en Saint-Laurent-les-Bains-Laval-d'Aurelle (Francia).[9]

En 1909 na resistencia á retirada do seu baldaquino mataron 6 persoas, na que se coñece como masacre de Oseira.[10][11] Dirante a guerra civil española confinaron nel presos políticos.[12]

En 2020, o mosteiro acollía a 11 relixiosos dos que 6 eran tamén sacerdotes.[13] Manteñen aberta unha hospedaxe e elaboran pastas, chocolates e licores.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A igrexa abacial, foi construída entre os anos 1200 e 1239, aproximadamente, e é considerada unha das obras cume da arquitectura cisterciense da Península Ibérica, cun característico estilo románico oxival, e está claramente influenciada polas igrexas de peregrinación.[14] A sala capitular do mosteiro data de fins do século XV e está sustentada por catro columnas centrais de fustes tortos rematando nunha orixinal bóveda.[15]

No antigo refectorio do mosteiro pode visitarse o Lapidarium ou Museo da Pedra, unha colección de obxectos e restos de pedra obtidos durante as restauracións feitas no mosteiro e as escavacións arqueolóxicas: lápidas, capiteis, columnas, elementos decorativos etc.[16]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Otero Pedrayo et al. 1980, p. 372.
  2. Yáñez Neira et al. 1999, p. 218.
  3. Villares et al. 2004, p. 225.
  4. "Monasterio de Oseira". Concello de San Cristovo de Cea (en Castelán). Consultado o 08/07/2020. 
  5. Yáñez Neira et al. 2019, p. 3.
  6. Peralta et al. 1677, p. 3.
  7. Yáñez Neira et al. 2019, p. 3-4.
  8. Muñiz et al. 1784, p. 318.
  9. "Reseña Histórica – Monasterio de Oseira" (en castelán). Consultado o 2021-11-08. 
  10. Torna, Cilia. "Gumersindo Salinas: De asasino en Oseira a verdugo en Vigo". Nós Diario. Consultado o 2021-04-28. 
  11. Escuredo, A. "Ana Pedrouzo, mestra: "Se non hai vínculos co patrimonio, calquera veciño pode facer un merendeiro cunha mámoa"". Nós Diario. Consultado o 2021-04-28. 
  12. Torna, Cilia. "O campo de concentración do mosteiro de Oseira". Nós Diario. Consultado o 2021-04-28. 
  13. "STATISTICA Monks 31/12/2021" (PDF). ocso.org. 
  14. Yáñez Neira et al. 2019, p. 15.
  15. Yáñez Neira et al. 2019, p. 32.
  16. Yáñez Neira et al. 2019, p. 37 - 44.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]